sábado, 26 de marzo de 2011

Valentín Arias

o tradutor e escritor Valentín Arias López faleceu o venres na súa casa de Sarria, onde nacera en 1934. Foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Traduciu fundamentalmente do francés, do portugués e do castelán. En 1989 recibiu o Premio Ramón Cabanillas de Traducción e o Premio de Traducción Juvenil del Ministerio de Cultura.


entre as súas numerosas traducións atópanse as obras de Xulio Verne A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da Terra e Da Terra á Lúa; Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry; O estranxeiro de Albert Camus, e A fractura do miocardio de Jacques Fansten. Púxolle tamén palabras galegas a Tintín, a autores coma Le Clezio ou Atxaga. Tamén traballou na coordinación do equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Ademais publicou artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minoritarias.


en 2005 resumía a súa traxectoria literaria na que tamén se contan ensaios, biografía, ou a súa labor de mestre: "Quizas, despois de todos estes traballos, podería quedarme co de tradutor, que é do que me sinto máis satisfeito e tamén dos que tiveron maior utilidade."




fora xa merecidamente homenaxeado durante o día internacional da tradución en 2008 coma un dos históricos da tradución ao galego no transcurso dunha xornada adicada á terminoloxía.


seguramente a mellor lembranza do seu traballo consistirá en reler as súas traducións. O seu nome aparecerá en letra pequena baixo ou despois das enormes letras do autor do libro; sen embargo, sen o seu labor non entenderiamos unha liña. Escoitádeo lendo a Castelao.


FONTES: prensa (Voz, Progreso) e youtube

Ningún comentario:

Publicar un comentario