Amosando publicacións coa etiqueta Vladimir Nabokov. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vladimir Nabokov. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de maio de 2019

eloxio da tradución

gravado sobre a destrución da Torre de Babel
Cornelisz Anthonisz Teunissen, 1547
Biblioteca Real de Bélxica
elpais.com

na semana na que celebramos o libro, ese obxecto versátil cun deseño apenas modificado ao longo do tempo, é obrigado subliñar a súa relación íntima e próspera coa tradución. a literatura, que a miúdo consumimos vertida doutra lingua, pode cumprir con dignidade tanto a función de captar a curiosidade dun lector solitario durante as horas mortas nun aeroporto como converterse nun refuxio multitudinario para os sentimentos máis complexos e desbordantes. cando inda fumegaba Notre Dame, lectores de todo o mundo botaban man de Víctor Hugo, como se a madeira queimada da súa estrutura se puidera reconstruír coa celulosa das páxinas da súa célebre novela sobre o corcovado Quasimodo. tamén se acudiu a Ernest Hemingway cando o terrorismo atacou a capital francesa ou a George Orwell despois de que Edward Snowden desvelase a rede de vixía mundial.

grazas aos tradutores podemos acceder a esas obras na nosa propia lingua, diferente daquela na que se expresaron orixinariamente. a tradución, xesto político e filosófico que fai realidade o ideal de unión e comprensión alén das fronteiras lingüísticas, é unha ferramenta de resistencia (e de reflexión) contra o pensamento homoxeneizado. nom sei se se terá escrito ou filmado xa unha distopía sobre unha realidade na que se teña erradicado a tradución, un mundo condenado á monotonía lingüística e radicalmente diferente ao noso, baseado na circulación de ideas dun idioma a outro. Orwell plasmou unha variante en 1984 imaxinando a imposición dunha neolingua simplificada ao estremo para gobernar o pensamento da poboación.

toda tradución ensancha a lingua de destino, pois integra novas maneiras de dicir e pensar. é unha viaxe cara o outro, o concepto e a persoa. segundo o editor Roberto Calasso, unha boa tradución nom se recoñece pola súa fluidez, ao contrario do que se acostuma afirmar, mais por todas as fórmulas insólitas e orixinais que o tradutor tivo o valor de conservar e defender. inda así, no noso mundo plurilingüe, a miúdo se segue a ver ao tradutor como sospeitoso de alta traizón por atreverse a verter títulos estranxeiros na súa lingua coa aspiración de reproducir os matices do orixinal. que debía pensar un dos nosos mellores tradutores, o gran Miguel Sáenz, cando trouxo ao español a contundente opinión de Thomas Bernhard acerca de que ‘un libro traducido é como un cadáver mutilado por un coche ata quedar irrecoñecíbel’?

hai outros escritores que, a diferenza do austríaco e os seus acólitos, teñen loado a arte de traducir. Borges dicía que, en realidade, é o texto orixinal o que é infiel á tradución. esta aparente ocorrencia resume unha poética deste oficio que, en lugar de priorizar a correspondencia palabra por palabra, enténdeo como un acto de creación literaria. Nabokov, pola súa banda, colocaba a súa versión ao inglés de Uxío Oneguin, de Pushkin, no cumio da súa contribución ás letras universais.

quen traduce debe arriscar e dosificar a partes iguais e entender que ser fiel nom equivale a ser servil. máis dun teórico ten observado que hai unha flagrante contradición en insistir en que o código ético ao que debe someterse o tradutor se basea na obxectividade e na nom intervención, unha concepción segundo a que se pretende converter a un participante fundamental desta transacción lingüística nunha entidade diáfana cunha existencia, de xeito paradoxal, negada. o tradutor, así entendido, sería un simple instrumento óptico que permite ‘enfocar’ unha obra escrita nunha lingua estranxeira, mais lembremos que calquera lente, incluso a máis precisa, arroxa unha aberración óptica na imaxe resultante. afirmaba Alphonse de Lamartine, ‘na miña opinión, a obra literaria máis difícil é a tradución’, e esa dificultade reside no utópico que é tratar de oír no outro a túa propia voz e, á vez, falar con esa voz allea. só cando se pretende esta quimera, o tradutor cumpre co difícil reto de ser fiel, á vez, a dous amos igual exixentes, o autor da obra e o lector da tradución.

perdemos algo ao traducir un texto dunha lingua a outra? todo acto comunicativo padece pragas de erros e confusións. di un antigo proverbio yiddish que unha persoa oe unha palabra pero comprende dúas. traducir é a arte da aproximación e, por iso, hai que saber convivir co erro. ‘fracasa mellor’, repetía Beckett, porque o fracaso é inevitábel. apuntaba Ivo Andric que é doado descubrir imperfeccións, ou incluso erros, na obra dos mellores tradutores, pero moi difícil comprender a complexidade e o valor do seu traballo. traducimos e seguiremos traducindo, porque, se queremos ampliar as nosas coordenadas e saír ao encontro doutras culturas, nom nos queda outro remedio. ao cruzar a fronteira do idioma, sempre nos confiscan algo na aduana, pero ben merece a viaxe chegar ao destino coa maleta chea. traducir é o trunfo dunha utopía, así que con ela sempre gañamos. a fin de contas, como dixo a poeta Elizabeth Bishop, a arte de perder nom é ningún desastre.

tradución por @xindiriz
texto orixinal autoría de MARTA REBÓN, titulado ‘elogio de la traducción’ en castelán
publicado en Babelia o 26 de abril de 2019