venres, 30 de setembro de 2011

Plácido Castro, no Día Internacional da Tradución

Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967) será un completo descoñecido para moitos galegos. Entre moitas outras cousas (político, poeta, ensaista, profesor ou periodista) foi tradutor. É por iso que é axeitado lembrar hoxe, o Día Internacional da Tradución (honrando a Xerome, o primeiro en traducir a Biblia ao latín) algo da súa peripecia.

En setembro de 1933, en plena II República, representou ao Partido Galeguista no Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado no Hotel Savoy de Berna. Alí leu, primeiro en galego e logo en inglés, unha declaración na que se proclamaba Galiza como nación. Por suposto foi represaliado durante o franquismo, sendo exiliado en 1940 a residir a máis de 100 kms do seu fogar; escolleu Vigo pero en 1949 xa se instalara en Londres, fuxindo da asfixia cultural e política que paralizaba a nosa terra. Alí traballou para a BBC, contribuíndo a consolidar unha programación en galego; nunha ocasión ao ser preguntado en antena, "cal é a calidade máis digna da ánima humana?", repondeu, "a tolerancia".

A súa familia enviárao e estudar a Glasgow dende os seis anos ata rematar estudos de filoloxía inglesa. As súas primeiras traducións de poemas irlandeses, escoceses e ingleses de autores entón descoñecidos pero agora figuras chave coma Yeats ou Blake apareceron en galego en El Pueblo Gallego, Diario de Pontevedra ou a revista Céltiga. É, por tanto, un pioneiro. Durante a República, 1935, colabora cos Vilar Ponte ao traducir, na Editorial Nós, Teatro irlandés. Dous folkdramas de Yeats.

En 1949 publica en Buenos Aires, Editorial Alborada, Poesía inglesa e francesa verquida ao galego, en colaboración con Lois Tobío e Delgado Gurriarán. E na súa última etapa, xa en Galiza dende finais dos anos 50, publica a primeira tradución do inglés ao galego de As Rubáiyat, obra persa do século XI de Omar Kayyam.

Tamén deixou apuntes teóricos e cría que a tradución poría o galego en igualdade co resto de linguas e potenciaría a primeira opción da disxuntiva que marcou as súas dúas vidas, antes e despois da guerra: "cosmopolita ou castelán de imitación". Quizás esta disxuntiva valga para todos os que nos sentimos galegos.

Existe unha fundación que leva o seu nome; tamén o Premio Plácido Castro de Tradución, convocado anualmente; e en 1997 publicose Plácido Castro. Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego de Xulio Ríos Paredes en Ir Indo Edicions. Á súa figura, polo tanto, ten tido certo recoñecemento, un proceso non exento de problemas, como reflicte a poblemática xurdida coa colocación dunha placa conmemorativa na fachada do edificio da rúa Reconquista de Vigo que foi o seu fogar durante anos.

BIBLIOGRAFÍA:
PONTEVEDRA, Silvia R.: "El segundo destierro de Plácido Castro", El País, 26 xuño de 2009.
REINERO, David: "As vidas verquidas do tradutor Plácido Castro"El País, 30 setembro 2011.
"Vilagarcía conta dende hoxe cunha rúa dedicada a Plácido Castro en Carril", Xornal de Galicia, 1 novembro 2009.

venres, 9 de setembro de 2011

vicio inherente

2009
Voluntaria ou non, a viaxe a que o mandara Vehi con aquela poción máxica foi tal que Doc seguía esperando esquecela co tempo.
Todo comezara, ao parecer, facía uns tres mil billóns de anos, nun planeta dun sistema solar binario bastante lonxe da Terra. Doc daquela era algo así coma Xqq, e debido aos dous soles e a como amencían ou se poñían, traballaba a turnos moi complicados, limpándoo que deixaba unha manchea de científicos-sacerdotes que inventaban cousas nunhas instalacións xigantescas que anteriormente tiñan sido unha montaña de osmio puro. Un día oíu balbordo nun corredor inferior semirestrinxido e foi botar un ollo. Operarios normalmente sedados e estudiosos estaban ás carreiras dun lado para outro movidos por un xúbilo incontrolable. Non paraban de berrar, “conseguímolo!”. Un deles agarrou a Doc., ou mellor dito, a Xqq. “Aquí o está, o suxeito perfecto!”. Case sen darse conta estaba asinando pases, e ao estar disfrazado co que pronto sabería era unha vestimenta de hippie clásico do planeta Terra, e trasladalo a unha sala na que palparexaba a luz dun xeito estraño e na que se repetían motivos dos Looney Tunes nun mosaico repetidos obsesivamente en varias dimensións simultaneamente en frecuencias claramente audibles e espectrais innomeables ... O persoal do laboratorio explicáballe mentres que acababan de inventar a viaxe polo tempo intergaláctico e que estaba a piques de ser enviado ao universo e quizás 3 trillóns de ano no futuro. “Ah, e outra cousa,” xusto antes de pulsar o último interruptor, “o universo? estivo como a ... expandirse? Así que cando chegues, todo o resto pesará o mesmo, pero será máis grande? con todas as moléculas separadas? excepto ti – ti terás o mesmo tamaño e densidade. O quere dicir que medirás un pé menos que todos os demais, pero moito máis compacto. Coma un sólido?
“Podo atravesar paredes?” preguntou Xqq, pero para entón o espacio e o tempo, como el os coñecía, por non mencionar o son, a luz, e as ondas cerebrais, estaban a sufrir estes cambios sen precedentes, e o seguinte foi que estaba na esquina de Crista da Duna co Bulevar de Praia Gordiña mirando o que semellaba unha interminable procesión de mozas en bikini, das que algunhas lle sorrían e lle ofrecían uns delgados obxectos cilíndricos cuxos productos de oxidación aparentemente foran pensados para inhalar ...
Resultou que podía atravesar muros sen morteiro sen moito problema, inda que, ao carecer de visión de raios x, meteuse en leas desagradables con tacos de madeira nas paredes e co tempo reduciu a práctica. A súa nova hiperdensidade tamén lle permitiu ás veces desviar armas simples que lle apuntaban con intencións hostís, inda que as balas eran outra historia, e tamén aprendeu a evitalas no posible. Lentamente a Praia Gordiña da súa viaxe fundiuse coa versión normal e empezou a asumir que as cousas volvían ao costume, excepto cando, de cando en vez, se esquecía e se arrimaba á parede e de súpeto se atopaba medio dentro medio fora e tentando desculparse con alguén ao outro lado.
- Ben, supuxo Sortilexio, a moitos de nos incomódanos descubrir algún aspecto segredo da nosa personalidade. Pero non é como para poñerse a medir tres pés de alto e ter a densidade do chumbo.
- É doado dicilo. Inténtao.

Tradución ao galego por XINDIRIZ do texto tirado de
THOMAS PYNCHON Inherent Vice. The Penguin Press, New York (2009); páxinas 106 – 107.

proxecto Trasno

proxecto Trasno reúne a tradutoras e tradutores, trasnegastrasnegos, que de xeito voluntario se integran en grupos e proxectos de localización de software libre.

sen case apoio oficial téñense consolidado coma unha referencia na materia, tendo contribuído decisivamente a fixar a lingua galega no referido á terminoloxía informática. o seu traballo inclúe a tradución dos programas (utilidades, interfaces de usuario e instalación das distribucións de GNU/Linux), a documentación sobre diferentes aspectos do sistema, e un dicionario para o corrector ortográfico.

reúnense de cando en vez (unha ou dúas veces ao ano) para discutir e analizar dúbidas e disparidades que van xurdindo nas denominadas trasnadas, ás que calquera con interese podería asistir. co seu entusiasmo e bo quefacer teñen logrado que a nosa comunidade lingüística, moi por diante doutras con maior potencial en canto a recursos humanos e materiais, teña versións galegas de gran número de aplicativos informáticos.

segundo a wikipedia a asociación xurdiu da fusión de dous grupos distintos que empezaron a colaborar a principios de 2000: o grupo GzLinux, fundado por Manuel A. Fernández Montecelo e Nuno André Novo (Woden) e que se adicaba á tradución de documentación (guías e manuais); e o grupo GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux da Universidade da Coruña), un subproxecto coordinado por Jacobo Tarrío, para a localización das utilidades de GNU e programas libres en xeral.

xoves, 8 de setembro de 2011

cotovía

Cotovía é un sistema de conversión texto-voz bilingüe para Galego e Castelán desenvolvido polo Grupo de Tecnoloxías da Fala da Universidade de Vigo e un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

mércores, 10 de agosto de 2011

traducións malas

TRADUCIÓNS MALAS:
MANIFESTACIÓN PROVISIONAL

chamémoslle ao que facemos traducións malas
          1 ... porque se portan mal inda que sabemos que é necesario para que veñan medras
2 ... porque todas usan máscaras e ás veces queren ser coma todas e bailar onthefloor
          3 ... porque a humildade ocasional nos di que todo pode ser mellor
4 ... porque hainas que saben certo que son boas e non queren que elas falen galego
5 … porque somos nerviosas e inquietas e non damos pasado demasiado tempo convencéndoas para que sexan boas
6 … porque moitas veces a que empezou sendo mala acabou realmente sendo boa e as que usaban a categoría quedaron feitas unha vergonza desaliñada
7 … porque para a corrección estrita xa hai tantas aspirantes que nos desanima a competición, tan dura
8 ... porque sempre hai máis razóns pero ou non as lembramos ou non quixeron asistir por timidez ou calquera outra razón persoal

malas tal e como din
XOSÉ MANUEL PEREIRO en "apoucalípticos e integrables": Para non ser menos ni acusado de relapso, sin la perceptiva orden judicial y en base a su libre y alegre albedrío, el conselleiro se apresuró a condenar el libro al infierno donde van los textos malos, donde ya purgan sus penas los que cometieron el pecado de explicar las matemáticas en gallego.


luns, 27 de xuño de 2011

solución á proposta "the house that Jack built"

Este é o granxeiro que sementou o millo que mantivo o galo que cantou pola mañá que espertou o cura ben barbeado que casou o home esfarrapado que bicou a solteira morriñenta que muxiu a vaca co corno enrugado que guindou o can que molestou o gato que matou o rato que comeu a malte que estaba na casa que Jack construíu.

xoves, 26 de maio de 2011

solución á proposta "whiskey in the jar"

ía polas montañas de Cork e Kerry - e vin ao capitán Farrell contando os seus cartos - primeiro tirei de pistola e logo de estoque - e dixen, "a bolsa ou a vida ou que o demo te leve"


collinlle todos os cartos e era unha boa morea - collinlle todos os cartos, si oh, e leveillos a casa a Molly - xurou que me amaba, non, nunca me ía deixar - pero que o demo leve a esa muller, si, pois saberás que me enganou coma un parvo


moita chuvia bum-ba-bá-bum-ba-bú - como cha xogaron meu vello - como cha xogaron meu vello - hai whiskey na xarra


bébedo e esgotado funme ao cuarto de Molly - leveina comigo pero non sospeitaba o perigo - xa que a iso das seis ou quizás as sete, si, entrou o capitán Farrell - din un chimpo, disparei e baleireille os cargadores


a algúns homes gústalles a pesca pero a outros a caza - a algúns gústalles oír, oír ruxir a bola de canón - pero a min, a min gústame durmir, especialmente no cuarto da miña Molly - pero aquí estou na prisión, aquí estou cunha bola e unha cadea, si