Charles Bukowski |
Pan con xamón é
unha novela autobiográfica escrita polo estadounidense Charles
Bukowski na que o protagonista, Henry Chinaski, un rapaz solitario
que vive coa súa familia de orixe alemá en Los Angeles, relata en
primeira persoa a súa desastrosa e dolorosa vida dende os dous ata
os vinte e un anos; máis exactamente, dende 1922 ata o sete de
decembro de 1941, xusto o día no que tivo lugar o ataque por parte
da Mariña xaponesa a «Pearl
Harbor», a base naval dos Estados Unidos situada en Hawai. Ao
longo das páxinas das que se compón o libro, asistimos á narración
da crueldade e do desamparo do mundo que rodea a Henry, o cal dende
cativo sufriu o maltrato do pai, a submisión da nai, a falta de
afecto por parte de ambos e a marxinación do resto de rapaces, algo
que o vai marcar de por vida. Vítima, ademais, dunha sociedade
totalmente desfeita tras a caída da
bolsa nos Estados Unidos en 1929, a cal orixinou unha profunda crise
económica que se prolongou ata o inicio da Segunda Guerra Mundial,
Henry sobrevive como pode, resignado e destrozado, incomprendido e
desamparado, pelexando co resto e consigo mesmo.
A
través dunha narración que reflicte unha fala coloquial, composta
por frases curtas e taxantes, Bukowski recrea a súa infancia,
adolescencia e xuventude nas trescentas corenta páxinas das que se
compón a novela da man do seu alter ego,
Henry Chinaski, un personaxe recorrente que aparece de novo como
protagonista dunha das súas obras. Como podemos ver no fragmento
escollido, a linguaxe vulgar, a violencia e a dor son tres das
principais características que de forma máis evidente podemos
apreciar nesta parte da novela, os cales son, ademais, os tres trazos
fundamentais arredor dos que xira a obra en si mesma. Achegámonos
neste capítulo vinte e un ao comezo de Chinaski na educación
secundaria, o cal coincide cunha etapa tan turbulenta como pode ser a
adolescencia, durante a cal o máis importante é a supervivencia e a
descuberta. Neste fragmento vemos, por un lado, que esa primeira
persoa que fala leva unha vida tráxica, que é unha persoa triste, e
que, ademais, nos vai contando todos aqueles detalles que el
considera máis importantes durante a súa adolescencia, e que neste
caso se corresponde coa sexualidade.
Henry
Chinaski introdúcenos na vida do propio autor, unha persoa marcada
por unha educación na que faltaba o cariño e sobraban as labazadas
e por unha sociedade inmersa nunha situación crítica na que o único
que importaban eran as apariencias. Todo isto fixo de Charles/Henry
un home inseguro, depresivo e sen ambicións, para quen a única vía
de escape foron os libros e o alcol; ademais, cando contaba con
arredor de 13 anos, saíulle acne, aínda que a súa “era un
verdadeiro espanto”. Este feito marcou de por vida o
autor/personaxe do libro, pois alimentou esa inseguridade que o
caracterizaba, facendo que se pechara máis en si mesmo (de feito
tivo que deixar durante uns meses o primeiro curso de bacharelato
debido ao tratamento ao que se someteu) e creando nel unha
resignación e unha carraxe aínda maiores.
Vemos,
pois, que Pan con xamón
é, sobre todo, unha novela marcada polo desasosego, pola tristura e
pola brutalidade, na cal o noso protagonista, Henry Chinaski, é
capaz de producir no lector pena e desprezo, repulsión e
compaixón... Unha conxugación de elementos que dificilmente se pode
conseguir pero que neste caso Bukowski foi capaz de acadar da mellor
forma posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario