xoves, 6 de xuño de 2013

mr. vertigo, resumo


Walt é un rapaz orfo que vive cuns tíos que non se interesan por el no máis mínimo, un rapaz como calquera outro pero no cal o mestre Yehudi (home de orixe húngara e pais xudeus que creceu en Brooklyn) ve características ocultas: se se esforza e segue as súas ensinanzas, algún día poderá levitar e mesmo voar.
En primeira persoa, Walt vai narrando os sucesos principais da súa vida. Viaxa co seu mentor a Kansas onde coñece a nai Sue, unha india síux que en diante o apoiará en todo, e a Aesop, mozo etíope que absorbeu os coñecementos do mestre e que se dispón a ingresar na universidade.
Este pequeno grupo vive baixo os seus propios e precarios medios de produción nunha illada granxa en Kansas. A condición discriminatoria advírtese no propio Walt, quen nun principio se nega a dar a man a Aesop. O longo aprendizaxe físico e moral que estaba por vir ensinaríalle, antes que a voar, a coñecer a realidade da condición humana, tan viciada no seu interior e tan representativa con respecto aos seus semellantes.
Co tempo, Walt aprendería a ver a Aesop como un ser intelixente e a súa concepción racial transformaríase, aínda que cunha comprensión escasa: ao observar detidamente ao rapaz e entender os seus razoamentos e aptitudes, decidirá que a única opción é que seguramente nacera branco.
Este preámbulo sobre a educación de Walt e as probas de valor e esforzo terribles que tivo que realizar para poder acceder ao don de poder elevarse alóngase a través dos intentos de escape do rapaz, o sufrimento e a dureza na crueldade do mestre cara a el.
Walt vai perdendo a vontade e á fin réndese aos designios do mestre Yehudi; o día soñado chega e a levitación faise efectiva. Despois virían as prácticas constantes, o debut, as viaxes a través do país e a fama. A primeira actuación dáse en 1927, con anos difíciles por vir.

Uns anos despois, Walt convértese en adolescente e con isto perde a súa prezada facultade. A castración sería a única forma -un tanto incerta- de conservala, pero el prefire preservar a virilidade que empeza a xurdir nel cunha forza indomable.

Moitos outros sucesos terían que acontecer en diante, como o reencontro coa mesquindade do tío Slim (co que viviu ao quedar orfo) e con outros personaxes ao longo de incontables vivencias tan duras como crueis.
É unha historia de vida e aprendizaxe que demostra que as repercusións traumáticas non sempre definen o camiño en forma positiva. Walt non o tivo doado, no seu sendeiro vital encontrouse con individuos excepcionais dispostos a favorecelo en todo o posible, pero non en todos os casos se logra apartar as pedras do camiño.

resumo tirado de letras en tinta

Ningún comentario:

Publicar un comentario