… comprendín que as traducións nom poden ser un sucedáneo do orixinal. poden ser, en todo caso, medio e estímulo para acercar o lector ao orixinal. Borges
hai anos, nunha obra dedicada aos problemas da tradución, F. Deybser sinalaba que ás veces se aceptan ‘desafíos imposíbeis’, e entre eles citaba ‘traducir a Perec’. pese ao seu carácter algo esaxerado, esta declaración compréndese pola natureza tan particular dos escritos de Perec, que ocultan, baixo unha aparente sinxeleza estilística e unhas historias voluntariamente anódinas, unha excepcional complexidade formal.
aventurarse a traducir unha novela como La disparition é mostrarse, de entrada, afeccionado aos crebacabezas máis temíbeis, e tamén, rozar a cada momento a profanación, manipulando montaxes textuais sumamente delicados. é, finalmente, arriscarse a pasar por ser un deses excéntricos que entregan o seu tempo a xogos de palabras –o que a ollos dalgunhas persoas nom pode, en ningún caso, considerarse traballo serio–. nestas condicións, sería ilusorio esperar palabras de ánimo xa que as opinións máis frecuentes, inda que nom fosen directamente dedicadas a nós, o que fan é animar a abandonar a tarefa.
abonde, por exemplo, lembrar as conclusións de dous grandes teóricos en materia de tradución, Charles E. Taber e E. A. Nida, que sinalan que ‘todo o que se pode dicir nunha lingua pode ser dito noutra diferente, excepto se a forma é un dos elementos esenciais da linguaxe’. cando un nom ignora que La disparition se basea da primeira á última liña nunha constrición formal, conclúe rapidamente que calquera empeño en traducila está abocado inevitabelmente ao fracaso.pensemos tamén en Harry Mathews, un escritor norteamericano próximo a Perec, responsábel dunha sentenza que nom admite réplica: ‘nom debe traducirse La disparition, nom por ningún obstáculo técnico, mais pola unidade indisolúbel que determinan todos e cada un dos aspectos do libro (ata a puntuación nalgúns casos). só se podería recrear a novela nunha lingua estranxeira inventando novos personaxes, novos avatares, outra textura; escribindo, en definitiva, un libro totalmente diferente. nisto, La disparition tamén pode servir de provocación e de exemplo’.
adoptar eses puntos de vista é esquecer que Perec –el mesmo, de bo grao, tradutor circunstancial– nom dubidou en apoiar distintos proxectos de semellantes características en varias ocasións. incluso afirmou, referíndose á escritura de La disparition, que ‘xa que nom se podía, había que tentalo (…). comezando por realizar exercicios previos. o campo da tradución é un terreo moi cómodo, xa que se dispón dunha guía, é dicir, de todo un conxunto de cousas que está aí para axudarnos’. inda que é evidente que a ironía encharca estas palabras, reconfortan a un nas súas intencións, sobre todo se se sente vivo interese por La disparition, unhas gañas irresistíbeis de traducir esta novela tan singular e unha boa dose de entusiasmo …
a pesar de todo, nom podemos deixar de subliñar que cando se formou o primeiro grupo de tradutores –o número concreto de anos xa transcorridos é inconfesábel–, ninguén podía predicir se tan insensata empresa chegaría a algo máis que un exercicio universitario experimental; mais, páxina a páxina –incluso a veces palabra a palabra– o texto da tradución acabou precisándose e, incluso parecéndose, na súa composición, ao orixinal. polo menos se aceptamos a explicación que se da ao lector no post-sriptum:
de onde viu o empeño en incidir no mesmo? moitos feitos, seguro, o causaron, mais mencionemos sobre todo un que ten a súa orixe no destino, pois, de feito, todo xurdiu dun reto, dun principio nom moi seguro de que se obtivese un froito positivo.
nun traballo destas características, a nosa principal obriga, a necesidade absoluta, a condición sine qua nom refírese por suposto á constrición formal, aquela que rexe o conxunto do texto e que xera toda a ficción. ignorala sería caer nun contrasentido estrondoso na lectura da novela, e evitalo nom é demasiado factíbel se un desexa preservar na lingua utilizada un aspecto aceptabelmente 'normal'.
en definitiva! a constrición indispensábel tense respectado, en todo o seu espírito, con rigor, escrupulosamente, ao pé da letra. evidentemente isto entraña, o lector apreciarao de xeito doado nas páxinas que seguen, numerosas tensións e algunhas solucións aproximativas, mais nom esquezamos que ese tipo de distorsións xa existía na versión orixinal e que ninguén pode negar o sabor a indefiníbel estrañeza que deixa La disparition. de feito, este libro, recorrendo a efectos que renova constantemente, xoga sempre co lector, xa sexa propoñéndolle verdadeiros malabarismos verbais, ofrecéndolle citas trucadas ou ocultas, xa sexa proporcionándolles indicios falsos, dignos da mellor novela de intriga. convidándoo, en suma, a practicar unha lectura a distintos niveis.
é natural, polo tanto, que, a modo de traballo preliminar a calquera intento de tradución, se precisaran numerosas e minuciosas lecturas para localizar con precisión as operacións realizadas no texto orixinal coa fin de verter o máis fielmente posíbel todas as estruturas no de chegada. así, por exemplo, neste fragmento:
on noya dans l'alcool un pochard, dans du formol un potard, dans du gas-oil un motard.
onde detectamos un dobre xogo de rimas unido a unha impecábel lóxica semántica, e buscamos unha forma que reproducira coa maior exactitude posíbel o efecto textual producido:
afundiu bebedor en porrón, doutor en poción, condutor en bidón.
noutro capítulo Perec conclúe unha paráfrase libre do argumento de Moby-Dick de Melville cun xogo de palabras que pon de relevo simultaneamente o traballo realizado sobre a linguaxe e as dificultades dunha escrita sometida a uns interditos particularmente severos:
ah Moby Dick! ah maudit Bic!
neste caso tamén procuramos, respectando os requisitos básicos impostos pola constrición, lograr o efecto divertido e perturbador creado en francés pola unión insólita dos termos elixidos por Perec. a solución final que se propón tamén pretende satisfacer o mellor posíbel as condicións de partida:
oh, Moby Dick! oh, móbil Bic!
podería pensarse que estes exemplos son casos reducidos, detalles de escasa importancia, pero debemos ser conscientes de que o sentido global do libro constrúese precisamente mediante a montaxe e a organización deste tipo de detalles para conformar unha complexa rede textual.
pódese afirmar que neste libro máis que noutros, debido precisamente á constrición de escritura, ningún detalle se ten deixado ao azar e que, polo tanto, todos os elementos deben ser considerados se a tradución pretende respectar o valor textual do orixinal na súa integridade. así, o método de tradución adoptado ten sido, loxicamente, calcado de Umberto Eco cando explica, a raíz da súa tradución de Exercicios de estilo de Queneau: 'para rematar, tratábase de decidir que significaba, ante este tipo de libro, ser fiel. unha cousa estaba clara, e é que iso nom quería dicir ser literal. (...) ser fiel significa aquí comprender as regras do xogo, respectalas e, despois, xogar outra partida con idéntico número de tiradas'.
neste sentido, nom o dubidemos. O secuestro presentarase como a máis fiel tradución posíbel de La disparition; se nom fose así nom nos quedaría máis remedio que compartir o pesimismo irónico de Borges ...
Marc Parayre
NOTA: a constrición de escritura mencionada no texto refírese a que Perec non utilizou ningún ‘e’ á hora de compor a novela, escrita, polo tanto como un lipograma, sendo o ‘e’ a letra máis frecuente na lingua francesa. precisamente por iso, na tradución ao castelán publicada por Anagrama, optouse á súa vez por omitir o ‘a’ ao ser a máis usada en castelán.
o autor francés, caprichosiño, publicou tres anos máis tarde outra novela cunha constrición formal semellante, Les Revenentes, en 1972. esta vez decidiu utilizar unha única vogal, o ‘e’ precisamente.
Marc Parayre, que asina este prólogo á edición de Anagrama, traduciu e novela xunto con Marisol Arbués, Mercè Burrel, Hermes Salceda e Rexina Vega. o seu traballo conxunto mereceu o Premio Stendhal de tradución na súa edición de 1998.
© tradución e deturpación por @xindiriz