martes, 28 de maio de 2019

XT, revolución e mulleres en política

Polygon

Xogo de Tronos aprovéitase do medo á revolución e as mulleres en política – e nom nos deixa mellor do que estabamos

a última tempada de XT provocou protestas públicas que culminaron nunha petición formal asinada por case un millón de espectadores indignados que renegan da tempada completa e desexan que se filme unha distinta. a ferocidade dos debates é en si mesma proba de hai en xogo algo realmente importante desde o punto de vista ideolóxico.

as queixas xiran en torno a un par de asuntos: por mor da presión por rematar a serie simplificouse a complexidade da narración e o desenvolvemento previo do personaxe nom xustifica o xiro que fai de Daenerys unha ‘reina tola’.

unha das escasas voces intelixentes no debate foi a de Stephen King, que subliñou que as queixas nom se producen porque a cousa acabe mal senón polo propio feito de acabar. na nosa época, a das series, que por principio nom teñen final, a idea do peche narrativo resulta intolerábel.

é certo que, no apresurado desenlace da serie imponse unha lóxica estraña, unha lóxica que nom viola procesos psicolóxicos críbeis senón que máis ben viola os presupostos dunha serie de televisión. a última tempada é simplemente preparación para unha batalla, o loito e a destrución despois desa batalla, e a conciencia que adquire o propio loitador da súa propia carencia de significado – algo moito máis realista para min que as tramas melodramáticas e góticas ao uso.

a tempada oito pon en escena tres conflitos consecutivos. o primeiro entre a humanidade e os ‘outros’ inhumanos (o Exército da Noite do Norte dirixido polo Rei da Noite); entre os dous grupos de humanos (os malvados Lannister e a coalición contra eles dirixida por Daenerys e os Stark); e o conflito interno entre Daenerys e os Stark.

esta é a razón pola que as batallas da tempada oito seguen un transcurso lóxico desde unha posición externa á ruptura interna: a derrota do inhumano Exército da Noite, a derrota dos Lannister e a destrución de Desembarco de el-Rei; o último conflito entre os Stark e Daenerys – en último termo entre a ‘bondadosa’ nobreza tradicional que cumpre protexendo os seus súbditos (Stark) ante tiranos ‘malvados’, e Daenerys como novo tipo de líder forte, unha especia de bonapartista progresista que actúa a favor dos que carecen de privilexios.

as opcións no conflito final xiran en torno a se a revolta contra a tirana é simplemente a loita polo retorno dunha versión máis amábel do vello orde xerárquico ou se se debería explorar a posibilidade dun novo orde necesario.

o desenlace final combina o rexeitamento dun cambio radical cun vello motivo anti-feminista presente en Wagner. para Wagner, nom hai nada peor que unha muller intervindo na vida política, movida polo desexo de poder. ao contrario que a ambición masculina, unha muller quere o poder para promover os seus estreitos intereses familiares ou, inda peor, o seu capricho persoal, incapaz como é de percibir a dimensión universal da política de estado.

a mesma feminidade que, no círculo pechado da vida familiar, é o poder do amor protector transfórmase nun frenesí obsceno cando se mostra ao nivel dos asuntos públicos e de estado. lembremos cando Daenerys lle di a Jon que se nom a pode amar como raíña entón imperará o terror – o tópico embarazoso e vulgar da muller sexualmente insatisfeita que deixa que se libere toda a súa furia destrutiva.

mais – e pasemos agora o mal transo – que facer dos estralos asasinos de Daenerys? pódese xustificar realmente a matanza sen piedade de miles de persoas normais en Desembarco de el-Rei como un paso necesario cara a liberdade universal? neste punto, fariamos ben en lembrar que a escena escribírona dous homes.

elviejotopo.com
Daenerys como a Raíña Tola é estritamente unha fantasía masculina, polo que os críticos acertan cando sinalan que a súa demencia súbita nom se xustifica desde o punto de vista psicolóxico. a imaxe de Daenerys cunha expresión entolecida e furiosa voando sobre un dragón e queimando casas e xente expresa a ideoloxía patriarcal co seu medo á muller con poder político.

o destino final das mulleres con poder en XT encaixa nestas coordinadas. incluso se a Daenerys bondadosa derrota e destrúe á Cersei malvada, o poder corrómpea. Arya, que os salvou a todos ela soa ao matar ao Rei da Noite, tamén desaparece, navegando en dirección ao oeste do oeste, como se fose colonizar América.

Sansa é a única que permanece, como raíña do reino autónomo do Norte. un tipo de muller adorado polo capitalismo actual: combina dozura feminina e boas 'entendedeiras' cunha boa dose de capacidade para a intriga, encaixando así perfectamente nas novas relacións de poder. esta marxinación das mulleres constitúe un momento clave da lección liberal-conservadora do final: as revolucións deben saír mal, nom orixinan máis que novos tiranos, ou, como Jon lle di a Daenerys:

‘os que te seguen saben que fixeches que o imposíbel acontecera. quizás iso lles axude a crer que tamén podes conseguir que outros imposíbeis acontezan: construír un mundo diferente da merda que sempre coñecemos. pero se usas os dragóns para derruír castelos e queimar cidades, nom es diferente’.

a consecuencia é que Jon obedece a vella fórmula machista e mata por amor, salvando á muller maldita de si mesma; ao único axente social na serie que realmente loitou por algo novo, por un mundo novo que acabase coas vellas inxustizas.

polo tanto prevaleceu a xustiza – mais, que tipo de xustiza? o novo rei é Bran, impedido, omnisciente, que nom quere nada – evocando a insípida sabedoría de que os mellores gobernantes son aqueles que nom queren o poder. a risa despectiva que provoca un membro da elite cando propón unha elección máis democrática é totalmente reveladora.

e un nom pode evitar decatarse que os máis diferentes son os que permanecen fieis a Daenerys ata o final – o seu comandante militar é negro – mentres que os novos dirixentes son claramente brancos e do Norte. a raíña radical que desexaba máis liberdade para todos sen importarlle a súa condición social e a súa raza é suprimida, e as cousas volven ao normal.

así que prevalece a xustiza, pero que caste de xustiza?

texto orixinal:
Slavoj Žižek, ‘Game of Thrones tapped into fears of revolution and political women – and left us no better of than before’ The Independent
tradución e adaptación:
@xindiriz

Ningún comentario:

Publicar un comentario