domingo, 14 de xuño de 2020

o mal ou o drama da liberdade

nom é necesario recorrer ao demo para comprender o mal. o mal inscríbese no drama da liberdade humana. é o prezo a pagar pola liberdade. o home nom se reduce ao nivel da natureza, é o 'animal nom fixado', en palabras de Nietzsche.

a conciencia fai que o home se precipite no tempo: nun pasado opresivo, nun presente fuxidío, nun futuro que pode converterse en lenzo ameazante e capaz xerar inquedanza. todo sería máis sinxelo se a conciencia fose simplemente ser consciente. pero coa liberdade ábrese un horizonte de posibilidades. a conciencia pode transcender a realidade actual e revelar unha nada vertixinosa, ou ben un Deus no que todo alcanza a súa quietude. pero con todo iso nom logra zafarse da sospeita de que posibelmente esta nada e Deus sexan a mesma cousa.

en calquera caso, un ser que di 'nom' e que coñece a experiencia da nada tamén pode elixir a aniquilación. en relación con esta situación precaria do home, a tradición filosófica fala dunha 'falta de ser'. as relixións nacen sen dúbida da experiencia desta deficiencia. a sabedoría que se atopa nelas consiste en representarse a imaxe dun Deus que exonera ao homes de ter que ser uns para os outros o horizonte enteiro e último. os homes poden deixar de recriminarse reciprocamente pola súa falta de ser e de responsabilizarse entre si por sentirse alleos no mundo. nom teñen que ser enteiramente deste mundo, e así poden mitigar aquela inquietude acerca da que Georg Büchner dicía, 'fáltanos algo, nom sei como chamalo; pero entre nós nom lograremos arrancalo das entrañas. para que rompernos a cabeza con iso?'.

o mal nom é ningún concepto; é máis ben un nome para o ameazador, algo que xera a conciencia libre e que lle sae ao camiño. sáelle ao camiño na natureza, alí onde esta se encerra á exixencia de sentido, no caos, na continxencia, na entropía, no devorar e ser devorado, no baleiro exterior, no espazo cósmico, ao igual que na propia mesmidade, no buraco negro da existencia. e a conciencia pode elixir a crueldade, a destrución pola propia destrución. os fundamentos para iso son o abismo que se abre no home.

neste libro rózase un camiño a través da maleza das experiencias en torno ao mal e da reflexión sobre este. o mal nom se atopa entre os temas aos que poidamos enfrontarnos cunha tese, ou cunha solución ao problema. nestes camiños necesariamente enredados poden abrirse perspectivas en lugares insospeitados, perspectivas que dirixen a mirada cara horizontes máis distantes.

o camiño comeza con relatos sobre as orixes, con mitos que falan das catástrofes do inicio e sobre o nacemento da liberdade. pero o home no que se esperta a conciencia da liberdade, pode orientarse por si mesmo? o pensamento antigo considérao capaz diso; o cristián, nom.

Agostinho mostra que neste asunto nom se trata só de vinculación moral, mais da pregunta relativa a como o home pode permanecer leal á exixencia da transcendencia. a traizón á transcendencia, a transformación do home nun ser unidimensional, é para Agostinho o mal propiamente dito, o pecado contra o Espírito Santo. polo tanto, o mal ten que algo que ver coa obstinación do espírito e a indolencia do corazón.

Schelling e Schopenhauer inda subscriben este punto de vista. asinan que quen traizoa a necesidade metafísica menoscaba dramaticamente as posibilidades humanas e entrégase ás guerras de autoafirmación, carentes de todo sentido.

pero, como podemos protexer o home do perigo de traizoarse a si mesmo? como podemos protexelo de si mesmo? Agostinho confía na Igrexa, a institución sacra. agora ben, inda que se teña disolvido a relación con Deus, pode conservarse a fe nas institucións, como demostra Reinhard Gehlen. as institucións confiren duración, firmeza e límites aso asuntos humanos. trátase particularmente dos límites, pois o drama da liberdade inclúe tamén a vontade de diferenciarse, e diferenciarse significa trazar límites.

coa loita en torno á diferenza e ao límite comezan as relacións elementais de inimizade. nós e os outros, o imperio e os bárbaros; esta división condiciona a dinámica da historia, que en consecuencia é tamén unha historia das inimizades. as espadas só se volven arados cando teñen feito o seu traballo. sen embargo, tamén é antigo o soño da unidade pacífica do xénero humano, como exemplifica a historia da fracasada torre de Babel.

Kant someteu este soño á refutación da razón. atíñase á necesidade de manter a idea de unidade, inda que sen esquecer a enormidade do salto á realidade. Rousseau, en cambio, soñou cun maior grao de aceptación, que representa coa imaxe da gran comuñón. sen embargo, xa que o outro segue a ser sempre o outro, a exixencia da unidade pode trocarse subitamente no sentimento de estar rodeado de inimigos. así lle aconteceu a Rousseau, quen nom asumiu a pluralidade como estímulo. a tradición do pensamento liberal procedeu de distinta maneira, cun programa contra o mal que proclama que nom será posíbel mellorar os homes, mais que máis ben hai que investir na racionalidade das estruturas.

o que decide se a historia se desenvolve cara o ben ou cara o mal nom é a constitución dos homes, mais o xeito de organización social. uns insisten no mercado e a división de poderes, outros nas relacións de produción. pero en ambos casos menosprézanse os riscos da liberdade. hai abismos da liberdade, abismos que os excesos imaxinarios do Marqués de Sade deixan entrever.

no seu exemplo pode descubrirse aquel mal que só se quere a si mesmo e, en definitiva, só quere a nada. foi a estética do terríbel a que explorou esa nada sedutora e ameazadora, ata que con Nietzsche o nihilismo entrou na plena conciencia de si mesmo, proclamándose como sentido da 'gran política' a vontade de poder e o traballo no 'material humano'.

Hitler representa o último desenfreo da modernidade. desde entón todos comprobamos ata que punto carece de chan a realidade humana. cando desapareceu a fe en Deus, o centro de gravidade desprazouse cara a fe no home. pero agora descubrimos de xeito sorprendente que a fe no home era máis doada cando se emprendía un rodeo a través de Deus.

o penúltimo capítulo está dedicado a Xob, para ocuparnos mediante o seu exemplo cun tipo de devoción que incita a pensar fondamente. carece de fundamento, e por iso se corresponde exactamente co carácter abismal do mundo. tamén mostra o tipo de relación que implica a confianza no mundo. esta confianza, precisa boas razóns, ou seméllase máis ben a unha promesa acerca da que nom sabemos con exactitude se a temos recibido ou a temos feito?

prefacio de SAFRANSKI, Rüdiger das Böse oder das Drama der Freiheit (1997) - tradución por @xindiriz

venres, 12 de xuño de 2020

historia dunha hora

sabedores de que a señora Mallón padecía unha enfermidade crónica, procuráronse todas as precaucións posíbeis ao comunicarlle que morrera o seu home.
foi súa irmá Xosefina quen llo dixo, con frases entrecortadas; suxestións veladas que revelaban ao tratar de ocultar. Ricardo, amigo do seu home, tamén estaba alí, preto dela. foi el quen estaba na redacción do xornal cando se recibiron as novas do desastre ferroviario. co nome de Brandán Mallón á cabeza da listaxe de 'finados'. só esperara o tempo suficiente para asegurarse de que un segundo telegrama o confirmara, e apresurárase para evitar que algún outro amigo, menos coidadoso e delicado, transmitise a triste nova.
nom oíu a historia como tantas outras mulleres teñen oído o mesmo, paralizada e incapaz de aceptar o que significaba. botou a chorar de inmediato, de xeito repentino, salvaxe e sen importarlle os demais. nom deixou que ninguén fose con ela.

fronte á ventá aberta había unha butaca cómoda e ampla. afundiuse nela, esmagada por un esgotamento físico que perseguía ao seu corpo e semellaba chegarlle ata a alma.
na praza que había diante da casa, baleira, vía as copas das árbores que vibraban cheas de vida nova e de primavera. o delicioso alento da chuvia estaba no aire. e na rúa un vendedor ambulante anunciaba a berros as súas mercadorías. chegoulle, débil, a melodía dunha canción que alguén cantaba ao lonxe, e no beirado chiaban infinidade de pardais.
desde o oeste viñan cara a súa ventá as nubes amontoadas unha enriba doutra e parcheadas polo ceo azul.
sentou coa cabeza cara atrás sobre o coxín da cadeira, inmóbil, a nom ser cando un sollo lle subía á gorxa e a sacudía, coma cando un neno queda durmido de tanto chorar e inda salouca en soños.
era moza, cara pálida e calma e cuns trazos que indicaban represión e incluso certo rixo. pero agora había unha mirada anodina nos seus ollos, que miraban ao lonxe cara un daqueles parches de ceo azul. nom era unha mirada reflexiva; indicaba a suspensión de todo pensamento intelixente.
algo ía chegar ata ela e esperábao, asustada. que sería? nom o sabía, algo demasiado sutil e esquivo para poderlle dar nome. pero sentíao, arrastrándose desde o ceo, aproximándose a ela nos sons, nos cheiros, e na cor que ateigaba o aire.

axitoulle un tumulto o peito. comezaba a recoñecer o que se aproximaba para posuíla, e ela quería loitar para rexeitalo - tan indefensa como estaban as súas mans, esveltas e brancas.
cando se abandonou, escapou dos seus labres lixeiramente separados unha palabra nun pequeno suspiro. en voz baixa díxoa unha e outra vez, 'libre, libre, libre!'. a mirada perdida e o terror que a seguiron desapareceron dos seus ollos. agora eran precisos e brillaban. sentía latexar os pulsos e a sangue que a percorría aqueceuna e relaxou toda e cada unha das polgadas do seu corpo.
nom se detivo a pensar se a ledicia que a posuía era monstruosa ou nom. unha percepción diáfana e exultante permitiulle desestimar aquela suxestión como algo trivial.
sabía que volvería chorar ao ver as mans, amábeis e delicadas, amortalladas; a cara que sempre a mirara con amor, fixa e gris e morta. pero viu, máis alá dese amargo momento, unha longa procesión de anos que lle pertencerían só a ela. e abriu e estendeu os brazos para darlles a benvida.
nom habería ninguén para quen vivir durante eses vindeiros anos, viviría para si mesma. nom habería un vontade poderosa que dobregaría a súa coa persistencia cega coa que os homes e as mulleres pensan que teñen dereito a impor o seu parecer sobre outro ser humano. fose con intencións crueis ou amábeis, nese breve momento de iluminación, o acto nom deixaba de parecerlle un crime.
e aínda así amárao, ás veces. mais nom outras. que importaba xa! que podía importar o amor, o misterio sen solución, en vista de que posuía unha seguridade en si mesma que agora recoñecía como o máis poderoso impulso do seu ser!
'libre! en corpo e alma!', seguiu murmurando.
Xosefina estaba axeonllada ante a porta pechada, cos beizos no oco da chave, rogándolle que a deixara entrar. 'Luísa, abre a porta. suplícocho, por deus bendito, abre a porta'.
'marcha. estou ben'. si, estaba absorbendo o elixir da vida a través da ventá aberta.

a súa fantasía desbocouse pensando en todos aqueles días que a esperaban. días de primavera, e días de verán e todo tipo de días que ían ser seus. respirou un rezo por unha vida que fose longa. inda onte se estremecera ao pensar que a vida podería ser longa.
finalmente ergueuse e abriu a porta aos importunos da súa irmá. os seus ollos enfebrecidos e triunfantes mentres sen darse conta se comportaba como a deusa da Vitoria. agarrouse á cintura de súa irmá e baixaron xuntas as esqueiras. Ricardo esperábaas abaixo.
alguén despechou a porta da rúa. quen entraba era Brandán Mallón, coa roupa algo lixada pola viaxe, coa súa maleta e o seu paraugas. estivera lonxe do lugar do accidente e nin sequera soubera del. asustouse co berro penetrante de Xosefina. e co rápido aceno de Ricardo por evitar que o vira a súa muller.
pero Ricardo foi demasiado lento.
cando viñeron os médicos dixeron que Luísa morrera dun ataque ao corazón - de dita que mata.

@xindiriz, tradución de 'The Story of an Hour', Kate Chopin, escrita o 19 de abril de 1894

luns, 8 de xuño de 2020

Fernando Moreiras: 'Esta é unha novela inusual en Dick'

Philip K. Dick é un dos grandes nomes da ciencia-ficción. de feito, da súa prolífica carreira só unha novela, Confesións dun artista de merdase escapa a este xénero. agora, da man da editora pontevedresa Kalandraka, acaba de ser traducida ao galego por primeira vez.

'sentín curiosidade porque xa traducira antes Soñan os androides con ovellas eléctricas e contaba que o seguinte encargo fora outra obra de ciencia-ficción, pero non. encargáronme algo totalmente inusual en Dick, unha novela costumista da California dos anos 50. primeiro, foi unha sorpresa e, logo, púxenme a traducir con moitísimo gusto', recoñece Fernando Moreiras, tradutor da obra.

-que foi o más difícil?

-o máis complicado, e é algo que xa me pasou con outros autores deste estilo, é tentar transmitir ese espírito, neste caso, de hai setenta anos a un público actual. hai moitos conceptos que son descoñecidos, tanto porque pertencen á cultura estadounidense, como porque son doutra época. ademais de que o contacto cultural que houbo nos 50 entre España e Estados Unidos foi moi limitado. cando Dick emprega unha expresión ou un referente cultural que probablemente sexa opaco para o 99% dos lectores galegos, tes que buscar o xeito, tes que darlle voltas, tes que mirar a maneira de explicalo sen que se perda que é un referente cultural. persoalmente, son bastante inimigo das notas de autor porque me parece que rompen a fluidez da lectura, polo que sempre tento buscar o xeito de que a aclaración dun referente cultural alleo a nós quede integrada dentro da lectura. nas de ciencia-ficción, como todo e novo, todo ven explicado na propia novela, pero nestes casos o autor presupón que é algo que coñeces. entón tira para adiante, pero o tradutor non pode facelo porque quedan mensaxes rotas no texto.

-estamos nun tempo no que o coronavirus deu pe a moitas teorías conspiratorias e curiosamente o protagonista gusta de recompilalas?

-si. é curioso porque, aínda que pasaron setenta anos, o protagonista é alguén que no ano 2020 está de plena actualidade. pero xa non so polas teorías conspiratorias do coronavirus, senón por cousas como o terraplanismo, os antivacinas, ... esas tendencias contra ciencia, pero que tentan basearse nun discurso científico, que é o que fai este home, están de plena actualidade. é algo que, por un lado, fai graza, pero, por outro, mete medo.

-como definiría esta obra dentro do contexto artístico de Philip K. Dick?

-aínda que non teña ningún elemento de evidencia científica, fóra do que hai na imaxinación do protagonista, nótase que o autor tiraba xa cara unha clase concreta de escritura. é dicir, isto non é un futuro terrible onde todo o mundo é raro e disfuncional. aínda que é un pasado real, os personaxes teñen actitudes moi semellantes ás que teñen noutras novelas de Dick. poden atoparse, mesmo, algúns paralelismos. el tiña o seu estilo e, simplemente, chegado o momento acabou dando un xiro, deixou a ciencia-ficción, pero o seu estilo xa o traía na mochila. en Confesións dun artista de merda, aínda que non ten que ver coas temáticas ás que estamos afeitos do autor, podemos recoñecer o seu estilo. é claramente unha novela de Dick con personaxes de Dick.

-a vida de Dick foi complicada, trasladase iso a esta novela?

-nom sabería dicir porque nom coñezo tanto a mocidade de Dick. na novela céntrase moito na infancia e mocidade do personaxe. case todos coñecemos a vida, que foi moi turbulenta, do Dick adulto. se o Dick adulto era como era, seguramente si que tería esas psicoses na xuventude. pero é que na xenialidade adoita haber un toque de loucura.

-á marxe de Dick, que outro autor e obra de ciencia-ficción lle gustaría traducir?

-encantaríame traducir Hyperion, de Dan Simmons. para min é a mellor novela de ciencia-ficción de todos os tempos. o que pasa é que non é un autor tan coñecido, polo que traducilo ao galego, que é un mercado máis restrinxido ten os seus riscos. bueno, digo que Dan Simmons é pouco coñecido, pero agora que fixeron unha serie dunha das súas novelas, The Terror, e que están pensando en producir Hyperion tamén como serie de televisión, pois igual cambian as tornas. esta é unha novela de 1992 e xa lle ía tocando que lle fixeran un pouco de caso, pero o que pasa é que unha obra moi complexa. ademais toca temas polémicos e é un risco para as cadeas. a pesar disto, Simmons é un autor moi meritorio.

entrevista publicada en la.voz.de.galicia (edición Pontevedra) 'se o Dick adulto era como era, seguro que si tería esas psicoses na xuventude' asinada por LÓPEZ PENIDE