Raymond Williams IMAXE TIRADA de 'Poemas del Alma' |
Raymond Williams,
e por que a cultura importa
este ano celébrase o vinte cabodano (agora o 30)
da morte de Raymond Williams, un dos pensadores máis monumentais do
século XX. ven de publicarse unha soberbia biografía sobre el, Raymond Williams, a vida dun loitador, a
cargo de Dai Smith, considerado un dos mellores estudosos da cultura galesa e
da historia do noso tempo. Smith cartografa a pasaxe de Williams desde a
fronteira de Gales, onde seu pai era ‘gardagullas’, a Cambridge e máis tarde
cara o ensino para adultos, unha vocación elixida por razóns políticas ao igual
que os seus colegas da 'nova esquerda', Richard Hoggart e E.P.
Thompson.
num dos poucos momentos de desencanto que tiña,
Williams díxome que a diferenza entre ensinar a adultos e a universitarios nos
50s era 'ensinar ás fillas dos médicos e nom aos fillos'. mais nunca dubidou
que un goberno laborista digno de tal nome tería que realizar fortes
investimentos no que denominaba 'as institucións de cultura e educación
popular' e arramplou contra todos eles, desde Clement Atlee ata Harold
Wilson, por nom telo feito.
nun ensaio pioneiro escribiu que 'a cultura é
ordinaria', e a súa vida foi un exemplo diso. viu a transición desde as 'Black
Mountains' ata os soñadores pináculos de Cambridge como algo para nada
infrecuente: a clase traballadora galesa da que proviña sempre producira
escritores, mestres e activistas políticos coma el mesmo.
ata o final, considerou a comunidade rural e
politicamente consciente na que se criou, coa súa afabilidade e espírito asociativo,
como unha cultura moito máis xenuína que o Cambridge no que ocupaba unha
cátedra, un centro de aprendizaxe que unha vez describiu acedamente como 'un
dos lugares máis groseiros da terra'. a clase traballadora da illa podía nom
ter producido a súa cota de 'Miltons' e 'Jane Austens'; pero desde o punto de
vista de Williams permitira ver a luz a unha cultura de seu que tiña cando
menos tanto valor: institucións dos traballadores duramente gañadas, os
sindicatos e os movementos asociativos.
desde a súa prematura morte en 1988, a cultura,
poderíase dicir, tense volto algo inda máis ordinario que nunca. nom porque Milton
xa se venda nos supermercados; inda que Austen ten escapado das
bibliotecas universitarias para proporcionar pracer a millóns de persoas a
través do cinema e a televisión.
desafiando os profetas dominantes na cultura,
Williams nunca cesou na súa defensa do potencial progresista dos medios. pero
tamén cría que estes xeitos tan importantes de diálogo deberíanlle ser
arrebatados aos cínicos empresarios que se aproveitaban deles para o seu
beneficio. a súa receita para tratar cos Murdochs deste mundo estaba claramente
lonxe da súa circunspección habitual: 'estes homes deben ser desaloxados'.
o verdadeiro sentido no que a cultura se fixo
mías ordinaria que nunca desde a morte de Williams ten pouco que ver con Dante
ou Mozart. un das súas propostas clave foi insistir en que a cultura
significaba nom só obras de arte eminentes mais todo un xeito de vida en común.
no noso tempo, a cultura neste sentido - a
linguaxe, a herdanza, a identidade, o parentesco, as raíces e a relixión - fixéronse
importantes abondo como para matar por elas. algúns homes e mulleres de hoxe
dan as súas vidas en nome da cultura, ou toman as doutros. Dante e Mozart pode
que sexan 'elitistas', mais cando menos nunca lle arrancaron as extremidades a
ningunha crianza.
cultura e civilización
as tres correntes políticas que encabezaban a
axenda global a finais do s. XX - o nacionalismo revolucionario, o feminismo e
a loita étnica - todas elas sitúan a cultura no corazón mesmo do seu proxecto.
nos tres casos, a linguaxe, a identidade e as formas de vida son os termos nos
que se configuran e formulan as demandas políticas.
neste sentido, a cultura fíxose parte do problema
máis que parte da solución, como si o era para Matthew Arnold e F.R.
Leavis. nas formas máis tradicionais de conflito político, as mulleres e
homes traballadoras téñense mostrado moito máis inspiradas cando o que estaba
en xogo nom era simplemente un soldo para vivir (como coas comunidades
mineiras) e si a defensa de todo un xeito de vida. a demanda política que os
nosos dirixentes atopan máis complicado derrotar é unha que é tanto cultural
como material.
desde inicios do s. XIX, cultura ou civilización foron
o contrario a barbarie. existe unha narración que apoia esta oposición:
primeiro tiñades barbarie, e logo a civilización foi laboriosamente dragada
fóra súas turbias fonduras.
os pensadores radicais, pola contra, sempre consideraron
barbarie e civilización simultáneos máis que secuenciais. isto é o que o
marxista alemán Walter Benjamin tiña en mente cando declarou que 'todo
documento da civilización é ao mesmo tempo un rexistro do barbarie'. por cada
catedral, unha sima de ósos. por cada marabillosa obra de arte, o traballo
masificado que garantía ao artista os recursos para creala.
a civilización precisa ser arrancada á Natureza
por medio da violencia, pero a violencia nom termina aí. sigue viva na coacción
utilizada para protexer a civilización unha vez que está establecida - unha coacción
que é coñecida entre outras cousas como Estado político.
na actualidade, sen embargo, o conflito entre
civilización e barbarie ten cobrado unha xiro sinistro. o que agora encaramos é
un conflito entre civilización e cultura, que acostumaban a estar situadas no
mesmo lado do balado.
civilización significa reflexión racional,
benestar material, autonomía individual e auto-cuestionamento irónico; cultura
significa un xeito de vida que é costume, colectividade, paixón,
espontaneidade, ímpeto e irracionalidade. xa que logo, nom sorprende comprobar
que temos civilización mentres eles teñen cultura. a cultura é a nova barbarie.
o contraste entre occidente e oriente estase configurando en torno a un eixo
novo.
o problema, sen embargo, é que a civilización
precisa da cultura inda que tamén se sinta superior a ela. precísaa porque a
súa propia autoridade política nom funciona a menos que poida encaixarse nun
xeito específico de vida.
os homes e as mulleres nom se someten de xeito
doado a un poder que nom se funde no tecido da súa existencia diaria. e esta é
unha razón pola que a cultura continúa a ser tan vital desde o punto de vista
político. a civilización nom fai migas coa cultura, mais tampouco pode pasar
sen ela. podemos estar seguro que Raymond Williams aportaría a súa sabedoría
sobre este misterio.
Terry Eagleon
texto orixinal publicado en
ATC (Against
the Current, contracorrente) 137,
novembro – decembro 2008
tradución: @xindiriz
Ningún comentario:
Publicar un comentario