ILUSTRACIÓN DE TURCIOS babelia, el país |
o
incrédulo de Sari fregaría unha e outra vez os ollos se soubese o que se conta
das navegacións e os naufraxios do vello Sinbad. coas traducións de Cunqueiro cómpre ser tan cauteloso como
coas lendas sobre as illas Cotovías. postas unha a carón da outra, as edicións
en linguas estranxeiras locen tan luminosas como as sete laranxas do mariño na
alborada, pero polo miúdo aparentan outra cousa. con todo, aí están: no
apartado de monografías, a Biblioteca da Tradución Galega (Bitraga) testemuña
35 distintas. o creador do incerto señor Hamlet pódese ler en castelán,
asturiano, catalán, éuscaro, francés, inglés, alemán, italiano e árabe, da súa
man ou levado por outras.
o máis
traducido dos seus textos é xente de aquí e acolá (1971).
Basilio Losada, Sheila Ingrisano e Rosendo
Ferrán puxérono en castelán, inglés e francés para unha singular colección
de Iberia a finais dos oitenta. o propio Cunqueiro levouno ao castelán la otra gente (1975)-
e Mikel Iriarte e Concha Prieto ao éuscaro e o asturiano.
máis para acó publicáronse aínda outras dúas edicións en francés e inglés: Galiciens, corbeaux et
parapluies (Actes du Sud, 1992), tradución do castelán por François Maspero, e Folks from Here and There (Small
Stations-Xunta, 2011), directamente dende o galego da man de Kathleen March, tradutora tamén de Otero Pedrayo e Rosalía.
outras
cinco linguas coñecen versións d'as crónicas do sochantre (1956).
a desaparecida Elke Wehr, tradutora
tamén de Merlín e familia (1955)
e de escritores como Manuel Rivas, Cortázar ou Roberto Arlt, entre outros, partiu da autotradución do autor ao
castelán para a edición alemá de 1996, o mesmo que Claude Bleton na versión francesa de Actes du Sud (1992). Giovanni Allegra encargouse do italiano
(1983) e Milio Rodríguez Cueto do
asturiano, lingua á que se verteron en total seis cunqueiros.
fóra de española e a galega, ningunha outra literatura chegou tan lonxe.
para Awda al-Sinbad al-'aguz ila
al-guzur (2006), a edición árabe que publicou unha editorial
de Rabat coa colaboración do Instituto Cervantes e a Xunta, Larbi El Harti non partiu tampouco do
libro que publicara Galaxia en 1961, senón do que tirara Argos ao ano seguinte
en Barcelona. cuando el viejo Sinbad vuelva a
las islas tamén o asinaba Cunqueiro. 'algúns tenden a pensar que a
versión castelá, por ser posterior, é a definitiva', advirte a escritora Rexina Vega, quen lle dedicou ao asunto
a súa tese de doutoramento, 'en realidade, son dúas variantes dun único texto
ideal'.
ao
refutar o mito do fabulador intuitivo e trapalleiro, Rexina Vega constrúe 'un
escritor bilingüe que xoga na fronteira cunha conciencia clarísima'. Cunqueiro,
argumenta, non escribe en castelán, senón nunha interlingua. 'padece a neurose
do tradutor, pero de maneira extrema. na súa vontade de ser asumido por un
sistema que non é o seu, emprega unha lingua pirotécnica. trata de ser máis
nativo que o nativo. e do outro lado, na sintaxe e no léxico nótaselle tamén
unha tendencia a conservar a estranxeiría. nese diálogo entre dous sistemas
lingüísticos hai achados expresivos'.
a autora
de cardume, novela que
ela mesma verteu ao castelán, cre que a autotradución está en exceso 'criminalizada'
en GZ. 'se coñecemos os dous códigos, o natural é que autotraduzamos as nosas
obras. é o máis natural, somos duplos. o outro é unha convención política. e a
Cunqueiro, que é un macrotexto, esta segmentación non lle fai ningún ben. o
mellor que escribiu é a súa última novela, el
año del cometa. aí está todo, pero queda en terra de ninguén. a nós
resúltanos moi difícil de asumir porque está en castelán, e en España non o van
reivindicar nunca'.
fóra dos
seus propios libros e desa práctica 'delicada' que acusa problemas de
adscrición, Cunqueiro tamén traduciu abondo. sobre todo, poesía. recordábano
hai pouco Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger no limiar de poesía 1933-1981 (Galaxia).
tanto na revista Nós, onde amosara a
Hölderlin, como nas publicacións nas
que colaborou na posguerra, como la
Noche, Galicia emigrante ou
os suplementos literarios de Faro de Vigo, o
escritor trouxo para o galego textos de Joan
Teixidor, Anna Akhmatova, William Blake, Emily Dickinson, Baudelaire,
Kavafis, Leonard Cohen, anónimos xaponeses do século VII ou poetas beat norteamericanos.
os
poemas que traduciu e publicou no caderno semanal Letras da
cabeceira viguesa ocultounos baixo unha vintena de pseudónimos. os máis
frecuentes, din Costas e Castro Buerger, foron Álvaro Labrada e Manuel María
Seoane, tamén nas súas siglas. nomes cos que tamén asinaba as versións que
os dous investigadores engloban agora na súa poesía
apócrifa. versos de escritores que nunca existiron ou dos que non
se atopou pegada até agora, como os falsos poetas suecos Erik Triggvason e Frank
Sigmundson, a danesa Argret Svaden
ou os italianísimos Enzio Buoncompagni
e Giorgi Cantalupo. alófonos
fantásticos, outras Cotovías.
texto de IAGO MARTÍNEZ, publicado en elpaís, edición GZ, caderno Luces, 23 de decembro de 2011
esta versión está lixeiramente adaptada (texto orixinal)
Ningún comentario:
Publicar un comentario