Arthur & George é un díptico que enfronta
a vida de dous contemporáneos cuxas vidas se cruzaron fugazmente malia a súa
natural diverxencia. George é un
xove avogado de orixe india que, na Inglaterra eduardiana de principios do século
XX, é acusado, xulgado e condenado por rachar o ventre e causar a morte de
varios animais nun condado rural. O seu carácter reservado, as súas escasas
dotes para a comunicación humana, a súa orixe racial e o seu exclusivo interese
polo mundo do dereito, desprezando outras afeccións máis mundanas como as mulleres
ou o alcohol, convérteno nun espécime estraño, unha rareza nunha comunicade
intransixente e disposta a atribuírlle calquera iniquidade por non querer ser
un máis.
Arthur é, naturalmente, o grande
escritor Conan Doyle cuxa
infancia se viu influída por unha educación centrada nos elevados principios
morais da Vella Inglaterra segundo os cales o exercicio de deportes físicos
servía para temperar as tentacións da carne, fumar diante dunha dama era
considerado unha absoluta grosaría e a honra propia estaba por enriba de
calquera outra cuestión terreal. Malia que na súa infancia coñeceu a pobreza
relativa como consecuencia da conduta errática e bohemia de seu pai -o que
obrigou á súa pobre e adorada nai a sacar adiante á súa parentela- logrou
abrirse camiño, primeiro como médico, posteriormente como oftalmólogo e,
finalmente, dado que a escaseza de clientes lle permitía escribir no seu
despacho profesional, como autor de éxito.
É coñecida a aversión que Conan Doyle acabou por desenvolver por Sherlock Holmes, a quen matou e
posteriormente resucitou ante os rogos do seu público (e da súa propia nai). Arthur sempre preferiu as súas
novelas medievais nas que o ideal cabaleiresco era a esencia. Precisamente ese
ideal é o que lle levou ao longo da súa vida a consagrar os seus esforzos a
diversas causas que consideraba xustas. Así, organizou numerosas colectas a
favor de desvalidos que chamaban a súa atención por calquera motivo -por
exemplo o gañador do maratón das olimpíadas de Londres descualificado por ser
axudado a levantarse a poucos metros da meta-, manifestouse en contra do
sufraxio feminino, tomou partido pola maioría de asuntos públicos da Inglaterra
da súa época e interviu activamente en diversos casos xudiciais.
Nesta última faceta é onde se cruzan fugazmente as vidas destes dous homes. Arthur Conan Doyle investigou, escribiu
artigos, promoveu unha comisión do goberno e logrou, finalmente, a anulación da
sentenza que condenaba a sete anos de traballos forzados ao bo de George
Edalji, incapaz, por outra banda, de achegarse a unha vaca, non
digamos xa de abrirlle o bandullo.
A primeira vista poderíase establecer unha
relación natural entre os labores "reais" de investigador xusticeiro
de Conan doyle e as
"ficticias" da súa creación literaria. Non obstante, e a diferenza do
que sinalan facilonamente a
maioría das críticas que se publicaron deste libro, creo que a orixe deste
impulso está máis relacionada co carácter de desfacedor de
agravios, case quixotesco, propio dos seus ideais elevados. O seu interese era
limpar a vergoña que sentía como inglés polo estrepitoso fracaso que a
administración pública (policía, xuíces, xurado popular e políticos) xogara
neste episodio. De feito, a partir deste suceso, e coa fin de previr inxustizas
similares creáronse os Tribunais de Apelación.
Sen dúbida, e malia que o título parece mostrarnos a dous
personaxes en igualdade de condicións, o libro xira inevitablemente en torno á
vida de Conan Doyle, non só por ser máis coñecida, senón porque o seu
carácter, a súa infinita enerxía, a súa concepción da honra e a visión que de
si mesmo tiña (non precisamente modesta) son un poderoso imán ao que Barnes sabe sacar un brillo especial, que o fai aínda máis atrainte.
Non obstante, e a un nivel puramente literario,
é a recreación da vida de George Edalji, como se constrúe ante os nosos ollos asombrados
a personalidade e o esbozo dos seus pensamentos máis íntimos, o que da a medida
do enorme talento de Julian Barnes. O autor sabe tomar unha historia real e trocala,
máis alá da pura anécdota, nun territorio literario propio. Mediante un estilo
enganosamente sinxelo (apenas parece advertirse o traballo do autor) e con
precisión aritmética, debúllasenos en paralelo o curso da vida destes dous
homes exemplificando dúas formas de entender a vida e afrontar os seus
desafíos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario