venres, 25 de marzo de 2011

fátima estivo aquí

Ola a todos!!!

Chámome Fátima e gustaríame contarvos a miña experiencia e o meu punto de vista sobre o obradoiro de tradución que realicei fai tres anos no I.E.S Laxeiro.

Foi cando cursaba 1º de Bacharelato. Era a primeira vez que se facía no centro e estaba titorizado por Xosé Manuel López Fernández. Comezámolo no segundo trimestre e nun principio éramos 6 alumn@s, tamén de 1º de Bach. Pero dúas delas déronse de baixa.

Cando me decatei de que só eramos 4 alumnos, leveime un pouco de desilusión e pensei que se suspendería, pero afortunadamente non sucedeu así. E en realidade foi o mellor que nos puido pasar, xa que a atención foi máis individualizada e todos tiñamos a oportunidade de expoñer as nosas traducións. Realizamos múltiples traducións de diverso tipo, artigos periodísticos, poemas, parágrafos de libros, ..., aínda que para comezar fixemos traducións de textos de selectividade.

Axudoume a adquirir vocabulario de diversos ámbitos, a analizar as estruturas dos diferentes textos e a familiarizarme co idioma. Nunha das sesións, o profesor aproveitou a presenza de dúas alumnas que coñecían alemán e rumano, e puidemos ver as diferenzas das linguas en canto a sintaxe, verbos e estrutura das oracións.

Para rematar, a todos aqueles que vos gusten as linguas e que teñades ganas de aprender recoméndovos que participedes e que o fagades co compromiso de realizar as traducións, xa que en realidade non estaredes perdendo o tempo. Aínda que nun primeiro momento pareza que non dá traballo (foi o que pensei nun primeiro momento), require de tempo e concentración para facelo.

Espero que vos fora de axuda a miña opinión e que vos animedes a seguir participando!!! Ou a apuntarvos se inda non o fixestes!!!

Un saúdo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario