O seu argumento é
que nos discursos filosófico e político actuais, o mal é “auto-evidente,” e que
tanto esta “auto-evidencia” como a concepción de “mal” son problemáticas. Cal é
“a representación consensuada de mal” e en que está errada?
A idea da auto-evidencia do mal non ten, na nosa
sociedade, moita tradición. Data, na miña opinión, de finais dos 60s, ao acabar
o gran movemento político desa década. Logo entramos nun período reaccionario,
un período que chamo a Restauración. Como sabe, en Francia “Restauración”
refírese ao período do retorno de el Rei, en 1815, logo da Revolución e
Napoleón. Estamos nun período semellante. Hoxe percibimos o capitalismo liberal
e o seu sistema político, o parlamentarismo, como as únicas solucións naturais
e aceptables. Toda idea revolucionaria é considerada utópica e, en última
instancia, criminal. Faise crer que a expansión global do capitalismo e o que
se denomina “democracia” é o anhelo de toda a humanidade. E tamén que todo o
mundo desexa a autoridade do Imperio Americano e a súa policía militar, a OTAN.
En realidade, os nosos líderes e propagandistas saben
moi ben que o capitalismo liberal é un réxime de desigualdade, inxusto e
inaceptable para a maioría da humanidade. E tamén saben que a nosa “democracia”
é unha miraxe: onde está o poder da xente? onde o poder político para a xente
do terceiro mundo, a clase traballadora en Europa, os pobres do mundo? Vivimos
nunha contradición: unha situación brutal, fondamente desigual – onde toda
existencia é avaliada unicamente en termos monetarios –preséntasenos coma
ideal. Para xustificar o seu conservadurismo, os partidarios da orde
establecida en realidade non poden denominalo ideal ou marabilloso. Por iso, no
seu lugar, decidiron dicir que o resto é horrible. Seguro que, din, non é
posible vivir nunha condición de bondade perfecta. Pero temos sorte de non
vivir nunha condición de maldade. A nosa democracia non é perfecta. Pero é
mellor que as ditaduras sanguentas. O capitalismo é inxusto. Pero non é
criminal como o estalinismo. Permitimos que millóns de africanos morran da
sida, pero non facemos declaracións nacionalistas e racistas como fai
Milosevic. Matamos iraquíes cos nosos avións, pero non lles cortamos a gorxa
con machetes como fan en Ruanda, …
Esa é a razón pola que a idea de mal se ten volto
esencial. Ningún intelectual defenderá en realidade o brutal poder dos cartos e
o conseguinte desdén político por todos os que non teñen dereito a voto ou
polos traballadores manuais, pero moitos concordarán en dicir que o verdadeiro mal
reside noutro lado. Quen, en efecto, defendería na actualidade o terror
estalinista, os xenocidios africanos, as torturas en Latinoamérica? Ninguén. É
aí onde o consenso sobre o mal é decisivo. Baixo o pretexto de non aceptar o
mal, acabamos por facer crer que temos, se non o mellor, cando menos a mellor
situación posible – inda que non o é tanto. O lema dos “dereitos humanos” non é
máis que a ideoloxía do capitalismo liberal moderno: non vos masacraremos, non
vos torturaremos en covas, así que estade calados e adorade o becerro de ouro.
En canto a aqueles que non queren adoralo, ou que non acreditan na nosa
superioridade, sempre estará o exército americano e os seus acólitos para que
os fagan acougar.
É de destacar que incluso Churchill dixo que a
democracia (é dicir, o réxime do capitalismo liberal) estaba lonxe de ser o
mellor dos réximes políticos, senón máis ben o menos malo. A filosofía sempre
ten sido crítica coas opinións comunmente consensuadas e do que semella obvio.
Acepta o que tes porque todo o resto pertence ao mal é unha idea obvia, que,
polo tanto, debería ser inmediatamente revisada e criticada.
A miña opinión persoal é a seguinte: é preciso revisar,
en detalle, a teoría contemporánea do mal, a ideoloxía dos dereitos humanos, o
concepto de democracia. É necesario mostrar que non hai nada niso que nos leve na
dirección da emancipación real da humanidade. É preciso reconstruír os dereitos
de verdade e ben na vida diaria e na política. A nosa habilidade por volver ter
ideas reais e proxectos reais depende diso.
Afirma
que para o capitalismo liberal o mal reside sempre noutro lado, o temido outro,
algo que o capitalismo liberal cre que afortunadamente ten desterrado e mantido
a raia. Sen embargo, non hai inda na imaxinación contemporánea unha idea poderosa
de mal interior (social, psicolóxico, doméstico)? Durante décadas, películas e
novelas populares teñen mostrado obsesión coa idea de que o mal axexa dentro
(na mente, na casa, na veciñanza). O asunto de Timothy McVeigh nos EEUU semella
ter anovado as preocupacións políticas sobre “o mal interior” (dentro de cada
un de nós, no corazón dos EEUU). Apenas hai un mes, Andrea Yates, unha nai de
Texas, afogou con premeditación os seus cinco fillos, provocando unha discusión
nacional sobre se todos somos ou non capaces de semellante atrocidade. No eido
filosófico, o novo interese na concepción kantiana de “mal radical” (e a súa
reinterpretación lacaniana) semellaría confluír con esta idea do mal interior
(máis que exterior, político). En efecto, durante gran parte da historia de
occidente, semellaría que o mal ten sido concibido coma “interior,” como algo
que moralmente nos axexa a cada un de nós. É por iso que pregunto: ademais da
noción de mal “externo” que vostede propón, tamén recoñece esta noción de mal
“interior”? É esta idea perenne, ou dinos algo específico sobre o noso momento
histórico? Concibe estas dúas nocións de mal (externo e interior) como dalgún
xeito conectadas unha coa outra?
Ulf Rahmberg painting nº 21 (side a) |
Non hai contradición entre a afirmación que o
capitalismo liberal e a democracia son o ben e a afirmación de que o mal é unha
posibilidade permanente para calquera individuo. A segunda tese (o mal dentro
de cada un de nós) é simplemente o complemento moral e relixioso da primeira
tese, que é política (o capitalismo parlamentario como o ben). Hai incluso unha
conexión “lóxica” entre as dúas afirmacións; é a seguinte:
1. a historia mostra que o capitalismo liberal
democrático é o único réxime que é verdadeiramente humano, que verdadeiramente
ten en conta o ben da humanidade.
2. calquera outro réxime político é unha ditadura
monstruosa e sanguenta, completamente irracional.
3. proba disto é que todos os réximes políticos que
teñen loitado contra o liberalismo e a democracia comparten a mesma cara do
mal. Así, o fascismo e o comunismo, que semellaban contrarios, eran en
realidade moi semellantes. Eran ambos da familia “totalitaria”, que é o oposto
da familia democrático – capitalista.
4. estes réximes monstruosos non son quen de crear un
proxecto racional, unha idea de xustiza ou algo parecido. Os que teñen dirixido
estes réximes (fascista ou comunista) eran, necesariamente, casos patolóxicos: é
necesario estudar a Hitler ou Stalin coa ferramenta da psicoloxía criminal. En
canto aos que os apoiaron, e houbo milleiros, estaban alienados pola mística
totalitaria. Ao final estaban dirixidos por paixóns malvadas e destrutivas.
5. se milleiros de persoas foron quen de participar en
procesos tan ridículos e criminais é, obviamente, porque a posibilidade de ser
fascinados polo mal existe en cada un de nós. Esta posibilidade denominarase
“odio do Outro.”
A conclusión será, primeiro, que debemos apoiar a
democracia liberal en todo o mundo e, segundo, que debemos ensinar aos nosos
nenos o imperativo ético do amor ao Outro.
Para min é obvio que esta “maneira de razoar” é
simplemente prestidixitación ideolóxica. Primeiro, o capitalismo liberal dista
de supor o ben para a humanidade. Máis ben o contrario, é o vehículo do
nihilismo salvaxe e destrutivo.
Segundo, as revolucións comunistas do século xx teñen
representado esforzos grandiosos por crear un universo histórico e político
completamente diferente. A política non é a xestión do poder do estado. A
política é, en primeiro termo, a invención e exercicio dunha realidade
completamente nova e concreta. A política é a creación de pensamento. O Lenin
que escribiu Que se debe facer?, o
Trotsky que escribiu Historia de
Revolución Rusa, e o Mao Zedong que escribiu Sobre o correcto manexo das contradicións entre o pobo son xenios
intelectuais, comparables a Freud ou Einstein. Certamente, as políticas de
emancipación, ou de igualdade, non teñen sido quen, ata o momento, de resolver
o problema do poder do estado. Teñen exercido un terror que finalmente resulta inútil.
Pero iso debería animarnos a retomar o problema onde eles o deixaron, máis que
apresurarnos a sumarnos ao inimigo capitalista e imperialista.
Terceiro, a categoría “totalitarismo” é
intelectualmente moi feble. No bando comunista hai un desexo universal de
emancipación, mentres que no lado fascista un desexo nacional e racial. Son
dous proxectos radicalmente opostos. A guerra entre os dous ten sido en efecto
a guerra entre a idea dunha política universal e a idea de dominación racial.
Cuarto, o uso do terror en circunstancias
revolucionarias ou de guerra civil non quere dicir en absoluto que os líderes e
militantes están tolos, ou que expresan a posibilidade dun mal interior. O
terror é unha ferramenta política que ten sido usada durante toda a existencia
das sociedades humanas. Por conseguinte, debería ser xulgada coma unha
ferramenta política, e non sometela a un xuízo moral infantilizante. Ademais
dicir que hai diferentes tipos de terror. Os nosos países liberais saben como
usalo perfectamente. O colosal exército americano exerce chantaxe terrorista a
escala global, e as prisións e execucións exercen unha chantaxe interior non
menos violenta.
Quinto, a única teoría coherente do suxeito (a miña,
engadiría, en broma!) non lle presupón ningunha predisposición especial cara o
mal. Incluso o impulso de morte en Freud non está especialmente asociado ao
mal. O impulso de morte é unha compoñente necesaria da sublimación e da
creación, do mesmo xeito que son os do asasinato e o suicidio. En canto ao amor
polo Outro, ou, peor, “o recoñecemento do Outro,” non son máis concepcións
cristiáns. Non hai nunca “o Outro” como tal. Hai proxectos de pensamento, de
accións, en base aos que distinguimos entre os que son amigos, os que son
inimigos, e os que se poden considerar neutrais. A cuestión de saber como
tratar os inimigos ou neutrais depende totalmente de que proxecto se trate, o
pensamento que o infunde, e as circunstancias concretas (está o proxecto nunha
fase en ascenso? É perigoso?, …).
Tendo
en conta o que ten dito, sería de esperar que vostede lle dera a volta á
tortilla para defender que, contrariamente á visión imperante, o capitalismo
liberal é en si mesmo “o mal”. Pero non fai iso. Ben ao contrario, ofrece unha
teoría alternativa de mal.
Se lle dera a volta á tortilla, como suxestiona,
deixaría todo como está. Dicir que o capitalismo liberal é o mal non mudaría
nada. Igualmente estaría a subordinar a política á moralidade humanística e
cristiá: diría: “loitemos contra o mal.” Pero xa teño abondo de “ir á contra,”
de “deconstrución,” de “sobrepasar,” de “por fin a,” … A miña filosofía desexa
afirmación. Quero loitar por; quero saber que podo aportar ao ben e poñelo a
traballar. Rexeito estar satisfeito co “mal menor.” Agora mesmo está de moda
ser modesto, non pensar en grande. A grandeza é considerada un mal metafísico.
Eu, pola miña banda, estou a favor da grandeza, estou a favor do heroísmo.
Estou pola afirmación do pensamento e o feito.
Certamente, é necesario propor outra teoría do mal.
Pero iso implica, en esencia, outra teoría do ben. O mal sería negociar a cuestión
do ben. Renderse sempre é malvado. Renunciar a políticas libertarias, renunciar
a un amor paixón, renunciar á creación artística, … O mal é o momento no que
carezo da fortaleza de estar á altura do ben co que estou comprometido.
O que verdadeiramente late baixo a cuestión do mal é o
seguinte: que é o ben? Toda a miña filosofía traballa para responder esta
pregunta. Por razóns complexas, nomeo o ben como “verdades” (en plural). Unha
verdade é un proceso concreto que comeza con ruptura (un encontro, unha revolta
xeral, unha invención sorprendentemente nova), e desenvólvese como fidelidade á
novidade así experimentada. Unha verdade é o desenvolvemento subxectivo do que
é ao mesmo tempo tanto novo como universal. Novo: aquilo que non se prevé na
orde da creación. Universal: aquilo que pode interesar, con razón, a cada individuo
humano, en relación á súa humanidade pura (que denomino a súa humanidade
xenérica). Converterse nun suxeito (e deixar de ser un simple animal humano) é participar
na constitución dunha novidade universal. Iso require esforzo, persistencia, ás
veces auto-negación. A miúdo digo que é necesario ser “activista” dunha
verdade. Hai mal cada vez que o egoísmo conduce cara a renuncia dunha verdade. Entón,
un desubxectivízase. O propio interese egoísta arrastra a un, poñendo en risco
a interrupción do progreso completo dunha verdade (e en consecuencia do ben).
Polo tanto, o mal pode definirse cunha frase: o mal é
a interrupción dunha verdade pola presión de intereses particulares ou
individuais. Incluso o caso que cita anteriormente – a muller que afoga os seus
cinco fillos – xorde desa visión das cousas. O debate que menciona é absurdo:
obviamente, todo o mundo é “capaz” de todo. Tense visto xente boa mudar en
torturadores, ou cidadáns pacíficos maltratando xente por cousas triviais. Esta
consideración non ten interese. Só nos fai lembrar que a especie humana é unha
especie animal, gobernada polos máis baixos intereses, dos cales o lucro
capitalista é simplemente a súa formalización legal. Todo o alleo ao ben e o
mal non é máis que o imperio dos impulsos. A cuestión do mal comeza cando se
pode dicir de que ben se está a falar. Estou convencido de que o asasinato de
cinco nenos en realidade está ligado a unha brutal renuncia ao ben, ao xeito
dun proceso amoroso. De calquera xeito, é o único caso en que fai sentido falar
de maldade. O mito que a un lle ven á cabeza é o de Medea. Tamén mata as súas
crianzas. E non é malvado no sentido tráxico do termo porque este crime dependa
totalmente do seu amor por Xasón.
Ulf Rahmberg painting nº 21 (side b) |
Dende
o seu punto de vista, entón, está o ámbito do animal humano simplemente por
baixo do ben e o mal (de xeito que as torturas, por exemplo, non se consideran
propiamente “malvadas”)? Non hai a obriga moral de mudar en suxeito (en lugar
de permanecer un animal humano)? E, mesmamente, non é o fracaso de converterse
en suxeito unha pexa moral?
A cuestión en realidade combina dúas concepcións comúns
de moralidade (e, polo tanto, iso da distinción entre ben e mal): a concepción
“natural”, tirada de Rousseau, e a “formal”, tirada de Kant:
1. hai unha moralidade “natural”, cousas que
obviamente son malas en opinión de calquera conciencia humana. Deste xeito, o
mal existe para o animal humano. O exemplo tipo sería o da tortura.
2. hai unha moralidade “formal”, unha obriga universal
que está por riba de calquera situación particular. E, polo tanto, hai un mal
universal que, tamén, é independente das circunstancias. O exemplo tipo é o da
obriga de mudar en suxeito, situarse por riba da animalidade humana básica. É
malo rexeitar mudar nun suxeito plenamente humano, sexan cales sexan os termos
particulares desta muda.
Debo, por suposto, reiterar abertamente que me opoño
rotundamente a estas dúas concepcións. Manteño que o estado natural do animal
humano non ten nada que ver co ben ou o mal. E manteño que a caste de obriga
moral formal descrita polo imperativo categórico de Kant en realidade non
existe.
Tomemos por exemplo as torturas. Nunha civilización
tan sofisticada como o Imperio Romano, non só non se considera un mal torturar,
senón que é apreciado como un espectáculo. Nas areas, a xente é devorada por
tigres; é queimada viva; os espectadores gozan vendo combatentes que se cortan
a gorxa uns aos outros. Como, entón, se pode considerar que a tortura é malvada
para todos os animais humanos? Non somos o mesmo animal que Séneca ou Marco
Aurelio? Engadiría que as forzas armadas do meu país, Francia, coa aprobación
dos gobernos da época e a maioría da opinión pública, torturou todos os
prisioneiros durante a Guerra de Alxeria. O rexeitamento da tortura é un
fenómeno histórico e cultural, en absoluto algo natural. De xeito xeral, o
animal humano coñece a crueldade así como coñece a compaixón; unha cousa é tan
natural como a outra, e ningunha ten nada que ver co ben ou co mal. Coñécense
situacións cruciais onde a crueldade é necesaria e útil, e outras onde a
compaixón non é máis que un xeito de desprezo polos outros. Non se atopará nada
na estrutura do animal humano na que basear o concepto de mal, nin, tampouco, a
de ben.
Pero a solución formal tampouco é mellor. En efecto, a
obriga de ser un suxeito non significa nada, pola seguinte razón: a
posibilidade de mudar en suxeito non depende de nós, senón do que aconteza en
circunstancias que sempre son específicas. A distinción entre ben e mal xa
implica un suxeito, e por iso non se lle pode aplicar. É sempre para un
suxeito, non un animal humano previamente mudado en suxeito, que o mal é
posible. Por exemplo, se durante a ocupación de Alemaña polos nazis me uno á
resistencia, mudo en suxeito da historia en cernes. Dende dentro desta subxectivización,
podo contar o que é o mal (traizoar os meus camaradas, colaborar cos nazis, …).
Tamén podo decidir que é o ben a partir das normas habituais. Neste sentido, a escritora
Marguerite Duras ten contado como, por razóns vinculadas á resistencia aos
nazis, participou en actos de tortura contra os traidores. A completa
distinción entre ben e mal xorde dende dentro dun suxeito que se está a
constituír, e varía na medida desta constitución (o que eu denomino filosofía,
a constitución dunha verdade).
Para resumir: non hai definición natural de mal;
sempre é o que, nunha situación concreta, tende a debilitar ou destruír un
suxeito. E a concepción de mal depende totalmente dos acontecementos a partir
dos que se constitúe o propio suxeito. É o suxeito quen prescribe o que é o
mal, non unha idea natural de mal que define o que é un suxeito “moral”.
Tampouco hai ningún imperativo formal a partir do que o mal se defina, incluso por
oposición. De feito, todos os imperativos contan con que o suxeito do imperativo
xa está constituído, e en circunstancias específicas. E por iso non pode haber
imperativo algún para mudar en suxeito, excepto como unha afirmación
absolutamente vacua. Iso tamén é a razón pola que non hai forma xeral de mal,
porque o mal non existe a non ser un xuízo feito por un suxeito nunha
situación, e sobre as consecuencias das súas propias accións nesta situación.
Por iso, o mesmo acto (matar, por exemplo) pode ser malo nun determinado
contexto subxectivo e unha necesidade do ben noutra.
Debo insistir especialmente en que a fórmula “respecto
polo Outro” non ten nada que ver con ningunha definición seria de ben ou mal.
Que significa “respecto polo Outro” cando se está en guerra contra un inimigo?,
cando unha muller te abandona brutalmente por outra persoa?, cando un debe
xulgar as obras dun “artista” mediocre?, cando a ciencia se enfronta a sectas
escurantistas?, … Moi a miúdo, é o “respecto polos Outros” o inxurioso, o malo.
Especialmente cando é resistencia contra outros, ou incluso o odio polos outros
o que impulsa unha acción subxectivamente xusta. E é sempre nestas
circunstancias (conflitos violentos, cambios brutais, amores paixón, creacións
artísticas) que a cuestión do mal pode xurdir para un suxeito. O mal non existe
nin como natureza nin como lei. Existe, e varía, na muda de cada quen cara o
verdadeiro.
En
resposta a unha pregunta anterior, subliñou que “é necesario reconstruír os
dereitos na vida diaria e política de verdade e ben.” Pode estenderse máis
sobre como a ética das verdades podería mobilizarse en termos prácticos, e como
isto podería constituír unha alternativa á concepción actual de “dereitos
humanos”?
Tomemos o exemplo máis próximo: o terrible ataque
criminal en Nova York en setembro, cos seus miles de vítimas. Se se razoa en termos
da moralidade dos dereitos humanos, digamos, como fai o presidente Bush: “Hai
criminais terroristas. Esta é unha loita do ben contra o mal.” Pero, son as
políticas de Bush, en Palestina ou Iraq por exemplo, realmente boas? E, cando
se di que estas persoas son malvadas, ou que non respectan os dereitos humanos,
entendemos algo sobre a mentalidade dos que se autoinmolaron coas súas bombas?
Non hai moita desesperanza e violencia no mundo causadas polo feito de que a
política das potencias occidentais, e do goberno americano en particular, está
completamente carente de enxeño e valor? Diante de crimes, crimes terribles,
deberiamos pensar e actuar conforme a verdades políticas concretas, e non guiarnos
por estereotipos de calquera tipo de moralidade. O mundo enteiro entende que a
cuestión real é a seguinte: por que as políticas dos poderes occidentais, da
OTAN, de Europa e de EEUU, semellan completamente inxustas para dous de cada
tres habitantes do planeta? Por que 5.000 vítimas americanas se consideran casus belli mentres 500.000 mortos en
Ruanda e previsiblemente 10.000.000 a causa da SIDA en África, na nosa opinión,
non causan indignación? Por que o bombardeo de Baghdad ou Belgrado hoxe, ou o
de Hanoi ou Panamá no pasado, é bo? A ética de verdades que propoño procede de
situacións concretas, máis que dun dereito abstracto, ou un mal espectacular. O
mundo enteiro comprende estas situacións, e o mundo enteiro pode actuar de
xeito desinteresado impulsado pola inxustiza destas situacións. O mal en
política é doado de percibir: é a desigualdade absoluta a respecto da vida, a
riqueza, o poder. O ben é igualdade. Durante canto tempo podemos aceptar o
feito de que o que se precisa para auga corrente, escolas, hospitais, e comida
abondo para toda a humanidade é unha suma equivalente á cantidade gastada polos
países occidentais ricos en perfume cada ano? Isto non é unha cuestión de
dereitos humanos e moralidade. É unha cuestión da loita pola igualdade de
todos, contra a lei do beneficio, sexa persoal ou nacional.
Do mesmo xeito, o ben na creación artística é a
invención de novas formas que expresen o significado do mundo. O ben na ciencia
é a afouteza do pensamento libre, o pracer do coñecemento exacto. Igualmente o
ben no amor é a comprensión de que é realmente a diferenza, de que é construír
un mundo no que un son dous, non un. E o mal é, polo tanto, sucedáneo académico
ou comercio “cultural”; é o coñecemento ao servizo do lucro capitalista; é a
sexualidade considerada como unha mera técnica do goce. Repetireino: todo o
mundo comparte estas experiencias. A ética da verdade sempre regresa, nas
circunstancias precisas, á loita a favor da verdade contra as catro formas
fundamentais do mal: escurantismo, academicismo comercial, política do lucro e desigualdade,
e o barbarismo sexual.
este texto é unha tradución mala de "On Evil: an Interview with Alain Badiou" (2002)
Alain Badiou
é discípulo do filósofo marxista Louis Althusser; nos 60s foi un destacado
dirixente maoísta e continúa a traballar como activista político. Autor de L’Être et l’évenement e Ethics: An Essay on the Understanding of Evil.
Christoph Cox ensina filosofía, teoría crítica,
e música contemporánea en Hampshire College; edita Cabinet.
Molly Whalen é especialista en literature e
cultura da Early Modern literature e teoría cultura e literaria; vive en Amherst,
Massachusetts.
Ningún comentario:
Publicar un comentario