venres, 7 de xaneiro de 2022

Iria Taibo, presidenta da agpti: 'moita xente nom é consciente que no seu día a día lle pasan por diante moitas traducións'.

agpti (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) fundouse en 2001 co obxectivo de 'defender os dereitos dos e das profesionais da tradución e da interpretación na GZ'. agora a entidade conta con 121 asociadas, das que un cento son membros profesionais e unha vintena son persoas tituladas. sobre a evolución da profesión, Iria Taibo explica que 'a creación da Facultade de Tradución e Interpretación marca un antes e un despois, agora hai unha formación específica da xente que se dedica a isto de modo profesional'. entre esas profesionais tamén están as tres socias fundadoras: Saleta Fernández, María Reimóndez e Lara Santos (na imaxe desde a esquerda, nun evento no Culturgal 2016), que desde a última asemblea da agpti son, ademais, socias de honra da entidade.

agpti levou a cabo unha asemblea ordinaria e outra extraordinaria, con motivo do seu vixésimo aniversario e, para alén de facer balance da situación, organizar o programa de actividades para 2021.

as xuntanzas tiveron que ser virtuais debido ás restricións sanitarias causadas pola Covid-19, 'que nos condiciona e nos leva a reforzar as reivindicacións laborais', explica Iria Taibo, presidenta de agpti. refírese especificamente á preocupación da entidade polas cuestións vencelladas coa interpretación e o Xacobeo 2021, 'xa que temos algunha queixa porque se están a organizar actos nos que pasan dúas cousas que nos parecen graves; unha delas é que nom están a respectar as condicións de traballo comunmente aceptadas', detalla Iria Taibo en referencia ao número de horas de traballo consecutivas de cada intérprete e ao número de persoas que integran cada proxecto.

mais a situación da lingua nos eventos do Xacobeo tamén preocupa, xa que 'a consecuencia engadida [da situación sanitaria] é que entren en xogo as grandes empresas a ofertar servizos e se esquezan as intérpretes galegas'. algo que segundo Taibo 'xa está a pasar en cuestións que teñen que ver coa Administración e nas que o galego na práctica está a desaparecer, ao facerse todo a través dunha plataforma facilítase que sexa doutro modo, cando antes o máis habitual era que fosen intérpretes galegas', alerta.

agpti busca encontros e xuntanzas coa Administración mentres deseña 'un plan de actuación en varías vías, tamén de denuncia pública', porque 'débense protexer e respectar os dereitos das traballadoras, tanto no ámbito da interpretación como no da tradución', conta Iria Taibo. no eido da interpretación a cuestión da visibilización do traballo é unha reivindicación histórica das profesionais, 'aínda que moitas veces do que se trata é de que nom se nos vexa, de que o servizo funcione sen máis, mais si que nos preocupa o respecto polas condicións de traballo', sinala a presidenta.

'a nosa preocupación é o feito de que se traballe en remoto nom pode implicar que a profesional teña que ocuparse da parte técnica. é moi importante respectar o número de horas de traballo, mais co tema das plataformas dixitais asúmese que hai que facer unha proba antes para ver que todo funciona ben, pero a intérprete entón ten que ter dispoñibilidade'. Taibo recalca que son 'detalles que poden parecer insignificantes' pero que redundan na calidade do traballo. 'son cousas que no sector se dan por supostas e nun traballo presencial é moi raro que se incumpran, mais no dixital xa nom é así'. nesa liña, a presidenta de agpti lembra que o de intérprete é un traballo 'cognitivamente moi intenso e en remoto inda máis'.

Taibo insiste en que o traballo dos e das tradutoras nom se cingue, unicamente, á tradución editorial, senón que ela mesma vive da súa profesión sen apenas traballo editorial. 'esta é unha campaña de visibilización que sempre temos que facer porque moita xente nom é consciente que no seu día a día lle pasan por diante moitas traducións'. instrucións de equipamentos electrónicos, páxinas web, folletos, contratos, manuais de empresa ... son algúns dos traballos que realizan estas profesionais e neles 'a Administración tamén ten un papel importante'.

'formamos parte do Consello Asesor do Libro, e moitas veces, coma outras entidades, lamentamos que só sirva a nivel informativo, mais nom escoita verdadeiramente as demandas do sector', denuncia Taibo. 'acabamos de negociar as ordes de axuda para a tradución e hai cambios na forma cos que nom estamos de acordo'. refírese Iria Taibo a que as axudas 'recíbenas as editoriais sen a necesidade de entregar o currículo das persoas que fan a tradución, iso parécenos estraño'. agpti tamén reivindica que se puntúe de modo diferente se a tradución dunha obra se fai desde a lingua orixinal ao galego ou a través dunha lingua ponte.

artigo orixinal asinado por ANA TRIÑÁNS e publicado polo Nós Diario o 28abr2021, páxina 27

Ningún comentario:

Publicar un comentario