luns, 5 de novembro de 2018

o xeneral Beceiro Amado, o primeiro tradutor ao galego de 'El Quijote'

Beceiro Amado
GZÁrtabra

o 8 de novembro de 2013 o presidente da RAG presentou ante os medios a doazón feita por Juan Luis Beceiro García, avogado ferrolán residente en Madrid, que entregaba oito enormes tomos escritos a man con 'letra de imprenta' por seu pai, Juan Beceiro Amado.

o feito contiña dúas características subliñábeis, Beceiro pai fora xeneral de infantería do exército español e nos seus manuscritos estaba íntegra a primeira tradución ao galego completa coñecida de El Quijote de Miguel de Cervantes: no cuarto tomo dos manuscritos figuran unha data e un lugar: ‘Granada, 19 do San Martiño do ano 1970’. anteriormente, o académico Leandro Carré Alvarellos afrontara a tradución da obra pero tan só rematara os capítulos XXV e XXVI.

Beceiro traducira tamén ao galego, e incluira nos tomos doados polo seu fillo, outros cumios da literatura universal: Lazarillo de Tormes, a Odisea, Hamlet, e Contos e Leendas da’Eirín.

Juan Beceiro naceu en Ferrol en 1903. en 1918 era alumno de infantería, no 21 alférez e no 23 tenente na guerra de África. de volta en Ferrol, ascendeu a capitán e casou con Elisa García Dopico. no 34 mandou unha compañía na represión da revolución de Asturias e o 18 de xullo do 36 estaba en Ferrol, pasando a ingresar as filas do bando ‘nacional’ e participando en numerosas accións de guerra, en Castela e Teruel, onde ascendeu a comandante. o final da guerra pasouno en Extremadura.

logo foi destinado a Ferrol, Madrid, Salamanca, Valladolid e Melilla, ata chegar a xeneral de brigada en 1961. ao pasar á reserva, por consello médico, buscou un clima cálido e instalouse en Granada, onde inicia o seu labor literario e de tradución. finou en Madrid en 1990, durante unha visita aos fillos.

seica nunca falaba da guerra. seica era calado e discreto. tiña ademais unha vocación literaria propia, sendo autor de moitas narracións curtas, que nunca quixo publicar. tamén escribiu unha obra lexicográfica co título comentos, follas dun vocabulario galego-castelán, onde intercala texto propios e explicacións sobre os termos recollidos; tamén inédita.

en xuño de 2017 proxectouse no Ateneo Ferrolán un vídeo elaborado por Carlos Laíño con guión de Siro López sobre Beceiro Amado, un vídeo divulgativo para explicar que o galego nom é nim de dereitas nim de esquerdas, nim de militares nim de civís, o galego é de todosLópez tamén recalca que, daquela, escribir e traducir en galego equivalía a posicionarse contra o réxime.

@xindiriz
FONTES: ‘el general que tradujo el quijote al gallego’ (abc) 2013
‘Juan Beceiro Amado, un xeneral ferrolán que traducía ao galego obras clásicas da literatura’ (diario de ferrol) 2013
‘entregan a la RAG traducciones de Beceiro Amado’ (la opinión) 2013
homenaje a Beceiro Amado como símbolo del gallego’ (voz de GZ), 2017

luns, 29 de outubro de 2018

Umberto Eco e os catorce indicios de fascismo

imaxe tirada de 'el centinela'

Umberto Eco medrou no réxime fascista de Mussolini, ‘certamente unha ditadura, pero nom totalmente totalitaria, nom pola súa brandura mais pola fraqueza filosófica da súa ideoloxía. ao contrario do que se pensa, o fascismo en Italia nom tiña unha filosofía distintiva. tiña, sem embargo, estilo, ‘un xeito de vestir – bastante máis influínte, coas súas camisas negras, que Armani, Benetton ou Versace nunca vaian ser’.

o humor negro do comentario indica un consenso crítico sobre o fascismo, que, como forma de nacionalismo extremo que é, adquire as características da cultura nacional que o orixina.

pode que sexa excesivo que unha soa palabra se poida referir a tantas manifestacións culturais de autoritarismo, por toda Europa e incluso Sudamérica. Italia tería sido ‘a primeira ditadura de dereitas que se fixo dona dun país europeo’, e pasou a denominar o sistema político. pero o que estraña a Eco é ‘por que a palabra fascismo se converteu nunha sinécdoque, é dicir, unha palabra que podería usarse para diferentes movementos totalitarios’. por dicir algo, o fascismo era un totalitarismo pouco definido, unha amalgama de diferentes ideas políticas e filosóficas, un avesporeiro de contradicións.

mentres Eco cre firmemente que so houbo un nazismo, ‘o xogo fascista pode xogarse de maneiras distintas, e o nome do xogo nom cambia’. Eco reduce as calidades do que chama ‘fascismo arquetípico’ ou ‘fascismo eterno’ a catorce características ‘típicas’, que nom se poden organizar sistemáticamente: contradinse e son típicas doutros tipos de despotismo ou fanatismo. pero abonda que unha delas estea presente para que o fascismo vaia medrando en torno a ela.

1. o culto á tradición – ‘só hai que observar o programa de todos os movementos fascistas para atoparnos cos pensadores tradicionalistas máis importantes. a gnose nazi foi alimentada por elementos tradicionalistas, sincréticos e ocultistas’.

2. o rexeitamento da modernidade – ‘a Ilustración e a Idade da Razón son consideradas como o comezo da depravación moderna. neste sentido o fascismo arquetípico pode definirse como irracionalismo’.

3. o culto á acción pola acción – ‘actuar é algo belo en si mesmo, e debe facerse antes, ou sen, reflexión previa. pensar é un xeito de castración’.

4. disentir é traizón – ‘o espírito crítico fai distincións, e distinguir é un sinal de modernidade. na cultura moderna a comunidade científica valora disentir como maneira de mellorar o coñecemento’.

5. medo ás diferenzas – ‘o primeiro atractivo dun movemento fascista é un chamado contra os intrusos. o fascismo arquetípico é racista por definición’.

imaxe tirada de 'wikipedia'
6. apelación á frustración social – ‘unha das características máis típicas do fascismo histórico era o chamado á unha clase media frustrada, unha clase que padece crise económica ou se sinte humillada politicamente, e atemorizada pola presión de grupos sociais inferiores’.

7. obsesión polas conspiracións – ‘os seguidores deben sentirse asediados. o xeito máis doado de resolver a conspiración é apelar á xenofobia’.

8. o inimigo é tanto forte como feble – ‘mediante un continuo cambio no enfoque retórico, os inimigos son simultaneamente demasiado fortes e demasiado febles’.

9. o pacifismo equivale a negociar co inimigo – ‘para o fascismo arquetípico nom hai loita pola vida mais, pola contra, a vida vívese para loitar’.

0. desprezo polos febles – ‘o elitismo é un aspecto típico de calquera ideoloxía reaccionaria’.

1. todos somos educados para converternos en heroes – ‘na ideoloxía do fascismo arquetípico, o heroísmo é a norma. este culto ao heroísmo está estreitamente ligado ao culto á morte’.

2. machismo e armas – ‘o machismo implica tanto desdén polas mulleres como intolerancia e condena dos hábitos sexuais nom standard, desde a castidade á homosexualidade’.

3. populismo selectivo – ‘no noso futuro haberá un populismo de tv ou internet, no que a resposta emocional dun grupo selecto de cidadáns será representada e aceptada como a Voz do Pobo’.

4. o fascismo arquetípico fala unha neolingua – ‘todos os manuais escolares nazis ou fascistas facían uso dun vocabulario empobrecido, e unha sintaxe elemental, para limitar os instrumentos do razoamento complexo e crítico’.

o texto completo do que se tirou esta listaxe abreviada está dispoñíbel en the NY Review of Books
tradución mala por @xindiriz

xoves, 18 de outubro de 2018

Raymond Williams e por que a cultura importa. cultura e civilización

Raymond Williams
IMAXE TIRADA de 'Poemas del Alma'
Raymond Williams, e por que a cultura importa

este ano celébrase o vinte cabodano (agora o 30) da morte de Raymond Williams, un dos pensadores máis monumentais do século XX. ven de publicarse unha soberbia biografía sobre el, Raymond Williams, a vida dun loitador, a cargo de Dai Smith, considerado un dos mellores estudosos da cultura galesa e da historia do noso tempo. Smith cartografa a pasaxe de Williams desde a fronteira de Gales, onde seu pai era ‘gardagullas’, a Cambridge e máis tarde cara o ensino para adultos, unha vocación elixida por razóns políticas ao igual que os seus colegas da 'nova esquerda', Richard Hoggart e E.P. Thompson.

num dos poucos momentos de desencanto que tiña, Williams díxome que a diferenza entre ensinar a adultos e a universitarios nos 50s era 'ensinar ás fillas dos médicos e nom aos fillos'. mais nunca dubidou que un goberno laborista digno de tal nome tería que realizar fortes investimentos no que denominaba 'as institucións de cultura e educación popular' e arramplou contra todos eles, desde Clement Atlee ata Harold Wilson, por nom telo feito.

nun ensaio pioneiro escribiu que 'a cultura é ordinaria', e a súa vida foi un exemplo diso. viu a transición desde as 'Black Mountains' ata os soñadores pináculos de Cambridge como algo para nada infrecuente: a clase traballadora galesa da que proviña sempre producira escritores, mestres e activistas políticos coma el mesmo.

ata o final, considerou a comunidade rural e politicamente consciente na que se criou, coa súa afabilidade e espírito asociativo, como unha cultura moito máis xenuína que o Cambridge no que ocupaba unha cátedra, un centro de aprendizaxe que unha vez describiu acedamente como 'un dos lugares máis groseiros da terra'. a clase traballadora da illa podía nom ter producido a súa cota de 'Miltons' e 'Jane Austens'; pero desde o punto de vista de Williams permitira ver a luz a unha cultura de seu que tiña cando menos tanto valor: institucións dos traballadores duramente gañadas, os sindicatos e os movementos asociativos.

desde a súa prematura morte en 1988, a cultura, poderíase dicir, tense volto algo inda máis ordinario que nunca. nom porque Milton xa se venda nos supermercados; inda que Austen ten escapado das bibliotecas universitarias para proporcionar pracer a millóns de persoas a través do cinema e a televisión.

desafiando os profetas dominantes na cultura, Williams nunca cesou na súa defensa do potencial progresista dos medios. pero tamén cría que estes xeitos tan importantes de diálogo deberíanlle ser arrebatados aos cínicos empresarios que se aproveitaban deles para o seu beneficio. a súa receita para tratar cos Murdochs deste mundo estaba claramente lonxe da súa circunspección habitual: 'estes homes deben ser desaloxados'.

o verdadeiro sentido no que a cultura se fixo mías ordinaria que nunca desde a morte de Williams ten pouco que ver con Dante ou Mozart. un das súas propostas clave foi insistir en que a cultura significaba nom só obras de arte eminentes mais todo un xeito de vida en común.

no noso tempo, a cultura neste sentido - a linguaxe, a herdanza, a identidade, o parentesco, as raíces e a relixión - fixéronse importantes abondo como para matar por elas. algúns homes e mulleres de hoxe dan as súas vidas en nome da cultura, ou toman as doutros. Dante e Mozart pode que sexan 'elitistas', mais cando menos nunca lle arrancaron as extremidades a ningunha crianza.

cultura e civilización

as tres correntes políticas que encabezaban a axenda global a finais do s. XX - o nacionalismo revolucionario, o feminismo e a loita étnica - todas elas sitúan a cultura no corazón mesmo do seu proxecto. nos tres casos, a linguaxe, a identidade e as formas de vida son os termos nos que se configuran e formulan as demandas políticas.

neste sentido, a cultura fíxose parte do problema máis que parte da solución, como si o era para Matthew Arnold e F.R. Leavis. nas formas máis tradicionais de conflito político, as mulleres e homes traballadoras téñense mostrado moito máis inspiradas cando o que estaba en xogo nom era simplemente un soldo para vivir (como coas comunidades mineiras) e si a defensa de todo un xeito de vida. a demanda política que os nosos dirixentes atopan máis complicado derrotar é unha que é tanto cultural como material.

desde inicios do s. XIX, cultura ou civilización foron o contrario a barbarie. existe unha narración que apoia esta oposición: primeiro tiñades barbarie, e logo a civilización foi laboriosamente dragada fóra súas turbias fonduras.

os pensadores radicais, pola contra, sempre consideraron barbarie e civilización simultáneos máis que secuenciais. isto é o que o marxista alemán Walter Benjamin tiña en mente cando declarou que 'todo documento da civilización é ao mesmo tempo un rexistro do barbarie'. por cada catedral, unha sima de ósos. por cada marabillosa obra de arte, o traballo masificado que garantía ao artista os recursos para creala.

a civilización precisa ser arrancada á Natureza por medio da violencia, pero a violencia nom termina aí. sigue viva na coacción utilizada para protexer a civilización unha vez que está establecida - unha coacción que é coñecida entre outras cousas como Estado político.

na actualidade, sen embargo, o conflito entre civilización e barbarie ten cobrado unha xiro sinistro. o que agora encaramos é un conflito entre civilización e cultura, que acostumaban a estar situadas no mesmo lado do balado.

civilización significa reflexión racional, benestar material, autonomía individual e auto-cuestionamento irónico; cultura significa un xeito de vida que é costume, colectividade, paixón, espontaneidade, ímpeto e irracionalidade. xa que logo, nom sorprende comprobar que temos civilización mentres eles teñen cultura. a cultura é a nova barbarie. o contraste entre occidente e oriente estase configurando en torno a un eixo novo.

o problema, sen embargo, é que a civilización precisa da cultura inda que tamén se sinta superior a ela. precísaa porque a súa propia autoridade política nom funciona a menos que poida encaixarse nun xeito específico de vida.

os homes e as mulleres nom se someten de xeito doado a un poder que nom se funde no tecido da súa existencia diaria. e esta é unha razón pola que a cultura continúa a ser tan vital desde o punto de vista político. a civilización nom fai migas coa cultura, mais tampouco pode pasar sen ela. podemos estar seguro que Raymond Williams aportaría a súa sabedoría sobre este misterio.

Terry Eagleon
texto orixinal publicado en
ATC (Against the Current, contracorrente) 137, novembro – decembro 2008
tradución: @xindiriz

luns, 9 de abril de 2018

os que mandan acertan ao considerar o multiculturalismo unha ameaza

fonte da imaxe: Usabilla Blog
hai un problema irresolúbel con iso de introducir os inmigrantes aos valores británicos. nom hai valores británicos. tampouco valores serbios ou peruanos. ningunha nación posúe o monopolio sobre a equanimidade e a decencia, a xustiza e a humanidade. algunhas culturas teñen máis querencia por certos valores que por outros (os árabes, a hospitalidade ou os británicos, a auto-disciplina emocional, por exemplo), mais nom hai nada inherentemente árabe na hospitalidade ou inherentemente británico sobre nom poñerse histérico de súpeto. a tolerancia e a compaixón, como o sadismo e o supremacismo, atopanse en calquera sitio do mundo.

un dos moitos logros da Ilustración máis radical foi rexeitar a idea de que virtude ou vicio dependan da orixe étnica. ninguén é moralmente superior por ter nacido en Boston e nom en Bosnia. os postmodernistas que negan valores universais en nome da diferenza cultural están, de xeito inconsciente, confabulados cos populistas e os conservadores.

os valores morais básicos do dentista musulmán prototípico que emigra a Gran Bretaña coinciden en gran parte cos do típico fontaneiro nado en Inglaterra. ningún dos dous é probábel que crea que mentir ou enganar é o mellor proceder, ou que deban mallar nas súas crianzas. pode que teñan costumes e crenzas distintas, mais o sorprendente é a amplitude do terreo común entre eles a respecto de que significa para mulleres e homes vivir ben. no que respecta á moralidade, é difícil que caiba un papel de liar entre Alá e Xehová.

entón, por que tantos políticos se 'quentan' cos supostos perigos do multiculturalismo? nom deberían simplemente aceptar que os valores morais compartidos están fondamente ancorados nos seres humanos, e que as diferenzas culturais son, polo tanto, irrelevantes? nom en absoluto. desde o punto de vista do poder político, a cultura é absolutamente vital. tanto que o poder nom pode funcionar sen ela. é a cultura, no sentido dos costumes diarios e crenzas dun pobo, o que o fai semellar algo natural e inevitábel, e o transforma nun reflexo e nunha resposta espontáneas.

a menos que a autoridade se encardine nas raíces da experiencia e a identidade da xente permanecerá demasiado abstracto e distante como para gañarse a súa lealdade. se é para asegurarse a súa conformidade, o poder debe adoptar a cor invisíbel da propia vida diaria. e isto é o que coñecemos como cultura. a cultura é o que mantén o poder no seu sitio. cando aqueles para os que cultura equivale a Mansfield Park e a frauta máxica comezan a debater con avidez sobre a cultura en termos de vestimentas, linguaxe e credo relixioso, podes estar razoablemente seguro de que senten que os seus intereses políticos están ameazados.

hai trinta anos, só uns cantos disidentes de esquerda como Raymond Williams insistían en que a cultura era algo corrente. coa inmigración, sen embargo, a cultura tamén se ten feito corrente a ollos dos nosos gobernantes. hoxe, incluso as corporacións capitalistas globais nom paran de chismorrear sobre a importancia do coñecemento local e os distintos modos de vivir. case todo o mundo ten agora sensibilidade cara as diferenzas culturais. so que algúns deles sono en como o gato é sensíbel co rato.

é doado ver porque a diversidade de culturas supón un problema para o poder. se a cultura trata da pluralidade, o poder trata da unidade. como se pode vender ao mesmo tempo a unha ampla gama de formas de vida sen diluírse de xeito fatal? o multiculturalismo nom é unha ameaza porque puidera alentar aos que se inmolan con bombas. é unha ameza porque o noso tipo de estado político depende dun ríxido consenso cultural para implantar as súas políticas materialmente divisivas.

así, a cultura hoxe equivale nom só a sonetos e cuartetos de corda, mais a historia, orixes, linguaxe, parentescos e identidade. mentres todo isto sexa relativamente uniforme, o poder político pode permitirse deixalo ao seu albur. cando se fai excesivamente diverso como para servilo coa mesma culler nun conxunto ríxido de categorías é cando o estado se arrisca a ser socavado, e por iso busca neutralizar a diversidade. nese momento a cultura pasa a ser parte do problema e nom da solución. cesa como disolvente espiritual dos conflitos materiais, como nos días de Matthew Arnold e TS Eliot, e, no seu lugar, pasa a ser os propios termos nos que eses conflitos se articulan.

Tony Blair cre nunha cultura común, de igual xeito que crían os escritores da 'Nova Esquerda' como Raymond Williams e EP Thompson. Nin máis nin menos que o que define Blair como cultura común é que todos deberiamos compartir os seus valores para que nom poñan bombas nas estacións de metro. en realidade, ningún valor cultural se estende nunca a grandes grupos de recen chegados sen ser transformado no proceso. esta é a razón pola que o proxecto Blair é unha inxenuidade ademais de ser culturalmente supremacista. nom se asume en Downing Street que tales valores se poderían cuestionar ou transformar no proceso, que é o que pensadores como Williams ou Thompson tiñan en mente.

unha cultura verdadeiramente común nom é unha na que todos pensemos igual, ou na que todos creamos que a xustiza é inseparábel da devoción, mais unha na que a todos se lles permita participar nun proxecto, na configuración cooperativa dun xeito común de vida. se isto ten que incluír aos que proceden de tradicións culturais diferentes. e se a nosa sociedade actual se nutre da exclusión de certos grupos, entón a cultura que probablemente resulte dese proceso nom se parecerá en nada á actual. e isto é xusto o que a fará tan valiosa.

tradución por @xindiriz
texto orixinal: terry eagleton, 'those in power ...' the guardian, 21th february, 2007

venres, 21 de abril de 2017

tradución e interpretación: estudos e saídas profesionais

Universidad Nebrija
UNIVERSIDADES ESPAÑOLAS ONDE REALIZAR ESTUDOS DE TRADUCIÓN E INTERPRETACIÓN (segundo o ranking QS 2015).


A UGR ofrece o Grao en Tradución e Interpretación máis demandado segundo o último informe 50 carreiras de El Mundo, que conta con 14 idiomas e ten unha das bibliotecas máis completas en España. Logo estaría a UAB, que ofrece formación en máis dunha lingua; a USAL, que ofrece a posibilidade de aprender unha terceira lingua e cursos materias de libre elección; a Universitat Jaume I de Castellón (UJI), con 5 itinerarios (Tradución Científica e Técnica, Literaria, Audiovisual, Xurídica e Económica e Interpretación y Mediación Cultural); e a UAM cerra o Top 5 e ofrece formación de ata 4 linguas.

SAÍDAS PROFESIONAIS

O/a traductor/a ten unha taxa de empregabilidade do 48,81%, un dato do MECD, en base aos datos de afiliación á Seguridade Social. Isto pode resultar desmotivado, mais é importante destacar que a oferta de traballo nos organismos internacionais é moito maior e as remuneracións son moito maiores, ademais de fomentar a mobilidade internacional.

Un/ha tradutor/a sen experiencia pode percibir ata 2155€ ao mes segundo indica o sitio especializado tusalario.es; sen experiencia, a media a percibir sería de 1864€. Por suposto, o salario dependerá da experiencia, a especialización e a empresa para a que traballe.

Por exemplo, se o/a tradutor/a realiza tarefas de secretario/a e realiza tarefas de tradución, segundo Page Personnel, o salario a percibir é entre 24000-36000€ brutos ao ano.

No mundo hai máis de 40 organizacións internacionais, todas con necesidades lingüísticas. Ademais, as empresas nacionais que desexan ampliar as súas fronteiras, ou as multinacionais con sés en diferentes países precisan dos idiomas para asentarse no estranxeiro.

O traballo en editoriais, a redacción técnica, a dobraxe e a subtitulación e a tradución empresarial son tamén tarefas moi populares

Tamén hai que considerar a interpretación en conferencias científicas e eventos internacionais (espectáculos culturais e deportivos), así como no ensino ou do español para estranxeiros.

Entre os estudos que nos poden servir de orientación sobre as súas saídas profesionais cabe sinalar o ‘Libro Blanco del Título de Grado en Traducción e Interpretación’.


Especificación das profesións e/ou campos profesionais máis relevantes para graduado/as en tradución e interpretación.


1/ tradutor/a editorial
2/ corrector/a na área tecnolóxica (videoxogos, cinema, software, websites, …)
3/ tradutore/as altamente especializados en departamentos de compra/venda de empresas internacionais con
4/ tradutore/as e intérpretes xurídico/as
5/ mediadores culturais
6/ intérpretes na área sanitaria
7/ axencias de tradución e interpretación (contratado/as ou free-lance)
9/ tradutor/a literari/a
0/ docencia
1/ bolsas de emprego en institucións internacionais
ue - exames competitivos (in English)
onu - exames competitivos (in English)

mércores, 8 de febreiro de 2017

meu amor,

www.openculture.com 
o 28 de marzo de 1941, martes, con 57 anos, Virginia vestiu unha casaca, encheu os petos de pedras e fixo por afogarse no río Ouse. antes, logo dun colapso nervioso, escribiulle a Leonard.

Leonard era marido seu, mais tamén amigo e editor. quizás o termo máis acertado para describir a súa relación sería amigo, porque a Virginia os homes nom lle ‘interesaban’.

ela nunca acababa de revisar os seus escritos; por iso, el ‘roubáballos’ e mandábaos a imprensa. ela seguía a editar ata que un día el chegaba a casa e lle dicía: ‘podes para de revisar, o libro está na imprensa, hai semanas que está terminado’.

ela enfurecía, mais logo llo agradecía, pois así podía comezar outro libro.

estas son as liñas que lle deixou escritas aquel día de marzo:

Dearest,

I feel certain I am going mad again. I feel we can’t go through another of those terrible times. and I shan’t recover this time. I begin to hear voices, and I can’t concentrate. So I am doing what seems to be the best thing to do. You have given the greatest possible happiness. You have been in every way all that anyone could be. I don’t think two people could have been happier till this terrible disease came. I can’t fight any longer. I know that I am spoiling your life, that without me you could work. And you will I know. You see, I can’t even write this properly. I can’t read. What I want to say is I owe all the happiness of my life to you. You have been entirely patient with me and incredibly good. I want to say that – everybody knows it. If anyone could have saved me it would have been you. Everything has gone from me except the certainty of your goodness. I can’t go on spoiling your life any longer.

I don’t think two people could have been happier than we have been.

V.

meu amor,

teño a certeza de estar volvendo a perder a razón. creo que nom podemos volver a pasar as mesmas atrocidades de antes. e desta nom me vou recuperar. comezo a oír voces, e nom de dou concentrado. por iso vou facer o que mellor me parece. tesme proporcionado toda a ledicia que se pode dar. tes sido, en todo, todo o que alguén pode chegar a ser. nom creo que dúas persoas teñan sido máis felices ata que chegou esta terríbel doenza. xa nom dou loitado. sei que estou arruinando a túa vida, que sen min poderías traballar. e sei que o farás. xa ves, nin son quen de escribir isto como é debido. nom son quen de ler. o que quero dicir é que che debo a ti toda a ledicia da miña vida. tes tido tanta paciencia e sido tan incribelmente bo comigo. quero dicir que –
o saben todos. se houbese alquén que me puidese salvar ese terías sido ti. nom me queda nada excepto a certeza da túa bondade. nom podo seguir arruinándoche a vida.

nom creo que dúas persoas teñan sido máis felices do que nós fomos.

V.
FONTE DETURPADA: Pensar Contemporâneo

sábado, 7 de xaneiro de 2017

Catro Ventos, a editora dos libros esquecidos

os membros da editora Catro Ventos
foto XOÁN CARLOS GIL, lavozdegalicia
hai proxectos que falan por si sos das persoas que os poñen a andar. iniciativas que fan calar a aqueles que apuntan a que o futuro está en mans de persoas pouco comprometidas. hainos que arriscan e se involucran, que pretenden que o seu traballo teña unha relaicón directa cos seus principios éticos. é o caso de 'Catro Ventos', a editora creada por Isidro Dozo, Alicia R. Malga, Miguel Braña, María Mediero, e Patricia Buxán. Logo dun intenso ano de traballo, teñen xa dous libros traducidos e publicados por toda Galiza. hai outros catro de camiño. mais, antes de que o primeiro deles se pousase sobre os andeis das librarías, tiveron que reorganizar as súas axendas para continuar cos seus traballos ao tempo que se lanzaban á aventura. comecemos polo inicio.

un foro de tradutores serviu a Miguel Braña e a unha compañeira, que pouco despois abandonou o barco, para buscas apoios que fixesen viábel a iniciaiva que lles rondaba pola cabeza. coñeceron así a María Mediero, que nom tardaría en contactar coa súa ex-profesora Patricia Buxán. o espazo de coworking Nido, en Vigo, serviríalles para atopar as persoas encargadas da comunicación, o deseño e a loxística. "Gustoume o concepto en si, os eidos que se tratan. Dalgunha forma, tamén o vexo como un motor de cambio. A directriz é elixir obras que axuden ás persoas a decidir?", relata Isidro Dozo sobre os motivos que os levaron a él e a Alicia R. Malga a sumarse a Catro Ventos. nom son novatos nisto de emprender, xuntos crearon hai sete anos ATDP comunicación.

coas ideas claras, tocou porse a traballar. inda que se diron de alta en xullo e comezaron coa venda en outubro, levan desde o pasado Nadal "investigando diversos libros". diso, encárganse todos. "Cando atopamos algún que nos ten boa pinta, o le a persoa que sabe ese idioma. En caso de que lle guste fai unha ficha sobre o libro para compartir a súa valoración cos demais e decidir coxuntamente", explica María Mediero. este segundo filtro é moito máis doado de pasar. "acostumamos a coincidir", sinala. sen embargo, nom todos pasan o cribo do que se encarga de lelos. dos catros que leu ela en portugués, nom chegou a facer a ficha de ningún. no caso dos de italiano, fíxoa de catro de dez.

o seguinte paso é conseguir os dereitos de autor e comezar coa tradución e a maquetación. salvo da impresión, que delegaron nunha empresa de Mos, e a distribución, que se encarga Arnoia, todo o proceso repárteno entre os cinco.

consumo responsable, economía social, educación e crianza alternativa, ecoloxía e dereitos humanos son as cinco categorías nas que se agrupan os libros que publican desde Catro Ventos. un símbolo na parte posterior de cada texto os identifica. "Sabemos que nom teñen tanto éxito como temáticas como a novela romántica mais consideramos que o interese da sociedade por estas cuestións vai en aumento", afirma Isidro Dozo. fala tamén dun baleiro. "Coincidimos en que non atopábamos a documentación que buscabamos. Existe si, pero noutros idiomas", engade. por iso, inda que traducen ao galego, apostan (normalmente) por libros que tampouco están dispoñibles en castelá.

transición ecolóxica, cunha tirada de 500 exemplares, e a ruta dos refuxiados, con 300 copias, son os dous títulos que xa teñen á venda. pronto se sumarán outros dous e, outros tantos, están á espera da revisión final. ademais, puxeron subtítulos en galego ao documental francés Demain (Mañá). "Tivo bastante repercusión en Francia e a nós gustounos moito, por iso nos animamos", sinala María Mediero. inda que queren centrarse nos textos, afirma que "nom estamos pechados a nada. Imos experimentando".

tirado e traducido de "La editorial de los libros olvidados" publicado en La Voz de Galicia, escrito por MARINA SANTALÓ, o seis de xaneiro de 2016

estas son as verbas coas que se presenta a editora na súa páxina web

Catro Ventos Editora, S. Coop. Galega

xorde da combinación de dous elementos igual de importantes: o desexo de poder desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, mais tamén coherente cos principios éticos das persoas socias que participamos no proxecto; e a constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos eidos da economía social e da ecoloxía, malia o crecente interese da sociedade en xeral por estas cuestións.

miguel braña: "nacemos para satisfacer a demanda de libros de economía social en galego" (entrevista publicada en eusumo)
a aventura de editar divulgación científica e social en galego en galiciaconfidencial
MÁIS INFO en facebook & galipedia