Amosando publicacións coa etiqueta teoría da tradución. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teoría da tradución. Amosar todas as publicacións

luns, 6 de xaneiro de 2025

ler a Dante traducido

a tradución é quizás a máis misteriosa das carnes do acto literario. presupón que un mesmo texto pode adquirir diferentes identidades a través de diferentes linguas, nun proceso no que cada parte constitutiva é descartada e substituída por outra: vocabulario, sintaxe, gramática, música, así como o seu contexto cultural, histórico e emocional. ou, como di Dante en de vulgari eloquentia: ‘en primeiro lugar, o propósito do canto, en segundo lugar, a disposición de cada parte en relación co resto, en terceiro lugar, o número de versos e sílabas’.

pero, como é posíbel que estas identidades sempre cambiantes sigan a ser unha única identidade? que nos permite dicir que os centos de traducións dos contos de Grimm, ou d’as mil e unha noite, ou d’comedia de D son, de feito, un mesmo libro? un vello enigma filosófico pregúntase se unha persoa á que se lle teñen substituído todas as partes do corpo por órganos e membros artificiais segue a ser a mesma persoa. en que parte do noso corpo reside a identidade? en cal dos elementos dun poema reside o poema? este é o misterio central: se un texto literario é todas as cousas que nos permiten chamalo divina comedia, que queda cando cada unha destas cousas se cambia por outra? é a tradución un traxe que permite ao texto conversas cos que están fóra do seu círculo? ou é unha usurpación que ocupa o lugar do orixinal e se mete de lado na cama do lector? que grao de identidade pode reclamar unha tradución?

no canto XV d’purgatorio, ao final da quinta tarde da viaxe de D, despois de que el e Virxilio chegan á terceira terraza onde se encontrarán coas ánimas benditas que se están purgando do pecado da ira, D ve unha nube de fume que se dirixe cara eles, sumindo o ceo nunha completa escuridade. a descrición deste súbito cambio dáse nos sete últimos versos do canto, as dúas estrofas finais máis o único verso final. trátase dun deses momentos expresionistas que aparecen felizmente, de vez en cando, n’comedia, e que engaden á historia o aspecto sensual do tempo e o espazo a través da percepción compartida e gradual do protagonista itinerante. aquí, como en tantos outros fragmentos, esquecémonos que é D mesmo quen ten inventado toda esa complexa xeografía pola que se nos conduce, como compartindo cos seus lectores unha memoria real e privada.

D escribe:

noi adavam por lo vespero, attenti - oltre quanto potean li occhi allungarsi - contra i raggi seronti e lucenti. - ed ecco a poco a poco un fummo farsi - verso di noi come la notte oscuro; - né da quello era loco da cansarsi. - questo ne  tolse li ochhi e l’aere puro.

as traducións ao castelán, por exemplo, son numerosas, comezando pola de Henrique de Villena no XV. para comparar elixiremos as seguintes:

Bartolomé Mitre (1922)

absortos de la tarde en la belleza, - seguimos, espaciando la mirada - en contra al sol que declinaba a prisa; - y por grados, cual nube condensada - vimos venir, cual noche, un aire oscuro, - sin encontrar guarida descansada, - perdiendo, con la vista, el aire puro.

José María Micó (2018):

íbamos avanzando en el crepúsculo, - proyectando a lo lejos la mirada - y afrontando los rayos verpertinos. - y poco a poco vino hacia nosotros - un humo denso, cual la noche oscuro, - y tampoco hubo modo de evitarlo; - nos quitó la visión y el aire puro.

Jorge Gimeno (2021):

atardecía e iban nuestros ojos - lo atentos que podían a lo lejos - contra la luz tardía y cegadora - y en eso un humo vino poco a poco, - negro como la noche a rodearnos. - y no había resguardo ni cobijo. - y nos privó de ver y de aire puro.

Juan Barja (2012):

caminábamos cuando atardecía, - intentando alcanzar lo más lejano - que podían andarse nuestros ojos - frente a los claros rayos del poniente, - hasta que, poco a poco, un humo denso - que crecía avanzó hacia nosotros, - como la noche oscura, y no hubo modo - de poder esquivar, que la vista - y un aire más puro nos faltaban.

hai pouco que explicar nestes sete versos (que na versión de Barja resultan nove). para comezar, e dado que Virxilio e a súa eneida están omnipresentes n’comedia, o primeiro verso do noso pasaxe podería evocar o famoso ibant obscuri sola sub nocte per umbram (‘camiñando escuros baixo a noite solitaria na penumbra’), que nos lembra a viaxe de Eneas aos infernos. a nube negra ondulante é coma o fume preguiceiro que os iracundos alimentan nos seus corazóns en inferno VII: 121-16:

… tristi fummo - ne l’aere dolce che dal sol s’allegra, - oortando dento accidioso fummo.

 … huraños estábamos - en el aire dulce que alegra el sol, - llevando dentro de nosotros un humo perezoso.

pero o fume é tamén o castigo que Deus fai descender sobre o seu rabaño en salmo 74:1 – ‘por que fumega a túa cólera contra as ovellas do teu prado?’. tamén é a escuridade que contrasta coa luz da tarde do inicio do canto, unha luz que D compara coa do mencer e que golpea os viaxeiros na cara mentres se dirixen cara o sol que se pon.

todo isto son máis ou menos simples aclaracións de calquera edición anotada. pero unha vez comprendido o vocabulario e (na medida do posíbel) o sentido, que ocorre cos versos na tradución?.

certamente, un desprazamento no tempo. quizás un aspecto esencial de toda tradución sexa o involuntario e ineludíbel desprazamento temporal ao que se somete o texto. cando lemos a comedia no orixinal ou en tradución, dámonos conta de que, nós os lectores, existimos nalgún lugar do futuro do poema. e mentres nós, atrapados no noso presente, lemos as palabras de D, o propio texto segue fluíndo dentro da xeografía do tempo de D. sobre esta xeografía, as sucesivas xeracións de lectores teñen ido acumulando as súas propias colleitas de coñecemento e interpretación, transformando a paisaxe orixinal en algo que o propio D atoparía moito máis insondábel do que os seus versos máis recónditos son para nós. a concepción persoal de D do fume, por exemplo, xa sexa o das cacharelas en outono ou o dos campos de guerra fumegantes polos que viaxou no exilio, colorea e da forma ao fume do purgatorio. pero a esa experiencia privada súmanse séculos doutros fumes futuros e espantosos: o fume dos lumes inquisitoriais, o das cámaras de gas, o dos pneumáticos queimados en manifestacións cruentas, o dos desastres ecolóxicos da nosa era.

como unha monstruosa crisálida, a comedia contén en si mesma todas as posibilidades de migración e cambio. a través das lecturas continuas, o poema orixinal faise nómade, e as súas traducións, ben que mal, fan explícito o progreso amoroso das palabras de D desde o pasado do poeta ata o presente do lector. a noción de ‘eu tamén sinto isto’ que o poema suscita tan a miúdo faise evidente no acto da tradución: ponse literalmente en palabras.

os tradutores citados (e poderiamos incluír moitos outros: Ángel Crespo, Abilio Echevarría, Raffaele Pinto) teñen atopado solucións diferentes para problemas que son diferentes, nom tanto polas lecturas individuais dos tradutores, mais polas regras das diferentes linguas nas que cada tradutor recrea o poema. e sen embargo, inesperadamente, todas estas versións compleméntanse e refórzanse entre si.

sen embargo, o que nom é evidente nos poucos versos que teño elixido, nim en ningún dos exemplos traducidos, é o contexto narrativo de todo o canto XV. D segue confundido polo que se lle vai revelando pouco a pouco e Virxilio debe asegurarse que chegará un momento no que ver as cousas divinas nom será un esforzo, mais unha delicia. todo o canto é un avance na aprendizaxe, desde a luz exterior e a escuridade da alma nos primeiros versos ata os inicios da iluminación interior e a escuridade exterior que todo o abarca ao final.

neste punto, a descrición que fai D do fume repentino que se acerca é totalmente precisa e presente. o lector está alí, con D e Virxilio, no camiño estreito camiñando cara unha nube negra da que nom se pode escapar e na que debemos ver e respirar só co corazón.

dito todo isto, queda a pregunta, é posíbel ler a comedia unicamente nunha tradución? a encarnación do poema nun texto que nom é o orixinal é tal vez a clave máis nítida dos poderes creativos do lector. entrar nun texto, desmontalo, reconstruílo con palabras e frases que obedecen ás regras de oídos e ollos e mentes diferentes permiten que un texto volva a comezar a vivir, pero esta vez a conciencia, consciente do seu propio funcionamento e das súas débedas co azar e o pracer.

a tradución aporta a un texto unha lóxica e unha articulación de propósitos que o orixinal ignora, ou rexeita, ou refusa. na debatida carta a Cangrande della Scala de 1316, D (se é que foi D quen a escribiu), propuña catro niveis de lectura: a literal (segundo o significado exacto das palabras), a alegórica (como gran metáfora dunha idea abstracta), a analóxica (como comparación) e a anagóxica (segundo a interpretación bíblica). os lectores tenden a sospeitar que, cando menos no caso de D, estas catro lecturas representan infinitas máis, xa que cada nivel proposto xera á súa vez catro ou corenta máis, e así ata as ribeiras máis afastadas.

a estes infinitos niveis de lectura, hai que engadir un máis: o que queda logo da conclusión da lectura, tras chegar á última palabra e pechar o libro. hai seres afortunados que se saben toda a comedia de memoria, pero incluso para aqueles de nós cunha memoria deficiente, queda na secuela da lectura da comedia a presenza ardente das palabras do poeta, da historia e dos seus detalles amorosos, da súa música e dos seus momentos de silencio. unha lembranza como esa dor de ‘lembrar a dita nos momentos de infelicidade’, do que fala Francesca desde o remuíño, facendo que D se desmaie de comprensión e de piedade.

o lector sabe que toda construción verbal, á vez que é portadora de sentido e son, existe no tempo e o espazo da súa lectura, e tamén nos da súa lembranza literal. pero tamén existe na súa estela, unha vez ditas as palabras, cando só perdura a sombra do son e do sentido. en certo modo, unha tradución (unha boa tradución) fai visíbel esa sombra persistente do texto. tal vez sexa iso o que queremos dicir cando afirmamos que é posíbel ler a comedia só coa tradución.

pero, que é precisamente esa sombra? Borges, falando, como facía a cotío, da tradución, suxestionou que todo escritor produce unha serie de borradores dun texto determinado, un dos que pode decidir publicar. esta versión publicada, inda que teña o prestixio de tela feito pública, nom deixa sen embargo de ser un borrador. desde este punto de vista, unha tradución pode considerarse como un borrador máis dese mesmo texto.

sobre Vathek, de Beckford, escrito primeiro en francés e logo traducido ao inglés, Borges observou que ‘o orixinal é infiel á tradución’. inda que é difícil imaxinar que se poida dicir o mesmo de calquera tradución d’comedia, as interminábeis bibliotecas de traducións do poema permiten pensar nunha Gestalt-comedia, unha comedia caleidoscópica formada por todas as súas múltiples versións en ducias de linguas ao longo de séculos de lecturas meticulosas e inspiradas. a noción dunha comedia definitiva, incluso cando se aplica ao poema que D terminou pouco antes da súa morte en 1321, parece limitar incomodamente o que para calquera lector sensato debe parecer un poema infinito. e, sen embargo, as súas traducións recollidas superan esa monstruosa noción e propoñen, en cambio, unha serie de interminábeis metamorfoses que, a pesar da súa ocasional fondura e orixinalidade, nunca pretenden suplantar ou ignorar o orixinal.

Giovanni Boccaccio, case contemporáneo de D, copiou nun dos seus manuscritos un curioso relato dun monxe de Corvo, no que refire o encontro cun forasteiro na sé de Luna. para agradecer ao monxe a súa hospitalidade, o forasteiro ofrécelle unhas páxinas dun poema que ten escrito en lingua florentina. o tema e a arte do poema son tan elevados, tan exquisitos, que o monxe pregúntalle ao forasteiro por que elixiu expresar ‘tanta erudición con roupa plebea’. o forasteiro explica que a lingua vernácula florentina nom era a súa primeira elección, mais que comezara o seu poema na lingua do ceo, é dicir, en latín:

ultima regna canan, fluido - conterimna mundo, - spiritibus quae lata patent, quae premia solvunt - pro meritis cuicumque suis. 

los reinos más lejanos que canto, - que tienen límites comunes con el universo fluído - que se extienden hacia los espíritus que dan recompensas - a cada uno según sus méritos.

Boccaccio incluíu estes versos nun dos últimos capítulos da súa biografía de D.

se a anécdota é certa, entón a comedia é, cando menos nos seus inicios, unha tradución, un segundo borrador dun orixinal latino inacabado. certamente, é cando menos un poema bilingüe, e máis de dous se incluímos os usos ocasionais doutras linguas como o provenzal de Aranut Daniel n’purgatorio e a lingua máxica de Plutón n’inferno. o latín presta nobreza ao italiano florentino de D e o italiano dá ao latín familiaridade. e inda que a lingua vernácula é a lingua na que está escrita a comedia, o latín é o seu substrato lingüístico, implícito nas pasaxes glosadas de Virxilio e Estacio, e nos himnos e citas das Escrituras, e explícito na ocasional palabra latina apropiada para unha determinada personaxe ou episodio. incluso antes de que D o peregrino saiba que a aparición fóra do bosque escuro é Virxilio, diríxese a el nunha mestura de latín, ‘miserere’ (ten piedade), e lingua vernácula, ‘di me’ (de min).

gran parte da comedia é tradución moi libre, coma no caso dos marabillosos neoloxismos que D inventa para o que nom ten (ou nom tiña) ningún en florentino: trasumanar (ir máis lonxe do humano) ou con l’áli si plaude (coas ás batendo), combinando no verbo ovidiano plaudere tanto as accións de ‘aplaudir’ e ‘bater’.

D, por suposto, nom tería recoñecido estas formas de escritura como tradución. máis ben tería sabido que a tradución seguía o método adoptado por Boecio a inicios do VI, continuando unha tradición con precursores como Xerome e Cicero e Horacio.

comeza Boecio un dos seus eruditos comentarios, ‘considero que teño sido moi útil se, ao compor libros de filosofía en lingua latina, nom se atopa unha soa letra do grego que falte’. este método, que chegou a coñecerse como verbum ex verbo, unha tradución ‘palabra por palabra’, está o máis lonxe posíbel do que poderiamos denominar ‘tradución’ nas nosas lecturas da comedia. para nós, os himnos que cantan os beatos en cada unha das cornixas do purgatorio, a versión persoal de D do ‘Pai noso’ rezado no purgatorio, as diversas glosas de pasaxes do apocalipse no paraíso, son todas traducións.

todo arte é aproximación, e o que construímos a partir das palabras inda máis. pero tal vez, ao intentar o oficio de artesán da palabra a través de múltiples voces, os borradores orixinais e as sucesivas traducións, algo do que o poeta ten imaxinado pode comezar a tomar forma. Paul Valéry (e tamén Shelley) imaxinou que todos os poemas forman parte  dun poema universal inacabado. máis modestamente, o texto orixinal de calquera poema, xunto coas súas traducións, pode lerse como unha soa estrofa dese poema, que, como todo o conxunto inconcebíbel, inda está en proceso de ser escrito. maxicamente, aos lectores ténsenos concedido o privilexio de estar presentes na creación. 

texto orixinal de Alberto Manguel (bab, 5xuñ2021, 4-5) + tradución e deturpación d'xindiriz

domingo, 4 de xuño de 2023

Christiane Nord: 'sempre van facer falta tradutores humanos'


Christiane Nord
é unha das figuras máis destacadas no mundo da tradución e a traductoloxía. as súas contribucións durante as últimas catro décadas gozan de amplo recoñecemento e o seu traballo ten sido fundamental para construír a perspectiva actual do enfoque funcionalista da tradución.

p: ten contado que o seu amor polas linguas e a tradución nace na casa, nun fogar políglota no que se cambiaba dun idioma a outro dependo dos fins e das situacións. foi así como se interesou por traducir, pero tamén por reflexionar sobre a tradución?

r: a miña familia era alemá e todos falaban alemán. pero meus pais ás veces usaban o inglés cando nom querían que lles entenderamos. cando adquirimos certo nivel de inglés tiveron que botar man do francés, mais meu pai nom o falaba tan ben e nós riámonos cos seus intentos. a verdadeira raíz do meu amor pola tradución é que miña nai era tradutora de italiano e inglés, formada en Heidelberg durante a IIGM. cando eu era nena ensinábame frases en inglés ou pequenas cancións en italiano. da vocación de miña nai nace o meu amor polas linguas e a tradución.

p: de onde nace o seu amor pola lingua e literatura española?

r: xa que miña nai traducía de italiano e inglés eu considerei que tiña que optar por algo diferente. tiña unha amiga da secundaria coa que me apuntaba a calquera curso de idiomas, e apuntámonos nun curso de español impartido por un dos primeiros inmigrantes españois en Alemaña que se chamaba Julio. por 'amor' a Julio aprendimos español [risas], que logo elixín como primeira lingua estranxeira na formación universitaria, co inglés como segunda lingua. como podes ver, moi sinxelo.

p: que lle fixo dedicarse á investigación?

r: ao acabar os estudos de tradución, cando tiña 24 anos, tiven os dous fillos e nom tiña tempo para dedicarme a moito máis que ás 16 horas de clase da universidade, os fillos, a casa, e o can (e o marido, claro está). de xeito que a investigación nom estaba nos meus plans e isto molestaba moito a Katharina Reiss, a miña mentora, que pensaba que este debía ser o meu futuro. sen embargo, cando o menor dos nenos comezou a escola entrei nunha verdadeira crise persoal. isto coincidiu coas miñas aulas no Instituto de Románicas da Universidade de Heidelberg. como terapia comecei o doutorado en Lingüística e Literatura Hispánica, que finalicei cunha tese doutoral sobre os neoloxismos no español contemporáneo na prensa. así, logo de tres anos de investigación xa nom podía parar de investigar. logo traballei no libro sobre análise de texto na tradución, e ata hoxe.

p: vostede ten compaxinado a investigación teórica coa docencia e a formación de tradutores, que papel xoga a investigación na actividade de traducir e como pode un tradutor beneficiarse ante os retos que lle supón na actualidade a práctica profesional?

r: o tradutor profesional en activo, inda que tivera tempo, nom ten que investigar pero o docente da tradución si debe facelo, inda que para min a investigación sempre ten estado ao servizo da docencia.

eu nom son estritamente teórica, son unha persoa que quizás sabe aplicar as teorías doutros e usalas para a docencia. os resultados da investigación aplícanse á docencia. claro que ás veces o tradutor ten que facer unha pequena investigación para buscar información e solucionar problemas de tradución, mais nom se trata de “investigar”, mais dunha actividade suplementaria na súa vida profesional.

p: xunto co seu marido, o teólogo Klaus Berger, traduciron textos de A Biblia. ata entón, a versión de Lutero considerábase unha autoridade, un texto fundamental para a Reforma que serviu para estandarizar a lingua alemá. cales son as complexidades da tradución bíblica, e como entende a necesidade de interpretar o texto na mesma?

r: as complexidades son varias. nós ofrecemos unha tradución diferente á tradicional de Lutero en alemán para acercar o texto ao público actual e nom todo o mundo soubo entendelo. algúns foron moi críticos coa nosa proposta. traducimos do grego os textos orixinais, mais os textos apócrifos, que tamén incluímos na nosa tradución, os temos traducido do grego, latín, hebreo, árabe, siríaco e copto. Klaus estudou estes idiomas na mocidade, mentres eu tiña un latín bastante bo e algún coñecemento de grego. pero do resto das linguas, quizás só sabía dúas ou tres palabras. así que el interpretaba o texto orixinal e eu ocupábame de darlle unha forma comprensíbel en alemán.

a nosa estratexia foi o que eu na miña tipoloxía de traducións denomino unha tradución ‘exotizante’. nom é unha tradución palabra por palabra nim literal nim filolóxica. é un proceso que documenta a alteridade do mundo que os textos presentan, trata de construír unha ponte para que o lector de hoxe entenda ese outro mundo. mais nom por medio de notas ao pé, nim glosarios nim metatextos; o obxectivo é facilitar unha lectura fluída. se usas notas, o esforzo de procesar o texto é dobre, porque tes un texto principal e outro que o explica. o máis probábel é que nom se lea todo, omitiranse as notas aparte e entón o texto resultará incomprensíbel, nom se lerá. por iso me opoño ao uso de notas con valor metatextual para explicar o texto, porque hai outras formas de compensar isto no propio texto, dependendo do que se queira conseguir.

p: que oportunidades ofrece un campo como a tradución aplicada ao comercio internacional ou a mediación intercultural para observar en vivo as competencias da teoría funcionalista?

r: o modelo funcionalista de ver a tradución fainos adaptarnos aos diferentes contextos, é un xeito de enfocar a tradución como actividade, dirixida a un público determinado e a unha finalidade determinada. esta perspectiva é útil neste contexto, ao adaptarnos aos diferentes mercados. o comercio e a mediación ofrecen grandes volumes de traballo. desde o punto de vista da tradución se nom traballas traducindo con inglés, hai, por exemplo, moito contido do campo da tecnoloxía ou a informática, mentres que o español tradúcese tamén moito no comercio internacional.

p: antes de dedicarse á investigación chegou a declarar que se identificaba, ante todo, como docente. na súa carreira advirte ademais un interese por formar ao formadores.

r: nunca me teño dedicado por enteiro á investigación, a miña investigación sempre estivo dirixida á docencia: como podo ensinar aos mozos e mozas a facer boas traducións? cando comecei coa docencia, tiña case a mesma idade que os meus estudantes e nom era unha figura docente de autoridade. tiña vivido formas de ensinar a tradución centradas no criterio superior do docente sobre o que está ben ou mal. en cambio, eu precisaba certa xustificación teórica para poder explicar de xeito crítico as razóns polas que algo se di dun xeito concreto ou nom. se se desexa unha boa calidade docente, hai que formar aos formadores. nas miñas visitas a diferentes universidades do mundo, teño comprobado que a docencia nom ten mudado demasiado respecto ao que eu “sufrín” hai sesenta anos: o profesor di como se traduce algo segundo o seu criterio e espera que o alumno o repita sen máis. se queremos que cambie algo, temos que formar aos formadores.

p: pasemos a falar de interpretación. a aplicación da teoría funcionalista á interpretación simultánea por parte de Franz Pachhacker brinda a oportunidade aos docentes de interpretación de beneficiarse dun marco conceptual con moitas vantaxes pedagóxicas. parécelle que a teoría funcionalista podería aproveitarse máis no ámbito da interpretación?

r: a teoría funcionalista préstase especialmente a ser aplicada en interpretación e por iso a suxestión de moitos autores desta corrente, entre os que me inclúo, de comezar a aprendizaxe da tradución pola interpretación. porque na interpretación está moito máis explícito e máis visíbel que se interpreta para alguén e para un determinado fin que en tradución, onde os textos se atopan sen o seu entorno natural. en interpretación, a aplicación da teoría funcionalista está inda nos seus inicios. en interpretación de conferencias quizás nom ten suposto a revolución que ocasionou o enfoque funcionalista cando apareceu por primeira vez en tradución.

p: vostede ten sido pioneira en Europa na institucionalización da formación de novas modalidades de interpretación como a interpretación social, a interpretación médico-sanitaria, e a interpretación nos tribunais nunha titulación de licenciatura na Universidade de Ciencias Aplicadas de Magdeburgo. como ve a situación da interpretación en Europa?

r: debo dicir que Christiane Driesen foi quen realmente iniciou este programa que agora imparte. un dos argumentos máis sólidos para a institucionalización da formación deste tipo de interpretación foi que nom existía. é o primeiro programa dese tipo en Alemaña. sen embargo, para os graduados está resultando difícil atopar traballo porque o mercado de traballo neste campo nom está inda concienciado, nim en hospitais nim en tribunais. inda queda un longo camiño por percorrer, pero se nom comezamos, nom avanzaremos. a miña tarefa consistiu en aproveitar os fondos ofrecidos polo DAAD (Servizo Académico de Intercambios Alemán) e realicei as tarefas de xestión. o programa funciona moi ben pero é mérito de Driesen.

desexaría comentar que temos en Magdeburgo un programa de interpretación da lingua de signos e gustaríanos crear un programa conxunto, e nom se sabe, quizás no futuro se podería ofrecer a lingua de signos como lingua de interpretación de tribunais. tamén desexamos lanzar un Euromaster de interpretación de conferencias.

p: que faceta profesional lle resulta máis gratificante: a investigación, a docencia ou a tradución?

r: en realidade son docente en corpo e alma, e toda a miña investigación está e ten estado orientada cara a docencia. nunca tivera sido quen de facer investigación que nom tivera relación coa docencia. de feito, a tradución mesma é moi recente, o proxecto de tradución do Novo Testamento con Klaus e outros máis que agora temos. nesta nova etapa da miña vida a tradución vai a ter un papel máis importante que nunca.

p: nos últimos meses ten reaparecido o debate en torno ao protagonismo crecente na sociedade de sistemas de intelixencia artificial, con gran impacto na tradución tamén, en canto á calidade e a precisión dos textos que produce a máquina ou as condicións de traballo máis precarias do profesional. ten seguido estas discusións? cal debe se a postura do tradutor ante estes avances?

r: como tradutores debemos insistir no que como profesionais humanos podemos facer de xeito diferente aos sistemas informáticos, o valor que aportamos. os sistemas poden axudarnos moito mais sempre van facer falta tradutores humanos. hai 60 anos, cando eu era estudante, xa nos dicían que nos quedariamos sen emprego pola tradución automática, mais nom ten sido así.

no referido á posedición [edición ou corrección humana de textos traducidos de xeito automático], se nom hai unha boa comprensión do texto orixinal, unha revisión formal nom vai servir de moito. e isto é algo que tamén hai que ensinar: a máquina nom entende o texto, só o procesa. os sistemas informáticos, como as memorias de tradución, traducen segmentos. Igualmente, por moito que fagas posedición nom resultará nun texto bo, porque a máquina traduce unidades fragmentadas. hai pouco ensináronme uns textos traducidos por ChatGPT e os resultados son aparentemente fabulosos. pero para unha boa tradución, requírese un tradutor humano.

p: os enfoques funcionalistas (traducir cun propósito comunicativo real en mente) encaixan de xeito natural no contexto da tradución de marketing e a transcreación, onde as marcas aspiran a conectar cos códigos e contextos culturais do consumidor meta. que implicacións ten iso para o tradutor?

r: nom creo na globalización total. as culturas seguen a ser sendo diferentes entre si. por exemplo, se unha persoa de Xordania lle di a alguén de Alemaña algo en inglés, as culturas de referencia seguen a ser a xordana e a alemá. a lingua nom porta a cultura. no caso do marketing é un fenómeno moi claro. empresas como Volkswagen teñen lanzado campañas adaptadas aos diferentes mercados, sen tratarse de traducións. para iso contratábanse axencias locais en cada país, desenvolvíanse novas campañas adaptadas. houbo un tempo en que, para aforrar cartos, trataron de usar traducións, mais viron que o resultado era un fracaso. chamamos a isto transcreación? é difícil definir o límite entre a tradución e a transcreación. eu creo que o funcionalismo inclúe formas de tradución que lindan coa creación textual. pero nalgúns casos, se hai un texto orixe, chamalo transcreación porque nom sexa un tradución literal nom me parece moi adecuado, estariamos producindo unha tradución para un determinado público, simplemente.

no referente ás implicacións éticas da tradución, é unha cuestión relacionada coa visibilidade do tradutor. por exemplo, se o tradutor pode explicar como ten traducido un texto nun prólogo, e por que a súa tradución quizá é diferente do que determinados lectores esperaban, entón creo que é un posicionamento ético que me permite explorar cousas novas. por exemplo, no caso da tradución de A Biblia, se só podo traducir como o fixo Lutero no XVI, entón nom haberá ningún progreso. en 1999, alguén deixou unha mensaxe no noso contestador telefónico dicíndonos que “iamos arder no inferno por ter falsificado a palabra de Deus”. pero a Biblia á que esta persoa era autoría de Lutero, nom de Deus!.

este texto é o resultado de combinar e traducir dúas entrevistas realizadas a Christiane Nord: unha (Sendebar, 16 - 2005: pp 251-253) realizada por Emilia Iglesias Fernández, profesora da UGR en 2005 e outra cuxo texto orixinal foi publicado en upo.es con data de 26maio2023. composición e tradución mala responsabilidade de @xindiriz.

venres, 6 de marzo de 2020

sobre traducir os poemas de Emily Dickinson, notas breves

Emily Dickison
por Sciammarella
publicado en El País
poemas 601-1200. soldar un abismo con aire
Emily Dickinson.
tradución de Ana Mañeru e Milagros Rivera Garretas
Edición bilingüe. Sabina. Madrid, 2013
773 páginas.

poesías completas
Emily Dickinson
tradución de José Luis Rey
Edición bilingüe. Visor. Madrid, 2013
1528 páxinas.

REFERENCIAS:
ÁNGEL RUPÉREZ devotos de Dickinson

segundo Ángel Rupérez a poesía de Dickinson atesoura un 'hermetismo máxico con abismos insondábeis, cheos de luz e sombra'. é poesía pola poesía da que a súa autora nom obtivo nada fóra do pracer e o consolo de escribila.

os seus poemas publicáronse postumamente, despois de que a súa irmá Lavinia os descubrira reunidos en fascículos confeccionados pola propia Emily a man.

Rupérez sinala algúns dos elementos que máis lle chaman a atención nos diversos modos de traballar cos poemas de Dickinson por parte de tradutores distintos.

segundo Rupérez, Ana Mañeru e Milagros Rivera mostran fundamentalmente dúas tendencias:

1/ o seu feminismo, que marca gramaticalmente, e inda lexicamente, as decisións á hora de traducir.

sempre empregan 'anfitriona', 'petirroja', 'mendiga', ou 'as amantes' -e tantos outros casos-, porque queren erradicar da gramática e o léxico da lingua castelá a preponderancia que posúe o masculino sobre o feminino.

ao mesmo tempo defenden que Dickinson era lesbiana, un feito evidenciado na -suxestionan- súa relación coa súa cuñada Susan Huntington, Sue. tanto é así que na capa do libro -neste e no que lle precedeu en 2012-, xunto ao retrato de Dickinson, aparece tamén o da súa cuñada. sen dúbida coa intención de subliñar de xeito icónico a súa relación amorosa.

iso tamén as leva a indicar cales foron os poemas expresamente enviados por Dickinson a Sue, probabelmente como proba de amor.

2/ móstranse en estremo literais, Ángel Ruperez di que 'en exceso', optando por opcións como

'la noche era ancha, y surtida escasa
con sino una única Estrella'

el optaría por algo menos estremo como

‘la noche era ancha (o vasta) y apenas amueblada
con una única Estrella'

que, segundo el, nom traizoaría en esencia o orixinal e si é perfectamente posíbel na lingua castelá.

en canto a José Luis Rey, Ángel Rupérez menciona que as súas eleccións xiran en torno a tres eixos:

1/ acostuma preferir encher os 'ocos' de Dickinson, explicitando, engadindo, explicando. comparemos posibilidades:

una noche -en medio yacen días- ...

sucumbe á tentación máis difícil de evitar: apuntalar ese descolgado e solitario substantivo (a concisión de Dickinson) ...

en medio de una noche, yacen días ...

2/ acostuma suprimir alí onde o estilo Dickinson repite algún elemento -unha conxunción, un substantivo ...-. pero ao evitar as repeticións erradícase tamén a estrañeza. Rey traduce ...

¿Qué les importa a los Muertos el Gallo?
¿Qué les importa el Día?

cando o orixinal repite 'muertos' tamén no segundo verso.

3/ en canto ao xénero, acata a conformación gramatical da lingua castelá, pero -iso si- subliñando a referencia feminina cando se trata de sinalar a voz que fala nos poemas. quen escribe é muller, logo os poemas teñen unha voz feminina.

Ángel Rupérez remata o seu breve informe dicindo que polo resto, fronte a vellas tendencias 'allanadoras', ambas traducións respectan as xa coñecidas rarezas de Emily Dickinson: os guións, o gran número de maiúsculas, a ausencia de puntuación, …

o volume da editora Sabina ten a vantaxe de enumerar os poemas seguindo as dúas edicións canónicas, a de Franklin (seguida por Mañeru e Rivera) e a de Johnson (seguida por Rey), por iso as numeracións dos poemas nom coinciden entre as dúas traducións e, en ocasións, hai diferenzas textuais considerábeis nalgúns dos poemas recollidos nelas.

adaptación feita por @xindiriz

sábado, 8 de decembro de 2018

Eugene Nida, ama ao Sr con todo o teu fígado

Eugene Nida
durante unha conferencia
Vic, Catalunya, 1996
wikipedia.es

a tradución ten oscilado sempre entre a literalidade e a interpretación ad sensum, segundo o seu sentido. os textos relixiosos case sempre se teñen traducido ad verbum, pois, por definición, a 'palabra de Deus' nom pode someterse a interpretación. Tyndale, Dolet, Encinas e moitos outros pagaron coa vida a ousadía de traducir os textos bíblicos de xeito que se entenderan.

desde mediados do XX tense producido unha verdadeira revolución, pois nom só nom se queima a ninguén por traducir a Biblia, senón tampouco por facelo de xeito que o vulgo poida entender o seu discurso (inda que nom os seus arcanos). centos e ata miles de millóns de habitantes do planeta poden ler hoxe ese libro na súa propia lingua, inda que ignoren que é, en gran parte, grazas ao empeño dun home do que seguramente nunca oíron falar, Eugene Nida (Oklahoma, 1914 - Madrid, 2011).

formado en linguas clásicas, teoloxía e lingüística e ordenado sacerdote baptista, pronto se cuestionou por que, se o Novo Testamento se escribiu en koiné, a lingua común grega, a súa versión nas linguas contemporáneas se envolvía nunha linguaxe rancia, huera e a miúdo inintelixíbel.

estivo a cargo das traducións da Bible Society of America, durante medio século e formou a tradutores nativos de case 200 linguas, sobre todo do III Mundo, para ofrecer traducións adaptadas ás súas culturas.

entrelazando disciplinas (lingüística, sociosemiótica, antropoloxía, lexicoloxía, teoría da comunicación), Nida establece o principio da 'equivalencia dinámica (ou funcional)', é dicir, o equilibrio entre a comprensión do contexto do orixinal e o seu correlato na lingua traducida, tendo sempre en conta os parámetros culturais do lector.

segundo este principio, a tradución correcta nalgunhas linguas africanas de 'ama ao Sr con todo o teu corazón' sería 'ama ao Sr con todo o teu fígado', xa que os seus falantes sitúan neste órgano a sé dos sentimentos. para algúns fundamentalistas isto é anatema e teñen tachado a Nida ata de herexe.

a puxanza das teorías de Nida e o seu intenso labor de campo nom só beneficiaron as linguas indíxenas ou minoritarias, algunhas das cales se alfabetizaron ou puideron forxar certas identidades (como o fenómeno da teoloxía da liberación), senón que marcaron tamén a tradución da Good News Bible (1976), realizada en inglés para lectores nom nativos, que ten superado os 200 millóns de exemplares.

propiciou a edición dos textos hebreo e grego de ambos Testamentos (publicados polas Sociedades Bíblicas Unidas), inigualábeis polas súas exhaustivas exexeses e imprescindíbeis hoxe para calquera tradutor da Biblia. como é o dicionario bíblico semántico que deseñou co mesmo fin.

durante medio século visitou 80 países, impartindo conferencias e seminarios, escribiu 40 libros (entre eles obras capitais como towards a Science of Translating e, con Charles Taber, the Theory and Practice of Translation) e numerosos artigos, sempre nun estilo claro, simple e conciso. fundou dúas revistas, Practical Anthropology e the Bible Translator.

pronto se viu que a súa idea de tradución era aplicábel a calquera tipo de textos e por iso foi adaptada de mil maneiras. pero por encima de todas as teorías da tradución destaca a súa, inconfundíbel e clara.

escribiu que 'aos mellores tradutores sóbranlle todas as teorías'. para el a tradución nom era unha teoría, mais si oficio, artesanía. contaba que, cando o seu equipo estaba a traducir a Biblia en Xapón, preguntáronlle: 'e se agora se entende, que farán os predicadores?'.

era un gran pensador da tradución mais tamén un home moi xeneroso, bondadoso, sinxelo, cortés, que cultivaba rosas no seu xardín e amizades por onde ía. falaba castelán, que aprendeu en México, e outra media ducia de linguas. morreu horas antes de recibir as probas do seu último libro.

tradución e adaptación por @xindiriz
texto orixinal publicado por POLLUX HERNÚÑEZ en el país, 2011

xoves, 20 de agosto de 2015

diario de tradución: Ramón Buenaventura sobre Jonathan Franzen

Ramón Buenaventura
ciertadistancia.blogspot.com
é costume editorial equiparar ao tradutor co traidor. Non tanto pola raíz (latina: traduttore, traditore) como polas derivacións dunha profesión ás veces infausta. Sábeo ben o tradutor, poeta e novelista Ramón Buenaventura (Tánxer, 1940), a quen a editorial Seix-Barral confiou en 2002 a versión en castelán de The Corrections de Jonathan Franzen. Conta o escritor español que nun primeiro momento rexeitou o encargo, ao tratarse dunha obra demasiado extensa (unhas 600 páxinas) e sobre todo non dispor de tempo abondo para acometer a tarefa con seriedade.

o final da historia é coñecido e figura na páxina legal do bestseller: Buenaventura claudicou ante a insistencia e terminou por aceptar o reto. Non polos eloxios da crítica estranxeira á gran novela americana do s. XXI nin polos millóns de exemplares que avalaban daquela o último boom literario, senón por pura amizade. 'A editorial atopou a maneira de convencerme - explica o autor no 'diario de tradución' que aparece publicado no Centro Virtual Cervantes -. Neste mundo traidor e desleal non hai argumento máis resolutorio que a amizade'.

Buenaventura comprometeuse a telo listo no prazo de seis meses sen ter lido o orixinal en inglés, e xa na primeira frase do libro ('locura de un frente frío de la pradera otoñal, mientras va pasando') pudo albiscar a lea na que se metera. 'Axiña me decatei de que The Corrections me obrigaría a efectuar centos de consultas, porque era un libro exótico, un libro no que se describe unha sociedade americana que apenas concibimos en Europa e nun entorno repleto de detalles que estamos fartos de ver no cinema, pero que non temos costume de describir con palabras, ou que nos reclama o uso de temos inexistentes na nosa cultura'.

manexou neses días un ducia de dicionarios especializados (gastronomía, golf, finanzas, medicina, música, náutica, ...) para atopar a palabra precisa para a máis delirante variedade de expresións e xiros lingüísticos que caracterizan o estilo decimonónico de Franzen. 'O orixinal cubre unha gama de intereses e coñecementos verdadeiramente ampla e ben investigada polo autor'. Se non se puxo en contacto con Franzen para aclarar as dúbidas que lle ían xurdindo foi por decoro profesional. 'Nunca xamais preguntei nada a ningún autor, nin sequera a Anthony Burgess, con quen cheguei a ter confianza e cuxos textos me formularon, ás veces, dificultades de louquear.'

lembra Buenaventura que, a falta de cen páxinas para rematar o traballo, a editora española envioulle copia das respostas que Franzen lle fora dando ás consultas dos tradutores do libro noutras linguas. 'Eran cerca de 600 dúbidas, que o autor resolvía con paciencia e unha prolixidade verdadeiramente asombrosas'. O momento crítico chegou cando Seix-Barral mandou a Franzen as primeiras cento e pico páxinas traducidas ao castelán. 'A resposta do autor superou con creces as peores predicións que calquera Casandra tivera podido facer', conta Buenaventura. 'Houbo que perder o tempo en necidades como convencer ao autor de que en castelán non é un erro sintáctico poñer un adxectivo diante dun nome'.

Buenaventura só puido resignarse. Firmara unha cláusula de aprobación e non tiña máis remedio que aguantar o tirón e obedecer os designios literarios do autor, por desatinados que estes puideran resultarlle. Ao parecer, Franzen estaba empeñado en non engadir ningunha información que non estivera contemplada no orixinal en inglés. 'PA non podía ser Pensilvania, nin se admitía explicación para ningunha sigla. Prohibido revelar en dúas palabras para que serve un medicamento que vai a tomarse un personaxe e que ninguén en España coñece. Prohibido aclarar ningunha referencia histórica 100% norteamericana totalmente indescifrable en Europa.'

content.time.com
ten dereito o autor - pregúntase Buenaventura no seu 'Diario' - a inmiscirse tanto no traballo dun tradutor? A súa resposta ten a ver con dous factores fundamentais: a distancia cultural existente entre o emisor e o receptor do texto e o coñecemento do autor do país ao que vai dirixido o seu libro. Neste punto, Buenaventura, é contundente. 'Nadie quererá discutirme que o señor Franzen é un deses escritores norteamericanos que ignora todo sobre Europa, ata extremos que sería divertido demostrar se o meu propósito fose unha análise do libro e non unha crónica da súa tradución.'

en The Corrections, Franzen fala con sumo rigor de asuntos tan dispares e disparatados como a botánica, a mercadotecnia, os automóbiles ou as froitas tropicais. E faino usando constantemente neoloxismos, combinando campos semánticos, fusionando palabras e afondando en termos (unhas veces xurídicos, outras sexuais) que non están ben tipificados en castelán. Buenaventura dedicou semanas a resolver xogos de palabras nun libro que quere ser incorrecto, publicado a mesma semana do ataque ás Torres Xemelgas e que, xunto a Freedom, lle valeu a Franzen a portada da revista Time en 2010. 'Supoño que en obras tan longas como esta, todo tradutor acaba incorrendo na desesperación. Cando un leva semanas co texto e inda lle quedan duascentas ou trescentas páxinas por diante, a tarefa semella infinita, como se fose un a pasar o resto da vida traducindo The Corrections de don Jonathan Franzen. E, francamente, hai outras cousas neste val de bágoas, non si?'.

ao final, o encargo rematouse dentro do prazo (a pesar de que Buenaventura foi o último dos tradutores en recibir as galeradas) e o libro foi celebrado en España co mesmo entusiasmo que no seu país de procedencia. Poucos lembraron a Buenaventura nas súas críticas, inda gabando moitas delas a extraordinaria riqueza do vocabulario do libro. Claro que o traduttore se despacha a gusto no seu 'Diario ...' expresando a opinión que a el, particularmente, lle merece The Corrections: 'non vale un tiesto foradado, que diría Gonzalo de Berceo.'

texto orixinal en castelán
autor BENJAMÍN G. ROSADO
publicado en elmundo, 20.agosto.2015