luns, 14 de abril de 2014

igualdade e utopía en Marx

revistapolemica.wordpress.com
a verdadeira igualdade non consiste en tratar do mesmo xeito a todo o mundo, senón ocuparse por igual das necesidades diferentes de tod@s. E ese é o tipo de sociedade que Marx ambicionaba. Non todas as necesidades humanas son acordes ou proporcionais entre si. Non as podemos xulgar polo mesmo denominador. Todos debemos ter o mesmo dereito á nosa realización persoal, segundo Marx, e a participar activamente na conformación da vida social. As barreiras da desigualdade romperíanse nese sentido. Pero o resultado de tal ruptura consistiría, na medida do posible, en deixar que cada persoa floreza como o individuo singular e único que é. En última instancia, para Marx, a igualdade existe polo ben da diferenza. O socialismo non pretende que todo o mundo leve o mesmo mono de traballo. De feito, é o capitalismo de consumo o que engalana os seus cidadan@s con uniformes chamados chándales e zapatillas de deporte.

conforme á perspectiva de Marx, logo, o socialismo constituiría unha orde moito máis pluralista que o que temos na actualidade. Na sociedade de clases, o desenvolvemento persoal libre da minoría mércase a costa de encadear a maioría, que logo acaba partillando boa parte dese mesmo relato monótono. O comunismo – precisamente porque animaría a tod@s a desenvolver o seus talentos individuais – sería moito máis difuso, diverso e imprevisible. Semellaríase máis a unha novela de vangarda do máis puro modernismo anglosaxón que a unha do realismo. Quen critica a Marx pode ser que se burle disto cualificándoo de mera fantasía. Pero, entón, non poden queixarse por outro lado dicindo que a orde social preferida por Marx semella moito a 1984, de George Orwell.

a era moderna está afectada por unha virulenta forma de utopismo, pero non se chama marxismo. Trátase da crenza delirante que un único sistema global coñecido como libre mercado pode imporse nas máis diversas culturas e economías curando todos os seus males. Os provedores desta fantasía totalitaria non se ocultan con rostro desfigurado e voz sinistramente doce en búnkeres subterráneos como os malos de James Bond. Pódeselles ver ceando en restaurantes de alta categoría de Washington e paseándose por luxosas fincas de Sussex.

a resposta de Theodor Adorno á pregunta de se Marx foi un pensador utópico é un si e un non igual de contundentes. Marx foi, segundo Adorno, un inimigo da utopía polo ben da realización desta.
Terry Eagleton por que Marx estaba no certo (2011)
final do capítulo 4