T.S. Eliot naceu en EUA, pero era descendente de puritanos ingleses, e ao rematar os seus estudos de literatura francesa e de filosofía na universidade de Harvard, veu a Europa, estivo en París e instalouse definitivamente en Londres. Alí coñeceu a Ezra Pound, teórico do Imaxinismo inglés, que foi o seu mestre e o seu amigo.

Por outra parte, o libro (publicado en 1922) ten unha característica común a dous autores do Modernismo inglés (Yeats e Joyce); esa característica é a composición mítica. Yeats é o poeta irlandés que se inspirou en mitos celtas (acordádesvos?), e Joyce constrúe o Ulises en clave mítica, parodiando a Odisea. Sábese que Eliot foi lendo e seguindo con moito interese a publicación por entregas do Ulises, case coetáneo de A terra baldía.
O argumento central do libro, malia o seu fragmentarismo, está inspirado no personaxe do Rei Pescador, que aparece nunha lenda celta que contara (alá polo século XII) Crétien de Troyes en Percival ou o conto do Grial. A terra baldía é a do Rei Pescador; un rei estéril que "contaxiou" a súa enfermidade á súa terra. Situado agora (superposición de planos temporais e espaciais, como no cubismo) fronte ao Támese, o Rei verá como as súas terras se volveron infecundas. No castelo do Rei, Percival vira pasar a unha doncela levando un vaso (o Grial), seguida dun cortexo de paxes, uns dos cales traía unha lanza ensanguentada. A renovación da vida na terra baldía dependerá da lanza (o fálico, o masculino, o solar) e o vaso (o feminino, o terrestre). O adiviño Tiresias (personaxe extraído de Las metamorfose de Ovidio), un ser andróxino que une os dous sexos, comtempla a devastación.
É unha obra erudita que expresa vivamente a idea da esterilidade da sociedade moderna (Eliot era un moi conservador) en contraste coas sociedades do pasado. Como indica o título, os humanos son seres derrotados, condenados a habitar a terra estéril da civilización moderna, na que ningún froito se pode cultivar. Ese famoso verso co que empeza o libro Abril é o mes máis cruel significa o dolorosa que é a chegada desa "simbólica primavera" a unha terra estéril. O libro suxire a devastación na que quedou Europa e o ocaso da civilización occidental, tras a Primeira Guerra Mundial. Eliot sempre foi, en certo sentido, un místico e un cristián conservador. Nesta obra fala da crise da modernidade, e da morriña dun mundo/ paraíso perdido.
información tirada de literatura universal
Ningún comentario:
Publicar un comentario