1. clase
o que diferenza o concepto de clase marxista
do sociolóxico é que, o primeiro é precisamente un concepto diferencial no que cada clase é, ao
mesmo tempo, unha maneira de relacionarse mais tamén de rexeitar as outras.
Sexan cales sexan os presupostos filosóficos, a visión sociolóxica está formalmente errada na medida que nos fai
pensar nas clases como unha especie de illamento unhas das outras, coa
separación case física de grupos sociais na cidade ou no rural, ou como
‘culturas’ dalgún xeito desenvolvéndose a si mesmas con independencia unhas das
outras: pois a noción de clase ou grupo social illado é con toda seguridade
unha hipóstase do mesmo xeito que a noción de individuo solitario na filosofía
do século xviii. Na historia tampouco hai substancias perseverando
tranquilamente na súa propia esencia senón máis ben unha relacionalidade e
loita a cada paso, na que a clase non está máis libre de participar que o
individuo.
pp. 380 – 381
unha análise de clase marxista, polo
tanto, implicaría dous tipos de xuízos diferentes, dependendo de se damos
énfase á natureza da relación entre o obxecto cultural e a clase que ‘reflicte’
ou se nos centramos no destino histórico da propia clase … O que significa isto
é que as contradicións aparentes no xuízo deben verse en realidade como
variantes dun modelo común, en vez de ‘opinións’ que se nos pide que adoptemos
ou repudiemos. A historia é precisamente esta obriga de multiplicar os
horizontes nos que se mantén o obxecto, para multiplicar as perspectivas desde
as que se lle ve; e creo que ver xuízos e avaliacións diverxentes desta maneira
non é falar a favor dunha obxectividade teórica ou neutralidade, senón máis ben
substituírnos na mesma orixe do propio valor e de tal permutación estrutural, e
traducir desacordos aparentemente literarios de volta á realidade última de
grupos en conflito no mundo histórico …
pp. 389 – 390
2. mercadoría
que sucede cando consideramos o
traballo non tanto unha relación relativamente enmascarada senón máis ben unha
forma de densidade por dereito propio, como algo producido, como conciencia
reificada de xeito bastante deliberado? … trátase, evidentemente, dunha
consideración do traballo en relación á realidade económica, en vez da social:
as coordenadas de semellante análise xa non serán, polo tanto, as da formación
ideolóxica, mais as formas da produción de mercadorías … unha crítica marxista
… acentuará o xeito no que a forma da mercadoría condiciona todas as
percepcións do obxecto máis contemplativas e teóricas; incluíndo, por suposto,
o modo estético de percepción. Nun mundo no que o valor de intercambio ten
precedencia sobre o valor de uso (tal é, esencialmente, a definición de
mercadoría) non é sorprendente que a produción de obras de arte tamén debera
rexerse por esta estrutura dominante, que chega a influencialo todo no noso
mundo diario, as nosas relacións con outra xente na mesma medida que a nosa
relación cos obxectos …
pp. 390 – 392
na sociedade de clase media, o feito
de traballar e producir –precisamente a chave do pensamento histórico xenuíno–
é … un segredo tan celosamente escondido como calquera outro na nosa cultura.
Este é, en efecto, o significado preciso da mercadoría como forma, para borrar
os signos do traballo sobre o produto para facilitar que esquezamos a estrutura
de clase. Sería sorprendente que tal ocultación do traballo non deixara a súa
pegada tamén na produción artística, tanto na forma coma no contido …
pp. 407 – 408
3. pensamento dialéctico
[o pensamento dialéctico] elévase ao
cadrado: unha intensificación tal dos modos ordinarios de reflexión que un
anovamento de luz anega o obxecto da súa exasperación, como se no medio das
súas perplexidades inmediatas a mente tivera intentado, a forza de vontade, por
decreto, alzarse poderosamente polos seus propios medios. Afrontados os
procedementos operativos da mente pensante non–reflexiva (sexa lidando cos
problemas e obxectos filosóficos ou artísticos, políticos ou científicos), o
pensamento dialéctico tenta non tanto competir e perfeccionar a aplicación de
tales procedementos como ampliar a súa propia atención para incluílos tamén na
súa conciencia: proponse, noutras palabras, non tanto resolver os dilemas particulares
en cuestión como converter eses problemas nas súas propias solucións a un nivel
superior, e facer do feito e da existencia do propio problema o punto de inicio
de novas investigacións. Este é, en efecto, o momento máis sensible do proceso
dialéctico: aquel no que un complexo enteiro de pensamento é elevado por medio
dunha panca interna a un piso superior, no que a mente, nunha caste de cambio
de marchas, atópase agora disposta a tomar como resposta o que tiña sido pregunta,
permanecendo fóra dos seus esforzos previos de tal xeito que se cifre a si
mesma no problema, entendendo o dilema non como unha resistencia do obxecto so,
senón tamén como resultado do polo subxectivo despregado e disposto na súa
contra dun xeito estratéxico –en resumo, como a función dunha relación suxeito –
obxecto determinada. Hai unha falta de alento a respecto deste cambio da
actividade normal da mente orientada ao obxecto a tal auto–conciencia
dialéctica– algo do tremor enfermizo que sentimos na caída dun ascensor ou o
descenso súpeto ao irmos nun avión. Iso devólvenos aos nosos corpos tanto como
nos devolve ás nosas posicións mentais como pensadores e observadores. O shock, en efecto, é básico, e
constitutivo da dialéctica como tal: sen este momento transformacional, sen
esta transcendencia consciente inicial dunha posición máis naïve e antiga, non pode haber cuestión da chegada á conciencia de
calquera dialéctica xenuína.
pp. 307 – 308
4. empirismo anglo–americano
posto que a ideoloxía dominante de
Occidente é claramente o realismo empírico anglo–americano para o que todo
pensamento dialéctico representa unha ameaza, e cuxa misión é esencialmente
servir como freo para a conciencia social: permitir respostas legais e éticas a
asuntos económicos, substituír a linguaxe da igualdade política pola da
desigualdade económica e consideracións sobre a liberdade por dúbidas sobre o
propio capitalismo. O método para tal pensamento nas súas distintas formas e
guisas consiste en segmentar a realidade en compartimentos estancos, esmerándose
por separar o político do histórico, para que non saian á luz todas as
implicacións dun problema dado; e en restrinxir toda afirmación ao específico e
inmediatamente verificable, para descartar calquera idea especulativa ou totalizadora
que puidera conducinos a unha visión de conxunto da vida social.
pp. 367 – 368
5. auto–reflexivo
o pensamento dialéctico é na súa
propia estrutura auto–conciencia, e pode describirse como o intento de pensar
sobre un obxecto a un nivel e ao mesmo tempo observar os nosos propios procesos
mentais mentres o facemos: ou para usar unha figura máis científica, incluír a
posición do observador no propio experimento. Nesta liña, a diferenza entre dialéctica
hegeliana e marxista pódese definir usando termos como auto–conciencia
implicada. Para isto a de Hegel é unha relativamente lóxica, e implica un
sentido de interelación de categorías intelectualmente puras como suxeito e
obxecto, calidade e cantidade, limitación e infinito, …; aquí o pensador pasa a
entender a maneira na que procesa o seu pensamento concreto, e, en efecto, as
formas particulares de problemas das que parte, limita os resultados do seu
pensamento. Para a dialéctica marxista, pola contra, a auto–conciencia que se
pretende é a conciencia da posición do pensado na sociedade e na propia
historia, e dos límites impostos nesta conciencia pola súa posición de clase – en
resumo, da natureza ideolóxica situacional de todo pensamento e da invención
inicial dos problemas mesmos. Así, está claro que estas dúas formas de
dialéctica non se contradín de ningunha das maneiras …
p. 340
tal pensamento, por conseguinte, é
esencialmente proceso: nunca acada un lugar definitivo de verdade sistemática
na que poida parar a descansar, porque é como se estivera dialecticamente
vinculado á non–verdade, a esa mitificación da que é a negación concreta e
contra a que está perpetuamente obrigada a reclamar unha comprensión
intermitente da realidade, a súa vez el propio en perigo perpetuo de perder
contacto co real … o pensamento dialéctico así demostra ser un momento no que o
pensamento se rectifica a si mesmo, no que a mente, de súpeto, retrocede e se inclúe
na súa nova e ampliada comprensión, restaura e resitúa as súas nocións anteriores nunha nova visión da realidade: primeiro,
por medio dunha concienciación sobre a maneira na que os nosos instrumentos
conceptuais eles mesmos determinan a forma e límites dos resultados aos que se
chega (dialéctica hegeliana); e en adiante, nese segundo e máis concreto
movemento de reflexión que é a forma especificamente marxista, nunha conciencia
de nós mesmos como á vez o produto e o resultado da historia, e do carácter
fondamente histórico da nosa situación socio–económica xa que informa tanto
solución como problemas que lles dan orixe igualmente.
pp. 372 – 373
6. anti–sistema
para unha crítica xenuinamente
dialéctica, en efecto, non pode haber categorías pre–establecidas de análise:
ata o punto de que cada obra é o resultado final dunha caste de lóxica interna
ou desenvolvemento no seu propio contexto, evoluciona as súas propias
categorías e dita os termos específicos da súa propia interpretación. Así a
crítica dialéctica está ao outro extremo de teorías estéticas de lectura única e
univalentes que buscan a mesma estrutura en todas as obras de arte e prescriben
para elas un único tipo de técnica interpretativa ou un modo único de
explicación. Tampouco se pode reconciliar coas disciplinas especializadas que
se teñen apoiado en tales bases …
p. 332
7. anti–metafísico
así, a reflexión filosófica, se pescuda
abondo, muda en reflexión histórica, e a comprensión do pensamento abstracto
finalmente resólvese na conciencia do contido dese pensamento, o que quere
dicir, da situación histórica básica na que tivo lugar … este tipo de crítica
dialéctica, por conseguinte, implica un salto desde a idea puramente conceptual
á histórica, desde a idea ata a correspondente experiencia vivida que é entón
‘xulgada’ na medida en que se pon, para nós, en perspectiva histórica. Esta é,
en efecto, a dimensión hermenéutica do pensamento dialéctico, que está chamado
a restaurar ao feito cultural abstracto, illado ao nivel da superestrutura, dentro
seu contexto ou situación concreta; o último ten, por suposto, desaparecido ao
tratar con obxectos culturais do pasado. Pero cando tratamos con produtos da
cultura contemporánea, esta situación concreta vólvese obxecto de represión ata
o grao de que desexamos ignorar a situación socio–económica na que estamos
realmente implicados. Así tales xuízos dialécticos fan posible que nos decatemos
dunha síntese momentánea do interior e o exterior, do intrínseco e do
extrínseco, da existencia e a historia: pero é unha síntese pola que pagamos mediante
un xuízo histórico obxectivo sobre nós mesmos.
pp. 346-348
8. totalización
desde o actual punto de vista
metodolóxico, sen embargo, esta descrición pode servir para ilustrar o momento
que media entre a crítica literaria e a socioloxía, na que a primeira comeza a abandonar
a insensibilidade e se funde na segunda levada polo seu propio impulso: pois os
termos chave de tal descrición –totalidade e individualidade– son comúns tanto
á análise da vida social concreta e a da obra de arte, para que cun lixeiro
aumento da énfase histórica o que semellaba unha declaración sobre a obra de
arte resulta reter a súa validez na dimensión social e histórica. O que implica
isto, noutras verbas, é o concepto de que a certo nivel de concreción a cousa en si –ou o que máis tarde
denominaremos a súa realidade existencial– pódese formular en calquera dun
número de distintas dimensións: como estrutura literaria, como verdade vivida
dunha determinada organización social, como certo tipo de relación suxeito –
obxecto, como certa distancia entre a linguaxe e o seu obxecto, como un modo
determinado de especialización ou de división do traballo, como relación
implícita entre clases. Este é o verdadeiro lugar do concreto, no que só nós
podemos mediar entre un nivel e outro de realidade, e traducir a análise
técnica da idea na súa verdade na realidade vivida da historia social. É
claramente a tarefa máis urxente dunha crítica xenuinamente dialéctica para recuperar,
na ocasión dunha obra de arte dada, esta realidade última á que corresponde.
p. 354
tradución por @xindiriz
[©] lalín 2014