Amosando publicacións coa etiqueta proxecto mal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta proxecto mal. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de outubro de 2013

Zizek e a máscara do mal

falandonisso-blog.blogspot.com
polo tanto, e parafraseando a Weil, na modernidade, ‘os desexos limitados en harmonía co mundo’ son a fonte definitiva da nosa oportunista postura anti-ética, sosteñen a inercia do egoísmo e a procura do pracer, mentres que o noso contacto co ben está sostido polos ‘desexos que conteñen o infinito’, que loita polo absoluto. Isto ocasiona unha ambigüidade irreducible: a fonte do ben é unha enerxía que fai anacos as coordinadas da nosa existencia finita, un poder destrutivo que, desde o punto de vista da nosa forma de vida estable e limitada, non pode aparecer doutro xeito que como mal.

o mesmo vale para a relación entre mortalidade e inmortalidade. Segundo o convencionalismo ideolóxico tradicional, a inmortalidade está vinculada ao ben e a mortalidade ao mal: o que nos fai bos é a conciencia da inmortalidade (de Deus, da nosa ánima, da sublime loita ética …) mentres que a raíz do mal é a resignación á nosa mortalidade (morreremos todos e por iso non importa realmente, simplemente pilla o que poidas, satisfai os teus antollos máis escuros …). E que pasaría, sen embargo, se un lle da a volta a este convencionalismo e inviste na hipótese de que a inmortalidade primordial é a do mal: o mal é algo que ameaza con volver por sempre, unha dimensión espectral que sobrevive maxicamente a súa annihilación física e continúa a aparecérsenos. Esta é a razón pola que a vitoria do ben sobre o mal é a habilidade de morrer, de recobrar a inocencia da natureza, atopar paz en desfacerse da infinitude obscena do mal. Evoquemos a escena clásica das vellas películas de medo: cando un home posuído por algunha forza maligna –esta posesión sinalada por unha desfiguración friki do corpo– é liberado do espectro non-morto que o colonizou, recobra a beleza serena da súa forma cotiá e morre en paz. Esta é a razón pola que Cristo ten que morrer – os deus pagáns que non poden morrer son personificacións do mal obsceno. O ben contra o mal non é o espírito contra a natureza: o mal primordial é o propio espírito co descarrilamento violento da natureza.

a conclusión a extraer diso é que o ben propiamente humano, o ben elevado sobre o ben natural, o ben espiritual infinito, é, finalmente, a máscara do mal.

texto traducido e deturpado por @xindiriz
Slavoj Zizek, Violence: Six Sideways Reflections (2009), pp. 55-56

luns, 14 de xaneiro de 2013

macbeth e as bruxas no seu contexto

ilustración de Banquo e Macbeth coas tres "irmás",
século XVII
hai uns vinte anos argumentei de xeito bastante aventureiro que as bruxas eran as verdadeiras heroínas de Macbeth; unha opinión que inda hoxe defendería, por moito que, posiblemente, tivera deixado perplexo ao propio autor da obra.

a que probas me remito para tan perversa afirmación? As tres bruxas da obra son hostís ao violento e xerárquico orde social da Escocia de Macbeth e sementan nel un vórtice imprevisible. Son exiliadas dese réxime – obsesionado polo status – e viven na súa propia comunidade fraterno – feminina, situada nas escuras fronteiras. Non teñen trato coa orde social establecida de rivalidades masculinas e honores militares, salvo para estragalo en todo o posible. Mentres os personaxes varóns principais da obra están resoltos a enfrontarse se é preciso para ascender e protexer o seu status, elas representan unha especie de fluidez (desaparecen e volven a materializarse) que mina identidades ben fundamentadas. Pola súa condición de “imperfectas oradoras,” que comercian con adiviñas traizoeiras, personalizan un ámbito de non significación e de xogos de palabras poéticos situado nos límites externos da ortodoxia. A medida que se desenvolve a acción dramática, as adiviñas e os “dobres sentidos” cos que “se burlan de nós” acaban infiltrándose na propia orde social, na que xeran ambigüidade, causan estragos e fan incluso que dous patriarcas da realeza acaben mal. As irmás dinlle a Macbeth, por exemplo, que non lle dará morte ninguén “que teña nacido de muller”. Ao final, é asasinado por un home nado nun parto por cesárea.

neste sentido, estas vellas e peludas feiticeiras representan o que poderiamos arriscarnos a denominar como o inconsciente da obra: o lugar onde os significados esvaran e se enredan. Na súa presenza, disólvense as definicións claras e subvértense as contraposicións: o bo é malo e o malo é bo, nada é outra cousa que o que non é. As tres misteriosas irmás son andróxinas (son mulleres barbudas) e singulares e plurais ao mesmo tempo (son tres nunha). Con isto baten directamente contra a raíz mesma de toda estabilidade social e sexual. Son unhas separatistas radicais que desprezan o poder masculino e nos descobren o son oco e a furia que aniña no corazón de dito poder. Son devotas dunha especie de culto feminino e a súas palabras e os seus corpos ridiculizan a rigorosidade dos límites e o carácter fixo das identidades. Non cabe dúbida, en definitiva, de que estas vellas harpías detestables teñen estado lendo toda a teoría feminista máis recente saída de París.

agora ben, o meu entusiasmo de antano por estas vellas adiviñas de dedos longos precisa hoxe unha importante matización. A negatividade das bruxas, que terxiversan definicións e cometen “un acto sen nome”, supón certamente unha ameaza para unha orde social ríxida como a da Escocia de Macbeth. Pero é tamén unha ameaza para calquera outra orden social concibible. Estas desdentadas e vellas lanzadoras de maleficios son inimigas da sociedade política como tal. A súa negatividade considera aborrecible a propia existencia positiva, e non só a existencia positiva dos nobres escoceses manchados de sangue. De aí que non poidan proporcionar alternativa política algunha a eses homes de armas asasinos. No fondo, obteñen un obsceno deleite da desmembración da vida creada: non en vano lanzan vísceras envelenadas, un dedo de bebé, un ollo de tritón, unha lingua de can e unha pata de lagarto ao beberaxe repugnante que ferve no caldeiro.

non é casual que as propias bruxas estean “desanimalizadas”. Non semellan estar constrinxidas polos seus corpos, pois aparecen e desaparecen a vontade. Neste aspecto (a súa existencia non corpórea) remedan a figura do “bufón” shakesperiano, quen tamén é unha especie de camaleónico transfigurador de formas e tamén pronuncia unha especie de verdade á súa maneira: en clave de enigmas e adiviñas. Pero a incorporeidade, como lle sucede ao Ariel de A Tempestade, ten os seus pros e contras. Supón, como moito, unha forma negativa de liberdade. Ariel evapórase en canto recibe a súa liberdade. É de supor que este desdén polo finito e o material sexa tamén propio das bruxas.

agora ben, precisamente o que confire a estas andróxinas comedoras de serpes o seu carácter revolucionario (o feito de que parezan dispostas a subverter a sociedade política como tal) tamén suxestiona a súa pexa. Poden rexeitar a orde social no seu conxunto porque rexeitan calquera criatura existente. Non é que isto sexa diferente do mundo que habitan, inda que ambas esferas se entrecrucen de cando en vez. Semellante rexeitamento do creado, como temos visto, ten sido tradicionalmente asociado co mal. O repudio xeral do ser significa unha negación non so das xerarquías masculinas, senón tamén da diferenza e da diversidade. Na noite das bruxas de Macbeth, todos os gatos semellan pardos. Hai algo bo neste socavar identidades celosamente protexidas: por conducir os guerreiros aristócratas á súa ruína. Pero tamén algo malo: a fusión indiscriminada de todo con todo e a negación das diferenzas.

o mal asóciase coa lama porque, como esta, é monótono e amorfo. No relato de O estraño caso do Dr Jekyll e Mr Hyde (Robert Louis Stevenson), Jekyll cre que, “con toda esa enerxía vital” súa, o malvado Hyde ten “algo non só de infernal, senón tamén de inorgánico. E isto era o espantoso: que a lama da foxa parecera emitir berros e voces; que o que estaba morto e carecía de forma usurpara as funcións da vida”. O mal ten a uniformidade da merda ou dos corpos nun campo de concentración. É como ese engrudo espeso ao que as tres irmás van engadindo tranquilamente de todo: dende a lingua dun can ata o dedo dun bebé morto ao nacer. Pode que un dos rostros do mal sexa elitista, pero o outro é xustamente o contrario. As cousas creadas son demasiado triviais como para que pague a pena facer distincións entre elas. Tanto os inocentes coma os culpables que aparecen en Macbeth resultan desgarrados polo proceso letal que as bruxas encetan. Aí non hai moito que celebrar.

tamén deberiamos ser escépticos a respecto das irmás noutro sentido. Ao atoparse fóra da sociedade política, carecen de obxectivos ou aspiracións. E esta falta de interese polo mañá reflíctese no feito de que viven nun tempo cíclico, non lineal.

para as bruxas o tempo móvese en círculos, non en liña recta como fai (en van) para Macbeth (“mañá e mañá e mañá …”). O tempo lineal é o medio no que se moven a ambición e o éxito, pero a estas arteiras harpías asociámolas coa danza en círculos, cos ciclos lunares e coa repetición verbal. Tamén dan a volta ao tempo por medio da súa previsión profética. Para elas o futuro xa sucedeu. Pero cando logran inocular en Macbeth a súa negatividade, esta adopta nel a forma dun desexo que se estende interminable cara o porvir. Isto explícase porque os seres humanos, a diferenza das bruxas, viven dentro do tempo. A negatividade convértese nunha especie de “ambición inquieta” que nunca se conformará co presente, senón que debe anulalo continuamente na súa ansia por alcanzar o seguinte logro. Nesta obra cada paso que ese desexo da para consolidarse vaino desenvolvendo un pouco máis alá. Macbeth acaba perseguindo unha identidade que lle proporcione seguridade pero esta resúltalle continuamente esquiva. O desexo anúlanse a si mesmo a medida que avanza. As accións emprendidas para blindar o estatus rexio de Macbeth non fan máis que derrubalo. Así que a nada das bruxas, unha vez se introduce na historia humana, devén puramente destrutiva. Móstrasenos como o baleiro presente no propio corazón do desexo e que o empurra a propósitos inda máis fracasados e infrutuosos. Hai, como temos visto, un tipo de “nada” bo e outro malo, e ben se podería afirmar que os pérfidos espectros desta obra combinan ambos.

por que queren estas harpías de dedos longos abater a Duncan, a Macbeth, a Banquo, á familia de MacDuff e a uns cantos personaxes máis? A obra non aventura unha conxectura. E non da resposta porque non a hai. Os enganos mortais das bruxas carecen por completo de propósito. Non teñen ningún fin concreto en mente, como tampouco o teñen as súas danzas en círculos en torno ao caldeiro. As irmás non se propoñen conseguir nada, pois a idea mesma de logro forma parte desa sociedade que repudian. O logro pertence ao ámbito de medios e fins, causas e efectos, e ese ámbito é alleo a estas feministas que chapuzan na cotra. Son feiticeiras, non estrategos. Buscan destruír a Macbeth non porque sexa home de mal corazón (de feito, non o era ata que se encontraron), senón simplemente porque lles mola.

he aquí unha idea que semella ocupar un lugar central no concepto de mal: non ten (ou non parece ter) propósito práctico algún. O mal é unha total ausencia de obxectivos. Algo tan rutineiro como un obxectivo ou unha finalidade embazaría a súa pureza letal. Nisto remeda a Deus, quen, de existir, non é porque teña motivo algún para facelo. El é a súa propia razón de ser. Tamén creou o universo por simple entretemento e non porque perseguira un obxectivo con elo. O mal rexeita a lóxica da causalidade. Se tivera un fin en perspectiva, estaría internamente dividido, non sería autoidéntico, iría por diante de si mesmo. Pero a nada non pode torarse dese xeito. Por iso non pode existir realmente no tempo, pois o tempo ten que ver coa diferenza, mentres que o mal é aburrido e perpetuamente idéntico. É nese sentido no que se di que o inferno é para toda a eternidade.

tradución dun  fragmento de
Terry Eagleton On Evil (2010), pp. 79-85

domingo, 6 de xaneiro de 2013

macbeth e as bruxas (a1, e3)

           tronos. entran as tres bruxas
primeira bruxa onde estiveches, irmá?
segunda bruxa matando quiros.
terceira bruxa – irmá, ti onde?
primeira bruxa -
  a muller dun mariñeiro tiña castañas no mandil, 
  mastigaba, mastigaba, mastigaba. "dame!" díxenlle: 
  "lisca de aí, bruxa!" roña a gorda sarnosa.
    o home foise a Aleppo ao mando do Tigre:
    pero nun cribo ata alá navegarei
    e, coma rato sen rabo,
    dareille que te dalle dalle. 
segunda bruxa – vento che darei.
primeira bruxa – ben me parece.
terceira bruxa – eu tamén.
primeira bruxa –
  o resto xa o teño eu,
    e os propios portos que tocan
    todos os agochos que saben
    nas cartas do navegante.
    chuchareino como se chucha na palla:
    sono nin noite nin día
    colgará pálpebras sobre faiado
    facendo que o home non viva:
    esgotado sete noites por nove veces nove
    minguará do cumio á desesperanza:
    inda que non poida extraviar a súa cortiza,
    sufrirá as sacudidas da tempestade.
    mirade o que teño.
segunda bruxa – a ver, a ver.
primeira bruxa –
   aquí está o polgar dun piloto,
    náufrago cando á casa volvía.
           son de tambores.
terceira bruxa –
  tambores, tambores! 
  Macbeth achégase.
TODAS –  
  misteriosas irmás, xuntas da man, 
  ás lindes do mar e a terra, 
  así van e xiran, e xiran: 
  tres cara ti, tres cara min 
  e tres de novo, ata facer nove. 
  silenzo! O feitizo está feito.
           entran MACBETH e BANQUO.
MACBETH – día tan fétido e fermoso non teño visto.
BANQUO –
  a que distancia cae Forres? — que son estas 
  tan mirradas e extravagantes na vestimenta, 
  que non semellan habitantes da terra, 
  e, sen embargo, nela están? vivides? ou sodes quen 
  que home vos pregunte? semella que me entendedes, 
  pois cadansúa a un tempo osudos dedos pousa 
  en labres encarquillados: deberiades ser mulleres, 
  e, sen embargo, as barbas impídenme interpretar 
  que iso sexades.
MACBETH – falade, se sodes quen: que sodes?
primeira bruxa – saúde, Macbeth! saúde para ti, Señor de Glamis!
segunda bruxa – saúde, Macbeth, saúde para ti, Señor de Cawdor!
terceira bruxa – saúde, Macbeth, que a Rei chegarás!
BANQUO –
  bo señor, por que vos alterades, e semellades temer 
  cousas que tan fermosas soan? — en nome da verdade, 
  sodes fantasía, ou iso exacto 
  que por fóra mostrades? meu nobre compañeiro 
  saudades con graza evidente e gran predición
    de ter nobreza e esperanza real,
    que semella completamente absorto; a min non me falades.
    se sabedes mirar na semente do tempo,
    e dicir que grao medrará e cal non,
    faládeme entón a min, que nin suplico nin temo
    nin favor nin odio voso.
primeira bruxa – saúde!
segunda bruxa – saúde!
terceira bruxa – saúde!
primeira bruxa – menos ca Macbeth, e máis.
segunda bruxa – non tan feliz, por iso moito máis.
terceira bruxa –
  procrearás reis, inda que ti non o sexas: 
  saudemos todas, a Macbeth e Banquo!
primeira bruxa – a Banquo e Macbeth, saúde!
MACBETH –
  agardade, falantes imperfectas, dicídeme máis: 
  ao morrer Sinel fun Señor de Glamis; 
  pero como de Cawdor? o Señor de Cawdor vive, 
  un cabaleiro próspero; e ser rei 
  ultrapasa toda crenza, 
  non máis que ser Cawdor. dicide de onde
  tirades esta estraña información, ou por que
    neste páramo desolado detedes a nosa marcha
    con saúdo tan profético? falade, ordénovos.
           as bruxas esvaecen.
BANQUO –
  a terra ten burbullas, como a auga, 
  e estas son desa caste. onde desapareceron?
MACBETH –
  no aire; e o que semellaba corpóreo disipouse
    como bafo no vento. se tiveran quedado!
BANQUO –
  estaban esas cousas aquí mentres falabamos? 
  ou tennos virado insensato o celme
    que apresa a razón?
MACBETH – os teus fillos serán reis.
BANQUO – ti serás rei.
MACBETH – e Señor Cawdor tamén: non soaba así?
BANQUO – a ese mesmo refrán. quen anda aí?
           entran ROSS e ANGUS.
ROSS –
  o Rei recibiu con agrado, Macbeth, 
  as novas do teu éxito; e ao ler
    a túa ventura na loita dos rebeldes      
    asombro e parabéns compiten por saber 
  que pertence a ti e a el. así feito calar, 
  considerando o resto do mesmo día, 
  atópate entre as rexas liñas de Noruega, 
  sen que temas o que lograches facer, 
  estrañas imaxes da morte. densas historias 
  traían mensaxe tras mensaxe; e cada un portaba 
  parabéns para ti pola gran defensa do seu reino, 
  e derramábaos aos seus pes.
ANGUS –
                                    envíasenos 
  ofrecerche do noso real señor grazas; 
   e anunciarte na súa presenza, 
  non pagarche.
ROSS – 
  e, como proba dun maior honor, 
  ordenoume, no seu nome, te chame Señor de Cawdor: 
  ao que engado, saúde, valerosísimo Señor! 
   pois o mereces.
BANQUO – que, pode o demo falar a verdade?
MACBETH –
  o Señor de Cawdor vive; por que me invistides 
  con roupas emprestadas?
ANGUS – 
                                   quen o era inda vive; 
  pero sometido a ominoso xuízo conserva a vida 
  que merece perder. se en combinación 
  cos de Noruega, se en apoio da rebelión 
  con axuda e ocultas vantaxes, ou de ambos xeitos 
  traballou pola destrución da súa patria, non o sei; 
  pero a traizón capital, confesa e probada, 
  o ten derrubado.
MACBETH  [aparte.] –
                                   Glamis, e Señor de Cawdor! 
  o mellor está por vir.
           [a ROSS e ANGUS.]
                                         grazas polos vosos esforzos.
           [Aside to BANQUO.]
  non esperas que os teus fillos sexan reis, 
  se as que me deron o Señorío de Cawdor 
  llelo prometeron a eles?
BANQUO  [aparte.] 
                                   se te fías diso
  inda podería conducirte á coroa, 
  ademais do Señorío de Cawdor. mais resulta estraño; 
  e ás veces, para forxar a nosa perdición, 
  os instrumentos da escuridade cóntannos verdades, 
  gáñanos con honestas bagatelas, para traizoarnos 
  con graves consecuencias.—
           [a ROSS e ANGUS.]
  curmáns, prégovos unhas palabras.
MACBETH [aparte.] 
                                   ditas dúas verdades, 
  como prólogos felices da gran representación
  do tema imperial.— 
                                   grazas, cabaleiros.            
           [aparte.]
  esta sedución sobrenatural 
  non pode ser mala, non pode ser boa: se mala, 
  por que me ten dado mostra de éxito
  comezando cunha verdade? son Señor de Cawdor. 
  se boa, por que cedo a esa suxestión 
  cuxa horrible imaxe me desconxunta os cabelos 
  e fai que o corazón me bata contra as costelas, 
  fóra do uso natural? os medos de agora 
  son menores que os horrores da imaxinación: 
  o meu pensar, cuxo crime inda non é máis que fantasía, 
  convulsiona tanto a miña humana condición que a función 
  sufócase coas conxecturas, e nada é 
  senón o que non é.
BANQUO – fixádevos, como o noso compañeiro está absorto.
MACBETH  [aparte.] 
  se as circunstancias me fan rei, ben, que me coroen, 
  sen facer eu nada.
BANQUO –
                                   novos honores recaen nel, 
  e como a roupa nova, non se amoldan 
  senón ao usalos.
MACBETH  [aparte.] 
                                   que sexa o que teña que ser, 
  tempo e momento percorren ata o máis áspero dos días.
BANQUO – valeroso Macbeth, quedamos á vosa disposición.
MACBETH –
  desculpádeme: o meu obtuso cerebro ocupábase 
  con cousas esquecidas. nobres cabaleiros, os vosos esforzos
    están gravados alí onde cada día pasarei
    a folla para lelos. vaiamos onde o rei.
        [aparte a Banquo.]
  reflexiona sobre o acontecido, e, dentro dun tempo,
    téndoo sopesado, falemos
    abertamente un co outro.
BANQUO – de bo grado.
MACBETH – ata entón, abonda.— imos, meus amigos.
           vanse.

capa da edición de GK Hunter, 1967
1 – esta importante escena xunta a tese e a antítese que representarían as dúas primeiras – as irmás engurradas e os soldados sanguentos logo da batalla. Revélanos a natureza de Macbeth e contrástaa coa de Banquo, pero deixa o futuro aberto.

2 – o Tigre saíu de Inglaterra o 5 de decembro de 1604 e regresou logo dunha travesía chea de avatares o 27 de xuño de 1606: 568 días, case as “esgotado sete noite por nove veces nove”.

3 – polo argumento, Macbeth exemplificaría aquilo de “non hai crime sen castigo;” pero ten moito menos que ver co descubrimento do crime que coa revelación do criminal ante si mesmo. A obra desprégase a partir do interese suscitado polo heroe; e o heroe aquí e un criminal; ou mellor, un home obsesionado coas tendencias criminais, tan universais, que describimos co termo de ‘mal’. A obra é unha descuberta ou anatomía do mal. De todas as obras de Shakespeare, Macbeth é a máis obsesivamente relacionada co mal. Outros ‘malos’ tiñan aparecido antes (Aaron, Don John, Shylock, Claudio, Iago, Edmund) pero o mal era apenas unha sombra no medio das raiolas do sol, a carón de Desdémona, Cordelia, Beatriz, Tito ou Otelo. Aquí o mal é, por unha vez e sen dúbida algunha, máis grande, fascinante e efectivo que a pálida representación do ben. Macbeth cae, pero non esencialmente por causa do poder dos seus inimigos. Produce a súa propia destrución; o movemento que sitúa a Malcolm, Macduff e Seyward por riba del é xerado, en primeiro termo, pola súa propia tendencia descendente e só secundariamente polo que eles son quen de facer (tradución mala do inicio da introdución da edición de G.K. Hunter, 1967).

martes, 1 de xaneiro de 2013

Badiou e o mal: unha entrevista

Na filosofía e na teoría psicanalítica volve estar presente a cuestión do mal; ten, por suposto, unha tradición antiga e venerable ao ter fascinado moitos filósofos dende Sócrates e Agostiño e pasando por Leibniz e Kant. Durante boa parte da súa historia, “a cuestión do mal” era de índole teolóxica: se Deus é caritativo e omnipotente, por que permite que haxa mal no mundo? Logo de Kant a filosofía desprendeuse da teoloxía, e, dese xeito, a cuestión do mal foi desaparecendo. Xa non semellaba unha cuestión filosófica, e no seu lugar converteuse nunha cuestión para a psiquiatría, a socioloxía e a bioloxía. Sen embargo, nos últimos anos, un grupo inconexo de filósofos e teóricos, influenciados por Kant e Jacques Lacan, retornou á cuestión do mal. Entre eles Alain Badiou, que en 1993 publicou Ética: un ensaio sobre a comprensión do mal. Esta obra, unha análise, crítica e reformulación do discurso do mal no pensamento contemporáneo, rexeitou tanto as interpretacións teolóxicas do mal coma as científicas (psicolóxica, sociolóxica, …), situando, en cambio, ben e mal na propia estrutura da subxectividade, a axencia e liberdade humanas. Christoph Cox e Molly Whalen entrevistaron a Badiou por email durante xullo e agosto de 2001. O filósofo pediu engadir os parágrafos finais desta entrevista logo dos acontecementos do 11 de setembro.

O seu argumento é que nos discursos filosófico e político actuais, o mal é “auto-evidente,” e que tanto esta “auto-evidencia” como a concepción de “mal” son problemáticas. Cal é “a representación consensuada de mal” e en que está errada?

A idea da auto-evidencia do mal non ten, na nosa sociedade, moita tradición. Data, na miña opinión, de finais dos 60s, ao acabar o gran movemento político desa década. Logo entramos nun período reaccionario, un período que chamo a Restauración. Como sabe, en Francia “Restauración” refírese ao período do retorno de el Rei, en 1815, logo da Revolución e Napoleón. Estamos nun período semellante. Hoxe percibimos o capitalismo liberal e o seu sistema político, o parlamentarismo, como as únicas solucións naturais e aceptables. Toda idea revolucionaria é considerada utópica e, en última instancia, criminal. Faise crer que a expansión global do capitalismo e o que se denomina “democracia” é o anhelo de toda a humanidade. E tamén que todo o mundo desexa a autoridade do Imperio Americano e a súa policía militar, a OTAN.

En realidade, os nosos líderes e propagandistas saben moi ben que o capitalismo liberal é un réxime de desigualdade, inxusto e inaceptable para a maioría da humanidade. E tamén saben que a nosa “democracia” é unha miraxe: onde está o poder da xente? onde o poder político para a xente do terceiro mundo, a clase traballadora en Europa, os pobres do mundo? Vivimos nunha contradición: unha situación brutal, fondamente desigual – onde toda existencia é avaliada unicamente en termos monetarios –preséntasenos coma ideal. Para xustificar o seu conservadurismo, os partidarios da orde establecida en realidade non poden denominalo ideal ou marabilloso. Por iso, no seu lugar, decidiron dicir que o resto é horrible. Seguro que, din, non é posible vivir nunha condición de bondade perfecta. Pero temos sorte de non vivir nunha condición de maldade. A nosa democracia non é perfecta. Pero é mellor que as ditaduras sanguentas. O capitalismo é inxusto. Pero non é criminal como o estalinismo. Permitimos que millóns de africanos morran da sida, pero non facemos declaracións nacionalistas e racistas como fai Milosevic. Matamos iraquíes cos nosos avións, pero non lles cortamos a gorxa con machetes como fan en Ruanda, …

Esa é a razón pola que a idea de mal se ten volto esencial. Ningún intelectual defenderá en realidade o brutal poder dos cartos e o conseguinte desdén político por todos os que non teñen dereito a voto ou polos traballadores manuais, pero moitos concordarán en dicir que o verdadeiro mal reside noutro lado. Quen, en efecto, defendería na actualidade o terror estalinista, os xenocidios africanos, as torturas en Latinoamérica? Ninguén. É aí onde o consenso sobre o mal é decisivo. Baixo o pretexto de non aceptar o mal, acabamos por facer crer que temos, se non o mellor, cando menos a mellor situación posible – inda que non o é tanto. O lema dos “dereitos humanos” non é máis que a ideoloxía do capitalismo liberal moderno: non vos masacraremos, non vos torturaremos en covas, así que estade calados e adorade o becerro de ouro. En canto a aqueles que non queren adoralo, ou que non acreditan na nosa superioridade, sempre estará o exército americano e os seus acólitos para que os fagan acougar.

É de destacar que incluso Churchill dixo que a democracia (é dicir, o réxime do capitalismo liberal) estaba lonxe de ser o mellor dos réximes políticos, senón máis ben o menos malo. A filosofía sempre ten sido crítica coas opinións comunmente consensuadas e do que semella obvio. Acepta o que tes porque todo o resto pertence ao mal é unha idea obvia, que, polo tanto, debería ser inmediatamente revisada e criticada.

A miña opinión persoal é a seguinte: é preciso revisar, en detalle, a teoría contemporánea do mal, a ideoloxía dos dereitos humanos, o concepto de democracia. É necesario mostrar que non hai nada niso que nos leve na dirección da emancipación real da humanidade. É preciso reconstruír os dereitos de verdade e ben na vida diaria e na política. A nosa habilidade por volver ter ideas reais e proxectos reais depende diso.

Afirma que para o capitalismo liberal o mal reside sempre noutro lado, o temido outro, algo que o capitalismo liberal cre que afortunadamente ten desterrado e mantido a raia. Sen embargo, non hai inda na imaxinación contemporánea unha idea poderosa de mal interior (social, psicolóxico, doméstico)? Durante décadas, películas e novelas populares teñen mostrado obsesión coa idea de que o mal axexa dentro (na mente, na casa, na veciñanza). O asunto de Timothy McVeigh nos EEUU semella ter anovado as preocupacións políticas sobre “o mal interior” (dentro de cada un de nós, no corazón dos EEUU). Apenas hai un mes, Andrea Yates, unha nai de Texas, afogou con premeditación os seus cinco fillos, provocando unha discusión nacional sobre se todos somos ou non capaces de semellante atrocidade. No eido filosófico, o novo interese na concepción kantiana de “mal radical” (e a súa reinterpretación lacaniana) semellaría confluír con esta idea do mal interior (máis que exterior, político). En efecto, durante gran parte da historia de occidente, semellaría que o mal ten sido concibido coma “interior,” como algo que moralmente nos axexa a cada un de nós. É por iso que pregunto: ademais da noción de mal “externo” que vostede propón, tamén recoñece esta noción de mal “interior”? É esta idea perenne, ou dinos algo específico sobre o noso momento histórico? Concibe estas dúas nocións de mal (externo e interior) como dalgún xeito conectadas unha coa outra?

Ulf Rahmberg painting nº 21 (side a)
Non hai contradición entre a afirmación que o capitalismo liberal e a democracia son o ben e a afirmación de que o mal é unha posibilidade permanente para calquera individuo. A segunda tese (o mal dentro de cada un de nós) é simplemente o complemento moral e relixioso da primeira tese, que é política (o capitalismo parlamentario como o ben). Hai incluso unha conexión “lóxica” entre as dúas afirmacións; é a seguinte:

1. a historia mostra que o capitalismo liberal democrático é o único réxime que é verdadeiramente humano, que verdadeiramente ten en conta o ben da humanidade.
2. calquera outro réxime político é unha ditadura monstruosa e sanguenta, completamente irracional.
3. proba disto é que todos os réximes políticos que teñen loitado contra o liberalismo e a democracia comparten a mesma cara do mal. Así, o fascismo e o comunismo, que semellaban contrarios, eran en realidade moi semellantes. Eran ambos da familia “totalitaria”, que é o oposto da familia democrático – capitalista.
4. estes réximes monstruosos non son quen de crear un proxecto racional, unha idea de xustiza ou algo parecido. Os que teñen dirixido estes réximes (fascista ou comunista) eran, necesariamente, casos patolóxicos: é necesario estudar a Hitler ou Stalin coa ferramenta da psicoloxía criminal. En canto aos que os apoiaron, e houbo milleiros, estaban alienados pola mística totalitaria. Ao final estaban dirixidos por paixóns malvadas e destrutivas.
5. se milleiros de persoas foron quen de participar en procesos tan ridículos e criminais é, obviamente, porque a posibilidade de ser fascinados polo mal existe en cada un de nós. Esta posibilidade denominarase “odio do Outro.”
A conclusión será, primeiro, que debemos apoiar a democracia liberal en todo o mundo e, segundo, que debemos ensinar aos nosos nenos o imperativo ético do amor ao Outro.

Para min é obvio que esta “maneira de razoar” é simplemente prestidixitación ideolóxica. Primeiro, o capitalismo liberal dista de supor o ben para a humanidade. Máis ben o contrario, é o vehículo do nihilismo salvaxe e destrutivo.

Segundo, as revolucións comunistas do século xx teñen representado esforzos grandiosos por crear un universo histórico e político completamente diferente. A política non é a xestión do poder do estado. A política é, en primeiro termo, a invención e exercicio dunha realidade completamente nova e concreta. A política é a creación de pensamento. O Lenin que escribiu Que se debe facer?, o Trotsky que escribiu Historia de Revolución Rusa, e o Mao Zedong que escribiu Sobre o correcto manexo das contradicións entre o pobo son xenios intelectuais, comparables a Freud ou Einstein. Certamente, as políticas de emancipación, ou de igualdade, non teñen sido quen, ata o momento, de resolver o problema do poder do estado. Teñen exercido un terror que finalmente resulta inútil. Pero iso debería animarnos a retomar o problema onde eles o deixaron, máis que apresurarnos a sumarnos ao inimigo capitalista e imperialista.

Terceiro, a categoría “totalitarismo” é intelectualmente moi feble. No bando comunista hai un desexo universal de emancipación, mentres que no lado fascista un desexo nacional e racial. Son dous proxectos radicalmente opostos. A guerra entre os dous ten sido en efecto a guerra entre a idea dunha política universal e a idea de dominación racial.

Cuarto, o uso do terror en circunstancias revolucionarias ou de guerra civil non quere dicir en absoluto que os líderes e militantes están tolos, ou que expresan a posibilidade dun mal interior. O terror é unha ferramenta política que ten sido usada durante toda a existencia das sociedades humanas. Por conseguinte, debería ser xulgada coma unha ferramenta política, e non sometela a un xuízo moral infantilizante. Ademais dicir que hai diferentes tipos de terror. Os nosos países liberais saben como usalo perfectamente. O colosal exército americano exerce chantaxe terrorista a escala global, e as prisións e execucións exercen unha chantaxe interior non menos violenta.

Quinto, a única teoría coherente do suxeito (a miña, engadiría, en broma!) non lle presupón ningunha predisposición especial cara o mal. Incluso o impulso de morte en Freud non está especialmente asociado ao mal. O impulso de morte é unha compoñente necesaria da sublimación e da creación, do mesmo xeito que son os do asasinato e o suicidio. En canto ao amor polo Outro, ou, peor, “o recoñecemento do Outro,” non son máis concepcións cristiáns. Non hai nunca “o Outro” como tal. Hai proxectos de pensamento, de accións, en base aos que distinguimos entre os que son amigos, os que son inimigos, e os que se poden considerar neutrais. A cuestión de saber como tratar os inimigos ou neutrais depende totalmente de que proxecto se trate, o pensamento que o infunde, e as circunstancias concretas (está o proxecto nunha fase en ascenso? É perigoso?, …).

Tendo en conta o que ten dito, sería de esperar que vostede lle dera a volta á tortilla para defender que, contrariamente á visión imperante, o capitalismo liberal é en si mesmo “o mal”. Pero non fai iso. Ben ao contrario, ofrece unha teoría alternativa de mal.

Se lle dera a volta á tortilla, como suxestiona, deixaría todo como está. Dicir que o capitalismo liberal é o mal non mudaría nada. Igualmente estaría a subordinar a política á moralidade humanística e cristiá: diría: “loitemos contra o mal.” Pero xa teño abondo de “ir á contra,” de “deconstrución,” de “sobrepasar,” de “por fin a,” … A miña filosofía desexa afirmación. Quero loitar por; quero saber que podo aportar ao ben e poñelo a traballar. Rexeito estar satisfeito co “mal menor.” Agora mesmo está de moda ser modesto, non pensar en grande. A grandeza é considerada un mal metafísico. Eu, pola miña banda, estou a favor da grandeza, estou a favor do heroísmo. Estou pola afirmación do pensamento e o feito.

Certamente, é necesario propor outra teoría do mal. Pero iso implica, en esencia, outra teoría do ben. O mal sería negociar a cuestión do ben. Renderse sempre é malvado. Renunciar a políticas libertarias, renunciar a un amor paixón, renunciar á creación artística, … O mal é o momento no que carezo da fortaleza de estar á altura do ben co que estou comprometido.

O que verdadeiramente late baixo a cuestión do mal é o seguinte: que é o ben? Toda a miña filosofía traballa para responder esta pregunta. Por razóns complexas, nomeo o ben como “verdades” (en plural). Unha verdade é un proceso concreto que comeza con ruptura (un encontro, unha revolta xeral, unha invención sorprendentemente nova), e desenvólvese como fidelidade á novidade así experimentada. Unha verdade é o desenvolvemento subxectivo do que é ao mesmo tempo tanto novo como universal. Novo: aquilo que non se prevé na orde da creación. Universal: aquilo que pode interesar, con razón, a cada individuo humano, en relación á súa humanidade pura (que denomino a súa humanidade xenérica). Converterse nun suxeito (e deixar de ser un simple animal humano) é participar na constitución dunha novidade universal. Iso require esforzo, persistencia, ás veces auto-negación. A miúdo digo que é necesario ser “activista” dunha verdade. Hai mal cada vez que o egoísmo conduce cara a renuncia dunha verdade. Entón, un desubxectivízase. O propio interese egoísta arrastra a un, poñendo en risco a interrupción do progreso completo dunha verdade (e en consecuencia do ben).

Polo tanto, o mal pode definirse cunha frase: o mal é a interrupción dunha verdade pola presión de intereses particulares ou individuais. Incluso o caso que cita anteriormente – a muller que afoga os seus cinco fillos – xorde desa visión das cousas. O debate que menciona é absurdo: obviamente, todo o mundo é “capaz” de todo. Tense visto xente boa mudar en torturadores, ou cidadáns pacíficos maltratando xente por cousas triviais. Esta consideración non ten interese. Só nos fai lembrar que a especie humana é unha especie animal, gobernada polos máis baixos intereses, dos cales o lucro capitalista é simplemente a súa formalización legal. Todo o alleo ao ben e o mal non é máis que o imperio dos impulsos. A cuestión do mal comeza cando se pode dicir de que ben se está a falar. Estou convencido de que o asasinato de cinco nenos en realidade está ligado a unha brutal renuncia ao ben, ao xeito dun proceso amoroso. De calquera xeito, é o único caso en que fai sentido falar de maldade. O mito que a un lle ven á cabeza é o de Medea. Tamén mata as súas crianzas. E non é malvado no sentido tráxico do termo porque este crime dependa totalmente do seu amor por Xasón.

Ulf Rahmberg painting nº 21 (side b)
Dende o seu punto de vista, entón, está o ámbito do animal humano simplemente por baixo do ben e o mal (de xeito que as torturas, por exemplo, non se consideran propiamente “malvadas”)? Non hai a obriga moral de mudar en suxeito (en lugar de permanecer un animal humano)? E, mesmamente, non é o fracaso de converterse en suxeito unha pexa moral?

A cuestión en realidade combina dúas concepcións comúns de moralidade (e, polo tanto, iso da distinción entre ben e mal): a concepción “natural”, tirada de Rousseau, e a “formal”, tirada de Kant:

1. hai unha moralidade “natural”, cousas que obviamente son malas en opinión de calquera conciencia humana. Deste xeito, o mal existe para o animal humano. O exemplo tipo sería o da tortura.

2. hai unha moralidade “formal”, unha obriga universal que está por riba de calquera situación particular. E, polo tanto, hai un mal universal que, tamén, é independente das circunstancias. O exemplo tipo é o da obriga de mudar en suxeito, situarse por riba da animalidade humana básica. É malo rexeitar mudar nun suxeito plenamente humano, sexan cales sexan os termos particulares desta muda.

Debo, por suposto, reiterar abertamente que me opoño rotundamente a estas dúas concepcións. Manteño que o estado natural do animal humano non ten nada que ver co ben ou o mal. E manteño que a caste de obriga moral formal descrita polo imperativo categórico de Kant en realidade non existe.

Tomemos por exemplo as torturas. Nunha civilización tan sofisticada como o Imperio Romano, non só non se considera un mal torturar, senón que é apreciado como un espectáculo. Nas areas, a xente é devorada por tigres; é queimada viva; os espectadores gozan vendo combatentes que se cortan a gorxa uns aos outros. Como, entón, se pode considerar que a tortura é malvada para todos os animais humanos? Non somos o mesmo animal que Séneca ou Marco Aurelio? Engadiría que as forzas armadas do meu país, Francia, coa aprobación dos gobernos da época e a maioría da opinión pública, torturou todos os prisioneiros durante a Guerra de Alxeria. O rexeitamento da tortura é un fenómeno histórico e cultural, en absoluto algo natural. De xeito xeral, o animal humano coñece a crueldade así como coñece a compaixón; unha cousa é tan natural como a outra, e ningunha ten nada que ver co ben ou co mal. Coñécense situacións cruciais onde a crueldade é necesaria e útil, e outras onde a compaixón non é máis que un xeito de desprezo polos outros. Non se atopará nada na estrutura do animal humano na que basear o concepto de mal, nin, tampouco, a de ben.

Pero a solución formal tampouco é mellor. En efecto, a obriga de ser un suxeito non significa nada, pola seguinte razón: a posibilidade de mudar en suxeito non depende de nós, senón do que aconteza en circunstancias que sempre son específicas. A distinción entre ben e mal xa implica un suxeito, e por iso non se lle pode aplicar. É sempre para un suxeito, non un animal humano previamente mudado en suxeito, que o mal é posible. Por exemplo, se durante a ocupación de Alemaña polos nazis me uno á resistencia, mudo en suxeito da historia en cernes. Dende dentro desta subxectivización, podo contar o que é o mal (traizoar os meus camaradas, colaborar cos nazis, …). Tamén podo decidir que é o ben a partir das normas habituais. Neste sentido, a escritora Marguerite Duras ten contado como, por razóns vinculadas á resistencia aos nazis, participou en actos de tortura contra os traidores. A completa distinción entre ben e mal xorde dende dentro dun suxeito que se está a constituír, e varía na medida desta constitución (o que eu denomino filosofía, a constitución dunha verdade).

Para resumir: non hai definición natural de mal; sempre é o que, nunha situación concreta, tende a debilitar ou destruír un suxeito. E a concepción de mal depende totalmente dos acontecementos a partir dos que se constitúe o propio suxeito. É o suxeito quen prescribe o que é o mal, non unha idea natural de mal que define o que é un suxeito “moral”. Tampouco hai ningún imperativo formal a partir do que o mal se defina, incluso por oposición. De feito, todos os imperativos contan con que o suxeito do imperativo xa está constituído, e en circunstancias específicas. E por iso non pode haber imperativo algún para mudar en suxeito, excepto como unha afirmación absolutamente vacua. Iso tamén é a razón pola que non hai forma xeral de mal, porque o mal non existe a non ser un xuízo feito por un suxeito nunha situación, e sobre as consecuencias das súas propias accións nesta situación. Por iso, o mesmo acto (matar, por exemplo) pode ser malo nun determinado contexto subxectivo e unha necesidade do ben noutra.

Debo insistir especialmente en que a fórmula “respecto polo Outro” non ten nada que ver con ningunha definición seria de ben ou mal. Que significa “respecto polo Outro” cando se está en guerra contra un inimigo?, cando unha muller te abandona brutalmente por outra persoa?, cando un debe xulgar as obras dun “artista” mediocre?, cando a ciencia se enfronta a sectas escurantistas?, … Moi a miúdo, é o “respecto polos Outros” o inxurioso, o malo. Especialmente cando é resistencia contra outros, ou incluso o odio polos outros o que impulsa unha acción subxectivamente xusta. E é sempre nestas circunstancias (conflitos violentos, cambios brutais, amores paixón, creacións artísticas) que a cuestión do mal pode xurdir para un suxeito. O mal non existe nin como natureza nin como lei. Existe, e varía, na muda de cada quen cara o verdadeiro.

En resposta a unha pregunta anterior, subliñou que “é necesario reconstruír os dereitos na vida diaria e política de verdade e ben.” Pode estenderse máis sobre como a ética das verdades podería mobilizarse en termos prácticos, e como isto podería constituír unha alternativa á concepción actual de “dereitos humanos”?

Tomemos o exemplo máis próximo: o terrible ataque criminal en Nova York en setembro, cos seus miles de vítimas. Se se razoa en termos da moralidade dos dereitos humanos, digamos, como fai o presidente Bush: “Hai criminais terroristas. Esta é unha loita do ben contra o mal.” Pero, son as políticas de Bush, en Palestina ou Iraq por exemplo, realmente boas? E, cando se di que estas persoas son malvadas, ou que non respectan os dereitos humanos, entendemos algo sobre a mentalidade dos que se autoinmolaron coas súas bombas? Non hai moita desesperanza e violencia no mundo causadas polo feito de que a política das potencias occidentais, e do goberno americano en particular, está completamente carente de enxeño e valor? Diante de crimes, crimes terribles, deberiamos pensar e actuar conforme a verdades políticas concretas, e non guiarnos por estereotipos de calquera tipo de moralidade. O mundo enteiro entende que a cuestión real é a seguinte: por que as políticas dos poderes occidentais, da OTAN, de Europa e de EEUU, semellan completamente inxustas para dous de cada tres habitantes do planeta? Por que 5.000 vítimas americanas se consideran casus belli mentres 500.000 mortos en Ruanda e previsiblemente 10.000.000 a causa da SIDA en África, na nosa opinión, non causan indignación? Por que o bombardeo de Baghdad ou Belgrado hoxe, ou o de Hanoi ou Panamá no pasado, é bo? A ética de verdades que propoño procede de situacións concretas, máis que dun dereito abstracto, ou un mal espectacular. O mundo enteiro comprende estas situacións, e o mundo enteiro pode actuar de xeito desinteresado impulsado pola inxustiza destas situacións. O mal en política é doado de percibir: é a desigualdade absoluta a respecto da vida, a riqueza, o poder. O ben é igualdade. Durante canto tempo podemos aceptar o feito de que o que se precisa para auga corrente, escolas, hospitais, e comida abondo para toda a humanidade é unha suma equivalente á cantidade gastada polos países occidentais ricos en perfume cada ano? Isto non é unha cuestión de dereitos humanos e moralidade. É unha cuestión da loita pola igualdade de todos, contra a lei do beneficio, sexa persoal ou nacional.

Do mesmo xeito, o ben na creación artística é a invención de novas formas que expresen o significado do mundo. O ben na ciencia é a afouteza do pensamento libre, o pracer do coñecemento exacto. Igualmente o ben no amor é a comprensión de que é realmente a diferenza, de que é construír un mundo no que un son dous, non un. E o mal é, polo tanto, sucedáneo académico ou comercio “cultural”; é o coñecemento ao servizo do lucro capitalista; é a sexualidade considerada como unha mera técnica do goce. Repetireino: todo o mundo comparte estas experiencias. A ética da verdade sempre regresa, nas circunstancias precisas, á loita a favor da verdade contra as catro formas fundamentais do mal: escurantismo, academicismo comercial, política do lucro e desigualdade, e o barbarismo sexual.

este texto é unha tradución mala de "On Evil: an Interview with Alain Badiou" (2002)

Alain Badiou é discípulo do filósofo marxista Louis Althusser; nos 60s foi un destacado dirixente maoísta e continúa a traballar como activista político. Autor de L’Être et l’évenement e Ethics: An Essay on the Understanding of Evil.
Christoph Cox ensina filosofía, teoría crítica, e música contemporánea en Hampshire College; edita Cabinet.
Molly Whalen é especialista en literature e cultura da Early Modern literature e teoría cultura e literaria; vive en Amherst, Massachusetts.