xoves, 6 de febreiro de 2014

gradación de propostas de traballo (versión 1)

www.omghub.com
vistas as propostas de traballo que figuran a continuación o alumnado de 1º de bacharelato fixo unha valoración da súa dificultade. Pedíuselle que puntuasen cinco delas logo de lelas e tentar facelas. A que lles resultase máis difícil obtería un ‘5’ e a máis doada ‘1’. Tamén se lles pediu que explicasen brevemente as razóns nas que baseaban a súa opinión. Este é o resultado.

TÁBOA 1
PROPOSTAS VALORADAS EN RELACIÓN Á SÚA DIFICULTADE.

proposta de traballo
Nº mencións
Ptos. obtidos
Coeficiente (0 à 5)
7
16
9
5
8
17
67
23
10
31
2,42
4,18
3,28
2,00
3,87
5
8
9
10
3
15
23
15
27
7
3,00
2,87
1,67
2,7
2,33
6
7
12
2
0
23
30
24
8
---
3,83
4,28
2,00
4,00
---
11
6
5
4
2
37
11
12
12
10
3,36
1,83
2,40
3,00
5,00
0
2
1
0
0
---
6
4
---
---
---
3,00
4,00
---
---
0
0
2
0
0
---
---
9
---
---
---
---
4,50
---
---

TÁBOA 2
POR QUE CHE RESULTA DIFÍCIL UNHA TRADUCIÓN?

items
yes
no
long or short text?


VOCABULARY
difficult vocabulary?
technical or specific vocabulary?
difficult to find the expression in Galician?
difficult syntax?


DIFFERENT CONTEXTS – DIFFERENT CULTURES
Is the translation enough to understand it in Galician?
is context helpful to translate?
can you find double senses in the text?


is it necessary to have some knowledge of the issues or subject in the text?


is it difficult to find the register? to decide if formal or informal?


is it a text with rhymes?



XUÑO 2013

xoves, 16 de xaneiro de 2014

Alejandro Tobar Salazar: “O problema radica no reducido número de lectores na nosa lingua”

gl.wikipedia.org/wiki/Alejandro Tobar
na rede
(de balde)


Alejandro Tobar Salazar (Lugo, 1983) creou en 2011 a editora Hugin e Munin, que leva xa editados case unha vintena de títulos, todos traducións ao galego. A súa traxectoria inclúe tamén a súas propias traducións e unha novela, Cremalleiras (2008), entre outras cousas.

Se tivese que escribir algo que o defina dalgún xeito en poucas palabras, que escribiría?

No traballo fago por ser unha persoa seria.

Por que traduce ou traduciu?

Porque me gusta e porque tiven a sorte de o converter na miña ocupación profesional.

Que formación, relevante para a tradución, ten vostede? Que outros elementos cre que lle farían falta?

Traduzo preferentemente do inglés; estou formado en filoloxía inglesa. Vertín ocasionalmente textos ao galego dende o francés e dende o dinamarqués. A respecto dos outros elementos que me farían falla, só se me ocorre insistir na idea de que un está continuamente a se formar.

Cales son as súas linguas de traballo? Que ferramentas emprega? Como escolleu o autor ou autora? Con que obra ou obras está vostede a traballar na actualidade?

Se a tradución é unha encarga, o autor e a obra veñen dados; se é unha escolla persoal, os motivos son múltiples —e excesivos para os expor nun cuestionario coma este. As ferramentas de traballo supoño que son as habituais: gramáticas e dicionarios tanto en papel coma virtuais. Traballo sempre cara ao galego, e fágoo polo xeral dende o inglés; móvome sen problema pero non coa mesma soltura co francés.

Que nos pode dicir sobre as condicións de traballo dunh@ tradutor@ na actualidade? Tamén desde o punto de vista económico.

A resposta a unha pregunta así, se un pretende deitala cun mínimo de rigor, non é posible reducila a un parágrafo. Direi, con todo, que no económico depende en gran medida da empresa coa que cada tradutor ten a posibilidade de traballar, pero non só. Así, cando cobramos por páxina, o abano de prezos para, poñamos, cada páxina de 2000 caracteres é, polo que eu vin e vivín, moi amplo: dos 3-4 aos 18-20 euros.

Que tarefas ou proxectos lle gustaría afrontar e inda non fixo? Por que?

Moitos. Xa haberá tempo de enfrontalos. Escritores tan dispares como Bill Bryson e Apsley Cherry-Garrard teñen obras vastísimas ás que nalgún momento tratarei de lles fincar o dente.

Como ve vostede a relación entre tradutores e industria editorial galega?

Complicada e inxusta, tanto para os tradutores como para algúns editores. Na fin de contas, creo que o problema radica no reducido número de lectores na nosa lingua. É tan triste coma real.

Que papel deberían cumprir as iniciativas privadas e as públicas en relación á tradución?

Canto á miña iniciativa, a posta en marcha en 2011 da editorial Hugin e Munin, que hoxe conta con 18 títulos publicados de narrativa de ficción en tradución ao galego e que depende en esencia dunha base de subscritores, direi que o  seu papel consiste en achegar libros de alto nivel literario ao lector en galego. Son novelas para lectores que se saben lectores, isto é, obras non sempre fáciles pero con seguridade de recoñecido prestixio literario.

Debería existir un consenso sobre unha especie de ‘canon’ de obras a traducir?

Non vexo por que. Cada editor ten o seu criterio.

Cales son os proxectos galegos que teñen que ver coa tradución que lle parecen máis interesantes?

Interésame en especial a narrativa, e dentro desta atopo cadora e cando obras concretas de editoriais diversas que logran atraparme. Todos os libros que se producen á marxe da administración debo dicir que me merecen un respecto enorme. E cadaquén que entenda.

Que opina sobre os premios de tradución que coñece? E sobre os premios en xeral.

En tradución, se non ando enganado, só temos o Plácido Castro, e este ano foi declarado deserto, así que nada. O que a AELG outorga á mellor obra traducida creo que ten uns criterios e un sistema de votación pouco fiables -coma no resto de categorías en concurso. Xa que logo, no tocante aos premios, a cousa non anda aló moi ben.

Que función podería cumprir a tradución no conxunto do sistema lingüístico (e literario) galego? A súa proxección exterior, por exemplo.

A tradución é un xeito de normalización, iso está fóra de todo debate. Confío en que as boas traducións sexan cada vez máis habituais no mercado do libro en galego nos vindeiros anos. A valoración da proxección exterior déixollela a aqueles que traballan co galego cara a outras linguas e non coas outras linguas cara ao galego, como é o meu caso.

xoves, 2 de xaneiro de 2014

Carlos Coira Nieto: "As boas traducións permiten que un sistema literario medre"

carlos coira na librería Trama (Lugo)
www.editorialgalaxia.es
na rede
(de balde)

Carlos Coira Nieto (Rábade, 1969) socio ou promotor de proxectos e empresas culturais de diversa índole (Librería Trama, Matapiollos Teatro, TrisTram Editora, …) ten feito, entre outras moitas cousas, unha tradución dos poemas de Emily Dickinson e é nesa faceta na que amablemente responde ás preguntas de ‘laxastraducidas’.

P: No seu caso, por que traduce?

R: Traduzo para poder editar en galego algúns autores que son do meu gusto e que penso que teñen un oco dentro do noso panorama editorial. Chego a tradución dende unha pequena editora.

P: Que formación, relevante para a tradución, ten vostede? Que outros elementos cre que lle farían falta?

R: A formación académica é a de filoloxía inglesa. As eivas no meu caso son moitas posto que non teño ningunha formación específica sobre tradución, aínda que intento compensalo coa lectura de traducións das que aprendo moito.

P: Cales son as súas linguas de traballo? Que ferramentas emprega? Como escolleu o autor ou autora? Con que obra ou obras está vostede a traballar na actualidade?

R: As miñas linguas de traballo son o galego e o inglés. Traballo con programas de tratamento de texto, dicionarios, enciclopedias e páxinas de referencia de tradución.

Para escoller autores fíome moito polo meu gusto persoal e por se creo que algún autor debe ser editado na nosa lingua.

Na actualidade non estou traballando en ningunha tradución.

P: En que está a traballar agora?

R: Agora mesmo non sigo traducindo por falta de tempo e porque a editorial que temos non está nestes momentos sacando novas traducións.

P: Como valora a súa experiencia como tradutor@?

R: A miña experiencia como tradutor foi, sen dúbida boa; non dende un punto de vista económico.

P: Que nos pode dicir sobre as condicións de traballo dunh@ tradutor@ na actualidade? Tamén desde o punto de vista económico.

R: Aínda que agora xa non traduzo supoño que as condicións non mellorarían porque lamentablemente estamos nun momento en que nada do que ten que ver coa cultura vai ben. Dende o punto de vista económico, e referíndome sempre á tradución literaria, que é a que coñezo, supoño que é un momento moi malo pola falta de subvencións á tradución, pola tremenda baixada en edición e pola baixada de vendas de libros.

P: Que tarefas ou proxectos lle gustaría afrontar e inda non fixo? Por que?

R: A tradución ao galego de Tristram Shandy, sen dúbida unha das miñas novelas favoritas e que deu nome á nosa editorial. Tamén me gustaría traducir obras infantís.

P: Que papel deberían cumprir as iniciativas privadas e as públicas en relación á tradución?

R: Deberían ser as que consigan o orzamento e mellorasen as condicións de traballo para que os tradutores traballen nas mellores condicións posibles; tanto as institucións como a empresa editorial.

P: Debería existir un consenso sobre un ‘canon’ de obras a traducir?

R: Creo que polo ben da diversidade a decisión de que traducir ou non debería partir sempre do gusto de editores, tradutores …,

P: Onde radican os problemas da actividade tradutora, de habelos, dentro do panorama cultural en lingua galega?

R: Non creo que sexa un problema especifico da tradución senón de toda a actividade cultural galega que está atravesando un momento moi difícil.

P: Cales son os proxectos galegos que teñen que ver coa tradución que lle parecen máis interesantes?

R: Hai moitos proxectos ben interesantes e para min, como xa comentei antes, hai algúns infantís como os que está facendo ‘patasdepeixe editora’, ou dalgúns autores que me parecen moi bos, como os que están traducindo en ‘Rinoceronte editora’.

P: Que opina sobre os premios de tradución que coñece?

R: Aínda que non sei moito sobre isto os premios sempre on importantes para facer visible algo.

P: Que función podería cumprir a tradución no conxunto do sistema lingüístico (e literario) galego? A súa proxección exterior, por exemplo.

R: Para unha persoa coma min que ven de filoloxía inglesa sempre é importante a tradución para poder compartir autores con xente que non é quen de ler no idioma orixinal; penso que as boas traducións permiten que un sistema literario medre.

P: Tanto no eido das iniciativas públicas coma no das privadas, que pasos deberían darse na actualidade para mellorar a tradución en lingua galega?

R: Para mellorar unha tradución sempre é necesario ter tempo e iso non é de balde. É necesario que a posta económica sexa clara para que os tradutores poidan dedicar o tempo que cada tradución necesita.

venres, 13 de decembro de 2013

Belén Poutón Reboredo: "Hai que seguir a investigar a propia riqueza da nosa lingua"

Belén na praia das Catedrais
Cafetería A Barra, Lalín
decembro de 2013
zume de laranxa natural e unha torrada

Belén Poutón Reboredo (Lalín, 13 de marzo de 1990) rematou en maio os seus estudos de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo (inglés – galego), onde tamén traballa como bolseira (correctora) no Servizo de Normalización Lingüística. Tamén vén de gañar o Premio de Tradución convocado anualmente por dita institución coa súa tradución dunha historia de Zadie Smith, Hamwell o vellopublicada en lingua inglesa en 2007.

Di que sempre lle gustaron as linguas e quixo facer xirar a súa vida en torno a elas; polo tanto, estudar tradución foi algo non discutible. Logo de superada unha crise que lle fixo preguntarse se estaría a traballar no eido correcto, se non tería sido mellor estudar galego e non inglés, resolveu que non, que podía contribuír á estender o sistema literario e lingüístico galego dende a súa perspectiva de tradutora literaria, porque iso é o que Belén quere ser nun futuro non moi distante.

P. Desde a túa altura, recén rematados os seus estudos, como albiscas a situación da tradución literaria ao galego?

R. Para unha persoa coma min a situación non é doada porque, tendo en conta o tamaño da profesión e a súa capacidade de admitir novos traballos, xa hai moit@s tradutor@s no sistema e as posibilidades de traballar profesionalmente non son moitas. Ademais, dáme a impresión de que as grandes editoras galegas non apostan abondo pola tradución.

P. Polo tanto, cres que te vas poder dedicar só a isto?

R. Non o creo, é máis que probable que teña que compaxinar o que máis me gusta (a tradución literaria) con outras cousas; como a tradución técnica (manuais e folletos) e a audiovisual.

P. Por que decidiches participar neste premio?

R. Hai varias razóns, non só unha. Por probarme a min mesma e porque se saía ben podería ser algo moi positivo para o meu futuro profesional. Nunca sabes o que che pode abrir portas. E eu quero abrilas.

P. Como foi o proceso para a escolla deste texto e non outro?

R. Tamén hai varias razóns. A verdade é que revisei varios textos que me interesaban antes de optar por este. Ao final pesaron máis dúas razóns: a historia gustábame moito e supuña un reto, era complicada de traducir.

P. Que complicacións sinalarías, por exemplo?

R. Hai unha cantidade impresionante de xogos de palabras que é complicado reflectir en galego mantendo un mínimo de corrección e posibilidades de comprensión por parte d@ lector@.

En ocasións, Hanwell usa e recrea linguaxe que provén de seu pai, Hamwell o Vello, que á súa vez é amigo do uso e abuso de frases feitas. En concreto, cando Hanwell improvisa recitando uns versos que toman palabras dos consellos de Hanwell o Vello.

E hai que tomar decisións na vida (risas), coma fish’n’chips, que pasa a ser ‘fritada de peixe e patacas’.

P. Que dificultades, na túa curta experiencia, atopaches, fóra das propias dificultades do texto en si?

R. Creo que non hai moitos recursos en galego. Teriamos que ter máis. Algúns dicionarios e glosarios que hai en galego mesmamente deixan moito que desexar. Por exemplo, creo que o dicionario da RAG está incompleto, incluso palabras de uso cotián non figuran nel.

Por outra banda, a norma lingüística ten que avanzar máis no camiño da flexibilidade. Hai algunha incerteza terminolóxica que habería que emendar. E inda hai que seguir a investigar a propia riqueza da nosa lingua para que, ás veces, non caiamos nos castelanismos. Por exemplo, ‘facer o pino’ é un deles que quedou no meu texto, e non por falta de investigación. Estou segura de que hai unha expresión equivalente na nosa lingua pero non a atopei. E así quedou.

P. E logo disto, que pasos vas dar para converterte nunha tradutora profesional?

R. O primeiro será a cuestión dos currículos e pensar nalgún proxecto que presentar a algunha editora. De non haber resposta, haberá que ver.

P. Hai algunha cousa sobre a que che gustaría traballar?

R. A verdade é que de momento non. Gústame moito a narrativa contemporánea. Por aí supoño que tirarei. Gústanme autores como Auster ou Murakami. Admiro, por exemplo, a capacidade que ten Murakami de recrear mundos e universos propios, cercanos ou non @s lector@s. Pero claro, aí xa tería que continuar aprendendo o xaponés para defenderme mellor.

P. Como ves a oferta de textos traducidos en galego?

R. En principio, a pesar da crise tan fonda que existe, a oferta é bastante boa e variada. Hai oferta de tradución de textos clásicos e tamén de textos actuais. Hai casos incluso nos que as traducións de certos autores teñen saído antes en galego que en castelán, por exemplo. Sería un caso no que globalmente se está a facer moito con poucos recursos. E logo están editoras como Rinoceronte, que cobre baleiros que as ‘grandes’ non poderían facer, con textos procedentes de linguas non tan potentes coma o inglés. E en literatura infantil tamén hai moita oferta.