Amosando publicacións coa etiqueta Raymond Williams. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Raymond Williams. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de outubro de 2018

Raymond Williams e por que a cultura importa. cultura e civilización

Raymond Williams
IMAXE TIRADA de 'Poemas del Alma'
Raymond Williams, e por que a cultura importa

este ano celébrase o vinte cabodano (agora o 30) da morte de Raymond Williams, un dos pensadores máis monumentais do século XX. ven de publicarse unha soberbia biografía sobre el, Raymond Williams, a vida dun loitador, a cargo de Dai Smith, considerado un dos mellores estudosos da cultura galesa e da historia do noso tempo. Smith cartografa a pasaxe de Williams desde a fronteira de Gales, onde seu pai era ‘gardagullas’, a Cambridge e máis tarde cara o ensino para adultos, unha vocación elixida por razóns políticas ao igual que os seus colegas da 'nova esquerda', Richard Hoggart e E.P. Thompson.

num dos poucos momentos de desencanto que tiña, Williams díxome que a diferenza entre ensinar a adultos e a universitarios nos 50s era 'ensinar ás fillas dos médicos e nom aos fillos'. mais nunca dubidou que un goberno laborista digno de tal nome tería que realizar fortes investimentos no que denominaba 'as institucións de cultura e educación popular' e arramplou contra todos eles, desde Clement Atlee ata Harold Wilson, por nom telo feito.

nun ensaio pioneiro escribiu que 'a cultura é ordinaria', e a súa vida foi un exemplo diso. viu a transición desde as 'Black Mountains' ata os soñadores pináculos de Cambridge como algo para nada infrecuente: a clase traballadora galesa da que proviña sempre producira escritores, mestres e activistas políticos coma el mesmo.

ata o final, considerou a comunidade rural e politicamente consciente na que se criou, coa súa afabilidade e espírito asociativo, como unha cultura moito máis xenuína que o Cambridge no que ocupaba unha cátedra, un centro de aprendizaxe que unha vez describiu acedamente como 'un dos lugares máis groseiros da terra'. a clase traballadora da illa podía nom ter producido a súa cota de 'Miltons' e 'Jane Austens'; pero desde o punto de vista de Williams permitira ver a luz a unha cultura de seu que tiña cando menos tanto valor: institucións dos traballadores duramente gañadas, os sindicatos e os movementos asociativos.

desde a súa prematura morte en 1988, a cultura, poderíase dicir, tense volto algo inda máis ordinario que nunca. nom porque Milton xa se venda nos supermercados; inda que Austen ten escapado das bibliotecas universitarias para proporcionar pracer a millóns de persoas a través do cinema e a televisión.

desafiando os profetas dominantes na cultura, Williams nunca cesou na súa defensa do potencial progresista dos medios. pero tamén cría que estes xeitos tan importantes de diálogo deberíanlle ser arrebatados aos cínicos empresarios que se aproveitaban deles para o seu beneficio. a súa receita para tratar cos Murdochs deste mundo estaba claramente lonxe da súa circunspección habitual: 'estes homes deben ser desaloxados'.

o verdadeiro sentido no que a cultura se fixo mías ordinaria que nunca desde a morte de Williams ten pouco que ver con Dante ou Mozart. un das súas propostas clave foi insistir en que a cultura significaba nom só obras de arte eminentes mais todo un xeito de vida en común.

no noso tempo, a cultura neste sentido - a linguaxe, a herdanza, a identidade, o parentesco, as raíces e a relixión - fixéronse importantes abondo como para matar por elas. algúns homes e mulleres de hoxe dan as súas vidas en nome da cultura, ou toman as doutros. Dante e Mozart pode que sexan 'elitistas', mais cando menos nunca lle arrancaron as extremidades a ningunha crianza.

cultura e civilización

as tres correntes políticas que encabezaban a axenda global a finais do s. XX - o nacionalismo revolucionario, o feminismo e a loita étnica - todas elas sitúan a cultura no corazón mesmo do seu proxecto. nos tres casos, a linguaxe, a identidade e as formas de vida son os termos nos que se configuran e formulan as demandas políticas.

neste sentido, a cultura fíxose parte do problema máis que parte da solución, como si o era para Matthew Arnold e F.R. Leavis. nas formas máis tradicionais de conflito político, as mulleres e homes traballadoras téñense mostrado moito máis inspiradas cando o que estaba en xogo nom era simplemente un soldo para vivir (como coas comunidades mineiras) e si a defensa de todo un xeito de vida. a demanda política que os nosos dirixentes atopan máis complicado derrotar é unha que é tanto cultural como material.

desde inicios do s. XIX, cultura ou civilización foron o contrario a barbarie. existe unha narración que apoia esta oposición: primeiro tiñades barbarie, e logo a civilización foi laboriosamente dragada fóra súas turbias fonduras.

os pensadores radicais, pola contra, sempre consideraron barbarie e civilización simultáneos máis que secuenciais. isto é o que o marxista alemán Walter Benjamin tiña en mente cando declarou que 'todo documento da civilización é ao mesmo tempo un rexistro do barbarie'. por cada catedral, unha sima de ósos. por cada marabillosa obra de arte, o traballo masificado que garantía ao artista os recursos para creala.

a civilización precisa ser arrancada á Natureza por medio da violencia, pero a violencia nom termina aí. sigue viva na coacción utilizada para protexer a civilización unha vez que está establecida - unha coacción que é coñecida entre outras cousas como Estado político.

na actualidade, sen embargo, o conflito entre civilización e barbarie ten cobrado unha xiro sinistro. o que agora encaramos é un conflito entre civilización e cultura, que acostumaban a estar situadas no mesmo lado do balado.

civilización significa reflexión racional, benestar material, autonomía individual e auto-cuestionamento irónico; cultura significa un xeito de vida que é costume, colectividade, paixón, espontaneidade, ímpeto e irracionalidade. xa que logo, nom sorprende comprobar que temos civilización mentres eles teñen cultura. a cultura é a nova barbarie. o contraste entre occidente e oriente estase configurando en torno a un eixo novo.

o problema, sen embargo, é que a civilización precisa da cultura inda que tamén se sinta superior a ela. precísaa porque a súa propia autoridade política nom funciona a menos que poida encaixarse nun xeito específico de vida.

os homes e as mulleres nom se someten de xeito doado a un poder que nom se funde no tecido da súa existencia diaria. e esta é unha razón pola que a cultura continúa a ser tan vital desde o punto de vista político. a civilización nom fai migas coa cultura, mais tampouco pode pasar sen ela. podemos estar seguro que Raymond Williams aportaría a súa sabedoría sobre este misterio.

Terry Eagleon
texto orixinal publicado en
ATC (Against the Current, contracorrente) 137, novembro – decembro 2008
tradución: @xindiriz

luns, 9 de abril de 2018

os que mandan acertan ao considerar o multiculturalismo unha ameaza

fonte da imaxe: Usabilla Blog
hai un problema irresolúbel con iso de introducir os inmigrantes aos valores británicos. nom hai valores británicos. tampouco valores serbios ou peruanos. ningunha nación posúe o monopolio sobre a equanimidade e a decencia, a xustiza e a humanidade. algunhas culturas teñen máis querencia por certos valores que por outros (os árabes, a hospitalidade ou os británicos, a auto-disciplina emocional, por exemplo), mais nom hai nada inherentemente árabe na hospitalidade ou inherentemente británico sobre nom poñerse histérico de súpeto. a tolerancia e a compaixón, como o sadismo e o supremacismo, atopanse en calquera sitio do mundo.

un dos moitos logros da Ilustración máis radical foi rexeitar a idea de que virtude ou vicio dependan da orixe étnica. ninguén é moralmente superior por ter nacido en Boston e nom en Bosnia. os postmodernistas que negan valores universais en nome da diferenza cultural están, de xeito inconsciente, confabulados cos populistas e os conservadores.

os valores morais básicos do dentista musulmán prototípico que emigra a Gran Bretaña coinciden en gran parte cos do típico fontaneiro nado en Inglaterra. ningún dos dous é probábel que crea que mentir ou enganar é o mellor proceder, ou que deban mallar nas súas crianzas. pode que teñan costumes e crenzas distintas, mais o sorprendente é a amplitude do terreo común entre eles a respecto de que significa para mulleres e homes vivir ben. no que respecta á moralidade, é difícil que caiba un papel de liar entre Alá e Xehová.

entón, por que tantos políticos se 'quentan' cos supostos perigos do multiculturalismo? nom deberían simplemente aceptar que os valores morais compartidos están fondamente ancorados nos seres humanos, e que as diferenzas culturais son, polo tanto, irrelevantes? nom en absoluto. desde o punto de vista do poder político, a cultura é absolutamente vital. tanto que o poder nom pode funcionar sen ela. é a cultura, no sentido dos costumes diarios e crenzas dun pobo, o que o fai semellar algo natural e inevitábel, e o transforma nun reflexo e nunha resposta espontáneas.

a menos que a autoridade se encardine nas raíces da experiencia e a identidade da xente permanecerá demasiado abstracto e distante como para gañarse a súa lealdade. se é para asegurarse a súa conformidade, o poder debe adoptar a cor invisíbel da propia vida diaria. e isto é o que coñecemos como cultura. a cultura é o que mantén o poder no seu sitio. cando aqueles para os que cultura equivale a Mansfield Park e a frauta máxica comezan a debater con avidez sobre a cultura en termos de vestimentas, linguaxe e credo relixioso, podes estar razoablemente seguro de que senten que os seus intereses políticos están ameazados.

hai trinta anos, só uns cantos disidentes de esquerda como Raymond Williams insistían en que a cultura era algo corrente. coa inmigración, sen embargo, a cultura tamén se ten feito corrente a ollos dos nosos gobernantes. hoxe, incluso as corporacións capitalistas globais nom paran de chismorrear sobre a importancia do coñecemento local e os distintos modos de vivir. case todo o mundo ten agora sensibilidade cara as diferenzas culturais. so que algúns deles sono en como o gato é sensíbel co rato.

é doado ver porque a diversidade de culturas supón un problema para o poder. se a cultura trata da pluralidade, o poder trata da unidade. como se pode vender ao mesmo tempo a unha ampla gama de formas de vida sen diluírse de xeito fatal? o multiculturalismo nom é unha ameaza porque puidera alentar aos que se inmolan con bombas. é unha ameza porque o noso tipo de estado político depende dun ríxido consenso cultural para implantar as súas políticas materialmente divisivas.

así, a cultura hoxe equivale nom só a sonetos e cuartetos de corda, mais a historia, orixes, linguaxe, parentescos e identidade. mentres todo isto sexa relativamente uniforme, o poder político pode permitirse deixalo ao seu albur. cando se fai excesivamente diverso como para servilo coa mesma culler nun conxunto ríxido de categorías é cando o estado se arrisca a ser socavado, e por iso busca neutralizar a diversidade. nese momento a cultura pasa a ser parte do problema e nom da solución. cesa como disolvente espiritual dos conflitos materiais, como nos días de Matthew Arnold e TS Eliot, e, no seu lugar, pasa a ser os propios termos nos que eses conflitos se articulan.

Tony Blair cre nunha cultura común, de igual xeito que crían os escritores da 'Nova Esquerda' como Raymond Williams e EP Thompson. Nin máis nin menos que o que define Blair como cultura común é que todos deberiamos compartir os seus valores para que nom poñan bombas nas estacións de metro. en realidade, ningún valor cultural se estende nunca a grandes grupos de recen chegados sen ser transformado no proceso. esta é a razón pola que o proxecto Blair é unha inxenuidade ademais de ser culturalmente supremacista. nom se asume en Downing Street que tales valores se poderían cuestionar ou transformar no proceso, que é o que pensadores como Williams ou Thompson tiñan en mente.

unha cultura verdadeiramente común nom é unha na que todos pensemos igual, ou na que todos creamos que a xustiza é inseparábel da devoción, mais unha na que a todos se lles permita participar nun proxecto, na configuración cooperativa dun xeito común de vida. se isto ten que incluír aos que proceden de tradicións culturais diferentes. e se a nosa sociedade actual se nutre da exclusión de certos grupos, entón a cultura que probablemente resulte dese proceso nom se parecerá en nada á actual. e isto é xusto o que a fará tan valiosa.

tradución por @xindiriz
texto orixinal: terry eagleton, 'those in power ...' the guardian, 21th february, 2007