venres, 22 de novembro de 2013

excerptos de Jameson (02): o posmodernismo

hmonghot.com
ao falar de posmodernismo, é moi importante preguntar que eran exactamente ‘modernismo clásico’ e ‘alto modernismo’. Tenme resultado útil explorar a idea de que o modernismo era unha resposta á modernización en occidente desde, digamos, a última metade do s. XIX ata a Segunda Guerra Mundial. Era unha resposta ante unha modernización incompleta na que os propios enclaves e forzas modernizadas inda traballan no contexto das anteriores clases sociais, antigos usos agrícolas e, nalgunhas partes de Europa, incluso os antigos estratos aristocráticos, dos que finalmente se desfixo a Segunda Guerra Mundial. Polo tanto, a diferenza real entre posmodernismo e modernismo é que o posmodernismo é unha situación de modernización que tende a ser completa e na que as rémoras do pasado teñen sido eliminadas. … O modernismo, coa súa defensa da autonomía da arte e a súa ideoloxía da xenialidade, por por dous exemplos, inda reflectía unha situación na que había posibilidades emprendedoras seguras. Algunhas formas culturais de oposición ou crítica so emerxen cando a economía inda non está demasiado estandarizada e hai inda espazo tanto para o emprendemento individual como para os axentes correspondentes a nivel cultural … Ese é moito menos o caso agora. Estamos nun período no que hai unha colectivización xenuína das vidas da xente a cada extremo do espectro social e económico: as grandes corporacións multinacionais, por unha banda, e a colectivización dos grupos de oposición, pola outra. Por tanto, por exemplo, xa non existe o gran concepto americano do ‘rebelde solitario’ que reta a sociedade. Xa non quedan rebeldes solitarios porque todos están organizados dun ou doutro xeito. Teñen listas de correo, teñen as súas sociedades de rebeldes solitarios. Iso, en si mesmo, marca a diferenza no xeito no que se percibe a produción cultural e na autonomía relativa e a calidade sistemática deste xeito de ser atesourado polo económico en vez de ser producido na súa contra.

www.ultimahoranoticias.es
Marxism Today, September 1990, pp. 28-29.
“aferrarse aos danos: unha conversa con Stuart Hall”

o meu concepto de posmodernismo non é así algo monolítico, mais permite avaliacións doutras correntes dentro deste sistema – que non se poden medir a non ser que un saiba o que é o sistema … Desexo propor unha visión dialéctica na que nin vemos o posmodernismo como inmoral, frívolo ou censurable a causa da súa carencia de seriedade, nin tan bo como no sentido laudatorio e ‘McLuhanista’ da emerxencia dunha utopía nova e marabillosa.

FlashArt, #131, decembro 1986/ xaneiro 1987, p. 70
entrevista con Fredric Jameson de Anders Stephanson.

Ningún comentario:

Publicar un comentario