venres, 1 de agosto de 2014

Terry Eagleton: “Xesús Cristo, revolucionario” excerptos da 'introdución aos evanxeos'

capa da edición orixinal
foi Xesús un revolucionario? Certamente tiña compañas políticas dubidosas. Un do seu círculo máis íntimo era coñecido como Simón o Zelota, sendo os zelotas un movemento anti-imperialista underground dedicado a expulsar os romanos de Palestina … Os zelotas querían un estado xudeu puro, tradicional e teocrático, e promovían unha ideoloxía non moi diferente da que hoxe promove al-Quaeda. Corenta anos logo da morte de Xesús embarcáronse nunha aventura disparatada contra os ocupantes que acabou co tempo de Xerusalem completamente en ruínas. Ademais do militante Simón, outros dous discípulos de Xesús, Iago e Xoán, teñen un alcume (fillos do trono) que algúns estudosos do Novo Testamento sospeitan que os vincularía tamén cos insurrectos. O apelido de Xudas, Iscariote, podería derivar do nome da súa localidade de orixe. Pero tamén pode significar ‘o home da daga’, que podería suxestionar filiacións zelotas. Quizás Xudas vendeu a Xesús porque esperaba que fose unha especie de Lenin e viuse totalmente desencantado cando se decatou que non ía dirixir o pobo contra o poder colonial. Ou quizás simplemente se decatou que o seu mestre, aparentemente masoquista, estaba sentenciado e marchouse mentres podía, obtendo unha pequena gaña no asunto.

a man dereita de Xesús, Simón Pedro, semella ter portado espada, algo infrecuente nun pescador galileo, e en certo momento Xesús mesmo comproba de que armamento dispoñen os seus camaradas (Lucas, 22). Para o espectador neutral, as súas ensinanzas poden ter soado perfectamente como propias dos zelotas. Podemos dar por suposto que tería habido zelotas e outros disidentes nas multitudes que rodeaban a Xesús, recollendo información sobre o politicamente correcto que era. Trinta anos antes, un axitador coñecido como Xudas o galileo predicara a insurrección, trinta anos despois, os zelotas lanzarían a súa propia rebelión desesperada contra Roma. O período de Xesús foi relativamente máis tranquilo que calquera destes dous puntos álxidos de resistencia política; pero as esperanzas da liberación de Israel estarían á orde do día en certos ambientes.

[semella], sen embargo, improbable que Xesús fora parte da resistencia anti imperialista …

en realidade, a razón pola que foi crucificado non deixa de ser un misterio. Non foi certamente porque asegurara ser o Fillo de Deus. Xesús non di tal no Evanxeo, excepto unha vez, de xeito pouco crible, na escena do xuízo en Marcos; e Marcos ten os seus propios obxectivos políticos. Incluso se Xesús se chamara a si mesmo Fillo de Deus con máis frecuencia, non tería sido evidente o que quería dicir con iso. Nun sentido do termo, non tería sido máis que citar o obvio. Todos os xudeus eran fillos e fillas de Deus. Non implicaba que un fora un superhome. Israel era colectivamente o Fillo de Deus. Xesús non pretendía proclamar a súa divindade a todo o mundo, e foi intelixente non facéndoo. Obrou os seus milagres non para convencer os que lle rodeaban de que era Deus (en efecto, pasa bastante do seu tempo tentando escapar das multitudes en vez de cortexalas), senón por razóns simbólicas ou por compaixón. Rexeita obrar milagres para auto lexitimarse e é claro que lle irrita que lle pidan facer tal cousa … Xesús semella, sen embargo, ter enfadado algúns xudeus devotos ao reclamar unha intimidade peculiar co deus que chama seu Pai – unha intimidade que lle proporciona unha autoridade na que non median as institución xudías, ou incluso as escrituras …

en realidade, unha das … poucas palabras ou frases no Novo Testamento da que podemos estar razoablemente seguros é, ipsissima verba (as súas propias palabras), de afecto en arameo ‘Abba,’ que Xesús usa repetidamente cara Deus, e que, xunto con ‘Pai’, significa algo así como ‘Pai querido’. Orixinalmente era máis ben un diminutivo, como ‘Papá’. Era moi infrecuente, por non dicir ofensivo, que un xudeu piadoso reclamase semellante intimidade con Yahweh, igual de ofensivo para os escribas e fariseos que Xesús reclame, de xeito implícito, semellante autoridade nas súas ensinanzas …

en xeral, Xesús deixa que outros lle poñan etiquetas, e rara vez lles di se están no certo ou se equivocan. Hai unha sensación en todo o texto de evitar formas de definición dun xeito deliberado. Ningún dos termos dos que dispoñemos semella o bastante axeitado. O feito de que cale cando o sumo sacerdote na audiencia xudicial ante o Sanedrín lle pregunta quen é case con toda seguridade tería ido na súa contra. Mostrar desprezo polos gobernantes de Israel era abondo na lei xudaica a favor da pena máxima. O termo que usa ocasionalmente para si mesmo – “O Fillo do Home” – é tamén ambiguo. Nun sentido, é simplemente un circunloquio arameo familiar para evitar a repetición excesiva da primeira persoa, máis no mesmo sentido do ‘yours truly’ inglés. Tamén pode significar unha persoa ou ser humano. E inda noutro sentido, pode referirse a unha figura apocalíptica bastante escura do Libro de Daniel; pero non sempre está claro se Xesús, ao usar o termo, fala de si mesmo ou doutra persoa …

é probable que Xesús acabara no Calvario por causa da súa enorme popularidade con algúns dos humildes, que se congregaran en masa en Xerusalem para a festa da Pascua, e que, sen dúbida, recorreron a el para algún tipo impreciso de salvación da ocupación romana … había unha expectación xeral de que Deus estaba a punto de facer algo dramático. Para a teoloxía cristián así foi – pero resultou ser unha resurrección, non unha revolución. Algunha da xente do común semella ter saudado a Xesús como o seu rei durante a súa carnavalesca entrada na cidade. Semellan confundilo co mesías davídico, o guerreiro mítico que reparará as fortunas de Israel e confundirá os seus inimigos. Isto probablemente tivera creado unha polvoreira nunha capital xa politicamente tensa que alarmou aos gobernantes xudeus de Xerusalem. Temerosos de que a presenza do predicador galileo puidera precipitar unha insurrección, e que isto á súa vez puidera provocar unha represalia militar por parte dos romanos, fixeron que o arrestaran. Xoán Bautista, o mentor de Xesús, foi executado probablemente pola mesma razón. “Quen dicides que son?” “Por que me chamades bo?” “Quen credes que son?” é o reto que implicitamente impón aos outros, que poden consideralo ou como un falso profeta ou como Fillo de Deus. Nesta dobre vertente, presenta algo da ambigüidade do chibo expiatorio tradicional, ou pharmakos, ao mesmo tempo bendito e maldito, reverenciado e vilipendiado. Canto máis se lle ‘fai pecar’ por nós, máis santo se fai. Pode que o acto violento de Xesús de intentar purificar o templo de cambiadores, que se acercou perigosamente á blasfemia, foi abondo para que os seus inimigos o denuncien … Algúns estudosos consideran que a acción foi suficiente en si mesma para xustificar o seu arresto e execución … Xa tiña causado problemas ao aparentar ameazar [con que o templo sería derrubado] – inda que foron os propios romanos os que farían iso uns corenta anos despois da morte de Xesús … Xesús semella profetizar a destrución do templo, inda que resulta que se equivocou sobre iso de non deixar pedra sobre pedra. No que poderiamos chamar criterio da vergoña, as profecías incumpridas é probable que resulten máis auténticas que as cumpridas … Caifás … tivo que confeccionar algún cargo o suficientemente alarmante para os romanos para esporealos a desfacerse del. Dicir que aseguraba ser Rei dos Xudeus, inda que non temos evidencias de que o fixo, cumpriría o expediente perfectamente. Axeitadamente exposto, podería soar como blasfemia aos Xudeus e sedición aos Romanos. Pero tamén podería ser abondo para que crucificaran a Xesús aconsellar ao funcionario romano, Poncio Pilatos, que este vagabundo revoltoso representaba unha ameaza para a lei e a orden en condicións tan politicamente volátiles.

os romanos non sempre se deixaron facer obedientemente en tales mesteres, pero Pilatos semella ter tido unha querencia especial por colgar xente. É representado nos Evanxeos como un liberal vacilante con mentalidade metafísica, pero sabemos abondo sobre a súa ficha histórica para estar seguros de nada así. Era, en realidade, un gobernante notablemente brutal, un oficial acusado de suborno, crueldade e execucións sen xuízo e que foi posteriormente apartado do seu cargo de xeito deshonroso. Semella ter ordenado crucifixións de xeito indiscriminado, o que podería contribuír a explicar por que se desfixeron tan perentoriamente de Xesús inda que non representaba ningunha ameaza obvia para o estado. Se Xesús se tivera atopado cun réxime máis liberal, pode que se tivera librado. De calquera xeito, se era realmente un axitador político perigoso, sorprende que as autoridades lle deixaran saír de Galilea vivo. Non o fixeron así con Xoán Bautista.

g0spel0fj0hn.com
se os evanxelistas minimizan a crueldade de Pilatos, mentres ao mesmo tempo subliñan a responsabilidade dos xudeus pola morte de Xesús, é en gran medida porque a incipiente igrexa tiña as súas propias razóns para estar a ben coas autoridades imperiais. Todos os Evanxeos deixan entrever un impulso para incriminar os xudeus e exculpar os romanos … Se Xesús non reclama inequivocamente ser o Mesías, por exemplo, pode ser en parte porque a noción tería sido indescifrable para os xentís. Pode ser unha idea exclusivamente xudía. A tradición mesiánica non ten que ver coa redención da humanidade senón coa liberación de Israel dos seus inimigos políticos …

quizás Xesús sentiu dalgún escuro xeito que podía cumprir o desexo de seu pai só a través da morte. A tese teolóxica que apunta o evanxelista aquí non é que Xesús quixera morrer senón que a súa morte era consecuencia lóxica da súa vida. Os que aman a outros sen reserva … causarán alarma, ansiedade e agresión, e é probable que se desfagan deles. O mundo, no sentido pexorativo de san Xoán das estruturas de poder existentes, probablemente se sinta ameazado por tal ausencia de temor. Tal e como o formulou outro teólogo: Xesús morreu por ser humano nunha orden social que crucificaba. Hai unha contradición evidente entre a súa misión e ao que os Evanxeos se refiren despectivamente como “os poderes deste mundo.” …

… nun momento altamente sensible, Xesús mesmo deixa claro no seu retrato apocalíptico da Segunda Chegada que a salvación consiste non nun ritual relixioso ou códigos de conduta senón da doazón dun anaco de pan ou unha copa de auga. O reino dos ceos resulta ser un asunto sorprendentemente materialista … Un signo da natureza material da teoloxía do novo testamento é o feito de que Xesús emprega tanto do seu tempo curando os doentes. É os corpos humanos ao que máis se dedica; e semella considerar a súa campaña contra as forzas que eivan homes e mulleres como signo da chegada do reino … En ningunha parte dos Evanxeos aconsella Xesús aos aflixidos que se reconcilien co seu sufrimento … Antes da súa morte, Xesús deixa o seu propio corpo aos seus seguidores para que o consuman sacramentalmente (é dicir, semioticamente, por medio dun signo), como un novo principio de unidade con outros máis que un principio de diferenciación.

ao inicio do seu evanxeo, o autor convencionalmente coñecido como Lucas representa unha situación case con toda certeza ficticia na que María, a nai de Xesús, atopa a Sabela, embarazada del. Lucas pon en boca de María unha canción que na Igrexa Católica se coñece como ‘Magnificat’, pero que, así o sospeitan algúns estudosos da Biblia, podería ser unha versión ou conter ecos dun canto revolucionario zelote:

a miña ánima magnifica o Señor,
e en espírito goza de Deus o meu Salvador
pois el ten apreciado a baixeza da súa serva,
pois contempla, que a partir de agora todas a xeracións me dirán bendita;
pois el que é poderoso ten feito moito por min,
e bendito sexa o seu nome
ten dispersado os orgullosos na imaxinación dos seu corazóns,
ten derrubado os poderosos dos seus tronos,
e exaltado os de humilde condición;
ten enchido os famentos con boas cousas,
e aos ricos mandounos de volta e baleiros

o motivo da inversión revolucionaria é case un clixé na teoloxía do Vello Testamento. Yahweh nin pode ser imaxinado nin recibir nome, pero coñeceralo polo que é cando vexas exaltar os pobres e desposuír os ricos. O motivo dun vínculo próximo entre o sufrimento máis fondo e a exaltación máis elevada é un tradicional no xudaísmo, como é na liñaxe occidental da traxedia. O poder verdadeiro flúe da ausencia do mesmo, unha doutrina que a crucifixión e a resurrección de Xesús queren exemplificar. Os pobres e explotados son un signo do fracaso dos poderes gobernantes, posto que ilustran a miseria que eses poderes deben quebrar para asegurar a súa influencia. Neste sentido, os desposuídos son imaxes negativas da sociedade xusta. Tamén o son no feito de que teñen moito menos que perder que aqueles que exercen o señorío sobre eles, e así teñen un maior interese en que se produza tal transformación. María mesma é un tipo desta inversión revolucionaria, unha moza galilea escollida … para ser nai de Deus. No propio momento que esta a ser elevada deste xeito, Deus está a humillarse ao facerse carne humana no seu seo. Neste sentido, Lucas instala a María como signo do que o Vello Testamento chama os anawin, e Paulo nomea de xeito bastante máis atrevido, a “inmundicia da terra” – os inútiles, vulnerables e descartados en quen o reino que se aproxima está prefigurado de maneira máis potente. Posto que teñen pouco que esperar da historia, son significante puro dunha xustiza e realización fóra do seu alcance.

… hai abundancia de imaxes nos Evanxeos que tamén lle adxudican a Xesús o papel de anawin. El é o skandalon, ou peza que desestabiliza e que os albaneis rexeitaron, pero que será a pedra angular da nova orde. A nova dispensación construirase a partir de restos e desperdicios do vello. A eses que foron rexeitados daráselles o lugar preeminente na mesa; os indixentes herdarán a terra; os que perderon a vida salvaranos. A kenosis ou auto desposesión é a condición para abundancia de vida. So coa morte da estada do poder actual podes ascender á nova vida de paz e irmandade. Para Xesús, non pode haber negociación entre o ámbito da xustiza e os poderes deste mundo. Neste sentido, confronta aos que lle rodean cunha decisión absoluta. Ou están con el ou contra el; non … se permite termo medio. O que está en xogo non é un asunto reformista consistente en verter viño novo en botellas vellas, senón un réxime inimaxinablemente novo que na opinión de Xesús xa se está abrindo violentamente ao mundo, e do que se considera a si mesmo como precursor e encarnación ... Igual que o socialismo para Marx, o ámbito da xustiza é tanto inmanente no presente como un obxectivo que se debe perseguir. Pero non pode haber unha transición fluída do vello ao novo, á maneira do socialismo evolutivo. Dada a urxencia e severidade da nosa condición – ao que os evanxeos se refiren como “o pecado do mundo” – lograr un orden social xusto implica pasar pola morte, a nada, a turbulencia, e a auto-desposesión. Este é o significado da denominada baixada aos infernos de Cristo logo da súa crucifixión. Só a través dun encontro co Real da indixencia pode a humanidade ser refeita. E isto, dado o noso estado patolóxico de auto-engano, ao final é posible pola graza de Deus.

… algúns aspectos do xeito en que Xesús é representado nestes textos teñen unha resonancia radical obvia. É representado como sen fogar, sen propiedades, peripatético, amigo de proscritos e parias, hostil ás posesións materiais, sen medo á súa propia seguridade, unha espiña no costado do sistema e azoute de ricos e poderosos. O problema de moitos cristiáns modernos ten sido como practicar este estilo de vida con dous nenos, un coche e un matrimonio. Xesús ten as calidades características do activista revolucionario, incluído o celibato … Este non é un motivo anti-sexual. O celibato é visto polo cristianismo como sacrificio, e sacrificio quere dicir renunciar ao que é considerado como precioso. San Paulo, un inimigo da carne no imaxinario popular, considera a unión sexual de dous corpos … como o signo do reino que virá. Traballar de verdade polo reino, sen embargo, supón renunciar ou suspender algúns dos bens que o caracterizarán …

o desdén de Xesús pola familia é particularmente rechamante … A súa campaña, Xesús aconsella aos seus seguidores, atravesa as estruturas tradicionais de parentesco, separando un membro da familia do outro. En efecto, a menos que os seus discípulos “odien” a seus pais, non poden ser verdadeiros para con el. A súa misión non é consensuar mais facer conflito, ven non a traer paz senón unha espada, desmembrando afinidades establecidas …

no tocante á sexualidade, que para moitos do seus devotos máis fieis hoxe ten un lugar de honra como asunto moral por riba das armas nucleares ou a pobreza global, é rechamantemente laxo. No Evanxeo de san Xoán ten unha conversa privada cunha muller promiscua de Samaria, un acontecemento excepcional por varios motivos. Un mozo santo xudeu non podía falar en privado cunha muller sen arriscarse a un grave escándalo, e certamente non cunha cun historial sexual tan deshonroso. Ademais, a muller é samaritana, un grupo étnico considerado polos xudeus particularmente vil. Cando os acompañantes de Xesús finalmente fan acto de presenza sorpréndelles o feito. El non reprende a muller polo seu proceder sexual irregular, pero trátaa con indulxencia e ofrécelle a vida da vida eterna …

na súa crucifixión e descenso aos infernos, Xesús, en opinión de san Paulo, é feito pecado,” identificándose coa escoria da terra, soportando a solidariedade co sufrimento, o mal e a desesperanza para transfigurala por medio da súa resurrección … Só se este berro desesperado na cruz (“Meu Deus, Meu Deus, por que me abandonaches?”) é tomado seriamente … podería, en realidade, haber algunha esperanza de resurrección … se xacera confiado esperando volver rexurdir, non se tería levantado de entre os mortos. Aquí non hai unha teleoloxía fluída en funcionamento. Só sendo a súa morte unha rúa sen saída podería haber un horizonte. Semella morrer desconcertado, sen saber porque seu pai lle demanda esta acción fútil, sen embargo séndolle fiel incluso así. É porque a súa acción é infrutuosa, un calella sen saída e un absurdo, que pode dar froito nas vidas dos outros.

isto entón é ao que teñen chegado todas as esperanzas efervescentes de Xesús e o seu entorno. A crucifixión proclama que a verdade da historia humana é un criminal político torturado …

… foi Xesús, entón, un revolucionario? Non en ningún sentido que recoñeceran Lenin ou Trotski, pero isto é porque era menos revolucionario do que eles eran ou porque era máis? … Quizás a resposta … non é que Xesús era máis ou menos revolucionario, senón que era tanto máis como menos.

excerptos da obra Terry Eagleton Presents Jesus Christ, the Gospels (2007) Verso Books
@xindiriz