domingo, 24 de novembro de 2013

excerptos de Jameson (04): sobre marxismo e outros códigos interpretativos

www.flickr.com
creo sería un erro defender o lugar do marxismo no sistema universitario americano sobre a base da tolerancia e o pluralismo liberais (por outro lado admirables). Hai unha xustificación moito máis poderosa que esta para o papel intelectual do marxismo, e ten que ver co que ten sido denominado reificación; a saber, a maior especialización e fragmentación das disciplinas. Moitos intelectuais deploran este desenvolvemento irreversible, mediante o que segmentos cada vez menores da realidade mudan nas provincias de códigos especializados ou linguaxes privadas (dos cales a xerga e o léxico nin sequera son quizás tan prohibitivos como a sedimentación en cada un deles de tradicións disciplinarias voluminosas – tanto textos chave como unha historia de problemas chave – que ningún leigo ten tempo de aprender ben). A ‘solución’ académica establecida a esta crise ten sido, baixo sexa cal sexa o slogan, a noción de programas ‘interdisciplinarios’, dos que os resultados teñen sido, ata o de agora, una notable decepción. En contraposición a isto, creo que é crucial insistir no feito que o marxismo é a única filosofía viva hoxe cunha concepción da unidade de coñecemento e a unificación de campos ‘disciplinarios’ que transcende as antigas divisións en departamentos e institucións e restaura a noción dun obxecto universal de estudo subxacente ás pescudas aparentemente diferenciadas no económico, o político, o cultural, o psicanalítico, … Esta non é unha opinión dogmática senón simplemente un feito empírico.

Diacritics, v. 12, Fall 1982, p. 89.
entrevista con Leonard Green, Jonathan Culler, e Richard Klein

mielylangostas.blogspot.com
todos, desde os distintos lugares que ocupamos na sociedade, e o tipo de cousas que sabemos, facemos interpretacións distintas. E temos códigos e métodos diferentes cos que facelo. O menos interesante que se pode facer nunha disputa é decidir que unha interpretación é correcta e a outra errada … Unha vez que un recibe interpretacións flamantes en base a algún tipo de texto, a continuación o máis interesante é investigar as zonas de validez destas interpretacións distintas. Ningunha interpretación obtida deste xeito pode ser completamente errada. Algo no texto debe ter posibilitado incluso a lectura máis aberrante que se poida imaxinar. Por conseguinte, hai unha zona local de validez que se pode atribuír a esa lectura. A miña pregunta ten que ver coa coordinación de todas esas lecturas e de ver finalmente como se conxuntan. Desde o meu punto de vista tamén hai horizontes implicados en cada lectura; hai abanos de validez na interpretación máis e máis amplos. Posto que o que é ao final concreto é a vida en sociedade da xente e a súa visión da vida colectiva, esas preguntas sobre o social e a clase son, dalgún xeito, as definitivas. En realidade non teño que defender esa posición con moita violencia; todo o que teño que facer é sinalar que a maioría de interpretacións deixan fóra eses niveis, inda que sempre hai moitas outras cousas que sempre se interpoñen. Se certas castes de cuestións sociais non son xeralmente cuestionadas nas interpretacións, entón cando menos é minimamente válido insistir que logo de acabar co resto de asuntos – os teus asuntos freudianos e existenciais – poderías desexar examinar finalmente a cuestión da túa clase social, posto que ninguén semella facer iso. Polo tanto, iso pesa na xerarquía desas interpretacións. O máis interesante é ver o que son todas as interpretacións, e logo ver como se poden conxuntar, o que é bastante distinto de rebaterlle á xente.

Semeia, #59, 1992, pp. 233-234.
unha conversa con Fredric Jameson

Ningún comentario:

Publicar un comentario