venres, 28 de novembro de 2014

o gobernante e a anciá

capa da novela en versión inglesa
arredor dunha semana máis tarde, Maxine volve estar no Auditorio Vontz para a graduación de octavo curso. Logo do protocolario desfile de sacerdotes de todas as relixións, cadanseu cun vestiario apropiado, que sempre lle fai lembrar o previo a un bo chiste, a Ensemble Bepop Kugelblitz interpreta ‘o brinco de Billie’, Bruce Winterslow logra algún rexistro tipo Libro Guinness ao maior número de palabras polisilábicas nunha oración, e a continuación aparece a oradora convidada, March Kelleher. Maxine está algo sorprendida cos efectos de tan só un par de anos –espera, pregúntase cunha punzada repentina de pánico, cantos anos exactamente? March xa non é que teña algunha cana senón que se pon cómoda e síntese coma na súa casa, e leva sombras esaxeradas que indican unha perda temporal de fe na maquillaxe de ollos. Leva como un uniforme de campaña e unha braga desas tan peculiares súas, hoxe nunha sorte de verde. O seu discurso resulta ser unha parábola que se supón ninguén vai entender.

había unha vez unha cidade cun poderoso gobernante a quen lle gustaba rular de incógnito pola cidade, facendo o seu traballo no segredo. De cando en vez recoñecíao alguén, pero sempre estaban dispostos a aceptar unha poutada de prata ou ouro para esquecer o asunto. ‘Vostede ten estado exposto por un momento a unha forma altamente tóxica de enerxía,’ é a súa fórmula habitual. ‘Aquí ten unha suma que confío lle compensará a vostede por calquera dano causado. Pronto comezará a esquecer, e logo sentirase mellor.’

‘por aquel tempo, de aquí para alá na noite, había tamén unha anciá, probablemente non sería demasiado diferente da vosa avoa, que levaba consigo unha enorme saca chea de farrapos lixados, anacos de papel e plástico, aparellos rotos, restos de comida, e outro tipo de lixo que recollía pola rúa. Ía a todas partes, vivira na cidade durante máis tempo que calquera outra persoa, sen protección e á intemperie fose cal fose o tempo, e sabíao todo. Era a que gardaba de fose o que fose que tirara a cidade.

o día que finalmente coincidiu co gobernante da cidade, el levou unha sorpresa ben rufa – cando, con boa intención, lle ofreceu a súa poutada de moedas, ela tirounas ao chan, furiosa. Espalláronse musiqueando polo empedrado adiante. ‘Esquecer?’ guinchou. ‘Non podo nin debo esquecer. Lembrar é a esencia do que son. O prezo do meu esquecemento, gran señor, é maior do que poida imaxinar, xa non digamos pagar.’

desconcertado, quizás considerando que non debía ter ofrecido abondo, o gobernante comezou a rebuscar no seu peto outra vez, pero cando ergueu os ollos, a anciá desaparecera. Ese día volveu das súas tarefas secretas máis cedo do habitual, nun estraño estado de ánimo. Supuxo que agora tería que atopar a esta anciá e neutralizala. Que incómodo.

thepoplartree.wordpress.com
inda que, por natureza, non era unha persoa violenta, xa había tempo que aprendera que ninguén conservaba o seu traballo sen estar disposto a facer calquera cousa que fose preciso. Durante anos buscara métodos novos e creativos que excluíran a violencia, o que normalmente viña equivaler a mercar o silencio da xente. Contratou os perseguidores das celebridades imperiais como gardacostas, xornalistas con enormes narices foron recolocados como ‘analistas’ e instalados na oficina estatal de intelixencia.

aplicando esta lóxica a anciá coa súa saca de lixo debería ter mudado en Ministra de Medioambiente e algún día construiríanse parques e plantas de reciclaxe por todo o territorio co seu nome. Pero sempre que alguén se lle acercaba para proporlle algún emprego, ninguén era quen de atopala. As súas críticas ao réxime, sen embargo, xa atoparan sitio na conciencia colectiva da cidade e eran xa imposibles de borrar.

ben, rapaces, so é unha historia. A caste de historia que teriades oído en Rusia nos días de Stalin. A xente contábase estas fábulas de Esopo e todos sabían que representaba cada cousa. Pero, podemos dicir o mesmo nos Estados Unidos do século XXI?

quen é a anciá? Que credes que estivo a pescudar todos estes anos? Quen é este ‘gobernante’ por quen se nega a ser mercada? E que é este ‘traballo’ que el ‘facía en segredo’? Supoñede que ‘o gobernante’ non é unha persoa, mais unha forza sen ánima tan poderosa que inda que non ennobrece, mais si titula, o cal, na cidade–nación da que falamos, é sempre máis que suficiente. Déixovos a vós as respostas, os graduados de Kugelblitz do 2001, a modo de exercicio. Boa sorte. Considerádeo un concurso. Enviade as vosas respostas ao meu ‘blog’, tabloidedosmalditos.com, o primeiro premio é unha pizza con calquera ingrediente que vos apeteza.

a intervención proporciónalle algúns aplausos, máis dos que obtería nas academias snob tanto a leste coma oeste, mais non tanto como esperaría obter do alumnado de Kugelblitz.

‘é a miña personalidade,’ dille a Maxine na recepción posterior. ‘Ás mulleres non lles gusta o xeito en que me desenvolvo, aos homes non lles gusta a miña actitude. Por iso é que estou reducindo as aparicións persoais e concentrándome no blogue.’ Entregando a Maxine un dos folletos que Otis trouxera a casa.

‘visitareino,’ promete Maxine.

saudando coa cabeza mentres cruza o patio, ‘quen é ese co que viñeches, o dobre de Sterling Hayden?’

‘o que? Ah, ese é o meu ex. En fin. Algo así.’

‘o mesmo ‘ex’ de hai dous anos? Non acabou, inda non acabou, a que esperas? Algún nome nazi, se lembro ben.’

‘Horst, isto vai estar na Internet logo?’

‘non se me queres facer un gran favor.’

‘uh-oh.’

‘en serio, es unha CFE, non si?’

‘retiráronme a credencial, agora vou pola miña conta.’

‘o que ti digas. Teño que pedirche opinión sobre algo.’

‘xantamos por aí?’

‘eu non xanto. Un artefacto corrupto do capitalismo. Almorzo quizás?’

sen embargo, sorrí. A Maxine améncelle que, ao contrario do que dixo no discurso, March non é unha meiga, é unha torta. Coa faciana e maneiras de alguén que cinco minutos despois de coñecelos xa che está a propoñer comer algo. Algo específico, que terá xa na súa culler de camiño á túa boca.

Thomas Pynchon Bleeding Edge (2013), pp. 113–5
wikipedias (versión inglesa) sobre 'bleeding edge' & Thomas Pynchon
tradución mala por @xindiriz