Amosando publicacións coa etiqueta tradutoras e tradutores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tradutoras e tradutores. Amosar todas as publicacións

domingo, 4 de xuño de 2023

Christiane Nord: 'sempre van facer falta tradutores humanos'


Christiane Nord
é unha das figuras máis destacadas no mundo da tradución e a traductoloxía. as súas contribucións durante as últimas catro décadas gozan de amplo recoñecemento e o seu traballo ten sido fundamental para construír a perspectiva actual do enfoque funcionalista da tradución.

p: ten contado que o seu amor polas linguas e a tradución nace na casa, nun fogar políglota no que se cambiaba dun idioma a outro dependo dos fins e das situacións. foi así como se interesou por traducir, pero tamén por reflexionar sobre a tradución?

r: a miña familia era alemá e todos falaban alemán. pero meus pais ás veces usaban o inglés cando nom querían que lles entenderamos. cando adquirimos certo nivel de inglés tiveron que botar man do francés, mais meu pai nom o falaba tan ben e nós riámonos cos seus intentos. a verdadeira raíz do meu amor pola tradución é que miña nai era tradutora de italiano e inglés, formada en Heidelberg durante a IIGM. cando eu era nena ensinábame frases en inglés ou pequenas cancións en italiano. da vocación de miña nai nace o meu amor polas linguas e a tradución.

p: de onde nace o seu amor pola lingua e literatura española?

r: xa que miña nai traducía de italiano e inglés eu considerei que tiña que optar por algo diferente. tiña unha amiga da secundaria coa que me apuntaba a calquera curso de idiomas, e apuntámonos nun curso de español impartido por un dos primeiros inmigrantes españois en Alemaña que se chamaba Julio. por 'amor' a Julio aprendimos español [risas], que logo elixín como primeira lingua estranxeira na formación universitaria, co inglés como segunda lingua. como podes ver, moi sinxelo.

p: que lle fixo dedicarse á investigación?

r: ao acabar os estudos de tradución, cando tiña 24 anos, tiven os dous fillos e nom tiña tempo para dedicarme a moito máis que ás 16 horas de clase da universidade, os fillos, a casa, e o can (e o marido, claro está). de xeito que a investigación nom estaba nos meus plans e isto molestaba moito a Katharina Reiss, a miña mentora, que pensaba que este debía ser o meu futuro. sen embargo, cando o menor dos nenos comezou a escola entrei nunha verdadeira crise persoal. isto coincidiu coas miñas aulas no Instituto de Románicas da Universidade de Heidelberg. como terapia comecei o doutorado en Lingüística e Literatura Hispánica, que finalicei cunha tese doutoral sobre os neoloxismos no español contemporáneo na prensa. así, logo de tres anos de investigación xa nom podía parar de investigar. logo traballei no libro sobre análise de texto na tradución, e ata hoxe.

p: vostede ten compaxinado a investigación teórica coa docencia e a formación de tradutores, que papel xoga a investigación na actividade de traducir e como pode un tradutor beneficiarse ante os retos que lle supón na actualidade a práctica profesional?

r: o tradutor profesional en activo, inda que tivera tempo, nom ten que investigar pero o docente da tradución si debe facelo, inda que para min a investigación sempre ten estado ao servizo da docencia.

eu nom son estritamente teórica, son unha persoa que quizás sabe aplicar as teorías doutros e usalas para a docencia. os resultados da investigación aplícanse á docencia. claro que ás veces o tradutor ten que facer unha pequena investigación para buscar información e solucionar problemas de tradución, mais nom se trata de “investigar”, mais dunha actividade suplementaria na súa vida profesional.

p: xunto co seu marido, o teólogo Klaus Berger, traduciron textos de A Biblia. ata entón, a versión de Lutero considerábase unha autoridade, un texto fundamental para a Reforma que serviu para estandarizar a lingua alemá. cales son as complexidades da tradución bíblica, e como entende a necesidade de interpretar o texto na mesma?

r: as complexidades son varias. nós ofrecemos unha tradución diferente á tradicional de Lutero en alemán para acercar o texto ao público actual e nom todo o mundo soubo entendelo. algúns foron moi críticos coa nosa proposta. traducimos do grego os textos orixinais, mais os textos apócrifos, que tamén incluímos na nosa tradución, os temos traducido do grego, latín, hebreo, árabe, siríaco e copto. Klaus estudou estes idiomas na mocidade, mentres eu tiña un latín bastante bo e algún coñecemento de grego. pero do resto das linguas, quizás só sabía dúas ou tres palabras. así que el interpretaba o texto orixinal e eu ocupábame de darlle unha forma comprensíbel en alemán.

a nosa estratexia foi o que eu na miña tipoloxía de traducións denomino unha tradución ‘exotizante’. nom é unha tradución palabra por palabra nim literal nim filolóxica. é un proceso que documenta a alteridade do mundo que os textos presentan, trata de construír unha ponte para que o lector de hoxe entenda ese outro mundo. mais nom por medio de notas ao pé, nim glosarios nim metatextos; o obxectivo é facilitar unha lectura fluída. se usas notas, o esforzo de procesar o texto é dobre, porque tes un texto principal e outro que o explica. o máis probábel é que nom se lea todo, omitiranse as notas aparte e entón o texto resultará incomprensíbel, nom se lerá. por iso me opoño ao uso de notas con valor metatextual para explicar o texto, porque hai outras formas de compensar isto no propio texto, dependendo do que se queira conseguir.

p: que oportunidades ofrece un campo como a tradución aplicada ao comercio internacional ou a mediación intercultural para observar en vivo as competencias da teoría funcionalista?

r: o modelo funcionalista de ver a tradución fainos adaptarnos aos diferentes contextos, é un xeito de enfocar a tradución como actividade, dirixida a un público determinado e a unha finalidade determinada. esta perspectiva é útil neste contexto, ao adaptarnos aos diferentes mercados. o comercio e a mediación ofrecen grandes volumes de traballo. desde o punto de vista da tradución se nom traballas traducindo con inglés, hai, por exemplo, moito contido do campo da tecnoloxía ou a informática, mentres que o español tradúcese tamén moito no comercio internacional.

p: antes de dedicarse á investigación chegou a declarar que se identificaba, ante todo, como docente. na súa carreira advirte ademais un interese por formar ao formadores.

r: nunca me teño dedicado por enteiro á investigación, a miña investigación sempre estivo dirixida á docencia: como podo ensinar aos mozos e mozas a facer boas traducións? cando comecei coa docencia, tiña case a mesma idade que os meus estudantes e nom era unha figura docente de autoridade. tiña vivido formas de ensinar a tradución centradas no criterio superior do docente sobre o que está ben ou mal. en cambio, eu precisaba certa xustificación teórica para poder explicar de xeito crítico as razóns polas que algo se di dun xeito concreto ou nom. se se desexa unha boa calidade docente, hai que formar aos formadores. nas miñas visitas a diferentes universidades do mundo, teño comprobado que a docencia nom ten mudado demasiado respecto ao que eu “sufrín” hai sesenta anos: o profesor di como se traduce algo segundo o seu criterio e espera que o alumno o repita sen máis. se queremos que cambie algo, temos que formar aos formadores.

p: pasemos a falar de interpretación. a aplicación da teoría funcionalista á interpretación simultánea por parte de Franz Pachhacker brinda a oportunidade aos docentes de interpretación de beneficiarse dun marco conceptual con moitas vantaxes pedagóxicas. parécelle que a teoría funcionalista podería aproveitarse máis no ámbito da interpretación?

r: a teoría funcionalista préstase especialmente a ser aplicada en interpretación e por iso a suxestión de moitos autores desta corrente, entre os que me inclúo, de comezar a aprendizaxe da tradución pola interpretación. porque na interpretación está moito máis explícito e máis visíbel que se interpreta para alguén e para un determinado fin que en tradución, onde os textos se atopan sen o seu entorno natural. en interpretación, a aplicación da teoría funcionalista está inda nos seus inicios. en interpretación de conferencias quizás nom ten suposto a revolución que ocasionou o enfoque funcionalista cando apareceu por primeira vez en tradución.

p: vostede ten sido pioneira en Europa na institucionalización da formación de novas modalidades de interpretación como a interpretación social, a interpretación médico-sanitaria, e a interpretación nos tribunais nunha titulación de licenciatura na Universidade de Ciencias Aplicadas de Magdeburgo. como ve a situación da interpretación en Europa?

r: debo dicir que Christiane Driesen foi quen realmente iniciou este programa que agora imparte. un dos argumentos máis sólidos para a institucionalización da formación deste tipo de interpretación foi que nom existía. é o primeiro programa dese tipo en Alemaña. sen embargo, para os graduados está resultando difícil atopar traballo porque o mercado de traballo neste campo nom está inda concienciado, nim en hospitais nim en tribunais. inda queda un longo camiño por percorrer, pero se nom comezamos, nom avanzaremos. a miña tarefa consistiu en aproveitar os fondos ofrecidos polo DAAD (Servizo Académico de Intercambios Alemán) e realicei as tarefas de xestión. o programa funciona moi ben pero é mérito de Driesen.

desexaría comentar que temos en Magdeburgo un programa de interpretación da lingua de signos e gustaríanos crear un programa conxunto, e nom se sabe, quizás no futuro se podería ofrecer a lingua de signos como lingua de interpretación de tribunais. tamén desexamos lanzar un Euromaster de interpretación de conferencias.

p: que faceta profesional lle resulta máis gratificante: a investigación, a docencia ou a tradución?

r: en realidade son docente en corpo e alma, e toda a miña investigación está e ten estado orientada cara a docencia. nunca tivera sido quen de facer investigación que nom tivera relación coa docencia. de feito, a tradución mesma é moi recente, o proxecto de tradución do Novo Testamento con Klaus e outros máis que agora temos. nesta nova etapa da miña vida a tradución vai a ter un papel máis importante que nunca.

p: nos últimos meses ten reaparecido o debate en torno ao protagonismo crecente na sociedade de sistemas de intelixencia artificial, con gran impacto na tradución tamén, en canto á calidade e a precisión dos textos que produce a máquina ou as condicións de traballo máis precarias do profesional. ten seguido estas discusións? cal debe se a postura do tradutor ante estes avances?

r: como tradutores debemos insistir no que como profesionais humanos podemos facer de xeito diferente aos sistemas informáticos, o valor que aportamos. os sistemas poden axudarnos moito mais sempre van facer falta tradutores humanos. hai 60 anos, cando eu era estudante, xa nos dicían que nos quedariamos sen emprego pola tradución automática, mais nom ten sido así.

no referido á posedición [edición ou corrección humana de textos traducidos de xeito automático], se nom hai unha boa comprensión do texto orixinal, unha revisión formal nom vai servir de moito. e isto é algo que tamén hai que ensinar: a máquina nom entende o texto, só o procesa. os sistemas informáticos, como as memorias de tradución, traducen segmentos. Igualmente, por moito que fagas posedición nom resultará nun texto bo, porque a máquina traduce unidades fragmentadas. hai pouco ensináronme uns textos traducidos por ChatGPT e os resultados son aparentemente fabulosos. pero para unha boa tradución, requírese un tradutor humano.

p: os enfoques funcionalistas (traducir cun propósito comunicativo real en mente) encaixan de xeito natural no contexto da tradución de marketing e a transcreación, onde as marcas aspiran a conectar cos códigos e contextos culturais do consumidor meta. que implicacións ten iso para o tradutor?

r: nom creo na globalización total. as culturas seguen a ser sendo diferentes entre si. por exemplo, se unha persoa de Xordania lle di a alguén de Alemaña algo en inglés, as culturas de referencia seguen a ser a xordana e a alemá. a lingua nom porta a cultura. no caso do marketing é un fenómeno moi claro. empresas como Volkswagen teñen lanzado campañas adaptadas aos diferentes mercados, sen tratarse de traducións. para iso contratábanse axencias locais en cada país, desenvolvíanse novas campañas adaptadas. houbo un tempo en que, para aforrar cartos, trataron de usar traducións, mais viron que o resultado era un fracaso. chamamos a isto transcreación? é difícil definir o límite entre a tradución e a transcreación. eu creo que o funcionalismo inclúe formas de tradución que lindan coa creación textual. pero nalgúns casos, se hai un texto orixe, chamalo transcreación porque nom sexa un tradución literal nom me parece moi adecuado, estariamos producindo unha tradución para un determinado público, simplemente.

no referente ás implicacións éticas da tradución, é unha cuestión relacionada coa visibilidade do tradutor. por exemplo, se o tradutor pode explicar como ten traducido un texto nun prólogo, e por que a súa tradución quizá é diferente do que determinados lectores esperaban, entón creo que é un posicionamento ético que me permite explorar cousas novas. por exemplo, no caso da tradución de A Biblia, se só podo traducir como o fixo Lutero no XVI, entón nom haberá ningún progreso. en 1999, alguén deixou unha mensaxe no noso contestador telefónico dicíndonos que “iamos arder no inferno por ter falsificado a palabra de Deus”. pero a Biblia á que esta persoa era autoría de Lutero, nom de Deus!.

este texto é o resultado de combinar e traducir dúas entrevistas realizadas a Christiane Nord: unha (Sendebar, 16 - 2005: pp 251-253) realizada por Emilia Iglesias Fernández, profesora da UGR en 2005 e outra cuxo texto orixinal foi publicado en upo.es con data de 26maio2023. composición e tradución mala responsabilidade de @xindiriz.

venres, 7 de xaneiro de 2022

Iria Taibo, presidenta da agpti: 'moita xente nom é consciente que no seu día a día lle pasan por diante moitas traducións'.

agpti (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) fundouse en 2001 co obxectivo de 'defender os dereitos dos e das profesionais da tradución e da interpretación na GZ'. agora a entidade conta con 121 asociadas, das que un cento son membros profesionais e unha vintena son persoas tituladas. sobre a evolución da profesión, Iria Taibo explica que 'a creación da Facultade de Tradución e Interpretación marca un antes e un despois, agora hai unha formación específica da xente que se dedica a isto de modo profesional'. entre esas profesionais tamén están as tres socias fundadoras: Saleta Fernández, María Reimóndez e Lara Santos (na imaxe desde a esquerda, nun evento no Culturgal 2016), que desde a última asemblea da agpti son, ademais, socias de honra da entidade.

agpti levou a cabo unha asemblea ordinaria e outra extraordinaria, con motivo do seu vixésimo aniversario e, para alén de facer balance da situación, organizar o programa de actividades para 2021.

as xuntanzas tiveron que ser virtuais debido ás restricións sanitarias causadas pola Covid-19, 'que nos condiciona e nos leva a reforzar as reivindicacións laborais', explica Iria Taibo, presidenta de agpti. refírese especificamente á preocupación da entidade polas cuestións vencelladas coa interpretación e o Xacobeo 2021, 'xa que temos algunha queixa porque se están a organizar actos nos que pasan dúas cousas que nos parecen graves; unha delas é que nom están a respectar as condicións de traballo comunmente aceptadas', detalla Iria Taibo en referencia ao número de horas de traballo consecutivas de cada intérprete e ao número de persoas que integran cada proxecto.

mais a situación da lingua nos eventos do Xacobeo tamén preocupa, xa que 'a consecuencia engadida [da situación sanitaria] é que entren en xogo as grandes empresas a ofertar servizos e se esquezan as intérpretes galegas'. algo que segundo Taibo 'xa está a pasar en cuestións que teñen que ver coa Administración e nas que o galego na práctica está a desaparecer, ao facerse todo a través dunha plataforma facilítase que sexa doutro modo, cando antes o máis habitual era que fosen intérpretes galegas', alerta.

agpti busca encontros e xuntanzas coa Administración mentres deseña 'un plan de actuación en varías vías, tamén de denuncia pública', porque 'débense protexer e respectar os dereitos das traballadoras, tanto no ámbito da interpretación como no da tradución', conta Iria Taibo. no eido da interpretación a cuestión da visibilización do traballo é unha reivindicación histórica das profesionais, 'aínda que moitas veces do que se trata é de que nom se nos vexa, de que o servizo funcione sen máis, mais si que nos preocupa o respecto polas condicións de traballo', sinala a presidenta.

'a nosa preocupación é o feito de que se traballe en remoto nom pode implicar que a profesional teña que ocuparse da parte técnica. é moi importante respectar o número de horas de traballo, mais co tema das plataformas dixitais asúmese que hai que facer unha proba antes para ver que todo funciona ben, pero a intérprete entón ten que ter dispoñibilidade'. Taibo recalca que son 'detalles que poden parecer insignificantes' pero que redundan na calidade do traballo. 'son cousas que no sector se dan por supostas e nun traballo presencial é moi raro que se incumpran, mais no dixital xa nom é así'. nesa liña, a presidenta de agpti lembra que o de intérprete é un traballo 'cognitivamente moi intenso e en remoto inda máis'.

Taibo insiste en que o traballo dos e das tradutoras nom se cingue, unicamente, á tradución editorial, senón que ela mesma vive da súa profesión sen apenas traballo editorial. 'esta é unha campaña de visibilización que sempre temos que facer porque moita xente nom é consciente que no seu día a día lle pasan por diante moitas traducións'. instrucións de equipamentos electrónicos, páxinas web, folletos, contratos, manuais de empresa ... son algúns dos traballos que realizan estas profesionais e neles 'a Administración tamén ten un papel importante'.

'formamos parte do Consello Asesor do Libro, e moitas veces, coma outras entidades, lamentamos que só sirva a nivel informativo, mais nom escoita verdadeiramente as demandas do sector', denuncia Taibo. 'acabamos de negociar as ordes de axuda para a tradución e hai cambios na forma cos que nom estamos de acordo'. refírese Iria Taibo a que as axudas 'recíbenas as editoriais sen a necesidade de entregar o currículo das persoas que fan a tradución, iso parécenos estraño'. agpti tamén reivindica que se puntúe de modo diferente se a tradución dunha obra se fai desde a lingua orixinal ao galego ou a través dunha lingua ponte.

artigo orixinal asinado por ANA TRIÑÁNS e publicado polo Nós Diario o 28abr2021, páxina 27

domingo, 2 de xaneiro de 2022

Gonzalo Navaza: 'a maneira máis intensa de ler é a que fai un tradutor'

Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) é o novo académico de número da RAG. o escritor e tradutor é profesor do departamento de Filoloxía Galega da UVIGO e forma parte da RAG como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica desde 2012.

ademais da súa actividade literaria -premiada co galardón da Crítica Española de poesía por fábrica íntima (1991) e libra (2000) e co Martín Códax e o San Clemente de narrativa por erros e tánatos (1998)-, Navaza destaca polo seu labor no campo da toponimia, no que é un destacado especialista e unha das grandes referencias en GZ.

'empecei nos anos oitenta, facendo un traballo de campo para corrixir os erros nos topónimos nos mapas do Instituto Xeográfico e aí, dedicando moitas horas, metinme totalmente'.

-había moito traballo por facer naquela toponimia desordenada?

-si. GZ ten unha riqueza toponímica impresionante. todos os factores que favorecen iso danse cita aquí: orografía irregular, dispersión, fragmentación da propiedade ... o problema é que era toponimia en lingua galega e estaba recollida maioritariamente desde o castelán. había moitas incoherencias e nom estaba ben codificada. claro que había moito traballo. e inda o hai.

-se vou a GoogleMaps e busco a Illa de Arousa ou Sanxenxo sáeme 'la isla de Arosa' e 'Sangenjo'.

-iso ten que ver cunha decisión da Wikipedia española, porque esta información sae de aí. sempre que exista unha tradución ao castelán dun topónimo das outras linguas do Estado, optan por ela. é unha incoherencia. o problema é a Wikipedia, nom a nosa toponimia.

-pero iso é unha forza moi grande. a xente busca información, vai a Internet e o primeiro que aparece é 'Viana del Bollo'.

-si, pero logo hai bases de datos que rexistran o uso real. se buscas Sangenjo e Sanxenxo, verás que o 99.9% da poboación nom ten ese problema. a Academia Española di que cando existe un exónimo, como por exemplo o de dicir Londres en lugar de London, recomenda o seu uso. pero é unha recomendación desequilibrada. en castelán a xente dicía Nuremberg sen ningún problema. no caso do galego ten máis que ver cunha problemática doutro tipo, do respecto pola existencia doutras culturas e ese tipo de cousas.

-traballou no Diccionario de Xerais. na súa época publicouse O Pequeno Xerais, un verdadeiro best-seller.

-[ri]. pois si. dinme con frecuencia que foi o dicionario máis vendido na historia dos dicionarios galegos. pero iso ten que ver coa incorporación da lingua galega no ensino e aquel era un dicionario escolar.

-fixo a tradución ao galego de obras clásicas moi importantes. ten algunha favorita?.

-a min gústanme as de poesía, como as flores do mal de Baudelaire. creo que é un traballo moi laborioso e gústame especialmente. seguramente, a maneira máis intensa de ler é a que fai un tradutor.

-as flores do mal é desas lecturas que perturban a adolescencia e cambian moitas vidas.

-si, eu fun lector adolescente de Baudelaire pero a tradución fíxena xa de adulto.

-quedan moitos clásicos por traducir ao galego. algún baleiro que lle gustaría encher?

-xa que falamos de Baudelaire, gustaríame traducir a Verlaine. eu tento imitar a música dos orixinais. nom é un tipo de tradución que se faga moito aquí.

-que palabra metería no dicionario galego que inda nom está?

-moitas. hai pouco fun a unha conferencia de Rosario Álvarez, que tamén é académica, e falaba das palabras ventureiras, algunha das cales proceden de América. falou da palabra changüi, que se di cando lle dás vantaxe a alguén. eu son de Lalín. na miña infancia era moi habitual e empregábase moito.

entrevista orixinal publicada por JAVIER BECERRA en La Voz de Galicia, 24out2021, p. 36

 

luns, 8 de xuño de 2020

Fernando Moreiras: 'Esta é unha novela inusual en Dick'

Philip K. Dick é un dos grandes nomes da ciencia-ficción. de feito, da súa prolífica carreira só unha novela, Confesións dun artista de merdase escapa a este xénero. agora, da man da editora pontevedresa Kalandraka, acaba de ser traducida ao galego por primeira vez.

'sentín curiosidade porque xa traducira antes Soñan os androides con ovellas eléctricas e contaba que o seguinte encargo fora outra obra de ciencia-ficción, pero non. encargáronme algo totalmente inusual en Dick, unha novela costumista da California dos anos 50. primeiro, foi unha sorpresa e, logo, púxenme a traducir con moitísimo gusto', recoñece Fernando Moreiras, tradutor da obra.

-que foi o más difícil?

-o máis complicado, e é algo que xa me pasou con outros autores deste estilo, é tentar transmitir ese espírito, neste caso, de hai setenta anos a un público actual. hai moitos conceptos que son descoñecidos, tanto porque pertencen á cultura estadounidense, como porque son doutra época. ademais de que o contacto cultural que houbo nos 50 entre España e Estados Unidos foi moi limitado. cando Dick emprega unha expresión ou un referente cultural que probablemente sexa opaco para o 99% dos lectores galegos, tes que buscar o xeito, tes que darlle voltas, tes que mirar a maneira de explicalo sen que se perda que é un referente cultural. persoalmente, son bastante inimigo das notas de autor porque me parece que rompen a fluidez da lectura, polo que sempre tento buscar o xeito de que a aclaración dun referente cultural alleo a nós quede integrada dentro da lectura. nas de ciencia-ficción, como todo e novo, todo ven explicado na propia novela, pero nestes casos o autor presupón que é algo que coñeces. entón tira para adiante, pero o tradutor non pode facelo porque quedan mensaxes rotas no texto.

-estamos nun tempo no que o coronavirus deu pe a moitas teorías conspiratorias e curiosamente o protagonista gusta de recompilalas?

-si. é curioso porque, aínda que pasaron setenta anos, o protagonista é alguén que no ano 2020 está de plena actualidade. pero xa non so polas teorías conspiratorias do coronavirus, senón por cousas como o terraplanismo, os antivacinas, ... esas tendencias contra ciencia, pero que tentan basearse nun discurso científico, que é o que fai este home, están de plena actualidade. é algo que, por un lado, fai graza, pero, por outro, mete medo.

-como definiría esta obra dentro do contexto artístico de Philip K. Dick?

-aínda que non teña ningún elemento de evidencia científica, fóra do que hai na imaxinación do protagonista, nótase que o autor tiraba xa cara unha clase concreta de escritura. é dicir, isto non é un futuro terrible onde todo o mundo é raro e disfuncional. aínda que é un pasado real, os personaxes teñen actitudes moi semellantes ás que teñen noutras novelas de Dick. poden atoparse, mesmo, algúns paralelismos. el tiña o seu estilo e, simplemente, chegado o momento acabou dando un xiro, deixou a ciencia-ficción, pero o seu estilo xa o traía na mochila. en Confesións dun artista de merda, aínda que non ten que ver coas temáticas ás que estamos afeitos do autor, podemos recoñecer o seu estilo. é claramente unha novela de Dick con personaxes de Dick.

-a vida de Dick foi complicada, trasladase iso a esta novela?

-nom sabería dicir porque nom coñezo tanto a mocidade de Dick. na novela céntrase moito na infancia e mocidade do personaxe. case todos coñecemos a vida, que foi moi turbulenta, do Dick adulto. se o Dick adulto era como era, seguramente si que tería esas psicoses na xuventude. pero é que na xenialidade adoita haber un toque de loucura.

-á marxe de Dick, que outro autor e obra de ciencia-ficción lle gustaría traducir?

-encantaríame traducir Hyperion, de Dan Simmons. para min é a mellor novela de ciencia-ficción de todos os tempos. o que pasa é que non é un autor tan coñecido, polo que traducilo ao galego, que é un mercado máis restrinxido ten os seus riscos. bueno, digo que Dan Simmons é pouco coñecido, pero agora que fixeron unha serie dunha das súas novelas, The Terror, e que están pensando en producir Hyperion tamén como serie de televisión, pois igual cambian as tornas. esta é unha novela de 1992 e xa lle ía tocando que lle fixeran un pouco de caso, pero o que pasa é que unha obra moi complexa. ademais toca temas polémicos e é un risco para as cadeas. a pesar disto, Simmons é un autor moi meritorio.

entrevista publicada en la.voz.de.galicia (edición Pontevedra) 'se o Dick adulto era como era, seguro que si tería esas psicoses na xuventude' asinada por LÓPEZ PENIDE

sábado, 2 de maio de 2020

nas súas propias palabras: tradutoras ao inglés sobre o traballo que as inspira, un

www.wsj.com

ALISON ANDERSON

a tradutora máis importante de todos os tempos é Constance Garnett, que fixo todos os grandes rusos entre finais do XIX e inicios do XX. incluso coñeceu a León Tolstoy na súa casa. pode que teña detractores, e que gran parte do seu traballo se teña revisado, pero moitas lectoras nin sequera son conscientes da enorme débeda cultural que lle debemos por acercar a occidente a riqueza da literatura rusa.

e como tradutora viva mencionaría a Susan Bernofsky, que traduce do alemán. quedei pasmada coa beleza da súa tradución de Visitation, de Jenny Erpenback, incluso máis que pola propia novela, que é superlativa.

Alison Anderson ten traducido recentemente Madame Bovary of the Suburbs, de Sophie Divry (MacLehose).

SUSAN BERNOFSKY

www.amazon.com
o primeiro que souben de Margaret Jull Costa foi como tradutora de Xosé Saramago, e logo namoreime dobremente dela cando comecei a ler as súas traducións do grande escritor do XIX Eça de Queirós, incluíndo a súa obra mestra, the Maias, unha incríbel saga familiar escrita na prosa máis exuberante e rica.

Jull Costa é dona dun oído tan afinado para os ritmos da escrita dunha certa época que captas toda a elegancia, lirismo e gravitas mais sen rastro da pomposidade que acostuma colarse nas traducións de xeito tan doado.

o seu Saramago é unha obra mestra dun xeito completamente diferente, un tipo de escrita moito máis contemporáneo. mesmo agora estou emocionada coa nova tradución que acaba de realizar de the Book of Disquiet, baseada nunha selección moito máis ampla dos textos fragmentarios de Pessoa que a que estaba dispoñíbel.

a tradución máis recente de Susan Bernofsky é Memoir of a Polar Bear, de Yoko Tawada (Norton).

English Pen
SARAH DEATH

a miña colega Barbara J Haveland, escocesa e tradutora do noruegués e do danés, ten gran experiencia e sensibilidade. particularmente admiro as súas traducións das novelas de Linn Ullmann, filla de Liv Ullmann e Ingmar Bergman. eu, que teño traducido unha das novelas de Ullmann, sei o reto que poden representar.

a última tradución de Sarah Death son os diarios de guerra de Astrid Lindgren, a World Gone Mad (Pushkin).

KATY DERBYSHIRE

Schreiben & Leben
a tradución the Story of My Teeth, sobre un orixinal de Valeria Luiselli, autoría de Christina MacSweeney, é tan alegre e efervescente como o propio orixinal, que trata dun poxador feito lenda que vende os seus propios dentes, entre outras cousas.

pero o que realmente o fai destacábel é a cronoloxía de MacSweeney, un capítulo que engadiu á novela para axudar aos lectores nom-mexicanos a comprender o libro. e tán divertido como a novela e unha aproximación realmente innovadora á tradución como ferramenta que pode ser útil salvar fendas culturais.

Katy Derbyshire ten traducido recentemente One Day, por Christa Wolf (Seagull).

MAUREEN FREELY

malapartiana
a miña escolla é Antonia Lloyd-Jones, nom só pola marabillosa fluidez da súa prosa mais porque foi por medio das súas traducións, sempre tan ben escollidas, logrei comprender a riqueza da literatura de Polonia.

a primeira que me viu ás mans foi Mercedes-Benz, de Pawel Huelle. foi o libro que escollín para a Good Read, en Radio4, un ano despois. Antonia acababa de regresar a Inglaterra logo de bastante tempo fóra. pilleina saíndo do seu apartamento, con Radio4 a todo volume para despistar a posíbeis ladróns, cando oíu que alguén a mencionaba en antena. ao inicio pensou que eran cousas da súa cabeza! escribiume unha postal e nom tardamos moito en facernos amigas.

Maureen Freely ten acabado recentemente, en colaboración con Alexander Dawe, a tradución de Madonna in a Fur Coat, de Sabahattin Ali.

NOTA DO TRADUTOR: quizás sexa dobremente absurdo ou torpe traducir sobre xente q traduce e opina sobre as traducións doutras persoas q tamén traducen. só quizás. porq ademais este é un fermoso labirinto no q perderse.

FONTE e TEXTO ORIXINAL: Alison FLOOD, 'in their own words: 10 female translators on the work that inspires them' The Guardian.
tradución por @xindiriz

domingo, 15 de marzo de 2020

Stefan Zweig, cara a e cara b

Stefan y Lotte Zweig | Acervo CSZ, Universidad de Salford
Stefan Zweig suicidouse o 22 de febreiro de 1942 en Petrópolis. inxeriu unha forte dose de veronal xunto á súa segunda muller, Lotte Altmann. ela estaba enferma, con escasa posibilidade de cura e el, con sesenta anos, deprimido e canso de deambular de país en país, sen fogar, privado da súa fabulosa biblioteca persoal e sen acougo para poder traballar.

en 1942 Hitler semellaba invencíbel e Zweig nom quería seguir vivindo coa perspectiva de que o seu vello mundo de cultura e liberdade se derrubara arrastrando con el o humanismo dos 'bos' europeos, aquelas ideas que os nazis masacraban.

Zweig era un supervendas con obras traducidas a máis de 50 idiomas diferentes. desde 1925 ningún autor vendía tantos libros coma el, nim sequera Thomas Mann. triunfara entre o público culto da época con ensaios biográficos sobre algúns dos seus autores predilectos: Nietzsche, Hölderlin, Dostoyevski ... o mesmo que coas biografías de Fouché, María Antonieta ou María Estuardo.

nom aportaba datos históricos novos pero era capaz de transmitir sentimentos, descubrir as paixóns e os arrebatos dentro de cada personalidade, así como os xiros inusitados do destino que transforman as vidas. ninguén antes ca el reflectiu con tanto detalle as perplexidades do corazón, os trastornos da ánima dos creadores ou dos personaxes políticos.

ademais de biógrafo foi tamén poeta e tradutor, iniciándose nestas tarefas durante a súa acomodada xuventude na Viena dos Habsburgo; coñeceu e admirou a grandes escritores e namorouse da literatura francesa, sobre todo de Balzac. tamén tiña devoción por Chejov e Tolstoi, rusos que probabelmente leu en francés.

cedo comezou a escribir relatos e novelas cun estilo propio, áxil, e conciso; novelas que trataban do interior do ser humano, que el consideraba máis ilimitado e enigmático. exploraba as paixóns dos seus coetáneos de igual xeito que escribía as súas biografías. sabía describir ben as paixóns dos seus personaxes femininos, esposas seducidas ou tentadas pola aventura cun descoñecido, mozas cheas de anhelos inconfesábeis, ...

na súa vida privada tiña éxito coas mulleres, rompía algún corazón que outro inda que nunca desprezaba nim era misóxino á maneira dun Arthur Schnitzler. estaba máis próximo ao feliz afeccionado aos praceres da vida que foi Casanova, de quen tamén trazou unha biografía.

das súas novelas dúas foron traducidas á lingua galega, a impaciencia do corazón (1939, traducida por Rosa María Gómez Pato e publicada pola editora 'Hugin e Munin' en 2018), e novela de xadrez, dobremente traducida ao galego, por Patricia Buxán e Saleta Fernández, en 2004 para 'Ir Indo' e en 2018 para 'Irmás Cartoné' respectivamente.

poucos meses antes de morrer, illado en Petrópolis, sen libros que consultar para terminar o seu gran estudo sobre Balzac, lía os ensaios de Montaigne e mataba o tempo xogando xadrez con Lotte. moi produtivo a pesar do seu pesimismo xa que inda xusto antes do fin escribiu o mundo de onte, e novela de xadrez.

este último é un relato considerado perfecto por moitos críticos. nel mostra a súa sutil repulsa do nazismo. un campión mundial de xadrez, romo e de ideas fixas, perde unha partida contra un misterioso personaxe, Dr B, un home culto machucado pola Gestapo que soubo conservar a súa integridade e liberdade interiores cando ao seu redor se derrubaba o mundo, como Erasmo, figura tan querida por Zweig, heroe do seu propio tempo.

FONTES:
Luis Fernando MORENO CLAROS, la vertiginosa épica del sentimiento
Braulio GARCÍA JAÉN, la mentira de Stephan Zweig, retrato de una omisión histórica

cando se inicia a IGM miles de civís son executados nas proximidades das liñas de combate, pola mera sospeita de ser espías. Zweig, xa coñecido por entón, escribía no seu diario, 'hai que cauterizar co ferro ao roxo o lixo que supura'. iso escribía o 'bo' europeo, como lle chamou Roman Rolland, un escritor francés e amigo seu, a quen Zweig tranquilizaba por carta sobre a firmeza do seu pacifismo.

a finais de 1914, dedicábase a 'peitear aos heroes', que é como os privilexiados membros do Grupo Literario do Arquivo de Guerra, creado ao efecto, denominaban a súa tarefa de propaganda. chegaban os informes dos oficiais propondo condecorar a algún soldado, e eles, os escritores, adornábanos para 'atrapar a atención do lector', segundo un alto mando.

de 9 a 15 horas, o estilo de Zweig estaba ao servizo da máquina de picar carne; 'tres historias diarias' era a frase que o resumía todo. polas tardes reuníase con outros escritores no Café Imperial, a ler os xornais, tamén acicalados polo Grupo de Prensa.

algo máis dun século despois a súa obra edítase no estado español cunha regularidade industrial: máis dun título ao mes desde 2014 a 2019 (base de datos do Ministerio). a súa autobiografía, o mundo de onte, véndese a 27€ e leva 26 edicións. sen embargo, as páxinas dedicadas á súa febre nacionalista e os seus exercicios bélicos nom 'existen'. el, directamente, nunca escribiu sobre o iso o resto da súa vida. vergoña ou omisión dun esteta?

a pregunta é interesante polas mesmas razóns que a súa aura nom para de medrar. co nacionalismo outra vez en auxe e a sombra dos anos trinta presente e alimentada por moitos, 'os forxadores da conciencia europea', Zweig sería un, son máis necesarios que nunca.

'os que cremos na liberdade debemos recoñecer onde están as feblezas dos nosos mestres. pero tamén debemos recoñecer que logo da a vida polos seus ideais, que son os ideais do vello liberalismo europeo', explica Mauricio Wisenthal, quen na súa xuventude puido coñecer algúns amigos do escritor e cuxa primeira esposa, Friderike, lle dedicou un libriño que inda conserva.

'retocaba algunhas cousas para aparecer baixo unha luz mellor', segundo Adan Kovacsis, tamén tradutor e autor de guerra e linguaxe (Acantilado) onde analiza o papel dese grupo de escritores ao servizo da causa. 'hai algo mentireiro niso, mais nom lle resta mérito ao que logo escribiu'.

Kovacsis é tradutor, entre outros, de Karl Kraus, contemporáneo de Zweig e quizás a voz que con máis se opuxo á guerra. Kraus foi máis duro que o seu tradutor ao castelán, 'Kraus criticaba que os escritores ían ao arquivo para zafarse e nom servir no exército, e ao mesmo tempo dedicábanse a escribir propaganda para mandar a outros ás liñas de combate'.

pero é difícil saber ata que punto os escritos de Zweig se contaxiaron daquel súbito entusiasmo bélico das principais capitais europeas a partir de agosto de 1914. en parte porque moitos dos seus textos nom se asinaban, tanto os do Arquivo da Guerra como os artigos que enviaba a Neue Freie Presse, e en parte porque o propio Zweig, con seu silencio posterior, e os editores das súas obras completas, expurgadas, encargáronse de borrar as trazas. sem embargo, quedan os seus diarios e a vergoña dos seus lectores.

Acantilado publicou en 2016 unha biografía de Kafka escrita po Reiner Stach. nela consta que o 2 de agosto de 2014, Kafka anotou no seu diario, 'Alemaña declara a guerra a Rusia. pola tarde, escola de natación'. as anotacións de Zweig, nom obstante, eran máis comprometidas. e, lidas hoxe, comprometedoras. 'Liexa asaltada: primeiro en van, logo con éxito polos alemáns, unha acción heroica', escribe Zweig o 7 de agosto.

cando os alemáns apresan a miles de franceses en Metz, anota: 'cun valor único, un séntese orgulloso de falar alemán'. os serbios son 'hordas'; pola conta, afundir tres cruceiros ingleses con 2000 militares a bordo 'un acto heroico de cautela e ousadía'. a censura fai estragos pero el celebra as cifras oficiais: 'vivir este día ten sido en verdade fermoso, alégrome xa pensando en mañá, fálase de cen mil prisioneiros'. os civís executados son o merecido correctivo ao 'lixo que supura'.

escritores pasaron moitos polo Arquivo da Guerra mais, incluso unha vez dentro daquel cuartel amarelo por fóra e branco por dentro situado na Stiefgasse, houbo quen se resistiu ou foi incapaz de escribir propaganda. como Rilke, que acabou separado do grupo subliñando, literalmente, balances e listaxes con nomes de soldados.

Kraus nunca lle perdoou a Zweig a súa ambivalencia. anos despois, nun artigo onde destripaba o preciosismo verbal de Zweig, describíao como 'un dos falabarato máis representativos da cultura europea'.

Edward Timms, que leu os diarios de Zweig antes de publicar unha biografía de Kraus, considerou que tamén reflectían que no fondo 'se sentiu horrorizado ante a guerra' pero critica a súa falta de valentía. 'Zweig era un pacifista que carecía da carraxe para manter as súas propias conviccións', escribiu Timms en Karl Kraus, satírico apocalíptico: cultura e catástrofe na Viena dos Habsburgo (La Balsa de la Medusa, 1986).

'a totalidade dos seus escritos propagandísticos foi camuflada polos editores das súas obra completas' segundo Timss e os diarios nom se editan en España, nim tampouco a súa correspondencia con Romain Rolland.

pero o caso é que a influencia de Zweig é tan global que xa serve para unha cousa e a contraria, para o cosmopolitismo progresista de a morte da verdade, de Michiko Katutani, mais tamén para o mal disimulado nacionalismo do columnista conservador Douglas Murray en The Strange Death of Europe, onde a que se suicida directamente é Europa, oportunamente empurrada pola tríada de inmigración, identidade, Islam, que serve de subtítulo ao libro.

@xindiriz

sábado, 8 de decembro de 2018

Eugene Nida, ama ao Sr con todo o teu fígado

Eugene Nida
durante unha conferencia
Vic, Catalunya, 1996
wikipedia.es

a tradución ten oscilado sempre entre a literalidade e a interpretación ad sensum, segundo o seu sentido. os textos relixiosos case sempre se teñen traducido ad verbum, pois, por definición, a 'palabra de Deus' nom pode someterse a interpretación. Tyndale, Dolet, Encinas e moitos outros pagaron coa vida a ousadía de traducir os textos bíblicos de xeito que se entenderan.

desde mediados do XX tense producido unha verdadeira revolución, pois nom só nom se queima a ninguén por traducir a Biblia, senón tampouco por facelo de xeito que o vulgo poida entender o seu discurso (inda que nom os seus arcanos). centos e ata miles de millóns de habitantes do planeta poden ler hoxe ese libro na súa propia lingua, inda que ignoren que é, en gran parte, grazas ao empeño dun home do que seguramente nunca oíron falar, Eugene Nida (Oklahoma, 1914 - Madrid, 2011).

formado en linguas clásicas, teoloxía e lingüística e ordenado sacerdote baptista, pronto se cuestionou por que, se o Novo Testamento se escribiu en koiné, a lingua común grega, a súa versión nas linguas contemporáneas se envolvía nunha linguaxe rancia, huera e a miúdo inintelixíbel.

estivo a cargo das traducións da Bible Society of America, durante medio século e formou a tradutores nativos de case 200 linguas, sobre todo do III Mundo, para ofrecer traducións adaptadas ás súas culturas.

entrelazando disciplinas (lingüística, sociosemiótica, antropoloxía, lexicoloxía, teoría da comunicación), Nida establece o principio da 'equivalencia dinámica (ou funcional)', é dicir, o equilibrio entre a comprensión do contexto do orixinal e o seu correlato na lingua traducida, tendo sempre en conta os parámetros culturais do lector.

segundo este principio, a tradución correcta nalgunhas linguas africanas de 'ama ao Sr con todo o teu corazón' sería 'ama ao Sr con todo o teu fígado', xa que os seus falantes sitúan neste órgano a sé dos sentimentos. para algúns fundamentalistas isto é anatema e teñen tachado a Nida ata de herexe.

a puxanza das teorías de Nida e o seu intenso labor de campo nom só beneficiaron as linguas indíxenas ou minoritarias, algunhas das cales se alfabetizaron ou puideron forxar certas identidades (como o fenómeno da teoloxía da liberación), senón que marcaron tamén a tradución da Good News Bible (1976), realizada en inglés para lectores nom nativos, que ten superado os 200 millóns de exemplares.

propiciou a edición dos textos hebreo e grego de ambos Testamentos (publicados polas Sociedades Bíblicas Unidas), inigualábeis polas súas exhaustivas exexeses e imprescindíbeis hoxe para calquera tradutor da Biblia. como é o dicionario bíblico semántico que deseñou co mesmo fin.

durante medio século visitou 80 países, impartindo conferencias e seminarios, escribiu 40 libros (entre eles obras capitais como towards a Science of Translating e, con Charles Taber, the Theory and Practice of Translation) e numerosos artigos, sempre nun estilo claro, simple e conciso. fundou dúas revistas, Practical Anthropology e the Bible Translator.

pronto se viu que a súa idea de tradución era aplicábel a calquera tipo de textos e por iso foi adaptada de mil maneiras. pero por encima de todas as teorías da tradución destaca a súa, inconfundíbel e clara.

escribiu que 'aos mellores tradutores sóbranlle todas as teorías'. para el a tradución nom era unha teoría, mais si oficio, artesanía. contaba que, cando o seu equipo estaba a traducir a Biblia en Xapón, preguntáronlle: 'e se agora se entende, que farán os predicadores?'.

era un gran pensador da tradución mais tamén un home moi xeneroso, bondadoso, sinxelo, cortés, que cultivaba rosas no seu xardín e amizades por onde ía. falaba castelán, que aprendeu en México, e outra media ducia de linguas. morreu horas antes de recibir as probas do seu último libro.

tradución e adaptación por @xindiriz
texto orixinal publicado por POLLUX HERNÚÑEZ en el país, 2011