Amosando publicacións coa etiqueta Saleta Fernández. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Saleta Fernández. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de xaneiro de 2022

Iria Taibo, presidenta da agpti: 'moita xente nom é consciente que no seu día a día lle pasan por diante moitas traducións'.

agpti (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) fundouse en 2001 co obxectivo de 'defender os dereitos dos e das profesionais da tradución e da interpretación na GZ'. agora a entidade conta con 121 asociadas, das que un cento son membros profesionais e unha vintena son persoas tituladas. sobre a evolución da profesión, Iria Taibo explica que 'a creación da Facultade de Tradución e Interpretación marca un antes e un despois, agora hai unha formación específica da xente que se dedica a isto de modo profesional'. entre esas profesionais tamén están as tres socias fundadoras: Saleta Fernández, María Reimóndez e Lara Santos (na imaxe desde a esquerda, nun evento no Culturgal 2016), que desde a última asemblea da agpti son, ademais, socias de honra da entidade.

agpti levou a cabo unha asemblea ordinaria e outra extraordinaria, con motivo do seu vixésimo aniversario e, para alén de facer balance da situación, organizar o programa de actividades para 2021.

as xuntanzas tiveron que ser virtuais debido ás restricións sanitarias causadas pola Covid-19, 'que nos condiciona e nos leva a reforzar as reivindicacións laborais', explica Iria Taibo, presidenta de agpti. refírese especificamente á preocupación da entidade polas cuestións vencelladas coa interpretación e o Xacobeo 2021, 'xa que temos algunha queixa porque se están a organizar actos nos que pasan dúas cousas que nos parecen graves; unha delas é que nom están a respectar as condicións de traballo comunmente aceptadas', detalla Iria Taibo en referencia ao número de horas de traballo consecutivas de cada intérprete e ao número de persoas que integran cada proxecto.

mais a situación da lingua nos eventos do Xacobeo tamén preocupa, xa que 'a consecuencia engadida [da situación sanitaria] é que entren en xogo as grandes empresas a ofertar servizos e se esquezan as intérpretes galegas'. algo que segundo Taibo 'xa está a pasar en cuestións que teñen que ver coa Administración e nas que o galego na práctica está a desaparecer, ao facerse todo a través dunha plataforma facilítase que sexa doutro modo, cando antes o máis habitual era que fosen intérpretes galegas', alerta.

agpti busca encontros e xuntanzas coa Administración mentres deseña 'un plan de actuación en varías vías, tamén de denuncia pública', porque 'débense protexer e respectar os dereitos das traballadoras, tanto no ámbito da interpretación como no da tradución', conta Iria Taibo. no eido da interpretación a cuestión da visibilización do traballo é unha reivindicación histórica das profesionais, 'aínda que moitas veces do que se trata é de que nom se nos vexa, de que o servizo funcione sen máis, mais si que nos preocupa o respecto polas condicións de traballo', sinala a presidenta.

'a nosa preocupación é o feito de que se traballe en remoto nom pode implicar que a profesional teña que ocuparse da parte técnica. é moi importante respectar o número de horas de traballo, mais co tema das plataformas dixitais asúmese que hai que facer unha proba antes para ver que todo funciona ben, pero a intérprete entón ten que ter dispoñibilidade'. Taibo recalca que son 'detalles que poden parecer insignificantes' pero que redundan na calidade do traballo. 'son cousas que no sector se dan por supostas e nun traballo presencial é moi raro que se incumpran, mais no dixital xa nom é así'. nesa liña, a presidenta de agpti lembra que o de intérprete é un traballo 'cognitivamente moi intenso e en remoto inda máis'.

Taibo insiste en que o traballo dos e das tradutoras nom se cingue, unicamente, á tradución editorial, senón que ela mesma vive da súa profesión sen apenas traballo editorial. 'esta é unha campaña de visibilización que sempre temos que facer porque moita xente nom é consciente que no seu día a día lle pasan por diante moitas traducións'. instrucións de equipamentos electrónicos, páxinas web, folletos, contratos, manuais de empresa ... son algúns dos traballos que realizan estas profesionais e neles 'a Administración tamén ten un papel importante'.

'formamos parte do Consello Asesor do Libro, e moitas veces, coma outras entidades, lamentamos que só sirva a nivel informativo, mais nom escoita verdadeiramente as demandas do sector', denuncia Taibo. 'acabamos de negociar as ordes de axuda para a tradución e hai cambios na forma cos que nom estamos de acordo'. refírese Iria Taibo a que as axudas 'recíbenas as editoriais sen a necesidade de entregar o currículo das persoas que fan a tradución, iso parécenos estraño'. agpti tamén reivindica que se puntúe de modo diferente se a tradución dunha obra se fai desde a lingua orixinal ao galego ou a través dunha lingua ponte.

artigo orixinal asinado por ANA TRIÑÁNS e publicado polo Nós Diario o 28abr2021, páxina 27

domingo, 15 de marzo de 2020

Stefan Zweig, cara a e cara b

Stefan y Lotte Zweig | Acervo CSZ, Universidad de Salford
Stefan Zweig suicidouse o 22 de febreiro de 1942 en Petrópolis. inxeriu unha forte dose de veronal xunto á súa segunda muller, Lotte Altmann. ela estaba enferma, con escasa posibilidade de cura e el, con sesenta anos, deprimido e canso de deambular de país en país, sen fogar, privado da súa fabulosa biblioteca persoal e sen acougo para poder traballar.

en 1942 Hitler semellaba invencíbel e Zweig nom quería seguir vivindo coa perspectiva de que o seu vello mundo de cultura e liberdade se derrubara arrastrando con el o humanismo dos 'bos' europeos, aquelas ideas que os nazis masacraban.

Zweig era un supervendas con obras traducidas a máis de 50 idiomas diferentes. desde 1925 ningún autor vendía tantos libros coma el, nim sequera Thomas Mann. triunfara entre o público culto da época con ensaios biográficos sobre algúns dos seus autores predilectos: Nietzsche, Hölderlin, Dostoyevski ... o mesmo que coas biografías de Fouché, María Antonieta ou María Estuardo.

nom aportaba datos históricos novos pero era capaz de transmitir sentimentos, descubrir as paixóns e os arrebatos dentro de cada personalidade, así como os xiros inusitados do destino que transforman as vidas. ninguén antes ca el reflectiu con tanto detalle as perplexidades do corazón, os trastornos da ánima dos creadores ou dos personaxes políticos.

ademais de biógrafo foi tamén poeta e tradutor, iniciándose nestas tarefas durante a súa acomodada xuventude na Viena dos Habsburgo; coñeceu e admirou a grandes escritores e namorouse da literatura francesa, sobre todo de Balzac. tamén tiña devoción por Chejov e Tolstoi, rusos que probabelmente leu en francés.

cedo comezou a escribir relatos e novelas cun estilo propio, áxil, e conciso; novelas que trataban do interior do ser humano, que el consideraba máis ilimitado e enigmático. exploraba as paixóns dos seus coetáneos de igual xeito que escribía as súas biografías. sabía describir ben as paixóns dos seus personaxes femininos, esposas seducidas ou tentadas pola aventura cun descoñecido, mozas cheas de anhelos inconfesábeis, ...

na súa vida privada tiña éxito coas mulleres, rompía algún corazón que outro inda que nunca desprezaba nim era misóxino á maneira dun Arthur Schnitzler. estaba máis próximo ao feliz afeccionado aos praceres da vida que foi Casanova, de quen tamén trazou unha biografía.

das súas novelas dúas foron traducidas á lingua galega, a impaciencia do corazón (1939, traducida por Rosa María Gómez Pato e publicada pola editora 'Hugin e Munin' en 2018), e novela de xadrez, dobremente traducida ao galego, por Patricia Buxán e Saleta Fernández, en 2004 para 'Ir Indo' e en 2018 para 'Irmás Cartoné' respectivamente.

poucos meses antes de morrer, illado en Petrópolis, sen libros que consultar para terminar o seu gran estudo sobre Balzac, lía os ensaios de Montaigne e mataba o tempo xogando xadrez con Lotte. moi produtivo a pesar do seu pesimismo xa que inda xusto antes do fin escribiu o mundo de onte, e novela de xadrez.

este último é un relato considerado perfecto por moitos críticos. nel mostra a súa sutil repulsa do nazismo. un campión mundial de xadrez, romo e de ideas fixas, perde unha partida contra un misterioso personaxe, Dr B, un home culto machucado pola Gestapo que soubo conservar a súa integridade e liberdade interiores cando ao seu redor se derrubaba o mundo, como Erasmo, figura tan querida por Zweig, heroe do seu propio tempo.

FONTES:
Luis Fernando MORENO CLAROS, la vertiginosa épica del sentimiento
Braulio GARCÍA JAÉN, la mentira de Stephan Zweig, retrato de una omisión histórica

cando se inicia a IGM miles de civís son executados nas proximidades das liñas de combate, pola mera sospeita de ser espías. Zweig, xa coñecido por entón, escribía no seu diario, 'hai que cauterizar co ferro ao roxo o lixo que supura'. iso escribía o 'bo' europeo, como lle chamou Roman Rolland, un escritor francés e amigo seu, a quen Zweig tranquilizaba por carta sobre a firmeza do seu pacifismo.

a finais de 1914, dedicábase a 'peitear aos heroes', que é como os privilexiados membros do Grupo Literario do Arquivo de Guerra, creado ao efecto, denominaban a súa tarefa de propaganda. chegaban os informes dos oficiais propondo condecorar a algún soldado, e eles, os escritores, adornábanos para 'atrapar a atención do lector', segundo un alto mando.

de 9 a 15 horas, o estilo de Zweig estaba ao servizo da máquina de picar carne; 'tres historias diarias' era a frase que o resumía todo. polas tardes reuníase con outros escritores no Café Imperial, a ler os xornais, tamén acicalados polo Grupo de Prensa.

algo máis dun século despois a súa obra edítase no estado español cunha regularidade industrial: máis dun título ao mes desde 2014 a 2019 (base de datos do Ministerio). a súa autobiografía, o mundo de onte, véndese a 27€ e leva 26 edicións. sen embargo, as páxinas dedicadas á súa febre nacionalista e os seus exercicios bélicos nom 'existen'. el, directamente, nunca escribiu sobre o iso o resto da súa vida. vergoña ou omisión dun esteta?

a pregunta é interesante polas mesmas razóns que a súa aura nom para de medrar. co nacionalismo outra vez en auxe e a sombra dos anos trinta presente e alimentada por moitos, 'os forxadores da conciencia europea', Zweig sería un, son máis necesarios que nunca.

'os que cremos na liberdade debemos recoñecer onde están as feblezas dos nosos mestres. pero tamén debemos recoñecer que logo da a vida polos seus ideais, que son os ideais do vello liberalismo europeo', explica Mauricio Wisenthal, quen na súa xuventude puido coñecer algúns amigos do escritor e cuxa primeira esposa, Friderike, lle dedicou un libriño que inda conserva.

'retocaba algunhas cousas para aparecer baixo unha luz mellor', segundo Adan Kovacsis, tamén tradutor e autor de guerra e linguaxe (Acantilado) onde analiza o papel dese grupo de escritores ao servizo da causa. 'hai algo mentireiro niso, mais nom lle resta mérito ao que logo escribiu'.

Kovacsis é tradutor, entre outros, de Karl Kraus, contemporáneo de Zweig e quizás a voz que con máis se opuxo á guerra. Kraus foi máis duro que o seu tradutor ao castelán, 'Kraus criticaba que os escritores ían ao arquivo para zafarse e nom servir no exército, e ao mesmo tempo dedicábanse a escribir propaganda para mandar a outros ás liñas de combate'.

pero é difícil saber ata que punto os escritos de Zweig se contaxiaron daquel súbito entusiasmo bélico das principais capitais europeas a partir de agosto de 1914. en parte porque moitos dos seus textos nom se asinaban, tanto os do Arquivo da Guerra como os artigos que enviaba a Neue Freie Presse, e en parte porque o propio Zweig, con seu silencio posterior, e os editores das súas obras completas, expurgadas, encargáronse de borrar as trazas. sem embargo, quedan os seus diarios e a vergoña dos seus lectores.

Acantilado publicou en 2016 unha biografía de Kafka escrita po Reiner Stach. nela consta que o 2 de agosto de 2014, Kafka anotou no seu diario, 'Alemaña declara a guerra a Rusia. pola tarde, escola de natación'. as anotacións de Zweig, nom obstante, eran máis comprometidas. e, lidas hoxe, comprometedoras. 'Liexa asaltada: primeiro en van, logo con éxito polos alemáns, unha acción heroica', escribe Zweig o 7 de agosto.

cando os alemáns apresan a miles de franceses en Metz, anota: 'cun valor único, un séntese orgulloso de falar alemán'. os serbios son 'hordas'; pola conta, afundir tres cruceiros ingleses con 2000 militares a bordo 'un acto heroico de cautela e ousadía'. a censura fai estragos pero el celebra as cifras oficiais: 'vivir este día ten sido en verdade fermoso, alégrome xa pensando en mañá, fálase de cen mil prisioneiros'. os civís executados son o merecido correctivo ao 'lixo que supura'.

escritores pasaron moitos polo Arquivo da Guerra mais, incluso unha vez dentro daquel cuartel amarelo por fóra e branco por dentro situado na Stiefgasse, houbo quen se resistiu ou foi incapaz de escribir propaganda. como Rilke, que acabou separado do grupo subliñando, literalmente, balances e listaxes con nomes de soldados.

Kraus nunca lle perdoou a Zweig a súa ambivalencia. anos despois, nun artigo onde destripaba o preciosismo verbal de Zweig, describíao como 'un dos falabarato máis representativos da cultura europea'.

Edward Timms, que leu os diarios de Zweig antes de publicar unha biografía de Kraus, considerou que tamén reflectían que no fondo 'se sentiu horrorizado ante a guerra' pero critica a súa falta de valentía. 'Zweig era un pacifista que carecía da carraxe para manter as súas propias conviccións', escribiu Timms en Karl Kraus, satírico apocalíptico: cultura e catástrofe na Viena dos Habsburgo (La Balsa de la Medusa, 1986).

'a totalidade dos seus escritos propagandísticos foi camuflada polos editores das súas obra completas' segundo Timss e os diarios nom se editan en España, nim tampouco a súa correspondencia con Romain Rolland.

pero o caso é que a influencia de Zweig é tan global que xa serve para unha cousa e a contraria, para o cosmopolitismo progresista de a morte da verdade, de Michiko Katutani, mais tamén para o mal disimulado nacionalismo do columnista conservador Douglas Murray en The Strange Death of Europe, onde a que se suicida directamente é Europa, oportunamente empurrada pola tríada de inmigración, identidade, Islam, que serve de subtítulo ao libro.

@xindiriz