nom é
necesario recorrer ao demo para comprender o mal. o mal inscríbese no drama da
liberdade humana. é o prezo a pagar pola liberdade. o home nom se reduce ao
nivel da natureza, é o 'animal nom fixado', en palabras de Nietzsche.
a
conciencia fai que o home se precipite no tempo: nun pasado opresivo, nun
presente fuxidío, nun futuro que pode converterse en lenzo ameazante e capaz xerar
inquedanza. todo sería máis sinxelo se a conciencia fose simplemente ser
consciente. pero coa liberdade ábrese un horizonte de posibilidades. a
conciencia pode transcender a realidade actual e revelar unha nada vertixinosa,
ou ben un Deus no que todo alcanza a súa quietude. pero con todo iso nom logra
zafarse da sospeita de que posibelmente esta nada e Deus sexan a mesma cousa.
en
calquera caso, un ser que di 'nom' e que coñece a experiencia da nada tamén pode
elixir a aniquilación. en relación con esta situación precaria do home, a
tradición filosófica fala dunha 'falta de ser'. as relixións nacen sen dúbida
da experiencia desta deficiencia. a sabedoría que se atopa nelas consiste en
representarse a imaxe dun Deus que exonera ao homes de ter que ser uns para os outros
o horizonte enteiro e último. os homes poden deixar de recriminarse reciprocamente
pola súa falta de ser e de responsabilizarse entre si por sentirse alleos no
mundo. nom teñen que ser enteiramente deste mundo, e así poden mitigar aquela
inquietude acerca da que Georg Büchner
dicía, 'fáltanos algo, nom sei como chamalo; pero entre nós nom lograremos arrancalo
das entrañas. para que rompernos a cabeza con iso?'.
o mal
nom é ningún concepto; é máis ben un nome para o ameazador, algo que xera a
conciencia libre e que lle sae ao camiño. sáelle ao camiño na natureza, alí
onde esta se encerra á exixencia de sentido, no caos, na continxencia, na
entropía, no devorar e ser devorado, no baleiro exterior, no espazo cósmico, ao
igual que na propia mesmidade, no buraco negro da existencia. e a conciencia
pode elixir a crueldade, a destrución pola propia destrución. os fundamentos
para iso son o abismo que se abre no home.
neste
libro rózase un camiño a través da maleza das experiencias en torno ao mal e da
reflexión sobre este. o mal nom se atopa entre os temas aos que poidamos
enfrontarnos cunha tese, ou cunha solución ao problema. nestes camiños
necesariamente enredados poden abrirse perspectivas en lugares insospeitados,
perspectivas que dirixen a mirada cara horizontes máis distantes.
o
camiño comeza con relatos sobre as orixes, con mitos que falan das catástrofes
do inicio e sobre o nacemento da liberdade. pero o home no que se esperta a
conciencia da liberdade, pode orientarse por si mesmo? o pensamento antigo
considérao capaz diso; o cristián, nom.
Agostinho mostra que neste asunto nom se trata
só de vinculación moral, mais da pregunta relativa a como o home pode permanecer
leal á exixencia da transcendencia. a traizón á transcendencia, a
transformación do home nun ser unidimensional, é para Agostinho o mal propiamente dito, o pecado contra o Espírito Santo.
polo tanto, o mal ten que algo que ver coa obstinación do espírito e a
indolencia do corazón.
Schelling e Schopenhauer inda subscriben este punto de vista. asinan que quen
traizoa a necesidade metafísica menoscaba dramaticamente as posibilidades
humanas e entrégase ás guerras de autoafirmación, carentes de todo sentido.
pero, como podemos protexer o home do perigo de traizoarse a si mesmo? como podemos protexelo de si mesmo? Agostinho confía na Igrexa, a institución sacra. agora ben, inda que se teña disolvido a relación con Deus, pode conservarse a fe nas institucións, como demostra Reinhard Gehlen. as institucións confiren duración, firmeza e límites aso asuntos humanos. trátase particularmente dos límites, pois o drama da liberdade inclúe tamén a vontade de diferenciarse, e diferenciarse significa trazar límites.
coa loita en torno á diferenza e ao límite comezan as relacións elementais de inimizade.
nós e os outros, o imperio e os bárbaros; esta división condiciona a dinámica
da historia, que en consecuencia é tamén unha historia das inimizades. as
espadas só se volven arados cando teñen feito o seu traballo. sen embargo,
tamén é antigo o soño da unidade pacífica do xénero humano, como exemplifica a
historia da fracasada torre de Babel.
Kant someteu este soño á refutación da razón. atíñase
á necesidade de manter a idea de unidade, inda que sen esquecer a enormidade do
salto á realidade. Rousseau, en
cambio, soñou cun maior grao de aceptación, que representa coa imaxe da gran
comuñón. sen embargo, xa que o outro segue a ser sempre o outro, a exixencia da
unidade pode trocarse subitamente no sentimento de estar rodeado de inimigos.
así lle aconteceu a Rousseau, quen
nom asumiu a pluralidade como estímulo. a tradición do pensamento liberal procedeu
de distinta maneira, cun programa contra o mal que proclama que nom será
posíbel mellorar os homes, mais que máis ben hai que investir na racionalidade
das estruturas.
o que
decide se a historia se desenvolve cara o ben ou cara o mal nom é a
constitución dos homes, mais o xeito de organización social. uns insisten no
mercado e a división de poderes, outros nas relacións de produción. pero en ambos
casos menosprézanse os riscos da liberdade. hai abismos da liberdade, abismos
que os excesos imaxinarios do Marqués de
Sade deixan entrever.
no seu
exemplo pode descubrirse aquel mal que só se quere a si mesmo e, en definitiva,
só quere a nada. foi a estética do terríbel a que explorou esa nada sedutora e
ameazadora, ata que con Nietzsche o
nihilismo entrou na plena conciencia de si mesmo, proclamándose como sentido da
'gran política' a vontade de poder e o traballo no 'material humano'.
Hitler representa o último desenfreo da
modernidade. desde entón todos comprobamos ata que punto carece de chan a
realidade humana. cando desapareceu a fe en Deus, o centro de gravidade
desprazouse cara a fe no home. pero agora descubrimos de xeito sorprendente que
a fe no home era máis doada cando se emprendía un rodeo a través de Deus.
o
penúltimo capítulo está dedicado a Xob,
para ocuparnos mediante o seu exemplo cun tipo de devoción que incita a pensar
fondamente. carece de fundamento, e por iso se corresponde exactamente co
carácter abismal do mundo. tamén mostra o tipo de relación que implica a confianza
no mundo. esta confianza, precisa boas razóns, ou seméllase máis ben a unha
promesa acerca da que nom sabemos con exactitude se a temos recibido ou a temos
feito?
prefacio de SAFRANSKI, Rüdiger das Böse oder das Drama
der Freiheit (1997) - tradución por @xindiriz
Ningún comentario:
Publicar un comentario