Un mociño inglés do século XVIII
vive e conta neste libro, clásico no seu xénero, unha aventura extraordinaria.
Mesturados el e mais os seus amigos cunha grea de bucaneiros disfrazados de
xente de ben, e norteados polo mapa que tirara o rapaz do cofre dun pirata
finado na cativa pensión familiar, bótanse ao mar tras o engado do fabuloso
tesouro soterrado por unha banda dos autodenominados cabaleiros de fortuna
naquela afastada illa descrita no mapa. As peripecias de Jim Hawkins, do
capitán Smollet, de John Silver o Longo e do resto dos tripulantes da
Hispaniola significaron para varias xeracións non só a cristalización dos soños
de mocidade de aventuras, senón tamén a realización literaria da ansia de
escapismo que aniña en todo ser humano. Se ben a complexidade psicolóxica
dalgúns personaxes, especialmente John Silver, amosa a característica
preocupación de Robert Louis Stevenson pola ambigüidade moral das persoas, A
Illa do Tesouro representa en estado puro a novela de aventuras na cal a
procura mítica dun obxecto prezado actúa como móbil para a fuxida cara a
escenarios exóticos onde a liberdade é posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario