mércores, 6 de novembro de 2013

1992: Stuart Hall, Basildon e a 'ética das aspiracións'

www.amazon.com
as leccións (1) que se deben extraer da derrota do laborismo son precisamente as contrarias ás expostas por Stuart Hall e outros comentaristas próximos ao movemento ‘Tempos Novos’ (2) ou ao posmodernismo. Unha ten que ver coas limitacións inherentes (ou carácter auto-destrutivo) dun enfoque pragmático que o aposta todo a ser electoralmente atractivo, incluso deixando atrás os valores máis elementais de razón, consistencia, e verdade. Neste sentido, a acusación feita ao laborismo estaba xustificada –explotada con excelentes resultados na prensa tory–; o seu xiro radical no tema do desarmamento nuclear era simplemente unha argucia táctica, en absoluto relacionado con cambios de convición ou (inda menos) con calquera valoración realista dos cambios xeopolíticos. Ao optar pola liña da mínima resistencia (en total consonancia cos ditados dos ‘Tempos Novos’) o laborismo renunciou non só a unha instancia moral suprema senón á súa oportunidade de defender as súas razóns dun xeito moito máis consistente co que estaba a suceder no mundo real. De feito, a súa estratexia foi inda máis absurda ao comparala cos beneficios que obviamente se derivarían de adherirse á tese unilateral por razóns tanto pragmáticas como por principios e así sinalar unha dirección de futuro sensata que rachase co inmobilismo derivado da Guerra Fría. Pola contra, a estratexia fiscal do laborismo articulou unha argumentación xustificada (completamente factible e razoable) a pesar dos sabios consellos dos estudosos de enquisas, gurús dos medios, e todos os que recomendaban unha aproximación máis ‘pragmática’, ‘realista’ ou baseada no consenso. É bastante posible que isto lles custara caro nas eleccións, inda que o asunto non está nin moito menos probado. O que semella máis probable é que se combinaran varias cousas para influír o sentido do voto no último momento, entre elas a cobertura terxiversada da prensa, o factor das ‘aspiracións’ (tal e como o define Stuart Hall), e, sen dúbida, a cobiza e o egoísmo dos asalariados de rendas altas aos que só lles preocupou protexer os seus propios petos. Pero nada disto afecta a cuestión central; é dicir, a disxuntiva de se o laborismo fixo ben adoptando esa estratexia, ou se –nunha valoración máis ‘realista’– debería ter variado o rumbo e ter adaptado a súa mensaxe aos sinais que emitía cada nova enquisa ou sondaxe dos medios. Xa que o correcto (eficaz pragmaticamente) nun contexto dado é precisamente o que produce os resultados desexados apelando ao espectro máis amplo posible de valores e crenzas asentadas. Que os votantes puideran realmente trabucarse –e que unha estratexia ‘errada’ puidera, sen embargo, estar xustificada por razóns e principios– é simplemente inconcibible, como tamén é esa xerga propia da vella ilustración que usa ‘ideoloxía’, ‘falsa conciencia’, e conceptos semellantes.

un pasaxe de Hall exemplifica algunhas das contorsións morais e intelectuais producidas por este afán por analizar a derrota do laborismo desde un punto de vista post-ideolóxico.

poder elixir, poder medrar, poder ascender [na escala social] no lapso das súas vidas, poder decidir o teu propio destino, onde calquera, sexan cales sexan as túas orixes, pode mudar en calquera cousa, con tal que traballe abondo [para conseguilo]; isto é o que ten na cabeza o sr. Major co de ‘sen-clases’ e ‘unha sociedade a gusto consigo mesma’. Esta pretensión soa ridícula para xente partidaria da equidade. Pero é exactamente a caste de ‘sen-clases accesible’ que millóns xulgan desexable e realista, e exactamente o tipo de motor de baixa potencia que transporta o ‘majorismo’ alén de áreas tradicionalmente tories a arenas onde se poden gañar novos electorados. Esta é a voz que se oíu en Basildon e nun milleiro de novas comunidades urbanas de clase traballadora ‘sen-clases’ por todo o país, o corazón da nova ‘socioloxía das aspiracións’. (Hall, p. 15)

Stuart Hall sabe perfectamente o falaz que era esta apelación a unha sociedade ‘sen-clases’ que existía unicamente como unha invención do imaxinario social proxectada, por unha banda, polos astutos estrategos tories con vistas á gran cita electoral e, por outra, por eses ‘millóns’ que creron firmemente que tal perspectiva era tanto ‘desexable’ como ‘realista’. Tamén sabe que hai certa distancia entre desexo e realidade; que este oco non se sume (inda que se poida disimular) por falar pragmaticamente do que é ‘correcto crer’; que as ‘aspiracións’ do votante foron expertamente manipuladas no curso da campaña electoral; e que non se parecían en nada –fora deste reino imaxinario– a algo que razoablemente se puidese esperar dunha lexislatura adicional dos conservadores. Para sermos máis exactos: Hall sabe todo isto porque o coñece de primeira man ou en base a certos feitos difíciles de ignorar (desemprego, privación social, exencións tributarias ás rendas altas, recortes nos servizos sanitarios, en transporte público, educación, …) que desmentían esas miraxes tan dilixentemente promovidas pola máquina propagandística tory. Pero cando toca extraer as leccións relevantes hai cousas que Hall ou escolle ignorar ou dalgún xeito non pode permitirse a si mesmo ‘saber’. Entre eles están os tres asuntos máis destacados: que moita xente votou contra os seus propios intereses e os do país; que o fixeron por razóns ideolóxicas; e, en relación a isto, que a pesar de non estar en boga como concepto entre os teóricos críticos de hoxe en día, a ‘falsa conciencia’ inda pode ser útil para explicar certas cousas.

a reticencia de Hall a admitir isto xera algúns xiros argumentais e retóricos curiosos. As comiñas en frases como ‘sen-clases accesible’, ‘socioloxía das aspiracións’, e ‘unha sociedade a gusto consigo mesma’ son sintomáticas de certo malestar. De feito non se manifesta sobre se deberiamos tomalas ao pe da letra (é dicir, ‘desexables’ e ‘realistas’) ou se, pola contra, sería mellor tratalas de xeito crítico, diagnóstico ou socio-patolóxico. Optar pola primeira lectura e rexeitar a segunda completamente suporía conformarse de xeito submiso con sexa o que sexa que lles dea por dicir ás sondaxes de opinión, ou sexa o que sexa o que se lle puidera facer aceptar á xente a través de formas manufacturadas de crenzas de consenso. Isto así sinalaría o final de calquera esperanza socialista nunha orde social mellor, máis xusta e humana, perseguida tamén mediante a crítica de crenzas falsas, expondo o seu carácter ideolóxico e irreal. Pero desde a perspectiva dos ‘Tempos Novos’ isto semella demasiado parecido á vella liña marxista e ilustrada, a idea arrogante que os intelectuais teñen dereito a defender a verdade, a razón e os principios a contracorrente das auto-imaxes da época. Así Hall ten que ocupar a estraña postura de recoñecer o ‘majorismo’ como o fraude oco que é –unha re-edición (por así dicilo) do Dezaoito de Brumario de Marx, con Thatcher e Major nos papeis de Napoleón e Napoleón pequecho– mentres se auto-nega os recursos conceptuais e éticos que lle permitirían resolver axiña a cuestión. E isto a pesar de que frecuentemente percibe de xeito clarividente os medios polos que aos votantes se lles convenceu para que subscribiran unha versión errada dos seus propios intereses reais, tal e como lla subministraron os medios tory.

www.dailymail.co.uk
poderíase dicir o mesmo sobre a indiferenza de Hall a respecto da análise habitual da ‘esquerda’ cando observa que tales esperanzas e aspiracións do pobo deben semellar ridículas á ‘peña máis igualitaria’. Pois isto fai xurdir unha pregunta obvia: inda se considera un deles, ou xa se ten mudado, con estes tempos posmodernos, á fase de abandonar toda xerga desafinada (non realista)? De aí que obteñamos o que se entende como inseguridade tonal, a sensación dunha ironía que dalgún xeito falla e da no branco errado. Posto que ou Hall cre (como seguro así fai) que inda paga a pena defender os principios socialistas e de equidade ou (de xulgar só por esta pasaxe) ten redefinido ‘socialismo’ dun xeito que pode soltar amarras a respecto de calquera compromiso con principios e nocións de equidade, xustiza social, ou redistribución da riqueza. Este é a ironía real da análise de Hall: que ao inclinarse tanto polos valores de consenso (ou ao rexeitar amparar un crítica deses valores en termos ideolóxicos) nega eficazmente calquera perspectiva de escapar do acuario do non-recoñecemento imaxinario. E se a mensaxe se dirixe principalmente aos intelectuais de esquerda á vella usanza –ou ‘igualitarios’ que non foron quen de decatarse dos signos dos tempos posmodernos– entón tamén rebota neses outros tipos máis representativos para os que o ‘majorismo’ exerceu un atractivo xenuíno (inda que nalgún sentido ilusorio). Pois a súa, como Hall nos fai lembrar, ‘foi a voz que se oíu en Basildon e nun millar de novas comunidades de clase traballadora e suburbanas ‘sen-clases’ por todo o país’.

cunha pequena descodificación, esta última oración ten moito que dicir sobre os problemas e perplexidades que lastran a diagnose de Hall. Novamente recorre ás comiñas para suavizar esa conxunción de termos, por outra banda oximorónicos (‘clase traballadora “sen clases”’) que precisa un argumento que sempre quere levar a razón, facendo da realidade da clase social un asunto da experiencia cotiá, pero renunciando a tales ideas –desde unha perspectiva de ‘Tempos Novos’– por ser definicións nominais que xa non se corresponden a nada na natureza das actuais tendencias sociais. Logo está a referencia a Basildon, un topónimo que seguramente se fixou na memoria de calquera que se quedara ata tarde na noite electoral para ver os resultados finais. Pois Basildon era un feudo conservador na axenda de gañas que buscaban os laboristas se querían ter algunha posibilidade de formar o seguinte goberno. O que fixo que este resultado inda fora máis crucial como síntoma do xeito en que ían as cousas foi o feito de que Basildon presentou un gran reto para os métodos demoscópicos convencionais (baseados na renda e na clase social) para predicir tendencias electorais. Situada no límite entre Londres e Essex, fogar de moitos votantes que ascenden na escala social e son difíciles de clasificar, representando como así era (e Hall subliña moi ben) o corazón mesmo da ‘nova socioloxía das aspiracións’, Basildon era, en efecto, unha folla no vento para os sociólogos electorais e outros observadores da escena pre-electoral. O caso é que foi entre os primeiros resultados en ser coñecidos e marcou o xiro desde predicións (inda que precavidas) dunha maioría laborista factible ata predicións (máis e máis confiadas) dunha renovación do poder conservador.

Hall está plenamente xustificado, por estes motivos cando menos, ao elixir Basildon como unha especie de test á luz dos resultados das eleccións. Pero novamente hai unha diferenza crucial entre analizar os factores (socio-económicos, psicolóxicos, demográficos, …) que conspiraron para producir ese resultado, e utilizalo como lección exemplar ou caso modélico dos tipos de cebo electoral que o laborismo tivera feito ben en empregar. Pois neste caso o pragmatismo (na súa versión ‘majorita’) definiría a axenda do debate político non só para o electorado de Basildon senón tamén para eses outros –socialistas confesos ou xefes da campaña laborista incluídos– que buscaron aprender as leccións da derrota electoral para adaptarse mellor a próxima vez. Despois de todo, segundo Hall, John Major ‘personifica o número crecente de xente que, inda que non avergonzados das súas humildes orixes de clase, xa non cren que deban quedarse, tal e como di, “encaixados” nelas por sempre’. E ademais, ‘el articula esta actitude, non en termos da realidade da, senón a aspiración á, mobilidade social, e a ética dos logros persoais’. Habería moito que analizar aquí desde o punto de vista conceptual, pero o seguinte abondará. Que pode significar estar non-avergonzados por asuntos de clase e orixe social se isto promove unha esquema mental en perfecta sintonía coa espuria retórica déclassé de John Major, ou unha vaga de opinión pública de identificación imaxinaria con intereses de clase tan remotos incluso para eses votantes de Basildon que máis progresaran na escala social? Como deberiamos interpretar a linguaxe dunha ‘ética de realización persoal’ se non é traducíndoa pola linguaxe da avaricia descarnada de Thatcher, o interese propio, ou o individualismo adquisitivo? Que queda do argumento socialista contra estes valores se se adopta un novo ‘realismo’ (ou unha ‘nova socioloxía das aspiracións’) que se modela tan cerca do estilo e técnicas da xestión da campaña tory? E de novo: por que asumir que Basildon sinala o camiño cara o único futuro –ou as únicas opcións ‘realistas’– para que o laborismo reformule a súa estratexia en vista da súa última derrota electoral?

poderíase pensar, pola contra, que calquera lección que se puidera extraer de ‘Basildon en 1992’ tiña que ver non tanto coa necesidade laborista de volver aos seus principios socialistas como á súa necesidade de aterse a eses principios, comunicalos con máis eficacia, e (sobre todo) combater a súa presentación maliciosa e desfigurada nos órganos de propaganda tory. Sería, en efecto, moi desesperante se a ‘voz de Basildon’, tal e como se oíu na noite electoral, se tomase como representativa ou exemplo desas comunidades ‘nucleares’ onde o laborismo ten que gañar abandonando todos e cada un dos seus compromisos e estratexias anteriores e exhibir unha retórica de valores de clase traballadora ‘sen-clases’. Esta mensaxe podería ter credibilidade para os analistas –especialmente críticos culturais dunha tendencia posmarxista tipo ‘Tempos Novos’– cuxo principal interese sería atopar refutación para apoiar a súa lectura dos signos. Porque doutro xeito semellaría ter pouco mérito basear os argumentos para a revisión das estratexias principalmente nos antollos dunha circunscrición híbrida concreta onde o comportamento electoral se pode analizar en termos de causa ou síntomas máis que en termos racionais. Stuart Hall, por suposto, tira a conclusión contraria, lamentando que o laborismo non afondara abondo na súa liña revisionista. Así: ‘a adaptación ten sido demasiado superficial, dolorosa sen ter afondado … máis ben a caste de anovamento publicitario que se lle da a un vello produto para lanzalo nun novo envoltorio, e non unha muda de estratexia e cultura política enraizada nas configuracións do cambio social moderno’. En realidade isto é un intento de darlles a súa propia medicina a todos eses moralistas anticuados e desafinados, suxestionando que o rumbo exemplar tería sido que o laborismo efectuase unha revisión estratéxica completa, e non un enfoque a base de compromisos sospeitosos ou unha caste de revisionismo a medio camiño que carecera da carraxe das súas propias conviccións pragmáticas. Nada podería estar máis lonxe da verdade, cando menos ata o extremo de que a ‘verdade’ inda é cuestionada (a diferenza dos seus substitutos persuasivos ou imaxinarios) para quen adoptase esta liña. O que demostraron os resultados electorais con dolorosa claridade –e en ningures máis que en Basildon– foi o feito que o laborismo só podía perder xogando ao xogo cínico dos tories, ou axustando a súa imaxe a sexa o que fose que semellara ben crer nese momento.

www.leftlion.co.uk
segundo a tese de Stuart Hall, a estratexia electoral máis valente (así como a máis eficaz) tería sido tirar xusto pola senda deste programa revisionista e negarse o recurso a paliativos á vella usanza como ‘ideoloxía’, ‘falsa conciencia’, … Tal é, en todo caso, a mensaxe implícita no seu chamado a favor dunha completa ‘muda de cultura e estratexia políticas’ en consonancia con, ou ditada por, as ‘configuracións do cambio social moderno’. En realidade, a frase de Hall está ‘enraizada’, o que suxestiona máis ben unha relación orgánica ao estilo de Gramsci, unha afinidade electiva case-naturalizada entre as estruturas socioeconómicas e a súa articulación ao nivel de valores culturais e crenzas políticas. Pero non hai lugar aquí para o papel que Gramsci lle atribúe aos intelectuais ‘críticos’; é dicir, aqueles pensadores que cuestionan a ideoloxía dominante dende unha postura disidente identificada con intereses que o consenso actual marxina. Pois só poderían exercer este papel na medida en que tales intereses conseguiran expresarse de maneira articulada sobre e contra o conxunto dominante de valores ou auto-imaxes culturais. E iso precisaría, á súa vez, unha definición de ‘ideoloxía’ máis forte (teorizada máis axeitadamente) que o que permite o modelo de consenso de Hall; é dicir, a súa interpretación da ‘estratexia e cultura políticas’ como algo que ten que ver con dar unha resposta acompasada, ou axuste rápido ás últimas achegas das sondaxes de opinión. O que queda fóra do cadro nesta análise é a diferenza (de novo) entre os intereses reais e os imaxinarios, ou a medida na que se pode engaiolar á xente para que acepte unha visión falsa ou sistematicamente desfigurada deses intereses por medio de diversas técnicas de persuasión xa ben testadas.

claramente habería pouca esperanza de éxito para calquera estratexia socialista de futuro que ignorase o ‘factor Basildon’, ou que non tivera en conta os cambios demográficos –a nova ‘socioloxía das aspiracións’– apuntada por observadores coma Hall. Eses datos proporcionan o punto de partida indispensable para unha política consciente dos problemas que afronta á hora de superar eses xeitos de investimento imaxinario (ou confusión ideolóxica) tan eficazmente explotada pola Oficina Central Conservadora e os seus aliados nos tabloides. Pero isto está moi lonxe de significar que a única maneira realista de avanzar para o laborismo sexa adecuar o seu atractivo á imaxe que proporcionan esas mesmas (por moito que sexan precisas e, nalgún sentido, representativas) achegas. Pois adoptar a liña pragmática da menor resistencia, non ofrecendo máis que unha versión branda da estratexia electoral tory é produto da desesperación, unha estratexia perdedora incluso en termos tácticos. Nesa disxuntiva moitos votantes sentirán que é mellor optar polo artigo xenuíno –por unha política honestamente casada cos valores do interese propio e o individualismo adquisitivo– e non por un que acepta eses valores dun xeito algo avergoñado e oportunista. Isto é como se veu a renuncia laborista no tema do unilateralismo, e tamén a súa presa por abandonar outras estratexias sen o máis mínimo de argumentación xuizoso e razoable.

por suposto existe o perigo da arrogancia, a compracencia, ou algo peor, no uso de termos como ‘ideoloxía’ e ‘falsa conciencia’, termos que poden connotar unha actitude nós–eles ofensiva, unha presunción dunha sabedoría superior sen marxe de erro por parte dos intelectuais de esquerda ilustrados. En palabras de Terry Eagleton, ‘vexo as cousas como realmente son; ti bótaslle un ollo a través duns anteollos impostos por unha doutrina externa’. Ou de novo: ‘O seu pensamento é groseiro, o teu é doutrinario, e o meu é deliciosamente dúctil’. Despois de todo, como Eagleton declara sen rodeos, ‘ninguén defendería que o seu propio pensamento é ideolóxico, do mesmo xeito que ninguén se verá a si mesmo como obeso … A ideoloxía, como a halitose, é, neste sentido, o que ten a outra persoa’. Non hai dúbida de que o desexo de non adoptar tal actitude xoga a súa parte nas variacións actuais do tema pragmático, posmodernista, ou fin-da-ideoloxía. É, tamén, un factor a ter en conta nos comentarios sobre a escena política británica que comprensiblemente retroceden ante a perspectiva de imputar ‘falsa conciencia’ a unha porción considerable do electorado, ou cando se arrogan, dalgún xeito, a posesión dunha verdade negada a aqueles outros tipos, máis ignorantes. Pero un tamén debería ter presente a referencia de Stuart Hall ás miraxes sufridas polos ‘partidarios da equidade’ ben intencionados que seguen a crer, a pesar de todos os sinais, que o socialismo non pode ou non debería chegar a acordos coa realidade da inxustiza social. Pois son eles, insinúa Hall, os que deben, hoxe en día, ser vistos como as verdadeiras vítimas da ideoloxía; é dicir, dunha actitude que inutilmente persiste en diferenciar a verdade dos seus varios sucedáneos ‘imaxinarios’ e ‘ideolóxicos’. O que así comeza como un respecto decente polo punto de vista da outra persoa –ou desagrado pola xerga moralizante e arrogante– ao final muda nunha caste de discriminación á inversa, un rexeitamento a concibir que calquera puidera ter razóns (razóns e principios) para adoptar tal postura disidente. E isto aplicaríase non só aos intelectuais de esquerda enganchados ás nocións de verdade, crítica, ou ideoloxía senón tamén a eses tipos crédulos da vella garda –entres eles a maioría dos votantes laboristas– que persisten na crenza errada de que o ‘socialismo’ supón algo distinto (e máis) que un axuste arrastro dos signos dos tempos.

NOTAS:

(1) este texto é tradución (mala) e deturpación da sección II do capítulo ‘The End of Ideology’ en Christopher Norris The Truth About Postmodernism (1993), pp. 8-14.

(2) os ‘Tempos Novos’ son unha corrente revisionista, próxima ao Partido Comunista, que escandalizou os socialistas tradicionais polo seu aprecio herético polos mercados, a mobilidade na escala social e os centros comerciais. Stuart Hall foi un dos seus principais arquitectos.

(3) Basildon é unha circunscrición electoral en Inglaterra e en 1992 John Major revalidou os escanos suficientes para seguir gobernando o Reino Unido.


(4) a estas alturas, aquí en Galiza, e en moitos outros lugares, no eido da esquerda, seguimos a darlle voltas a moitos dos temas e actitudes sobre as que se reflexiona neste texto. Sen chegar a (case) nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario