xoves, 20 de agosto de 2015

diario de tradución: Ramón Buenaventura sobre Jonathan Franzen

Ramón Buenaventura
ciertadistancia.blogspot.com
é costume editorial equiparar ao tradutor co traidor. Non tanto pola raíz (latina: traduttore, traditore) como polas derivacións dunha profesión ás veces infausta. Sábeo ben o tradutor, poeta e novelista Ramón Buenaventura (Tánxer, 1940), a quen a editorial Seix-Barral confiou en 2002 a versión en castelán de The Corrections de Jonathan Franzen. Conta o escritor español que nun primeiro momento rexeitou o encargo, ao tratarse dunha obra demasiado extensa (unhas 600 páxinas) e sobre todo non dispor de tempo abondo para acometer a tarefa con seriedade.

o final da historia é coñecido e figura na páxina legal do bestseller: Buenaventura claudicou ante a insistencia e terminou por aceptar o reto. Non polos eloxios da crítica estranxeira á gran novela americana do s. XXI nin polos millóns de exemplares que avalaban daquela o último boom literario, senón por pura amizade. 'A editorial atopou a maneira de convencerme - explica o autor no 'diario de tradución' que aparece publicado no Centro Virtual Cervantes -. Neste mundo traidor e desleal non hai argumento máis resolutorio que a amizade'.

Buenaventura comprometeuse a telo listo no prazo de seis meses sen ter lido o orixinal en inglés, e xa na primeira frase do libro ('locura de un frente frío de la pradera otoñal, mientras va pasando') pudo albiscar a lea na que se metera. 'Axiña me decatei de que The Corrections me obrigaría a efectuar centos de consultas, porque era un libro exótico, un libro no que se describe unha sociedade americana que apenas concibimos en Europa e nun entorno repleto de detalles que estamos fartos de ver no cinema, pero que non temos costume de describir con palabras, ou que nos reclama o uso de temos inexistentes na nosa cultura'.

manexou neses días un ducia de dicionarios especializados (gastronomía, golf, finanzas, medicina, música, náutica, ...) para atopar a palabra precisa para a máis delirante variedade de expresións e xiros lingüísticos que caracterizan o estilo decimonónico de Franzen. 'O orixinal cubre unha gama de intereses e coñecementos verdadeiramente ampla e ben investigada polo autor'. Se non se puxo en contacto con Franzen para aclarar as dúbidas que lle ían xurdindo foi por decoro profesional. 'Nunca xamais preguntei nada a ningún autor, nin sequera a Anthony Burgess, con quen cheguei a ter confianza e cuxos textos me formularon, ás veces, dificultades de louquear.'

lembra Buenaventura que, a falta de cen páxinas para rematar o traballo, a editora española envioulle copia das respostas que Franzen lle fora dando ás consultas dos tradutores do libro noutras linguas. 'Eran cerca de 600 dúbidas, que o autor resolvía con paciencia e unha prolixidade verdadeiramente asombrosas'. O momento crítico chegou cando Seix-Barral mandou a Franzen as primeiras cento e pico páxinas traducidas ao castelán. 'A resposta do autor superou con creces as peores predicións que calquera Casandra tivera podido facer', conta Buenaventura. 'Houbo que perder o tempo en necidades como convencer ao autor de que en castelán non é un erro sintáctico poñer un adxectivo diante dun nome'.

Buenaventura só puido resignarse. Firmara unha cláusula de aprobación e non tiña máis remedio que aguantar o tirón e obedecer os designios literarios do autor, por desatinados que estes puideran resultarlle. Ao parecer, Franzen estaba empeñado en non engadir ningunha información que non estivera contemplada no orixinal en inglés. 'PA non podía ser Pensilvania, nin se admitía explicación para ningunha sigla. Prohibido revelar en dúas palabras para que serve un medicamento que vai a tomarse un personaxe e que ninguén en España coñece. Prohibido aclarar ningunha referencia histórica 100% norteamericana totalmente indescifrable en Europa.'

content.time.com
ten dereito o autor - pregúntase Buenaventura no seu 'Diario' - a inmiscirse tanto no traballo dun tradutor? A súa resposta ten a ver con dous factores fundamentais: a distancia cultural existente entre o emisor e o receptor do texto e o coñecemento do autor do país ao que vai dirixido o seu libro. Neste punto, Buenaventura, é contundente. 'Nadie quererá discutirme que o señor Franzen é un deses escritores norteamericanos que ignora todo sobre Europa, ata extremos que sería divertido demostrar se o meu propósito fose unha análise do libro e non unha crónica da súa tradución.'

en The Corrections, Franzen fala con sumo rigor de asuntos tan dispares e disparatados como a botánica, a mercadotecnia, os automóbiles ou as froitas tropicais. E faino usando constantemente neoloxismos, combinando campos semánticos, fusionando palabras e afondando en termos (unhas veces xurídicos, outras sexuais) que non están ben tipificados en castelán. Buenaventura dedicou semanas a resolver xogos de palabras nun libro que quere ser incorrecto, publicado a mesma semana do ataque ás Torres Xemelgas e que, xunto a Freedom, lle valeu a Franzen a portada da revista Time en 2010. 'Supoño que en obras tan longas como esta, todo tradutor acaba incorrendo na desesperación. Cando un leva semanas co texto e inda lle quedan duascentas ou trescentas páxinas por diante, a tarefa semella infinita, como se fose un a pasar o resto da vida traducindo The Corrections de don Jonathan Franzen. E, francamente, hai outras cousas neste val de bágoas, non si?'.

ao final, o encargo rematouse dentro do prazo (a pesar de que Buenaventura foi o último dos tradutores en recibir as galeradas) e o libro foi celebrado en España co mesmo entusiasmo que no seu país de procedencia. Poucos lembraron a Buenaventura nas súas críticas, inda gabando moitas delas a extraordinaria riqueza do vocabulario do libro. Claro que o traduttore se despacha a gusto no seu 'Diario ...' expresando a opinión que a el, particularmente, lle merece The Corrections: 'non vale un tiesto foradado, que diría Gonzalo de Berceo.'

texto orixinal en castelán
autor BENJAMÍN G. ROSADO
publicado en elmundo, 20.agosto.2015

sábado, 1 de agosto de 2015

a voz do tradutor

www.arteinformado.com
a voz do tradutor é unha serie de preguntas sobre o papel da tradución e sobre as linguas a través do traballo de 16 artistas que centran a súa obra na investigación dos idiomas e o uso que facemos deles: inclúen?, exclúen?, que relación gardan co poder?, e coa identidade?, cal será a lingua do futuro?, cal é o valor real das linguas locais nun contexto de globalización?

a acción do tradutor presúmese como unha continua negociación de entendemento, axustando o particular ao universal e a diferenza á coincidencia.

Martin Waldmeier (Basel, 1984) reúne traballos que parten do concepto máis amplo da tradución para tratar a comunicación verbal dende perspectivas diferentes; debuxa a contorna argumental dunha serie de problemas que a linguaxe ten que afrontar sen descanso como parte dun proceso condicionado. É un arduo propósito que acerta a por enriba da mesa a través de preguntas sobre os conflitos artísticos, sociais, políticos e económicos. Inda que baixo o paraugas do pluralismo cultural, estes conflitos moitas veces se fracturan, e constitúen o guión da exposición: o dereito de autoría, a exactitude da lingua na tradución, o interese por unha lingua segundo as políticas aperturistas, o inglés como comunicación dominante, a perda de información, o idioma como medio para lexitimar políticas de exclusión ou a perda de identidade, entre outras.

o ensaio visual e lingüístico destes crea unha atmosfera máis de incertidumes que de seguridades, profesadas en textos murais, documentos e manuscritos traducidos xunto a fotografías e audiovisuais dobrados ou subtitulados en diferentes linguas. Hai unha morea de imaxes e frases que se fixan na subxectividade do espectador: 'todos os que non saben ler en castelán son estúpidos' (Luis Camnitzer) ou 'An Artist who Cannot Speak English is No Artist' (Mladen Stilinovic).

transmite (a tradución) a mensaxe íntegra dun idioma a outro ou aporta algo da lingua final? Nin sequera cando non media a subxectividade o traslado é exacto: a artista chinesa Xu Bing recolle un extracto dun libro en chinés, que traduce cun tradutor automático do chinés ao ruso e do ruso ao alemán e así ata nove idiomas para volver a traducilo ao chinés e o resultado é o mesmo que no famoso xogo ... non ten nada que ver co orixinal.

'neste mundo de globalización hai unha necesidade cada vez máis imperante de facer traducións, pero en cada tradución pérdese algo', explica Waldmeier, que aclara que a exposición ten dúas liñas de traballo: unha que pretende descubrir o papel do tradutor e darlle visibilidade e outra mostrar que pode aportar esta actividade á idea de identidade: 'a tradución non é só unha profesión, é un xeito de expresar unha realidade'.

Martin Waldmeier
www.marcovigo.com
tamén se alerta da desaparición das linguas minoritarias, 25 cada ano; esta perda e o que significa para a cultura e identidade de cada pobo centra o traballo de Susan Hiller, mentres que Nicoline van Harskamp indaga no futuro do idioma hexemónico (o inglés) e grava a persoas de diferentes nacionalidades contando as súas experiencias como anglofalantes.

Rainer Ganah documenta a súa propia aprendizaxe do chinés, que tamén centra o traballo de Sylvie Boisseau e Fran Westermeyer, que analizan as motivacións dos europeos á hora de estudar esta lingua.

Zineb Sedira analiza a preservación e a perda da identidade ligadas á transmisión oral da memoria familiar cun vídeo no que fai de tradutora da súa filla, que fala inglés, e súa nai, que entende o francés pero só fala árabe.

Dora García, coa súa 'Letter to other planets', tradución do comunicado de prensa da exposición en doce idiomas minoritarios (armenio, swahili, kurdo e quechua, entre outros) pregúntase ... a quen 'lle fala' un museo coas súas exposicións?.

na súa maioría as obras desta exposición son exercicios moi visuais e esenciais na presentación pero cunha forte carga reivindicativa e emocional sobre o propio. Inciden principalmente en cuestións relativas ao condicionante do idioma na práctica artística, que poñen no punto de mira ao inglés como lingua vehicular para a cultura global. Esta cuestión queda bastante ben resolta dende distintas ópticas nos traballos de distintos artistas. Mais tamén hai silencios, incomunicación e perda neste percorrido polo comunitario, que pespunta integración e descomposición. Un convite a ler entre liñas para descubrirnos, inventarnos e (re)construírnos.

referencias:
'los traductores y las lenguas toman la voz en el MARCO' por ÁGATHA DE SANTOS (faro de vigo, 30 MAIO 2015)
'acción y traducción' por CHUS MARTÍNEZ DOMÍNGUEZ (babelia, 01 agosto 2015, páxina 12)
dossier documental, catálogo (www.marcovigo.com)

a voz do tradutor. Marco. Vigo. ata 30 agosto 2015