… comprendín que as traducións nom poden ser un
sucedáneo do orixinal. poden ser, en todo caso, medio e estímulo para acercar o
lector ao orixinal. Borges
hai anos, nunha
obra dedicada aos problemas da tradución, F. Deybser sinalaba
que ás veces se aceptan ‘desafíos imposíbeis’, e entre eles citaba ‘traducir a Perec’. pese ao seu carácter algo esaxerado, esta
declaración compréndese pola natureza tan particular dos escritos de Perec, que
ocultan, baixo unha aparente sinxeleza estilística e unhas historias
voluntariamente anódinas, unha excepcional complexidade formal.
aventurarse a
traducir unha novela como La disparition é
mostrarse, de entrada, afeccionado aos crebacabezas máis temíbeis, e tamén,
rozar a cada momento a profanación, manipulando montaxes textuais sumamente
delicados. é, finalmente, arriscarse a pasar por ser un deses excéntricos que
entregan o seu tempo a xogos de palabras –o que a ollos dalgunhas persoas nom
pode, en ningún caso, considerarse traballo serio–. nestas condicións, sería
ilusorio esperar palabras de ánimo xa que as opinións máis frecuentes, inda que
nom fosen directamente dedicadas a nós, o que fan é animar a abandonar a
tarefa.
abonde, por
exemplo, lembrar as conclusións de dous grandes teóricos en materia de
tradución,
Charles E. Taber e
E. A. Nida,
que sinalan que ‘todo o que se pode dicir nunha lingua pode ser dito noutra
diferente, excepto se a forma é un dos elementos esenciais da linguaxe’. cando
un nom ignora que
La disparition se
basea da primeira á última liña nunha constrición formal, conclúe rapidamente
que calquera empeño en traducila está abocado inevitabelmente ao fracaso.
pensemos tamén en
Harry Mathews, un escritor norteamericano
próximo a Perec, responsábel dunha sentenza que nom admite réplica: ‘nom debe
traducirse La disparition, nom por
ningún obstáculo técnico, mais pola unidade indisolúbel que determinan todos e
cada un dos aspectos do libro (ata a puntuación nalgúns casos). só se podería
recrear a novela nunha lingua estranxeira inventando novos personaxes, novos
avatares, outra textura; escribindo, en definitiva, un libro totalmente
diferente. nisto, La disparition tamén
pode servir de provocación e de exemplo’.
adoptar eses
puntos de vista é esquecer que Perec –el mesmo, de bo grao, tradutor
circunstancial– nom dubidou en apoiar distintos proxectos de semellantes
características en varias ocasións. incluso afirmou, referíndose á escritura de
La disparition, que ‘xa que nom se
podía, había que tentalo (…). comezando por realizar exercicios previos. o
campo da tradución é un terreo moi cómodo, xa que se dispón dunha guía, é
dicir, de todo un conxunto de cousas que está aí para axudarnos’. inda que é
evidente que a ironía encharca estas palabras, reconfortan a un nas súas
intencións, sobre todo se se sente vivo interese por La disparition, unhas gañas irresistíbeis de traducir esta novela
tan singular e unha boa dose de entusiasmo …
a pesar de todo,
nom podemos deixar de subliñar que cando se formou o primeiro grupo de
tradutores –o número concreto de anos xa transcorridos é inconfesábel–, ninguén
podía predicir se tan insensata empresa chegaría a algo máis que un exercicio
universitario experimental; mais, páxina a páxina –incluso a veces palabra a
palabra– o texto da tradución acabou precisándose e, incluso parecéndose, na
súa composición, ao orixinal. polo menos se aceptamos a explicación que se da
ao lector no post-sriptum:
de onde viu o empeño en incidir no mesmo? moitos
feitos, seguro, o causaron, mais mencionemos sobre todo un que ten a súa orixe
no destino, pois, de feito, todo xurdiu dun reto, dun principio nom moi seguro
de que se obtivese un froito positivo.
nun traballo
destas características, a nosa principal obriga, a necesidade absoluta, a
condición sine qua nom refírese por
suposto á constrición formal, aquela que rexe o conxunto do texto e que xera
toda a ficción. ignorala sería caer nun contrasentido estrondoso na lectura da
novela, e evitalo nom é demasiado factíbel se un desexa preservar na lingua
utilizada un aspecto aceptabelmente 'normal'.
en definitiva! a
constrición indispensábel tense respectado, en todo o seu espírito, con rigor,
escrupulosamente, ao pé da letra. evidentemente isto entraña, o lector
apreciarao de xeito doado nas páxinas que seguen, numerosas tensións e algunhas
solucións aproximativas, mais nom esquezamos que ese tipo de distorsións xa
existía na versión orixinal e que ninguén pode negar o sabor a indefiníbel
estrañeza que deixa La disparition.
de feito, este libro, recorrendo a efectos que renova constantemente, xoga
sempre co lector, xa sexa propoñéndolle verdadeiros malabarismos verbais,
ofrecéndolle citas trucadas ou ocultas, xa sexa proporcionándolles indicios
falsos, dignos da mellor novela de intriga. convidándoo, en suma, a practicar
unha lectura a distintos niveis.
é natural, polo
tanto, que, a modo de traballo preliminar a calquera intento de tradución, se
precisaran numerosas e minuciosas lecturas para localizar con precisión as
operacións realizadas no texto orixinal coa fin de verter o máis fielmente
posíbel todas as estruturas no de chegada. así, por exemplo, neste fragmento:
on noya dans l'alcool un
pochard, dans du formol un potard, dans du gas-oil un motard.
onde detectamos
un dobre xogo de rimas unido a unha impecábel lóxica semántica, e buscamos unha
forma que reproducira coa maior exactitude posíbel o efecto textual producido:
afundiu bebedor en porrón, doutor en poción,
condutor en bidón.
noutro capítulo
Perec conclúe unha paráfrase libre do argumento de Moby-Dick
de Melville cun xogo de palabras que pon de
relevo simultaneamente o traballo realizado sobre a linguaxe e as dificultades
dunha escrita sometida a uns interditos particularmente severos:
ah Moby Dick! ah maudit Bic!
neste caso tamén procuramos,
respectando os requisitos básicos impostos pola constrición, lograr o efecto
divertido e perturbador creado en francés pola unión insólita dos termos
elixidos por Perec. a solución final que se propón tamén pretende satisfacer o
mellor posíbel as condicións de partida:
oh, Moby Dick! oh, móbil Bic!
podería pensarse
que estes exemplos son casos reducidos, detalles de escasa importancia, pero
debemos ser conscientes de que o sentido global do libro constrúese
precisamente mediante a montaxe e a organización deste tipo de detalles para
conformar unha complexa rede textual.
pódese afirmar
que neste libro máis que noutros, debido precisamente á constrición de
escritura, ningún detalle se ten deixado ao azar e que, polo tanto, todos os
elementos deben ser considerados se a tradución pretende respectar o valor
textual do orixinal na súa integridade. así, o método de tradución adoptado ten
sido, loxicamente, calcado de Umberto Eco cando
explica, a raíz da súa tradución de Exercicios de estilo
de Queneau: 'para rematar, tratábase de decidir que
significaba, ante este tipo de libro, ser fiel. unha cousa estaba clara, e é
que iso nom quería dicir ser literal. (...) ser fiel significa aquí comprender
as regras do xogo, respectalas e, despois, xogar outra partida con idéntico
número de tiradas'.
neste sentido,
nom o dubidemos. O secuestro presentarase como a máis
fiel tradución posíbel de La disparition;
se nom fose así nom nos quedaría máis remedio que compartir o pesimismo irónico
de Borges ...
Marc Parayre
NOTA: a constrición de
escritura mencionada no texto refírese a que Perec non utilizou ningún ‘e’ á
hora de compor a novela, escrita, polo tanto como un lipograma, sendo o ‘e’ a
letra máis frecuente na lingua francesa. precisamente por iso, na tradución ao
castelán publicada por Anagrama, optouse á súa vez por omitir o ‘a’ ao ser a
máis usada en castelán.
o autor francés, caprichosiño, publicou tres anos máis
tarde outra novela cunha constrición formal semellante, Les Revenentes,
en 1972. esta vez decidiu utilizar unha única vogal, o ‘e’ precisamente.
Marc Parayre, que asina este prólogo á edición
de Anagrama, traduciu e novela xunto con Marisol Arbués, Mercè Burrel, Hermes Salceda e Rexina Vega. o seu traballo conxunto mereceu o Premio
Stendhal de tradución na súa edición de 1998.
© tradución e deturpación por @xindiriz