todo comeza co impacto que causan Amanda Gorman
e os seus versos O outeiro que
ascendemos, escritos para a investidura de Joe Biden
en Washington. a voz de Gorman, segura e elocuente, elévase sobre a fría mañá
de xaneiro para anunciar o remate dunha época - 'unha sombra sen fin' - e o
inicio dun 'novo amencer'. o seu abrigo amarelo de Prada ilumínaa como un facho.
o entusiasmo que esperta esténdese fóra de EEUU. apenas dous meses despois da
súa actuación, xa se tiña asinado a tradución de O outeiro que ascendemos a 17 idiomas.
unha editora ofreceume traducir o poema. tanto a editora
coma min sabiamos que era máis que un poema, era un símbolo da vitoria da luz
fronte á escuridade. unhas semanas desde que entreguei a tradución, en Holanda,
Marieke Lucas Rijneveld, que recibira o
encargo de traducir ao neerlandés o poema de Gorman, renunciou a facelo ante as
protestas pola súa elección nas redes sociais.
o detonante foi un artigo escrito por Janice Deul, xornalista e activista holandesa. Deul, que é
negra, tachaba de 'incomprensíbel' que non se tivera elixido a unha tradutora
que, como Amanda Gorman, fose 'unha artista de spoken word, moza e orgullosa de ser negra'. Marieke Lucas
Rijneveld, que o ano pasado gañou o Booker
coa súa primeira novela, é branca. nom, nom é branca: é blancx, porque se define como nom binaria.
logo da renuncia de Rijneveld, a editora holandesa Meulenhoff publicou unha declaración,
'imos emprender un camiño diferente tendo en conta as opinións recibidas.
buscaremos un equipo (sic) co que
traballar para transmitir o mellor posíbel as palabras de Amanda e a súa
mensaxe de esperanza e inspiración, así como o seu espírito'. fin da historia,
nom?.
a elección de Rijneveld tiña sido aprobada por Gorman,
como a miña e a dos outros 15 tradutores. que autoridade artística tiña Deul
para cuestionar o criterio de Gorman? ningunha, nom lera nim un só verso da
tradución de Rijneveld. Deul investírase do novo e temíbel poder das redes
sociais. era o rostro visíbel dese corifeo anónimo que, baixo a bandeira do
'dereito moral', afianza a súa supremacía censora cada día que pasa. para Deul
a calidade da tradución era o de menos, o que importaba era a identidade da
tradutora: a cor da súa pel, a súa idade, a súa militancia.
o acontecido nom é irrelevante. apunta, excedendo a
tradución, á esencia mesma da creación, a imaxinación.
segundo as críticas de Deul, segundo a lóxica Deul, os brancos só poderían
traducir a brancos e as mulleres a mulleres ... e así ata o infinito, só os
mexicanos poderían cantar rancheras,
e os xaponeses escribir haikus ... e,
por suposto, esquécete de traducir a Proust se nom es
homosexual e nom tes probado as madalenas.
Deul nom fala de tradución, fala de política. confunde o
'dereito moral' coa calidade literaria. ignora que a imaxinación é o que fai
posíbel a tradución e a arte en xeral. a lóxica
Deul visibiliza a tradutora, cando a esencia dunha tradutora é ser
invisíbel. a súa voz abraza todas as voces. para poder ser todos, debe
disolverse e renacer. saír de si para entrar noutros. ao contrario doutras
disciplinas nas que o artista busca ter unha voz, un selo, ser alguén, na
tradución a excelencia é ser ninguén. trátase de nom ser sendo.
e se Marieke Lucas Rijneveld se retirou porque nom quixo
ser vítima dun escándalo ao que era allex
e que probabelmente afectaría á acollida da súa propia obra como escritorx? e se a editora cedeu porque
temeu que a súa imaxe e, polo tanto, as súas vendas caeran en picado?
Deul trunfou. e o seu trunfo é catastrófico. é a vitoria
do discurso identitario fronte á liberdade creadora, do dado fronte á
imaxinación. do orgullo de ser quen es tense pasado ao imperativo, suxeito a
penalización, de nom ser outro que quen es: a nosa pel convertida en camisa de
forza. pero a arte é híbrida, omnívora, inaprensíbel. extirpar a imaxinación da
tradución é someter o oficio a unha lobotomía que fai imposíbel o seu
exercicio.
inda nom sabemos se a lóxica
Deul terá un efecto expansivo, se afectará aos outros 16 tradutores
contratados para verter na súa lingua o poema de Gorman. pero si sabemos algo:
o acontecido nom é unha anécdota. é o síntoma dunha nova censura, letal para a
tradución, para a arte, para a vida.
texto
orixinal 'Gorman y sus 17 traductoras', publicado en Babelia, nº 1529, 11mar2021, p 14.
Nuria Barros é escritora e tradutora.
tradución e deturpación por @xindiriz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario