luns, 9 de abril de 2018

os que mandan acertan ao considerar o multiculturalismo unha ameaza

fonte da imaxe: Usabilla Blog
hai un problema irresolúbel con iso de introducir os inmigrantes aos valores británicos. nom hai valores británicos. tampouco valores serbios ou peruanos. ningunha nación posúe o monopolio sobre a equanimidade e a decencia, a xustiza e a humanidade. algunhas culturas teñen máis querencia por certos valores que por outros (os árabes, a hospitalidade ou os británicos, a auto-disciplina emocional, por exemplo), mais nom hai nada inherentemente árabe na hospitalidade ou inherentemente británico sobre nom poñerse histérico de súpeto. a tolerancia e a compaixón, como o sadismo e o supremacismo, atopanse en calquera sitio do mundo.

un dos moitos logros da Ilustración máis radical foi rexeitar a idea de que virtude ou vicio dependan da orixe étnica. ninguén é moralmente superior por ter nacido en Boston e nom en Bosnia. os postmodernistas que negan valores universais en nome da diferenza cultural están, de xeito inconsciente, confabulados cos populistas e os conservadores.

os valores morais básicos do dentista musulmán prototípico que emigra a Gran Bretaña coinciden en gran parte cos do típico fontaneiro nado en Inglaterra. ningún dos dous é probábel que crea que mentir ou enganar é o mellor proceder, ou que deban mallar nas súas crianzas. pode que teñan costumes e crenzas distintas, mais o sorprendente é a amplitude do terreo común entre eles a respecto de que significa para mulleres e homes vivir ben. no que respecta á moralidade, é difícil que caiba un papel de liar entre Alá e Xehová.

entón, por que tantos políticos se 'quentan' cos supostos perigos do multiculturalismo? nom deberían simplemente aceptar que os valores morais compartidos están fondamente ancorados nos seres humanos, e que as diferenzas culturais son, polo tanto, irrelevantes? nom en absoluto. desde o punto de vista do poder político, a cultura é absolutamente vital. tanto que o poder nom pode funcionar sen ela. é a cultura, no sentido dos costumes diarios e crenzas dun pobo, o que o fai semellar algo natural e inevitábel, e o transforma nun reflexo e nunha resposta espontáneas.

a menos que a autoridade se encardine nas raíces da experiencia e a identidade da xente permanecerá demasiado abstracto e distante como para gañarse a súa lealdade. se é para asegurarse a súa conformidade, o poder debe adoptar a cor invisíbel da propia vida diaria. e isto é o que coñecemos como cultura. a cultura é o que mantén o poder no seu sitio. cando aqueles para os que cultura equivale a Mansfield Park e a frauta máxica comezan a debater con avidez sobre a cultura en termos de vestimentas, linguaxe e credo relixioso, podes estar razoablemente seguro de que senten que os seus intereses políticos están ameazados.

hai trinta anos, só uns cantos disidentes de esquerda como Raymond Williams insistían en que a cultura era algo corrente. coa inmigración, sen embargo, a cultura tamén se ten feito corrente a ollos dos nosos gobernantes. hoxe, incluso as corporacións capitalistas globais nom paran de chismorrear sobre a importancia do coñecemento local e os distintos modos de vivir. case todo o mundo ten agora sensibilidade cara as diferenzas culturais. so que algúns deles sono en como o gato é sensíbel co rato.

é doado ver porque a diversidade de culturas supón un problema para o poder. se a cultura trata da pluralidade, o poder trata da unidade. como se pode vender ao mesmo tempo a unha ampla gama de formas de vida sen diluírse de xeito fatal? o multiculturalismo nom é unha ameaza porque puidera alentar aos que se inmolan con bombas. é unha ameza porque o noso tipo de estado político depende dun ríxido consenso cultural para implantar as súas políticas materialmente divisivas.

así, a cultura hoxe equivale nom só a sonetos e cuartetos de corda, mais a historia, orixes, linguaxe, parentescos e identidade. mentres todo isto sexa relativamente uniforme, o poder político pode permitirse deixalo ao seu albur. cando se fai excesivamente diverso como para servilo coa mesma culler nun conxunto ríxido de categorías é cando o estado se arrisca a ser socavado, e por iso busca neutralizar a diversidade. nese momento a cultura pasa a ser parte do problema e nom da solución. cesa como disolvente espiritual dos conflitos materiais, como nos días de Matthew Arnold e TS Eliot, e, no seu lugar, pasa a ser os propios termos nos que eses conflitos se articulan.

Tony Blair cre nunha cultura común, de igual xeito que crían os escritores da 'Nova Esquerda' como Raymond Williams e EP Thompson. Nin máis nin menos que o que define Blair como cultura común é que todos deberiamos compartir os seus valores para que nom poñan bombas nas estacións de metro. en realidade, ningún valor cultural se estende nunca a grandes grupos de recen chegados sen ser transformado no proceso. esta é a razón pola que o proxecto Blair é unha inxenuidade ademais de ser culturalmente supremacista. nom se asume en Downing Street que tales valores se poderían cuestionar ou transformar no proceso, que é o que pensadores como Williams ou Thompson tiñan en mente.

unha cultura verdadeiramente común nom é unha na que todos pensemos igual, ou na que todos creamos que a xustiza é inseparábel da devoción, mais unha na que a todos se lles permita participar nun proxecto, na configuración cooperativa dun xeito común de vida. se isto ten que incluír aos que proceden de tradicións culturais diferentes. e se a nosa sociedade actual se nutre da exclusión de certos grupos, entón a cultura que probablemente resulte dese proceso nom se parecerá en nada á actual. e isto é xusto o que a fará tan valiosa.

tradución por @xindiriz
texto orixinal: terry eagleton, 'those in power ...' the guardian, 21th february, 2007