martes, 28 de maio de 2019

XT, revolución e mulleres en política

Polygon

Xogo de Tronos aprovéitase do medo á revolución e as mulleres en política – e nom nos deixa mellor do que estabamos

a última tempada de XT provocou protestas públicas que culminaron nunha petición formal asinada por case un millón de espectadores indignados que renegan da tempada completa e desexan que se filme unha distinta. a ferocidade dos debates é en si mesma proba de hai en xogo algo realmente importante desde o punto de vista ideolóxico.

as queixas xiran en torno a un par de asuntos: por mor da presión por rematar a serie simplificouse a complexidade da narración e o desenvolvemento previo do personaxe nom xustifica o xiro que fai de Daenerys unha ‘reina tola’.

unha das escasas voces intelixentes no debate foi a de Stephen King, que subliñou que as queixas nom se producen porque a cousa acabe mal senón polo propio feito de acabar. na nosa época, a das series, que por principio nom teñen final, a idea do peche narrativo resulta intolerábel.

é certo que, no apresurado desenlace da serie imponse unha lóxica estraña, unha lóxica que nom viola procesos psicolóxicos críbeis senón que máis ben viola os presupostos dunha serie de televisión. a última tempada é simplemente preparación para unha batalla, o loito e a destrución despois desa batalla, e a conciencia que adquire o propio loitador da súa propia carencia de significado – algo moito máis realista para min que as tramas melodramáticas e góticas ao uso.

a tempada oito pon en escena tres conflitos consecutivos. o primeiro entre a humanidade e os ‘outros’ inhumanos (o Exército da Noite do Norte dirixido polo Rei da Noite); entre os dous grupos de humanos (os malvados Lannister e a coalición contra eles dirixida por Daenerys e os Stark); e o conflito interno entre Daenerys e os Stark.

esta é a razón pola que as batallas da tempada oito seguen un transcurso lóxico desde unha posición externa á ruptura interna: a derrota do inhumano Exército da Noite, a derrota dos Lannister e a destrución de Desembarco de el-Rei; o último conflito entre os Stark e Daenerys – en último termo entre a ‘bondadosa’ nobreza tradicional que cumpre protexendo os seus súbditos (Stark) ante tiranos ‘malvados’, e Daenerys como novo tipo de líder forte, unha especia de bonapartista progresista que actúa a favor dos que carecen de privilexios.

as opcións no conflito final xiran en torno a se a revolta contra a tirana é simplemente a loita polo retorno dunha versión máis amábel do vello orde xerárquico ou se se debería explorar a posibilidade dun novo orde necesario.

o desenlace final combina o rexeitamento dun cambio radical cun vello motivo anti-feminista presente en Wagner. para Wagner, nom hai nada peor que unha muller intervindo na vida política, movida polo desexo de poder. ao contrario que a ambición masculina, unha muller quere o poder para promover os seus estreitos intereses familiares ou, inda peor, o seu capricho persoal, incapaz como é de percibir a dimensión universal da política de estado.

a mesma feminidade que, no círculo pechado da vida familiar, é o poder do amor protector transfórmase nun frenesí obsceno cando se mostra ao nivel dos asuntos públicos e de estado. lembremos cando Daenerys lle di a Jon que se nom a pode amar como raíña entón imperará o terror – o tópico embarazoso e vulgar da muller sexualmente insatisfeita que deixa que se libere toda a súa furia destrutiva.

mais – e pasemos agora o mal transo – que facer dos estralos asasinos de Daenerys? pódese xustificar realmente a matanza sen piedade de miles de persoas normais en Desembarco de el-Rei como un paso necesario cara a liberdade universal? neste punto, fariamos ben en lembrar que a escena escribírona dous homes.

elviejotopo.com
Daenerys como a Raíña Tola é estritamente unha fantasía masculina, polo que os críticos acertan cando sinalan que a súa demencia súbita nom se xustifica desde o punto de vista psicolóxico. a imaxe de Daenerys cunha expresión entolecida e furiosa voando sobre un dragón e queimando casas e xente expresa a ideoloxía patriarcal co seu medo á muller con poder político.

o destino final das mulleres con poder en XT encaixa nestas coordinadas. incluso se a Daenerys bondadosa derrota e destrúe á Cersei malvada, o poder corrómpea. Arya, que os salvou a todos ela soa ao matar ao Rei da Noite, tamén desaparece, navegando en dirección ao oeste do oeste, como se fose colonizar América.

Sansa é a única que permanece, como raíña do reino autónomo do Norte. un tipo de muller adorado polo capitalismo actual: combina dozura feminina e boas 'entendedeiras' cunha boa dose de capacidade para a intriga, encaixando así perfectamente nas novas relacións de poder. esta marxinación das mulleres constitúe un momento clave da lección liberal-conservadora do final: as revolucións deben saír mal, nom orixinan máis que novos tiranos, ou, como Jon lle di a Daenerys:

‘os que te seguen saben que fixeches que o imposíbel acontecera. quizás iso lles axude a crer que tamén podes conseguir que outros imposíbeis acontezan: construír un mundo diferente da merda que sempre coñecemos. pero se usas os dragóns para derruír castelos e queimar cidades, nom es diferente’.

a consecuencia é que Jon obedece a vella fórmula machista e mata por amor, salvando á muller maldita de si mesma; ao único axente social na serie que realmente loitou por algo novo, por un mundo novo que acabase coas vellas inxustizas.

polo tanto prevaleceu a xustiza – mais, que tipo de xustiza? o novo rei é Bran, impedido, omnisciente, que nom quere nada – evocando a insípida sabedoría de que os mellores gobernantes son aqueles que nom queren o poder. a risa despectiva que provoca un membro da elite cando propón unha elección máis democrática é totalmente reveladora.

e un nom pode evitar decatarse que os máis diferentes son os que permanecen fieis a Daenerys ata o final – o seu comandante militar é negro – mentres que os novos dirixentes son claramente brancos e do Norte. a raíña radical que desexaba máis liberdade para todos sen importarlle a súa condición social e a súa raza é suprimida, e as cousas volven ao normal.

así que prevalece a xustiza, pero que caste de xustiza?

texto orixinal:
Slavoj Žižek, ‘Game of Thrones tapped into fears of revolution and political women – and left us no better of than before’ The Independent
tradución e adaptación:
@xindiriz

martes, 21 de maio de 2019

eloxio da tradución

gravado sobre a destrución da Torre de Babel
Cornelisz Anthonisz Teunissen, 1547
Biblioteca Real de Bélxica
elpais.com

na semana na que celebramos o libro, ese obxecto versátil cun deseño apenas modificado ao longo do tempo, é obrigado subliñar a súa relación íntima e próspera coa tradución. a literatura, que a miúdo consumimos vertida doutra lingua, pode cumprir con dignidade tanto a función de captar a curiosidade dun lector solitario durante as horas mortas nun aeroporto como converterse nun refuxio multitudinario para os sentimentos máis complexos e desbordantes. cando inda fumegaba Notre Dame, lectores de todo o mundo botaban man de Víctor Hugo, como se a madeira queimada da súa estrutura se puidera reconstruír coa celulosa das páxinas da súa célebre novela sobre o corcovado Quasimodo. tamén se acudiu a Ernest Hemingway cando o terrorismo atacou a capital francesa ou a George Orwell despois de que Edward Snowden desvelase a rede de vixía mundial.

grazas aos tradutores podemos acceder a esas obras na nosa propia lingua, diferente daquela na que se expresaron orixinariamente. a tradución, xesto político e filosófico que fai realidade o ideal de unión e comprensión alén das fronteiras lingüísticas, é unha ferramenta de resistencia (e de reflexión) contra o pensamento homoxeneizado. nom sei se se terá escrito ou filmado xa unha distopía sobre unha realidade na que se teña erradicado a tradución, un mundo condenado á monotonía lingüística e radicalmente diferente ao noso, baseado na circulación de ideas dun idioma a outro. Orwell plasmou unha variante en 1984 imaxinando a imposición dunha neolingua simplificada ao estremo para gobernar o pensamento da poboación.

toda tradución ensancha a lingua de destino, pois integra novas maneiras de dicir e pensar. é unha viaxe cara o outro, o concepto e a persoa. segundo o editor Roberto Calasso, unha boa tradución nom se recoñece pola súa fluidez, ao contrario do que se acostuma afirmar, mais por todas as fórmulas insólitas e orixinais que o tradutor tivo o valor de conservar e defender. inda así, no noso mundo plurilingüe, a miúdo se segue a ver ao tradutor como sospeitoso de alta traizón por atreverse a verter títulos estranxeiros na súa lingua coa aspiración de reproducir os matices do orixinal. que debía pensar un dos nosos mellores tradutores, o gran Miguel Sáenz, cando trouxo ao español a contundente opinión de Thomas Bernhard acerca de que ‘un libro traducido é como un cadáver mutilado por un coche ata quedar irrecoñecíbel’?

hai outros escritores que, a diferenza do austríaco e os seus acólitos, teñen loado a arte de traducir. Borges dicía que, en realidade, é o texto orixinal o que é infiel á tradución. esta aparente ocorrencia resume unha poética deste oficio que, en lugar de priorizar a correspondencia palabra por palabra, enténdeo como un acto de creación literaria. Nabokov, pola súa banda, colocaba a súa versión ao inglés de Uxío Oneguin, de Pushkin, no cumio da súa contribución ás letras universais.

quen traduce debe arriscar e dosificar a partes iguais e entender que ser fiel nom equivale a ser servil. máis dun teórico ten observado que hai unha flagrante contradición en insistir en que o código ético ao que debe someterse o tradutor se basea na obxectividade e na nom intervención, unha concepción segundo a que se pretende converter a un participante fundamental desta transacción lingüística nunha entidade diáfana cunha existencia, de xeito paradoxal, negada. o tradutor, así entendido, sería un simple instrumento óptico que permite ‘enfocar’ unha obra escrita nunha lingua estranxeira, mais lembremos que calquera lente, incluso a máis precisa, arroxa unha aberración óptica na imaxe resultante. afirmaba Alphonse de Lamartine, ‘na miña opinión, a obra literaria máis difícil é a tradución’, e esa dificultade reside no utópico que é tratar de oír no outro a túa propia voz e, á vez, falar con esa voz allea. só cando se pretende esta quimera, o tradutor cumpre co difícil reto de ser fiel, á vez, a dous amos igual exixentes, o autor da obra e o lector da tradución.

perdemos algo ao traducir un texto dunha lingua a outra? todo acto comunicativo padece pragas de erros e confusións. di un antigo proverbio yiddish que unha persoa oe unha palabra pero comprende dúas. traducir é a arte da aproximación e, por iso, hai que saber convivir co erro. ‘fracasa mellor’, repetía Beckett, porque o fracaso é inevitábel. apuntaba Ivo Andric que é doado descubrir imperfeccións, ou incluso erros, na obra dos mellores tradutores, pero moi difícil comprender a complexidade e o valor do seu traballo. traducimos e seguiremos traducindo, porque, se queremos ampliar as nosas coordenadas e saír ao encontro doutras culturas, nom nos queda outro remedio. ao cruzar a fronteira do idioma, sempre nos confiscan algo na aduana, pero ben merece a viaxe chegar ao destino coa maleta chea. traducir é o trunfo dunha utopía, así que con ela sempre gañamos. a fin de contas, como dixo a poeta Elizabeth Bishop, a arte de perder nom é ningún desastre.

tradución por @xindiriz
texto orixinal autoría de MARTA REBÓN, titulado ‘elogio de la traducción’ en castelán
publicado en Babelia o 26 de abril de 2019

sábado, 8 de decembro de 2018

Eugene Nida, ama ao Sr con todo o teu fígado

Eugene Nida
durante unha conferencia
Vic, Catalunya, 1996
wikipedia.es

a tradución ten oscilado sempre entre a literalidade e a interpretación ad sensum, segundo o seu sentido. os textos relixiosos case sempre se teñen traducido ad verbum, pois, por definición, a 'palabra de Deus' nom pode someterse a interpretación. Tyndale, Dolet, Encinas e moitos outros pagaron coa vida a ousadía de traducir os textos bíblicos de xeito que se entenderan.

desde mediados do XX tense producido unha verdadeira revolución, pois nom só nom se queima a ninguén por traducir a Biblia, senón tampouco por facelo de xeito que o vulgo poida entender o seu discurso (inda que nom os seus arcanos). centos e ata miles de millóns de habitantes do planeta poden ler hoxe ese libro na súa propia lingua, inda que ignoren que é, en gran parte, grazas ao empeño dun home do que seguramente nunca oíron falar, Eugene Nida (Oklahoma, 1914 - Madrid, 2011).

formado en linguas clásicas, teoloxía e lingüística e ordenado sacerdote baptista, pronto se cuestionou por que, se o Novo Testamento se escribiu en koiné, a lingua común grega, a súa versión nas linguas contemporáneas se envolvía nunha linguaxe rancia, huera e a miúdo inintelixíbel.

estivo a cargo das traducións da Bible Society of America, durante medio século e formou a tradutores nativos de case 200 linguas, sobre todo do III Mundo, para ofrecer traducións adaptadas ás súas culturas.

entrelazando disciplinas (lingüística, sociosemiótica, antropoloxía, lexicoloxía, teoría da comunicación), Nida establece o principio da 'equivalencia dinámica (ou funcional)', é dicir, o equilibrio entre a comprensión do contexto do orixinal e o seu correlato na lingua traducida, tendo sempre en conta os parámetros culturais do lector.

segundo este principio, a tradución correcta nalgunhas linguas africanas de 'ama ao Sr con todo o teu corazón' sería 'ama ao Sr con todo o teu fígado', xa que os seus falantes sitúan neste órgano a sé dos sentimentos. para algúns fundamentalistas isto é anatema e teñen tachado a Nida ata de herexe.

a puxanza das teorías de Nida e o seu intenso labor de campo nom só beneficiaron as linguas indíxenas ou minoritarias, algunhas das cales se alfabetizaron ou puideron forxar certas identidades (como o fenómeno da teoloxía da liberación), senón que marcaron tamén a tradución da Good News Bible (1976), realizada en inglés para lectores nom nativos, que ten superado os 200 millóns de exemplares.

propiciou a edición dos textos hebreo e grego de ambos Testamentos (publicados polas Sociedades Bíblicas Unidas), inigualábeis polas súas exhaustivas exexeses e imprescindíbeis hoxe para calquera tradutor da Biblia. como é o dicionario bíblico semántico que deseñou co mesmo fin.

durante medio século visitou 80 países, impartindo conferencias e seminarios, escribiu 40 libros (entre eles obras capitais como towards a Science of Translating e, con Charles Taber, the Theory and Practice of Translation) e numerosos artigos, sempre nun estilo claro, simple e conciso. fundou dúas revistas, Practical Anthropology e the Bible Translator.

pronto se viu que a súa idea de tradución era aplicábel a calquera tipo de textos e por iso foi adaptada de mil maneiras. pero por encima de todas as teorías da tradución destaca a súa, inconfundíbel e clara.

escribiu que 'aos mellores tradutores sóbranlle todas as teorías'. para el a tradución nom era unha teoría, mais si oficio, artesanía. contaba que, cando o seu equipo estaba a traducir a Biblia en Xapón, preguntáronlle: 'e se agora se entende, que farán os predicadores?'.

era un gran pensador da tradución mais tamén un home moi xeneroso, bondadoso, sinxelo, cortés, que cultivaba rosas no seu xardín e amizades por onde ía. falaba castelán, que aprendeu en México, e outra media ducia de linguas. morreu horas antes de recibir as probas do seu último libro.

tradución e adaptación por @xindiriz
texto orixinal publicado por POLLUX HERNÚÑEZ en el país, 2011

venres, 7 de decembro de 2018

Hernán Sabaté, o tradutor pianista

google +
Hernán Sabaté Vargas (Barcelona, 1953-2011) finou logo de loitar durante anos contra un cancro, só sete días antes de recibir o VI premio Esther Benítez, concedido polos seus propios colegas e do que, precisamente por ese feito, estaba especialmente orgulloso.

os seus compañeiros e compañeiras de profesión consideraron que a súa tradución da novela de James Ellroy sangre vagabunda, realizada conxuntamente con Montserrat Gurguí, merecía galardón.

comezara a traducir libros en 1976 porque 'gustábame ler e dábaseme ben o inglés, así que me pareceu boa idea'. desde aquela traduciu autores como Stephen King, Anne Rice, Arthur C. Clarke, Nadine Gordimer, Ken Follet, Patricia Cornwell, Ursula K. Le Guin, Isaac Asimov ou John Connolly.

en 1996 decidiu dar un lixeiro cambio de rumbo á súa carreira e propúxolle a Montserrat traducir un libro a catro mans. compartir dúbidas e solucións de tradución resultoulles tan estimulante aos dous que continuaron facéndoo.

Hernán, quizás unha excepción á norma, conseguiu chegar a vivir exclusivamente da tradución. no portal do ISBN hai case 500 entradas ao seu nome, todas traducións.

dicía de si mesmo que era un pianista que se puña diante dos libros como se fosen partituras e ía tocándoas. para Hernán, os tradutores debemos ser obreiros, albaneis, os xornaleiros da literatura, mensaxeiros anónimos das letras alleas. para el, ser invisíbeis era un don que hai que devolver con esforzo, honestidade e paciencia. o mesmo tiña que se tratara da peor das novelas de serie rosa que fose o jamesellroy máis difícil. todo era traballo, todo se tiña que facer ben.

el dicía que traducía para paliar a fame de comida, nom a sede de trascendencia.

@xindiriz

FONTES:
Teresa SOLANA Hernán Sabaté, la voz de James Ellroy en español
Andrés EHRENHAUS un recuerdo para Hernán Sabaté - club de traductores literarios de Buenos Aires
Hernán Sabaté Vargas - malapartiana.wordpress

venres, 30 de novembro de 2018

Erin Moure: "Aprendín galego para traducir a poesía de Chus Pato"

prismmagazine.ca
Erin Moure naceu en Calgary, Alberta en 1955 e estudou na Universidade de Calgary e na de Columbia Británica.

vive en Montreal, Quebec.

escribe poesía e traduce. na súa faceta tradutora traballa con textos de diversas linguas, que traslada ao inglés; entre elas o galego.

traduciu ao inglés a Rosalía de Castro, Chus Pato e Lupe Gómez.

ademais ten vinculación coa Universidade de Vigo a través do Seminario de Investigación de Feminismo e Resistencias desde 2008, sendo nomeada doutora honoris causa en 2015.

se tivera que elixir algunhas palabras ou frases para definirse, cales serían?

no meu sitio web, digo en inglés que ademais que ser poeta e tradutora son: allergic person, friend, lesboqueer, cyclist commuter, small footprint on earth, cook. digo isto en inglés porque publico poesía e traducións en inglés, e o meu público é inglés falante, na súa maioría ... o feito básico da miña existencia na terra é que teño alerxias mortais e asma ... xa coñezo o que é morrer, mesmo se non coñezo, claro, a morte ... así que as miñas amizades sonme moi importantes, e vivir unha vida modesta, e gozar do tempo e da presenza dos seres queridos. é todo isto que estas palabras queren indicar ...

fálase moito de que só alguén que escriba poesía pode traducila; que opina?

para traducir poesía cómpre atención ao funcionamento da linguaxe en todos os niveis, así que alguén que xa intentaba escribir poesía ten coñecementos dos seus retos que lle poden axudar na tradución ... pero hai moitos que escriben poesía que non teñen esa atención particular á linguaxe e así non a poden traducir (esa xente fai versións súas dos poemas pero son paráfrases ou interpretacións ou borradores; non son traducións). e hai non-poetas que poden entrar nos retos dun verso, dun poema, e traducilo moi ben ...

onde radican os problemas da actividade tradutora dentro do panorama cultural no contexto no que está vostede instalada?

en Canadá, onde temos dous idiomas oficiais ao nivel federal, non hai apoio cultural federal para quen traduce estranxeirxs para canadenses, e en Québec, non hai apoio cultural para quen traduce cara ao inglés. teño que 'exportar' o que fago ... é moi difícil introducir obras na cultura canadense, sen apoio; no meu ver, temos tendencia de mirar, mimar e imitar en exceso o que está de moda nos Estados Unidos ... ca pasaxe do tempo, curiosamente, publico máis aos Estados Unidos, onde hai máis cultura de apropiación doutras culturas. así polo menos a tradución entra, as obras entran alí (e hai moitxs bos e boas poetas alí tamén con moita sensibilidade e nada de apropiación ... como aquí en Canadá pero nos EEUU hai máis posibilidades de publicar ...

a tradución, a de textos poéticos especialmente, ten máis de creación ou de re-creación?

ten de todo ... de consideración lingüística, de saber xulgar o que fai @ poeta orixinal, de entender os seus retos, de coñecer o léxico e a historia do idioma no que introduces a obra, e de proceder con curiosidade, paciencia, escoitando ... cada obra ensina á tradutora como quere ser traducida, se escoitas. da creación ou da re-creación? hai de todo ... porque non só cambias de idioma, traes a obra noutra cultura, con referencias distintas ... unha vaca en galego, por exemplo, encaixa toda unha historia de referencias e de política social que non ten a Canadian cow in English! Así é un reto presentar esa vaca como cow sen baleirar a pobre besta de toda realidade ...

podería esbozar a súa rutina de traballo?

son traballadora autónoma ... érgome cedo, normalmente ás 6, e traballo 7 días por semana (menos pola finde) ... gústame moitísimo vivir nos idiomas; é un luxo tremendo.

coas traducións de poesía fago unha versión inicial e despois leo e releo e sigo facendo cambios; até 20 revisións ás veces! escribo tamén prólogos e limiares e posfacios e textos así, e presentacións das obras unha vez publicadas, sempre intentando achegar a obra ao público ... e busco publicacións en revistas, traduzo entrevistas coas autoras orixinais para ampliar a súa presenza en inglés, ... non cobro ou case non cobro para traducións de poesía, así traduzo máis agora que son semi-xubilada ...  

no caso de ensinar tradución ou interpretación, que tres consellos básicos lles daría ao seus alumnos?

ler ... ler moito ... ler aínda máis. ir ás exposicións de arte. escoitar música. estudar a historia da túa literatura, e ... manter un caderno de lecturas onde escribes unhas citas de cada obra, e onde intentas de entender a súa cultura, o seu ámbito, ao que responde a obra ...

a súa ‘wikipedia’ en lingua inglesa menciona que vostede aprendeu galego para poder traducir a poesía de Chus Pato; é iso certo?

é certo, si. atopei o seu libro m-Talá cando só estaba na libraría (quizás fose en 2001) para mercar uns casetes de cancións para nenos. acho de inmediato que tiña un libro incríbel nas mans, e quería aprender galego para traducilo. e, como dicimos en inglés, the rest is history!

que opinión lle merecen outros proxecto de tradución individual ou colectivo que teñan a ver coa lingua galega?

penso nos moitos proxectos que articula e organiza Manuela Palacios ... teñen todos moito valor porque organiza as publicacións con editoras coñecidas afincadas en ámbitos onde se fala a lingua inglesa ... en Irlanda, no seu caso. Migrant Shores: Irish, Moroccan and Galician Poetry, e Six Galician Poets, por exemplo, libros excelentes e dispoñíbeis en Amazon ... Manuela tamén traballa para difundir e dar a coñecer, presentacións, ... os libros non desaparecen unha vez publicados.

teño lido que hai catro enormes influencias sobre a súa escrita poética: ‘landscape of cars, your mother going to work, your mother teaching you to read, and in a small way losing your sense of touch’, ten influencias semellantes no relacionado coa súa actividade de tradutora?

aí! esa é unha cita moi vella que alguén puxo en wikipedia! no meu ver, non ten moito que ver co que fago ... eu non controlo o que está en wikipedia. en realidade non reflicte moito o que fago, escribo, penso, traduzo ... hai que dicir que galipedía é unha referencia que ten máis valor que wikipedia en inglés ...

como se levan a poesía e a tradución na seu día a día? existe algún vaso comunicante entre as dúas? rifan? lévanse ben?

son dúas alas dunha mesma práctica de escritura. dedico a miña vida á poesía ... a tradución da poesía incríbel dunha Chus Pato ou unha Rosalía de Castro ou unha Chantal Neveu (do francés) é algo importante para min ... 

que proxectos lle gustaría afrontar? por que?

poesía difícil, fragmentada, poesía que obra nos límites!, porque me interesan os retos ... aprendo moito ... comparto moito ...

de poder contárnolo, en que traballa na actualidade?

teño tres libros na fase de pre-publicación (aparecerán en 2019), o meu The Elements, e a miña tradución de Lupe Gómez, Camouflage ... e unha co-tradución con Roman Ivashkiv dun poemario de Yuri Izdryk do ucraíno ao inglés, Smokes.

na fase de tradución teño o próximo de Chus Pato e un poemario de Chantal Neveu, poeta quebequesa, La vie radieuse, que traduzo ao inglés, e mais un libro-non-libro de poemas escollidos de Uxío Novoneyra, que ten o título en inglés de The Uplands.

tamén estou cun proxecto de poemas escollidos da poeta canadense Sharon Thesen, que vou editar para un editorial, espero, nos Estados Unidos. teño 3 outros proxectos de poesía miña en proceso tamén, e un proxecto de micro-contos (un día terei tempo ...).

agora o que é urxente (antes da fin do ano) son dous ensaios, un sobre a tradución de poesía, ámbito Quebequés; e outra sobre unha obra por un poeta canadense, Stephen Collis, sobre outra poeta moi importante, Phyllis Webb, que cesou de escribir hai anos. a obra de Stephen trata do 'non-escribir'.

grazas por todas estas preguntas, Xosé Manuel, e unha aperta grande aos lectores e ás lectoras ...

NOTA: entrevista realizada por email
@xindiriz

mércores, 7 de novembro de 2018

a derrota de Sinbad

ILUSTRACIÓN DE TURCIOS
babelia, el país
o incrédulo de Sari fregaría unha e outra vez os ollos se soubese o que se conta das navegacións e os naufraxios do vello Sinbad. coas traducións de Cunqueiro cómpre ser tan cauteloso como coas lendas sobre as illas Cotovías. postas unha a carón da outra, as edicións en linguas estranxeiras locen tan luminosas como as sete laranxas do mariño na alborada, pero polo miúdo aparentan outra cousa. con todo, aí están: no apartado de monografías, a Biblioteca da Tradución Galega (Bitraga) testemuña 35 distintas. o creador do incerto señor Hamlet pódese ler en castelán, asturiano, catalán, éuscaro, francés, inglés, alemán, italiano e árabe, da súa man ou levado por outras.

o máis traducido dos seus textos é xente de aquí e acolá (1971). Basilio Losada, Sheila Ingrisano e Rosendo Ferrán puxérono en castelán, inglés e francés para unha singular colección de Iberia a finais dos oitenta. o propio Cunqueiro levouno ao castelán la otra gente (1975)- e Mikel Iriarte e Concha Prieto ao éuscaro e o asturiano. máis para acó publicáronse aínda outras dúas edicións en francés e inglés: Galiciens, corbeaux et parapluies (Actes du Sud, 1992), tradución do castelán por François Maspero, e Folks from Here and There (Small Stations-Xunta, 2011), directamente dende o galego da man de Kathleen March, tradutora tamén de Otero Pedrayo e Rosalía.

outras cinco linguas coñecen versións d'as crónicas do sochantre (1956). a desaparecida Elke Wehr, tradutora tamén de Merlín e familia (1955) e de escritores como Manuel Rivas, Cortázar ou Roberto Arlt, entre outros, partiu da autotradución do autor ao castelán para a edición alemá de 1996, o mesmo que Claude Bleton na versión francesa de Actes du Sud (1992). Giovanni Allegra encargouse do italiano (1983) e Milio Rodríguez Cueto do asturiano, lingua á que se verteron en total seis cunqueiros. fóra de española e a galega, ningunha outra literatura chegou tan lonxe.

para Awda al-Sinbad al-'aguz ila al-guzur (2006), a edición árabe que publicou unha editorial de Rabat coa colaboración do Instituto Cervantes e a Xunta, Larbi El Harti non partiu tampouco do libro que publicara Galaxia en 1961, senón do que tirara Argos ao ano seguinte en Barcelona. cuando el viejo Sinbad vuelva a las islas tamén o asinaba Cunqueiro. 'algúns tenden a pensar que a versión castelá, por ser posterior, é a definitiva', advirte a escritora Rexina Vega, quen lle dedicou ao asunto a súa tese de doutoramento, 'en realidade, son dúas variantes dun único texto ideal'.

ao refutar o mito do fabulador intuitivo e trapalleiro, Rexina Vega constrúe 'un escritor bilingüe que xoga na fronteira cunha conciencia clarísima'. Cunqueiro, argumenta, non escribe en castelán, senón nunha interlingua. 'padece a neurose do tradutor, pero de maneira extrema. na súa vontade de ser asumido por un sistema que non é o seu, emprega unha lingua pirotécnica. trata de ser máis nativo que o nativo. e do outro lado, na sintaxe e no léxico nótaselle tamén unha tendencia a conservar a estranxeiría. nese diálogo entre dous sistemas lingüísticos hai achados expresivos'.

a autora de cardume, novela que ela mesma verteu ao castelán, cre que a autotradución está en exceso 'criminalizada' en GZ. 'se coñecemos os dous códigos, o natural é que autotraduzamos as nosas obras. é o máis natural, somos duplos. o outro é unha convención política. e a Cunqueiro, que é un macrotexto, esta segmentación non lle fai ningún ben. o mellor que escribiu é a súa última novela, el año del cometa. aí está todo, pero queda en terra de ninguén. a nós resúltanos moi difícil de asumir porque está en castelán, e en España non o van reivindicar nunca'.

fóra dos seus propios libros e desa práctica 'delicada' que acusa problemas de adscrición, Cunqueiro tamén traduciu abondo. sobre todo, poesía. recordábano hai pouco Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger no limiar de poesía 1933-1981 (Galaxia). tanto na revista Nós, onde amosara a Hölderlin, como nas publicacións nas que colaborou na posguerra, como la Noche, Galicia emigrante ou os suplementos literarios de Faro de Vigo, o escritor trouxo para o galego textos de Joan Teixidor, Anna Akhmatova, William Blake, Emily Dickinson, Baudelaire, Kavafis, Leonard Cohen, anónimos xaponeses do século VII ou poetas beat norteamericanos.

os poemas que traduciu e publicou no caderno semanal Letras da cabeceira viguesa ocultounos baixo unha vintena de pseudónimos. os máis frecuentes, din Costas e Castro Buerger, foron Álvaro Labrada e Manuel María Seoane, tamén nas súas siglas. nomes cos que tamén asinaba as versións que os dous investigadores engloban agora na súa poesía apócrifa. versos de escritores que nunca existiron ou dos que non se atopou pegada até agora, como os falsos poetas suecos Erik Triggvason e Frank Sigmundson, a danesa Argret Svaden ou os italianísimos Enzio Buoncompagni e Giorgi Cantalupo. alófonos fantásticos, outras Cotovías.


texto de IAGO MARTÍNEZ, publicado en elpaís, edición GZ, caderno Luces, 23 de decembro de 2011
esta versión está lixeiramente adaptada (texto orixinal)

luns, 5 de novembro de 2018

o xeneral Beceiro Amado, o primeiro tradutor ao galego de 'El Quijote'

Beceiro Amado
GZÁrtabra

o 8 de novembro de 2013 o presidente da RAG presentou ante os medios a doazón feita por Juan Luis Beceiro García, avogado ferrolán residente en Madrid, que entregaba oito enormes tomos escritos a man con 'letra de imprenta' por seu pai, Juan Beceiro Amado.

o feito contiña dúas características subliñábeis, Beceiro pai fora xeneral de infantería do exército español e nos seus manuscritos estaba íntegra a primeira tradución ao galego completa coñecida de El Quijote de Miguel de Cervantes: no cuarto tomo dos manuscritos figuran unha data e un lugar: ‘Granada, 19 do San Martiño do ano 1970’. anteriormente, o académico Leandro Carré Alvarellos afrontara a tradución da obra pero tan só rematara os capítulos XXV e XXVI.

Beceiro traducira tamén ao galego, e incluira nos tomos doados polo seu fillo, outros cumios da literatura universal: Lazarillo de Tormes, a Odisea, Hamlet, e Contos e Leendas da’Eirín.

Juan Beceiro naceu en Ferrol en 1903. en 1918 era alumno de infantería, no 21 alférez e no 23 tenente na guerra de África. de volta en Ferrol, ascendeu a capitán e casou con Elisa García Dopico. no 34 mandou unha compañía na represión da revolución de Asturias e o 18 de xullo do 36 estaba en Ferrol, pasando a ingresar as filas do bando ‘nacional’ e participando en numerosas accións de guerra, en Castela e Teruel, onde ascendeu a comandante. o final da guerra pasouno en Extremadura.

logo foi destinado a Ferrol, Madrid, Salamanca, Valladolid e Melilla, ata chegar a xeneral de brigada en 1961. ao pasar á reserva, por consello médico, buscou un clima cálido e instalouse en Granada, onde inicia o seu labor literario e de tradución. finou en Madrid en 1990, durante unha visita aos fillos.

seica nunca falaba da guerra. seica era calado e discreto. tiña ademais unha vocación literaria propia, sendo autor de moitas narracións curtas, que nunca quixo publicar. tamén escribiu unha obra lexicográfica co título comentos, follas dun vocabulario galego-castelán, onde intercala texto propios e explicacións sobre os termos recollidos; tamén inédita.

en xuño de 2017 proxectouse no Ateneo Ferrolán un vídeo elaborado por Carlos Laíño con guión de Siro López sobre Beceiro Amado, un vídeo divulgativo para explicar que o galego nom é nim de dereitas nim de esquerdas, nim de militares nim de civís, o galego é de todosLópez tamén recalca que, daquela, escribir e traducir en galego equivalía a posicionarse contra o réxime.

@xindiriz
FONTES: ‘el general que tradujo el quijote al gallego’ (abc) 2013
‘Juan Beceiro Amado, un xeneral ferrolán que traducía ao galego obras clásicas da literatura’ (diario de ferrol) 2013
‘entregan a la RAG traducciones de Beceiro Amado’ (la opinión) 2013
homenaje a Beceiro Amado como símbolo del gallego’ (voz de GZ), 2017